Gabriel García Márquez

escritor, xornalista, editor e activista político colombiano
(Redirección desde «García Márquez»)

Gabriel José de la Concordia García Márquez, máis coñecido como Gabriel García Márquez (Es-Gabriel Garcia Marquez.ogg pronunciación ), ( escoitar), nado en Aracataca o 6 de marzo de 1927[1] e finado en Cidade de México o 17 de abril de 2014,[2] foi un escritor, xornalista, editor e activista político colombiano. Estudou dereito e xornalismo na Universidade Nacional de Colombia e iniciou as súas colaboracións xornalísticas no diario El Espectador. Foi coñecido como Gabo, ou Gabito, polos seus familiares e amigos (hipocorístico guajiro para Gabriel), desde que o seu compañeiro do diario bogotano El Espectador, José Salgar, comezase a chamalo así..[3][4] Recoñecido polas súas novelas e contos, tamén escribiu narrativa de non ficción, discursos, reportaxes, críticas cinematográficas e memorias. É considerado un dos autores máis significativos do século XX, especialmente en lingua española. Obtivo o Premio Nobel de Literatura en 1982, segundo a laudatoria da Academia Sueca polas súas novelas e historias curtas, nas que o fantástico e o real son combinados nun tranquilo mundo de imaxinación rica, reflectindo a vida e os conflitos dun continente[5].

Infotaula de personaGabriel García Márquez

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Gabriel José de la Concordia García Márquez Editar o valor em Wikidata
6 de marzo de 1927 Editar o valor em Wikidata
Aracataca, Colombia Editar o valor em Wikidata
Morte17 de abril de 2014 Editar o valor em Wikidata (87 anos)
Cidade de México Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Linfoma e pneumonía Editar o valor em Wikidata)
Datos persoais
País de nacionalidadeColombia Editar o valor em Wikidata
Relixiónsen valor Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade Nacional de Colombia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoNovela, Escrita creativa e profesional, Prosa, conto, xornalismo de opinión e xornalismo Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónnovelista , poeta avogado , autobiógrafo , guionista , prosista , editor , dramaturgo , escritor , escritor de contos , xornalista , xornalista de opinión Editar o valor em Wikidata
Período de actividade1947 Editar o valor em Wikidata - 2009 Editar o valor em Wikidata
Membro de
Xénero artísticoNovela Editar o valor em Wikidata
MovementoRealismo máxico Editar o valor em Wikidata
Influencias
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Arquivos en
Familia
CónxuxeMercedes Barcha (1958–2014) Editar o valor em Wikidata
FillosRodrigo García Editar o valor em Wikidata
Cronoloxía
abril de 2014morte e funeral de Gabriel García Márquez Editar o valor em Wikidata
Premios
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

IMDB: nm0305781 Allocine: 37988 Allmovie: p101365 IBDB: 11092
Facebook: GabrielGarciaMarquezAuthor Dialnet: 273309 Musicbrainz: 5ced2364-f997-4a17-a21e-03d1c9277823 Discogs: 1636807 WikiTree: García_Márquez-2 Find a Grave: 207447472 Editar o valor em Wikidata

Xunto a Julio Cortázar, Mario Vargas Llosa e Carlos Fuentes, foi un dos expoñentes centrais do boom latinoamericano. Tamén está considerado un dos principais autores do realismo máxico, e a súa obra máis coñecida, a novela Cien años de soledad, é considerada unha das máis representativas desa corrente literaria, e mesmo se considera que ao éxito da novela débese que o termo se aplique á literatura xurdida a partir de 1960 en Latinoamérica.[6][7]

Ademais do seu talento literario, na obra de García Márquez aparecen reflectidas as súas ideas políticas[8]. Un exemplo da súa participación política é a súa amizade co líder cubano Fidel Castro[9] .

Traxectoria editar

Infancia e mocidade editar

Fillo de Gabriel Eligio García e Luisa Santiaga Márquez Iguarán, naceu en Aracataca, departamento do Magdalena, Colombia, «o domingo 6 de marzo de 1927 as nove da mañá...», como refire o escritor nas súas memorias.[10] Probablemente tiña ascendencia galega por parte da súa avoa materna, á que chamaba "a miña avoa galega".[11][12] Cando os seus pais se namoraron, o pai de Luisa, o coronel Nicolás Ricardo Márquez Mejía, opúxose a esa relación, pois Gabriel Eligio, telegrafista, non era o home que consideraba máis axeitado para a súa filla, por ser fillo de nai solteira, pertencer ao Partido Conservador Colombiano e ser un mullereiro confeso.[10]

Coa intención de separalos, Luisa foi enviada fóra da cidade, pero Gabriel Eligio cortexouna con serenatas de violín, poemas de amor, innumerables cartas e frecuentes mensaxes telegráficas. Ao fin, a familia capitulou e Luisa conseguiu o permiso para casar, o cal sucedeu o 11 de xuño de 1927 en Santa Marta. A historia e traxicomedia dese cortexo inspiraría máis tarde ao seu fillo a novela El amor en los tiempos del cólera.[10]

Ao momento do bautizo quíxose bautizar como Gabriel José da Concordia, debido a que se resolveu o conflito entre o seu pai e o seu avó, con todo, como o mostra o facsímile da partida de bautizo no libro «García Márquez, el viaje a la semilla» de Dasso Saldivar, primeira biografía autorizada por Gabo, segundo esta partida de bautismo, o nome correcto é Gabriel José García Márquez.

Pouco despois do nacemento de Gabriel o seu pai converteuse en farmacéutico, e en xaneiro de 1928 mudouse con Luisa a Barranquilla, deixando a Gabriel en Aracataca ao coidado dos seus avós maternos. Dado que viviu con eles durante os primeiros anos, recibiu forte influencia do seu avó, o coronel Nicolás Márquez, quen de mozo matou a Medardo Pacheco nun duelo e tivo, ademais dos tres fillos oficiais, outro nove con distintas nais. O coronel era un liberal veterano da guerra dos Mil Días, moi respectado polos seus copartidarios, coñecido pola súa negativa a calar sobre a masacre das bananeiras, suceso no que morreron centos de persoas a mans das Forzas Armadas de Colombia durante unha folga dos traballadores das bananeiras, feito que García Márquez plasmaría na súa obra.[10]

O coronel, a quen Gabriel chamaba Papalelo, describiuno como o seu «cordón umbilical coa historia e a realidade», foi tamén un excelente narrador, ensinoulle a consultar o dicionario, levábao ao circo cada ano e foi o primeiro en introducir ao seu neto no «milagre» do xeo, que se atopaba na tenda da United Fruit Company.[10]Con frecuencia dicía: «Ti non sabes o que pesa un morto», referíndose así a que non había maior carga que a de matar a un home, lección que García Márquez máis tarde incorporaría nas súas novelas.[10][13][14]

A súa avoa, Tranquilina Iguarán Cotes, era de orixe galega, así o manifestou Gabo en diferentes ocasións,[15] a quen chama a avoa Mina e describe como «unha muller imaxinativa e supersticiosa e partidaria das crenzas populares»[13] que enchía a casa con historias de pantasmas, premonicións, agoiros e signos, foille de tanta influencia como o seu marido e mesmo é sinalada polo escritor como a súa primeira e principal inspiradora literaria, pois lle inculcou a orixinal forma en que ela trataba o extraordinario como algo natural cando contaba historias, sen importar cuán fantásticos ou improbables fosen os seus relatos, sempre os refería coma se fosen verdade irrefutable. O escritor manifestou nunha entrevista de 1983 ao diario español El País:[16]

Xurdiu o meu interese de descifrar a súa ascendencia, e buscando a súa atopei a miña nos verdes frenéticos de maio até o mar e as choivas feraces e os ventos eternos dos campos de Galicia. Só entón entendín de onde sacara a avoa aquela credulidade que lle permitía vivir nun mundo sobrenatural onde todo era posible, onde as explicacións racionais carecían por completo de validez.

Ademais do estilo, a avoa Mina lle inspirou tamén a personaxe de Úrsula Iguarán que, tres décadas máis tarde, o seu neto usaría en Cien años de soledad, a súa novela máis popular.[10][17]

O seu avó morreu en 1936, cando Gabriel tiña oito anos, e debido á cegueira da súa avoa foi vivir cos seus pais a Sincelejo, no departamento de Sucre, onde o seu pai traballaba como farmacéutico.

Gabriel foi o maior de once irmáns de pai e nai: Luis Enrique, Margarita, Aida, Gustavo, Ligia, Rita, Jaime, Hernando (Nanchi), Alfredo Ricardo (Cuqui) e Eligio (Yiyo). O seu medio irmáns por parte de pai foron Carmen Rosa, Abelardo, Germaine Hanai (Emi) e Antonio María Claret (Toño).[18]

Segundo o seu fillo Rodrigo, Gabriel perdera a visión do centro do seu ollo esquerdo desde a súa infancia, cando mirou directo a unha eclipse.[19]

A súa infancia está relatada nas súas memorias Vivir para contarla.[10][20] Despois de vinte e catro anos de ausencia, en 2007, regresou a Aracataca para unha homenaxe que lle rendeu o Goberno colombiano ao cumprir os seus oitenta anos de vida e o corenta desde a primeira publicación de Cien años de soledad.

Educación editar

Pouco despois de chegar a Sucre, decidiuse que Gabriel debía empezar a súa educación formal e foi mandado a un internado en Barranquilla, un porto na boca do río Magdalena, onde comezou a escribir poemas humorísticos e a debuxar tiras cómicas. Alí adquiriu reputación de mozo tímido que escribía poemas humorísticos e debuxaba tiras cómicas. Serio e pouco dado ás actividades atléticas, foi alcumado El viejo polos seus compañeiros de clase.[14]

García Márquez cursou os primeiros graos de secundaria no colexio xesuíta San José (hoxe Instituto San José) desde 1940, onde publicou os seus primeiros poemas na revista escolar Juventud. Grazas a unha bolsa outorgada polo Goberno, Gabriel foi enviado a estudar a Bogotá de onde o recolocaron no Liceo Nacional de Zipaquirá, a unha hora da capital, onde culminará os seus estudos secundarios.

Durante o seu paso pola casa de estudos bogotana, destacou en varios deportes, chegou a ser capitán do equipo do Liceo Nacional de Zipaquirá en tres disciplinas, fútbol, béisbol e atletismo.

Despois da súa gradación en 1947, García Márquez permaneceu en Bogotá para estudar Dereito na Universidade Nacional de Colombia, onde tivo especial dedicación á lectura. A metamorfose de Franz Kafka «na falsa tradución de Jorge Luis Borges»[21] foi unha obra que o inspirou de modo especial. Estaba emocionado coa idea de escribir, non literatura tradicional, senón nun estilo similar ás historias da súa avoa, nas que se «inseren acontecementos extraordinarios e anomalías coma se fosen simplemente un aspecto da vida cotiá». O seu desexo de ser escritor crecía. Pouco despois, publicou o seu primeiro conto, La tercera resignación, que apareceu o 13 de setembro de 1947 na edición do diario El Espectador.

Aínda que a súa paixón era a escritura, continuou coa carreira de dereito en 1948 para compracer aos seus pais. Despois do chamado Bogotazo do 9 de abril de 1948, uns sanguentos disturbios que se desataron o 9 de abril a causa do magnicidio do líder popular Jorge Eliécer Gaitán, a universidade pechou por lapso indefinido e a súa pensión foi incendiada. García Márquez trasladouse á Universidade de Cartaxena; empezou a traballar como reporteiro de El Universal. En 1950, desistiu de converterse en avogado para centrarse no xornalismo e trasladouse de novo a Barranquilla para traballar como columnista e reporteiro no xornal El Heraldo. Aínda que nunca terminou os seus estudos superiores, algunhas Casas, como a Universidade Columbia de Nova York, outorgáronlle un doutoramento honoris causa en letras.[14]

Matrimonio e familia editar

 
Placa conmemorativa no Hôtel des 3 Collèges en París (Francia), onde García Márquez vivio en 1956.

Durante a súa nenez, cando visitaba aos seus pais en Sucre, coñeceu a Mercedes Barcha, tamén filla dun boticario, nun baile de estudantes e decidiu enseguida que debía casar con ela cando terminase os seus estudos.[14] En efecto, contraeu matrimonio en marzo de 1958 na igrexa da nosa Señora do Perpetuo Socorro de Barranquilla con Mercedes «á que lle propuxo matrimonio desde os seus trece anos».[10][22]

Mercedes é descrita por un dos biógrafos do escritor como «unha muller alta e linda con pelo marrón até os ombreiros, neta dun inmigrante exipcio, o que ao parecer maniféstase nuns pómulos anchos e ollos castaños grandes e penetrantes».[14] García Márquez referiuse a Mercedes sempre, con agarimo orgulloso; cando falou da súa amizade con Fidel Castro, por exemplo, observou, «Fidel fíase de Mercedes aínda máis que de min».[9]

En 1959 tiveron ao seu primeiro fillo, Rodrigo, quen se converteu en cineasta, e en 1961 instaláronse en Nova York, onde exerceu como correspondente de Prensa Latina. Tras recibir ameazas e críticas da CIA e dos disidentes cubanos, que non compartían o contido das súas reportaxes, decidiu trasladarse a México e establecéronse na capital. Tres anos despois, naceu o seu segundo fillo, Gonzalo, futuro deseñador gráfico na capital mexicana.[14]

Aínda que García Márquez posuía residencias en París, Bogotá e Cartaxena de Indias, viviu a maior parte do tempo en Cidade de México, onde fixou a súa residencia a principios dos anos 60 e onde escribiu Cien años de soledad no número 19 da rúa La Palma da colonia San Ángel.[23][13][24]

Fama editar

A notoriedade mundial de García Márquez comezou cando Cien años de soledad publicouse en xuño de 1967 e nunha semana vendeu 8000 exemplares. De alí en diante, o éxito foi asegurado e a novela vendeu unha nova edición cada semana, pasou a vender medio millón de copias en tres anos. Foi traducido a máis de vinte e cinco idiomas e gañou seis premios internacionais. O éxito chegara por fin e o escritor tiña 40 anos cando o mundo aprendeu o seu nome. Pola correspondencia de admiradores, os premios, entrevistas e as comparecencias era obvio que a súa vida cambiara. En 1969, a novela gañou o Chianciano Aprecian en Italia e foi denominado o «Mellor Libro Estranxeiro» en Francia.

En 1970, foi publicado en inglés e escollido como un dos mellores doce libros do ano en Estados Unidos. Dous anos despois concedéuselle o Premio Rómulo Gallegos e o Premio Neustadt e en 1971, Mario Vargas Llosa publicou un libro acerca da súa vida e obra, titulado García Márquez: historia de un deicidio. Para contradicir toda esta exhibición, García Márquez regresou á escritura. Decidido a escribir acerca dun ditador, trasladouse coa súa familia a Barcelona (España) que pasaba os seus últimos anos baixo o réxime de Francisco Franco.[14]

A popularidade da súa escritura tamén conduciu á amizade con poderosos líderes, incluíndo o presidente cubano Fidel Castro, amizade que foi analizada enGabo y Fidel: retrato de una amistad.[9] Nunha entrevista con Claudia Dreifus en 1982, di que a súa relación con Castro baséase na literatura: «A nosa é unha amizade intelectual. Poida que non sexa amplamente coñecido que Fidel é un home culto. Cando estamos xuntos, falamos moito sobre a literatura».[25]

Algúns criticaron a García Márquez por esta relación; o escritor cubano Reinaldo Arenas, en 1992 nas súas memorias Antes que anochezca, sinala que García Márquez estaba con Castro, en 1980 nun discurso no que este último acusou os refuxiados recentemente asasinados na embaixada de Perú de ser «chusma». Arenas lembra con amargura a compañeiros do escritor homenaxear por iso con «hipócritas aplausos» a Castro.[9]

 
Gabriel García Márquez firmando una copia de Cien años de soledad na Habana (Cuba).

Por mor das súas ideas sobre o Imperialismo dos EUA, foi etiquetado como subversivo e durante varios anos negóuselle o visado polas autoridades de inmigración,[17] Con todo, despois de que Bill Clinton fose elixido presidente de Estados Unidos, este levantoulle a prohibición de viaxar ao seu país e afirmou que Cien años de soledad era a súa novela favorita.

En 1981, o ano no que lle foi concedida a Lexión de Honra de Francia, regresou a Colombia dunha visita con Castro, para atoparse unha vez máis en problemas. O goberno do liberal Julio César Turbay Ayala acusábao de financiar ao grupo guerrilleiro M-19. Fuxiu de Colombia e solicitou asilo en México, onde até a súa morte mantivo unha casa.[9]

Desde 1986 até 1988, García Márquez viviu e traballou en México D. F., A Habana e Cartaxena de Indias. En 1987, houbo unha celebración en América e Europa do vixésimo aniversario da primeira edición de Cien años de soledad. Non só escribira libros, tamén escribira a súa primeira obra de teatro, Diatriba de amor contra un hombre sentado. En 1988 estreouse a filme Un señor muy viejo con unas alas enormes, dirixida por Fernando Birri, adaptación do conto do mesmo nome.[26]

En 1994, García Márquez fundou unha organización chamada a Fundación para un Novo Xornalismo Iberoamericano, en busca de promover o xornalismo de calidade en América Latina e España.[27]

En 1995, o Instituto Caro y Cuervo publicou en dous volúmes o Repertorio crítico sobre Gabriel García Márquez.[26]

En 1996 García Márquez publicou Noticias de un secuestro, combinando a orientación testemuñal do xornalismo co seu propio estilo narrativo. Esta historia representa a onda inmensa de violencia e secuestros que Colombia continuaba a sufrir.

En 1999, o estadounidense Jon Lee Anderson publicou un libro revelador acerca de García Márquez, para o que tivo a oportunidade de convivir varios meses co escritor e a súa muller na súa casa de Bogotá.[28]

Enfermidade e morte editar

En 1999 foille diagnosticado un cancro linfático. Respecto diso, o escritor declarou nunha entrevista no ano 2000 a El Tiempo de Bogotá:

Hai uns anos fun sometido a un tratamento de tres meses contra un linfoma, e hoxe sorpréndome eu mesmo da enorme lotaría que foi ese tropezo na miña vida. Polo temor de non ter tempo para terminar os tres tomos das miñas memorias e dous libros de contos que tiña a medias, reducín ao mínimo as relacións cos meus amigos, desconectei o teléfono, cancelei as viaxes e toda clase de compromisos pendentes e futuros, e encerreime a escribir todos os días sen interrupción desde as oito da mañá até as dúas da tarde. Durante ese tempo, xa sen medicamentos de ningunha clase, as miñas relacións cos médicos reducíronse a controis anuais e a unha dieta sinxela para non pasarme de peso. Mentres tanto, regresei ao xornalismo, volvín ao meu vicio favorito da música e púxenme ao día nas miñas lecturas atrasadas.[29]

Nesa entrevista, García Márquez refírese ao poema La marioneta, que lle foi atribuído polo diario peruano La República a modo de despedida pola súa inminente morte.[29]Negou ser o autor e aclarou que «o verdadeiro autor é un mozo ventrílocuo mexicano que o escribiu para o seu boneco», o mexicano Johnny Welch.[30]

 
Gabriel García Márquez en 2009.

En 2002, o seu biógrafo Gerald Martin voou a México D. F. para falar con García Márquez. A súa muller, Mercedes, tiña gripe e o escritor tivo que visitar a Martin no seu hotel. Segundo dixo, Gabriel García Márquez xa non tiña a aparencia do típico sobrevivente de cancro. Aínda delgado e co pelo curto, completou Vivir para contarla ese ano.[14]

A principios de xullo de 2012, por comentarios do seu irmán Jaime, rumoreouse que o escritor padecía de demencia senil, pero un vídeo en que celebra os seus aniversarios en marzo de 2012 serviu para desmentir o rumor.[31]

En abril de 2014 foi internado no Instituto Nacional de Ciencias Médicas e Nutrición, en México D. F., debido a un recaída produto do cancro linfático que lle foi diagnosticado en 1999. O cancro afectaballe a un pulmón os ganglios e o fígado. García Márquez faleceu ou 17 de abril de 2014.[32][33]

O presidente de Colombia Juan Manuel Santos sinalou que o escritor foi «o colombiano que, en toda a historia do noso país, máis lonxe e máis alto levou o nome da patria», decretando tres días de loito nacional.[34] As súas cinzas repousan no claustro da Mercé de Cartaxena de Indias, onde foron trasladadas o 22 de maio de 2016.[35][36]

Carreira literaria editar

Periodista editar

 
"Gabo" en 1984, lucindo un chapeu vueltiao, típico do Caribe colombiano.

García Márquez comezou a súa carreira como xornalista mentres estudaba dereito na universidade. En 1948 e 1949 escribiu para o diario El Universal de Cartaxena. Desde 1950 até 1952, escribiu unha «caprichosa» columna co pseudónimo de «Septimus» para o xornal local El Heraldo de Barranquilla.[14]Tomou nota do seu tempo en El Heraldo. Durante este tempo converteuse nun membro activo do colectivo informal de escritores e xornalistas coñecidos como o Grupo de Barranquilla, unha asociación que foi unha gran motivación e inspiración para a súa carreira literaria. Traballou con figuras como José Félix Fuenmayor, Ramón Vinyes, Alfonso Fuenmayor, Álvaro Cepeda Samudio, Germán Vargas, Alejandro Obregón, Orlando Rivera «Figurita» e Julio Mario Santo Domingo, entre outros.[28]García Márquez utilizaría, por exemplo, a Ramón Vinyes, que sería representado como un «sabio catalán», propietario dunha libraría en Cien años de soledad.

Nesa época, leu as obras de Virginia Woolf e William Faulkner, quen lle influíron nas súas técnicas narrativas, os temas históricos e a utilización de localidades provinciais. A contorna de Barranquilla proporcionou unha educación literaria a nivel mundial e unha perspectiva única sobre a cultura do Caribe. Con respecto á súa carreira do xornalismo, mencionou que lle serviu como ferramenta para «non perder contacto coa realidade».[26]

A petición de Álvaro Mutis en 1954, regresou a Bogotá para traballar en El Espectador como reporteiro e crítico de cine. Un ano despois, publicou no diario Relato de un náufrago, catorce crónicas sobre o naufraxio do destrutor A. R. C. Caldas, baseado en entrevistas con Luís Alejandro Velasco, mozo mariñeiro sobrevivente.

Esa publicación deu lugar a unha controversia pública nacional cando no último escrito revelou a historia oculta, xa que desacreditou a versión oficial que atribuíra o naufraxio a unha tormenta.[10]A consecuencia diso, foi enviado a París para ser correspondente estranxeiro de El Espectador. Escribiu as súas experiencias en El Independente, un xornal que substituíu por un breve tempo a El Espectador, durante o goberno militar do xeneral Gustavo Rojas Pinilla e que máis tarde foi pechado polas autoridades. Tras o triunfo da revolución cubana en 1960, García Márquez viaxou a A Habana, onde traballou na axencia de prensa creada polo goberno cubano Prensa Latina e fixo amizade con Ernesto Guevara.

En 1974, xunto con intelectuais e xornalistas de esquerda, fundou Alternativa, que durou até 1980 e marcou un fito na historia do xornalismo de oposición en Colombia. Para o primeiro número, escribiu un artigo sobre o bombardeo ao Palacio de la Moneda durante o golpe de estado en Chile de 1973, o que garantiu que se esgotase a edición. Sería o único con dereito a asinar artigos.[37]

En 1994, xunto co seu irmán Jaime García Márquez e Jaime Abello Banfi, creou a Fundación Gabriel García Márquez para el Nuevo Periodismo Iberoamericano (FNPI), que ten como obxectivo axudar a novos xornalistas a aprender con mestres como Alma Guillermoprieto e Jon Lee Anderson, e estimular novas formas de facer xornalismo. A sede principal está en Cartaxena de Indias e Gabriel foi o presidente até a súa morte.[38] Na súa honra, a FNPI creou o Premio Gabriel García Márquez de Xornalismo, que se outorga desde 2013 o mellor do xornalismo iberoamericano.

Primeiras e principais publicacións editar

O seu primeiro conto, La tercera resignación, foi publicado en 1947 no xornal El Espectador. Un ano despois, empezou o seu traballo para ese xornal. Os seus primeiros traballos foron contos publicados no xornal; desde 1947 até 1952 editou quince contos.[28]

García Márquez quería ser xornalista e escribir novelas; tamén quería crear unha sociedade máis xusta.[28]Para La hojarasca, a súa primeira novela, levoulle anos atopar un editor. Publicouna en 1955, e aínda que a crítica foi excelente, a maior parte da edición quedou en adega e o autor non recibiu de ninguén «nin un céntimo por regalías».[10]García Márquez sinala que «de todo o que escribira, A hojarasca foi a súa favorita porque consideraron que era a máis sincera e espontánea».[28]

Tardou dezaoito meses en escribir Cien años de soledad.[28]O 30 de maio de 1967 saíu á venda en Buenos Aires a primeira edición da novela. Tres décadas despois traduciuse a 37 idiomas e vendido 25 millóns de exemplares en todo o mundo. «Foi un verdadeiro bombazo, que fixo explosión desde o primeiro día. O libro saíu ás librarías sen ningún tipo de campaña publicitaria, a novela esgotou a súa primeira edición de 8.000 copias ás dúas semanas e pronto converteu o título e o seu realismo máxico no espello da alma latinoamericana».[39]Cien años de soledad influíu en case todos os novelistas importantes do mundo. A novela fai unha crónica da familia Buendía no pobo de Macondo, que foi fundado por José Arcadio Buendía. Pode ser considerada unha obra de realismo máxico.[40]

El amor en los tiempos del cólera publicouse en 1985. Está baseada nas historias de dúas parellas; a dos mozos Fermina Daza e Florentino Ariza está inspirada no amor dos pais de García Márquez.[10]Con todo, como explicou nunha entrevista: «A única diferenza é que os meus pais casaron. Axiña que como casaron, xa non eran interesantes como figuras literarias».[41] O amor dos anciáns baseouse nunha historia que leu nun xornal sobre a morte de dous estadounidenses, de case oitenta anos, que se reunían todos os anos en Acapulco. Estaban nun barco e un día foron asasinados polo barqueiro cos seus remos. García Márquez sinala: «A través da súa morte, a historia do seu romance en segredo fíxose coñecida. Eu estaba fascinado con ela. Estaban cada un casado con outra persoa».[41]

Estilo editar

Se ben hai aspectos comúns na obra de García Márquez, como o humor, non hai un estilo claro e predeterminado. Deixa fóra detalles e eventos aparentemente importantes, de xeito que o lector adopta un rol máis participativo na historia.

Temas editar

Hai varios temas recursivos, como a soidade, relacionándoa con América Latina. A aldea de Macondo aparece reflectida como un lugar imaxinario e máxico. O concepto de Macondo transcendeu a obra literaria, estando a súa existencia condicionada á presenza da palabra escrita. A violencia aparece en varias das súas obras, situacións inxustas da desintegración social.

Na súa obra tamén se busca captar a identidade cultural latinoamericana e particularizar os trazos do mundo caribeño, deconstruíndo as normas sociais establecidas nesa rexión.

Influencias literarias editar

Na súa mocidade García Márquez relacionouse cun círculo literario, o grupo de Barranquilla, cos que comezoua ler entre outros a Hemingway, Joyce e Faulkner. Tamén acudiu aos clásicos, encontrando enorme inspiración en Edipo Rei de Sófocles.

Obra editar

  • La hojarasca (1955).
  • Relato de un náufrago (1955).
  • El coronel no tiene quien le escriba (1961).
  • Los funerales de la Mamá Grande (1962).
  • La mala hora (1962).
  • Cien años de soledad (1967).
  • Monólogo de Isabel viendo llover en Macondo (1968).
  • Relato de un naúfrago (1970).
  • La increíble y triste historia de la cándida Eréndira y de su abuela desalmada (1972).
  • Cuando era feliz e indocumentado (1973).
  • Ojos de perro azul (1974).
  • El otoño del patriarca (1975).
  • Todos los cuentos (1947-1972) (1976).
  • Crónica de una muerte anunciada (1981). Traducida ao galego en 2022[42]
  • Textos costeños (1981).
  • Viva Sandino (1982).
  • El olor de la guayaba (1982).
  • El secuestro (1982).
  • El amor en los tiempos del cólera (1985).
  • El general en su laberinto (1989).
  • Doce cuentos peregrinos (1992).
  • Del amor y otros demonios (1994).
  • Noticia de un secuestro (1996).
  • Obra periodística 1: Textos costeños (1948-1952).
  • Obra periodística 2: Entre cachacos (1954-1955).
  • Obra periodística 3: De Europa y América (1955-1960).
  • Obra periodística 4: Por la libre (1974-1995).
  • Obra periodística 5: Notas de prensa (1980-1984).
  • Erendira.
  • Chile, el golpe y los gringos.
  • Vivir para contarla (2002).
  • Memoria de mis putas tristes (2004).

Notas editar

  1. En varias edicións das súas obras e ata en biografías dáse 1928 como ano de nacemento de García Márquez; el mesmo situouno nesa data ás veces. No entanto, estudosos do autor e o seu propio pai, Gabriel Eligio García, afirman que foi 1927, punto que queda confirmado nas súas memorias, Vivir para contarla. Véxase Ploetz, Dagmar (2004). EDAF, ed. Gabriel García Márquez (en castelán). p. 13. ISBN 9788441414488. 
    e tamén Flores, Ángel (1982). Siglo XXI, ed. Narrativa hispanoamericana 1816-1981: historia y antología. La generación de 1940-1969, Volumen 4 (en castelán). p. 429. ISBN 9789682310898. 
  2. "Muere Gabriel García Márquez: genio de la literatura universal". El País. 17 de abril de 2014. 
  3. "Gabriel García Márquez: adiós al hombre que solo quería ser amado por sus amigos". BBC News Mundo (en castelán). 2012-07-06. Consultado o 8 de abril do 2024. 
  4. Restrepo, Mónica Quintero. "García Márquez escribió desde que era Gabito". www.vanguardia.com (en castelán). Consultado o 8 de abril do 2024. 
  5. Premios Nobel 1982 (en inglés).
  6. Inga AXMANN: «El realismo mágico en la literatura latinoamericana: con el ejemplo de “Cien años de soledad” de Gabriel García Márquez», en Akademische Schriftenreihe. GRIN Verlag, 2009. ISBN 3-640-39315-5, 9783640393152
  7. Menton, Seymour. Historia Verdadera Del Realismo Mágico. Colección Tierra firme. Editor Fondo de Cultura Económica, 1998. ISBN 9681654110, 9789681654115
  8. Estrada Villa, A.: El poder político en la novelística de García Márquez. Medellín: Universidad Pontificia Bolivariana, 2006. ISBN 978-958-696-473-6 (en castelán).
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Esteban, Ángel, e Panichelli, Stephani: Gaby y Fidel: El Paisaje de Una Amistad. Editorial Espasa-Calpe, Madrid, 2003. ISBN 84-670-1263-3 (en castelán).
  10. 10,00 10,01 10,02 10,03 10,04 10,05 10,06 10,07 10,08 10,09 10,10 10,11 Gabriel GARCÍA MÁRQUEZ: Vivir para contarla. Bogotá: Norma (primeira edición), 2002; ISBN 978-958-04-7016-8.
  11. De Blas, Ceferino (19 de xullo de 2013). "La abuela gallega de Gabo". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2021. 
  12. García Márquez, Gabriel (11 de maio de 1983). "Viendo llover en Galicia". El País (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2021. 
  13. 13,0 13,1 13,2 Plinio Apuleyo MENDOZA GARCÍA y Gabriel GARCÍA MÁRQUEZ: El olor de la guayaba. Conversaciones con Gabriel García Márquez [1983]. Norma: 2005. ISBN 978-958-04-8889-4, 978978-9580488897.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 14,6 14,7 14,8 Gerald MARTIN: Gabriel García Márquez: una vida. Nueva York: Knopf Doubleday Publishing Group, 2009; ISBN 0-307-47228-0, 9780307472281.
  15. "García Márquez. Un Gallego de Origen". Galicia Única. Revista Digital Independiente. Consultado o 12 de abril do 2024. 
  16. Malvar, Aníbal (11/08/2018). "La huella gallega del realismo mágico de García Márquez". Diario Público. Consultado o 12 de abril do 2024. 
  17. 17,0 17,1 Gene H. BELLE-VILLADA: García Márquez: the man and his work. Chapel Hill: University of North Carolina Press, 1990.
  18. "Margarita era la hermana preferida de Gabo: familiares del Premio Nobel de Literatura". RCN Radio (en castelán). 2021-06-18. Consultado o 17 de abril do 2024. 
  19. Aýen, Xavi (14-05-2021). "Así fueron los últimos días de vida de García Márquez". =La Vanguardia. España. 
  20. Educación, Bogotá (Colombia) Alcaldía Mayor Secretaría de. "El 9 de abril : vivir para contarla". =www.bibliotecadigitaldebogota.gov.co (en castelán). Consultado o 17 de abril do 2024. 
  21. Cfr: Pestaña Castro, Cristina. "¿Quién tradujo por primera vez la metamorfosis de Kafka al castellano?". http://www.ucm.es/info/especulo/numero11/verwandl.html
  22. ""Cien años de soledad" y cincuenta de casado: Gabriel García Márquez festeja sus bodas de oro". Perfil.com. 22 de marzo de 2008. Consultado o 18 de abril do 2024. O amor eterno non ten lugar só nas novelas, o Nobel colombiano cumpriu medio século de matrimonio coa súa esposa Mercedes Raquel Barcha Pardo. 
  23. "Gabo y su país de adopción". El País. 17 de abril de 2014. 
  24. Fuentes, Carlos. Para darle nombre a América. Homenaje a Gabriel García Márquez. Inauguración del Congreso de Cartagena. Portal de los Congresos Internacionales de la Lengua Española. [1] Copia arquivada en Wayback Machine
  25. "Gabriel García Márquez, el amigo de Fidel | Especiales | ELMUNDO.es". www.elmundo.es. Consultado o 19 de abril do 2024. 
  26. 26,0 26,1 26,2 Juan G. COBO BORDA: Para llegar a García Márquez. Santa Fe de Bogotá: Planeta Colombiana, 1997; ISBN 978-958-614-568-9.
  27. "Sobre la Fundación Gabo". Fundación Gabo (en castelán). 2019-08-05. Consultado o 21 de abril do 2024. 
  28. 28,0 28,1 28,2 28,3 28,4 28,5 Rubén PELAYO: Gabriel García Márquez: a critical companion. Westport: Greenwood Press, 2001.
  29. 29,0 29,1 «Lo de Rangel es una falta de respeto», entrevista con Gabriel García Márquez no xornal El Tiempo, 2000-12-10; consultado o 2010-04-10.
  30. ElShowDeJohnnyWelch.com Copia arquivada en Wayback Machine (sitio do ventrílocuo mexicano Johnny Welch, cuxo texto un xornal peruano atribuíu a García Márquez).
  31. http://www.huffingtonpost.es/2012/08/31/gabriel-garcia-marquez-ca_n_1847432.html
  32. "Fallece Gabriel García Márquez". El Universal. 17 de abril de 2014. Arquivado dende o orixinal o 20 de abril de 2014. Consultado o 21 de abril do 2024. 
  33. Redacción (14 de abril de 2014). "Gabriel García Márquez, Premio Nobel y orgullo de las letras del mundo, ha muerto este jueves en México, DF". sinembargo.mx. Consultado o 21 de abril do 2024. 
  34. "Duelo nacional de tres días por muerte de García Márquez". El Heraldo. 17 de abril de 2014. Consultado o 21 de abril do 2024. 
  35. "El lugar del descanso eterno de Gabriel García Márquez en Cartagena". BBC News Mundo (en castelán). 2016-05-23. Consultado o 21 de abril do 2024. 
  36. de 2016, 22 de Mayo. "Gabriel García Márquez cumplió su deseo: sus restos fueron enterrados en Cartagena". infobae (en castelán). Consultado o 21 de abril do 2024. 
  37. Santos Calderón, Enrique. 'Gabo' y Alternativa, Las duras y las maduras. Revista Cambio. Bogotá. Publicado el Domingo 2 de noviembre de 2008. [2] Consultado o 22 de abril do 2024
  38. Fundación Nuevo Periodismo Iberoamericano. Historia.[3] Copia arquivada en Wayback Machine
  39. Fietta JARQUE: «"Cien años de soledad", treinta años de leyenda», en Letras Hispanas, del diario El País. Madrid, 2007. Consultado el 12 de junio de 2010
  40. Julio ARIZA GONZÁLEZ: El discurso narrativo de Gabriel García Márquez, de la realidad política y social a la realidad mítica (págs. 82-83). Colombia: Tercer Mundo Editores, 1992.
  41. 41,0 41,1 Julio Ariza González. "El discurso narrativo de Gabriel García Márquez: de la realidad política y social a la realidad mítica". Consultado o 23 de abril do 2024. 
  42. Rey, María; Liñares Giraut, X. Amancio. "Crónica dunha morte anunciada". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2023-10-29. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar

Predecesor:
Elias Canetti
Premio Nobel de Literatura
 

1982
Sucesor:
William Golding