Froila Arias de Traba

Froila Arias de Traba foi un conde galego, señor das terras e o castelo de Traba, durante a segunda metade do século XI. Foi fillo de Arias Tedoniz, irmán do bispo Cresconio de Iria e pai de Urraca Froilaz, a primeira esposa de Pedro Froilaz, Conde de Galiza.

Froila Arias de Traba
Conde

SucesorPedro Froilaz de Traba
Cónxuxe/sArdiu Diaz[1]
DescendenciaUrraca Froilaz
Liñaxe / DinastíaLiñaxe Traba[2]
ProxenitoresArias Tedoniz
IrmánsCresconio bispo de Iria[3]

Escudo de Froila Arias de Traba
Na rede
WikiTree: Arias-112

Liñaxe editar

 
Vista da praia de Traba no concello de Laxe. O castelo de Traba puido estar situado nalgún dos montes da súa contorna, é posíbel que no alto da Torre da Moa[4].

O pai do conde Froila foi o nobre Arias Tedoniz, este dato é testemuñado nunha carta de permuta, recollida na Historia Compostelá, mediante a cal o conde Fernando Pérez de Traba, neto de Froila, e Diego Xelmírez poñen fin a unha das recorrentes rifas entre os Traba e o bispado de Compostela. Nela, o conde Fernando refírese as propiedades permutadas indicando: "téñoas por herdanza da miña nai dona Urraca e do meu avó o conde don Froila Arias e do meu bisavó Arias Tedoniz"[5]. Esta liña xenealóxica entronca coa estirpe de Rosendo de Celanova e emparenta con parte da mais sobranceira nobreza do reino galego[3].

Froila Arias casou coa nobre Ardiu Diaz de Aranga ("Ardiu Didat")[1], filla de Diego Gutérrez, conde de Aranga e mordomo de Fernando I[6]. Deste matrimonio naceu Urraca Froilaz, que casou no ano 1088[7] con Pedro Froilaz, que sería no futuro o nobre galego mais importante do seu tempo. Mediante este casamento as propiedades territoriais dos Traba[8] uníronse ao patrimonio da Familia Froilaz conformando o chamado condado de Trastámara[9][10].

Entre as pertenzas de Urraca atopábanse o castelo de Traba, probabelmente localizado na freguesía de Santiago de Traba en Laxe[11] e que algúns investigadores sitúan no alto da Torre da Moa, elevación desde a que se domina a praia de Traba[4]. Outra das propiedades da herdanza foi o mosteiro familiar de San Xoán de Sabardes, fundado no 1072 polo conde Froila e Ardiu Diaz na parroquia do Freixo de Sabardes, na marxe norte da ría de Noia[12]. A mesma titulación nobiliaria de condes de Trastámara, cuxo primeiro portador coñecido foi Pedro Froilaz, tamén é froito desta unión matrimonial[13], toda vez que as terras tralo río Tambre (Trastámara = Tras do Támara/Tambre) eran patrimonio dos Traba e non dos Froilaz, orixinarios da Terra de Trasancos.[14]

 
Gravado medieval representando o asasinato do arcebispo de Canterbury Thomas Becket. Un século antes o conde Froila Arias ordenou asasinar e despezar o bispo Gudesteo na súa sé de Iria Flavia.[15]

Traxectoria editar

O período de señorío de Froila Arias nas terras de Traba transcorre durante o reinado de Sancha I e o seu consorte Fernando I (1037-1065), e no do seu fillo García II (1065 - 1071). Descoñécese a data do seu nacemento, a súa primeira aparición na documentación medieval é do ano 1056, momento no que figura como confirmante nunha cesión de bens do rei Fernando ao mosteiro de Celanova[16].

O conde Froila posuía terras e facendas na terra de Santiago, entre os ríos Ulla e Tambre, dentro do couto da catedral de Santiago. Debido a elas mantivo unha disputa xurisdicional coa igrexa compostelá durante o bispado do seu irmán Cresconio. Após o pasamento de Cresconio no ano 1066, o rei García, seu afillado[17], nomeou como sucesor a Gudesteo, sobriño de Froila e Cresconio. No ano 1069, nun momento no que o rei se atopaba no sur do reino, en campaña militar contra o conde rebelde Nuno Mendes, Froila asasinou desapiadadamente ao bispo Gudesteo a resultas do conflito territorial[18][a]. A historia compostelá, fonte parcial e sempre favorábel á igrexa e os seus prelados, conta que o despezou durante a noite de Coresma[15][19]. Ignórase se este crime motivou algún tipo de castigo por parte do rei[20], mais cando no 1071, García foi deposto polos seus irmáns e tivo que fuxir cara o exilio na Taifa de Sevilla, Froila semella ter mudado a súa vasalaxe pois en novembro dese mesmo ano aparece como confirmante nun documento de Afonso VI[21]. E no ano seguinte, unha vez morto Sancho de Castela diante das murallas de Zamora, acudiu á convocatoria feita por Afonso á nobreza dos tres reinos para ser formalmente recoñecido como rei[22].

Descoñécese a data exacta da morte de Froila Arias, sendo os seus derradeiros feitos documentados deste mesmo ano de 1072.

Notas editar

  1. Outros autores atribúen o asasinato do bispo Gudesteo a Froila Bermúdez de Trasancos. A distancia das súas propiedades patrimoniais (na contorna do río Eume) das terras en disputa (entre os ríos Ulla e Tambre) fai esta suposición menos probábel

Referencias editar

  1. 1,0 1,1 "Liñaxe Aloitiz S.IX-XI". Xenealoxias do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 28/12/2019. Consultado o 10/12/2018. 
  2. "Liñaxe Traba S.X". Xenealoxias do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 16/10/2020. Consultado o 10/12/2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Carriedo Tejedo, Manuel (2007). "La familia de San Rosendo" (PDF). Estudios Mindonienses (23): 122–123. 
  4. 4,0 4,1 "Hayan restos de ocupación humana en el Castelo de Traba". Anosacosta (en castelán). 2014-05-07. Consultado o 2018-12-12. 
  5. Falque, Emma, ed. (1994). "XL". Historia compostelana (en castelán) 3. Ediciones AKAL. p. 567. 
  6. López Sangil, José Luis (2005). A nobreza altomedieval galega. A familia Froilaz-Traba. Toxos Outos. p. 21. ISBN 84-96259-51-X. 
  7. Barton, Simon (2002-07-18). The Aristocracy in Twelfth-Century León and Castile (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 9780521894067. 
  8. "Tenencia Traba". www.xenealoxiasdoortegal.net. Arquivado dende o orixinal o 06 de decembro de 2018. Consultado o 2018-12-12. 
  9. "Tenencia do condado de Trastámara". www.xenealoxiasdoortegal.net. Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2019. Consultado o 2018-12-12. 
  10. López Ferreiro, Antonio (1899). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 2. p. 323. 
  11. Martínez Lema, Paulo (2009). "Hidrotoponimia da comarca de Bergantiños na documentación do Tombo de Toxos Outos" (PDF). Ianua. Revista Philologica Romanica (9): 206–207. ISSN 1616-413X. 
  12. López Morán, Enriqueta (2004). "El Monacato Femenino Gallego en la Alta Edad Media" (PDF). Nalgures (1): 140. 
  13. Gónzalez López, Emilio (1978). Grandeza e decadencia do Reino de Galicia. Galaxia. p. 204. 
  14. fidalgosdenaron (2015-03-24). "OS FROILAZ, UNHA DINASTÍA DE TRASANCOS [CAPÍTULO II]". Narón, Fidalga Cidade. Consultado o 2023-11-08. 
  15. 15,0 15,1 López Ferreiro, Antonio (1899). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 2. pp. 550–552. 
  16. "Gallaeciae Monumenta Histórica". gmh.consellodacultura.org. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 2018-12-12. 
  17. López Ferreiro, Antonio (1899). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 2. p. 518. 
  18. González López, Emilio (1978). Grandeza e decadencia do reino de Galicia. Galaxia. pp. 168–169. 
  19. Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia Compostelana. Ediciones AKAL. p. 76. 
  20. López González, Emilio (1978). Grandeza e decadencia do Reino de Galicia. Galaxia. p. 171. 
  21. Reilly, Bernard F. (1988). The Kingdom of León-Castille under King Alfonso VI (PDF) (en inglés). Princeton University Press. pp. 61–62. 
  22. Reilly, Bernard F. (1988). The Kingdom of León-Castille under King Alfonso VI (PDF) (en inglés). Princeton University Press. p. 69. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar