Geostationary Operational Environmental Satellite

(Redirección desde «GOES»)

Geostationary Operational Environmental Satellite, máis coñecidos como GOES, é unha serie de satélites meteorolóxicos estadounidenses dependentes da NOAA, situados en órbita xoestacionaria. O primeiro GOES foi lanzado en 1974 e desde entón a serie foi cambiando e mellorando, podendo dividirse en varias familias de satélites. Os tres primeiros GOES foron coñecidos inicialmente como Synchronous Meteorological Satellite (SMS), cambiándose posteriormente a súa denominación.[1]

Un dos primeiros satélites GOES.

SMS 1 e 2 e GOES 1, 2 e 3

editar

Foron os primeiros satélites meteorolóxicos xeoestacionarios. Estabilizábanse mediante xiro a 100 r.p.m., tiñan forma cilíndrica con 190,5 cm de diámetro e 230 cm de altura e un mastro de 83 cm cun magnetómetro no extremo. Cada satélite levaba a bordo un radiómetro para lonxitudes de onda visibles e infravermellas (VISSR, Visible Infrared Spin-Scan Radiometer), que proporcionaba información da cuberta de nubes tanto no lado diúrno como no nocturno do planeta e podía medir a temperatura da terra e da atmosfera. Tamén dispoñían dun monitor da contorna espacial (SEM, Space Environmental Monitor) para medir a cantidade de protóns e electróns e o fluxo de raios X solares, así como os campos magnéticos. Os satélites usaban tanto a UHF como a banda S para transmitir telemetría e recibir comandos. As dúas primeiras unidades denomináronse Synchronous Meteorological Satellite, e a denominación GOES foi usada a partir da terceira unidade, usando ás veces letras en lugar de números (GOES A, B e C). Foron lanzados entre 1974 e 1978, todos a bordo de foguetes Delta 2914. GOES 3 foi desactivado en xuño de 2016, despois de 38 anos de servizo. O satélite foi usado moito despois do fallo do seu instrumento VISSR como enlace coa base Amundsen-Scott do polo sur.[2][1]

GOES 4, 5, 6, G e 7

editar

Tamén denominados GOES D, E, F, G e H. Usaban o bus HS-371, estabilizábanse mediante xiro e levaban un instrumento VISSR mellorado, así como un sondador atmosférico no visible e infravermello (VAS, Visible and Infrared Atmospheric Sounder) para medir a temperatura vertical da atmosfera, proporcionando información sobre a súa estrutura tridimensional. VAS tiña unha resolución de 0,9 km no visible e de 6,9 km no infravermello. Ao igual que a anterior familia, tamén levaban un instrumento SEM para monitorizar a contorna espacial. GOES 7 tamén era capaz de reenviar sinais de transmisores de emerxencia de avións e buques en perigo na frecuencia de 406 MHz. Todos foron lanzados mediante Delta 3914 entre 1980 e 1987. GOES G foi destruído durante o lanzamento polo fallo do foguete portador.[3][1]

GOES 8, 9, 10, 11 e 12

editar

Tamén denominados GOES I, J, K, L e M. A diferenza dos anteriores, estabilizábanse nos tres eixos. Usaban o bus SSL-1300 de Space Systems Loral. Foron lanzados entre 1994 e 2001, os tres primeiros mediante Atlas I e os dous últimos mediante Atlas IIA. Entre os instrumentos de a bordo se inclúe unha nova cámara para o visible e o infravermello e un novo sondador para temperaturas verticais, así como un novo instrumento SEM.[4][1]

GOES 13, 14, 15 e 16

editar

Tamén denominados GOES N, O, P e Q. Estabilízanse nos tres eixos e usan o bus BSS-601 de Boeing. Foron lanzados entre 2006 e 2010 usando Delta IV, cancelándose o GOES 16. Esta serie proporciona máis precisión na localización de tormentas e outros fenómenos.[5][1]

GOES 16, 17, 18 e 19

editar

Tamén denominados GOES R, S, T e U. Estabilízanse nos tres eixos e usaban o bus A2100A de Lockheed Martin. As tres primeiras unidades foron lanzados entre 2016 e 2022 usando Atlas V.[6][1]

GOES U espera ser lanzado como tarde en 2025 como remprazamento de SOHO.[7]

Historial de lanzamentos

editar
Misión[1][2][3][4][5] Data de lanzamento[1][2][3][4][5] Foguete lanzador[1][2][3][4][5] Notas[1][2][3][4][5]
SMS 1 17 de maio de 1974 Delta 2914 Éxito
SMS 2 6 de febreiro de 1975 Delta 2914 Éxito
GOES 1 16 de outubro de 1975 Delta 2914 Éxito
GOES 2 16 de xuño de 1977 Delta 2914 Éxito
GOES 3 16 de xuño de 1978 Delta 2914 Éxito
GOES 4 9 de setembro de 1980 Delta 3914 Éxito
GOES 5 22 de maio de 1981 Delta 3914 Éxito
GOES 6 28 de abril de 1983 Delta 3914 Éxito
GOES G 3 de maio de 1986 Delta 3914 Fallo
GOES 7 26 de febreiro de 1987 Delta 3914 Éxito
GOES 8 13 de abril de 1994 Atlas I Éxito
GOES 9 23 de maio de 1995 Atlas I Éxito
GOES 10 25 de abril de 1997 Atlas I Éxito
GOES 11 3 de maio de 2000 Atlas IIA Éxito
GOES 12 23 de xullo de 2001 Atlas IIA Éxito
GOES 13 24 de maio de 2006 Delta IV M Éxito
GOES 14 27 de xuño de 2009 Delta IV M Éxito
GOES 15 4 de marzo de 2010 Delta IV M Éxito
GOES 16 19 de novembro de 2016 Atlas V Éxito
GOES 17 1 de marzo de 2018 Atlas V Éxito
GOES 18 1 de marzo de 2022 Atlas V Éxito
  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Mark Wade (2020). "GOES" (en inglés). Consultado o 2 de maio de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "SMS 1, 2 / GOES 1, 2, 3" (en inglés). Consultado o 1 de maio de 2020. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "GOES 4, 5, 6, G, 7" (en inglés). Consultado o 2 de maio de 2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "GOES 8, 9, 10, 11, 12" (en inglés). Consultado o 2 de maio de 2020. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "GOES N, O, P, Q" (en inglés). Consultado o 2 de maio de 2020. 
  6. Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "GOES R, S, T, U" (en inglés). Consultado o 2 de maio de 2020. 
  7. "SOHO, los 25 años en órbita de todo un pionero". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2020-12-03. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar