Freya Madeleine Stark, Mrs Perowne[1], nada o 31 de xaneiro de 1893 en París, Francia e finada o 9 de maio de 1993 en Asolo, Italia, foi unha exploradora e escritora británica. Escribiu máis dunha ducia de libros das súas viaxes a Oriente Medio e Afganistán, así como varias obras autobiográficas e ensaios. Foi unha das primeiras persoas non árabes en percorrer o sur do Deserto de Arabia.

Freya Stark
Nome completoFreya Madeline Stark
Nacemento31 de xaneiro de 1893
Lugar de nacementoParís
Falecemento9 de maio de 1993
Lugar de falecementoAsolo
NacionalidadeReino Unido
Alma máterEscola de estudos orientais e africanos, Bedford College e Royal Holloway University of London
Ocupaciónexploradora, escritora de viaxes, fotógrafa, ensaísta e montañista
CónxuxeStewart Perowne
PremiosDama comandante da Orde do Imperio británico, Founder’s Medal, Medalha Mungo Park, Venerável Ordem de São João, Burton Memorial Medal, cidadanía honoraria de Asolo e Gold Medal of the Society of Woman Geographers
Na rede
WikiTree: Stark-6182 Find a Grave: 11384541 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Primeiros anos e estudos editar

Freya Stark naceu o 31 de xaneiro de 1893 en París,[2] onde os seus pais estaban a estudar arte.[3] A súa nai, Flora, era italiana de familia polaca-alemá; o seu pai, Robert, era un pintor inglés orixinario de Devon.[4] Stark pasou a maioría da súa infancia no norte de Italia, xa que Pen Browning, un amigo do seu pai, tiña tres casas da súa propiedade en Asolo. A súa avoa materna viviu en Xénova.[5]

O matrimonio dos seus pais non foi ben desde o principio e se separaron cando Freya era aínda pequena. A biógrafa de Stark, Jane Fletcher Geniesse —citando á curmá de Freya, Nora Stanton Blatch Barney— asegura que o pai biolóxico de Freya era "un home novo adiñeirado proveniente dunha familia de Nova Orleáns" chamado Obediah Dyer. Non hai ningunha corroboración coñecida deste relato, e non se sabe se a propia Stark estaba ao tanto, xa que non fixo ningunha referencia en ningún dos seus escritos, incluída a súa autobiografía.[6]

No seu noveno aniversario a Freya agasallárona cun exemplar do libro As mil e unha noites, e quedou fascinada con Oriente. Na súa mocidade era frecuente que enfermase e pasase longas tempadas na súa casa, así que atopou unha vía de escape na lectura. Gustáballe moito ler en francés, en particular Alexandre Dumas, e aprendeu de maneira autodidacta latín. Cando tiña 13 anos sufriu un accidente nunha fábrica en Italia, cando o cabelo lle quedou atrapado nunha máquina. O coiro cabeludo foi resgado e a orella dereita arrincada,[7] tivo que pasar catro meses facendo enxertos de pel no hospital, e quedoulle a cara desfigurada.[8] De aí en diante usaría sombreiros ou chapeus que eran a miúdo extravagantes para cubrir as cicatrices.[7]

Cando tiña trinta anos, decidiu estudar linguas na universidade, esperaba escapar dunha vida complicada como floricultora no norte de Italia. A súa profesora suxeriulle que estudase islandés,[7] mais ela escolleu estudar árabe e despois persa. Estudou no Bedford College e na Escola de estudos Orientais e Africanos, ambas as dúas parte da Universidade de Londres.

Viaxes e obras editar

Unha só pode viaxar realmente de se deixar levar e tomar o que cada lugar trae sen o tentar converter nun saudábel padrón privado propio e supoño que esa é a diferenza entre viaxe e turismo.[9]
Freya Stark

Durante a primeira guerra mundial, Stark participou no destacamento de enfermeiras voluntarias e serviu inicialmente coa unidade de ambulancias da Cruz Vermella Británica de G.M. Trevelyan, con base en Vila Trento preto de Udine.[10] A súa nai quedara en Italia participando dun negocio e a súa irmá Vera casara co copropietario. En 1926, Vera morreu despois dun aborto espontáneo. Nos seus escritos, Freya expón que Vera non fora quen de vivir a vida por si mesma e que ela non ía facer o mesmo. Pouco despois, comezou as súas viaxes.[7]

En novembro de 1927 visita Asolo por primeira vez en anos. Despois, no mesmo mes, embarcou a Beirut, onde comezan as súas viaxes a Oriente.[11] Hospedouse primeiro na casa de James Elroy Flecker no Líbano, despois en Bagdad, Iraq (por entón un protectorado británico), onde coñeceu o alto comisario británico.[11] Durante esta viaxe, viaxou secretamente en burro cun guía druso e unha muller inglesa. Mantivo a viaxe en segredo, pois Siria e o Líbano estaban baixo control francés, tamén coñecido como Mandato para Siria e o Líbano. Este era un sistema gobernamental represivo que non permitía viaxes dentro da rexión. O grupo viaxou pola noite e tomou rutas rurais afastadas. Porén, foron capturadas/o por oficiais do exército francés. As mulleres foron consideradas espías, mais foron liberadas tres días despois. Despois desta viaxe, Freya escribiu sobre o réxime represivo francés e os abusos inflixidos ao pobo sirio nunha revista inglesa.[7]

En 1931 completara tres viaxes perigosas polo deserto oeste de Irán, algunhas zonas que non foran nunca visitadas, e localizou o lendario Val dos Asasinos (Hashshashins).[12] Describiu esas exploracións en The Valleys of the Assassins (1934) e recibiu o Premio da Royal Geographical Society en 1933.[13]

En 1934, Freya navegou polo Mar Vermello até Aden para iniciar unha nova aventura. Esperaba trazar a ruta do incenso do Hadhramaut, o interior de Arabia do Sur.[14] Apenas un puñado de exploradores occidentais se tiña aventurado antes na rexión, mais nunca tan lonxe ou tan amplamente como se aventurou ela.[15] O seu obxectivo era alcanzar a antiga cidade de Shabwa, que se dicía ter sido a capital da Raíña de Sabá. No entanto, ficou gravemente doente durante a viaxe. Despois de contraer sarampelo dunha crianza nun harén, así como disentería, tivo que ser transportada por vía aérea a un hospital británico en Aden.[7] Malia que nunca chegou a Shabwa, foi quen de viaxar extensivamente e de contar moitas experiencias. Freya tamén retornou á rexión para viaxes complementarias. Durante esas viaxes, topou coa escravitude, que causou unha "situación moral", de acordo cun perfil novaiorquino. Freya considerou que a escravitude parecía diminuír en sociedades menos relixiosas, e así creu que a escravitude diminuiría en Arabia conforme se desenvolvía.[7] Publicou o seu relato da rexión en tres libros, The Southern Gates of Arabia: A Journey in the Hadhramaut (1936), Seen In The Hadhramaut (1938) e A Winter in Arabia (1940). Polas súas viaxes e relatos, recibiu a Medalla de Ouro do Fundador da Royal Geographical Society.[16]

Durante a segunda guerra mundial uniuse ao Ministerio de Información Británico, e contribuíu á creación da rede de propaganda Ikhwan al Hurriya (Irmandade de Liberdade) dirixida a convencer os árabes para que apoiasen os aliados ou polo menos que permanecesen neutrais.[17] A Irmandade incluía todos os estratos da sociedade e, no medio da guerra, tiña decenas de miles de membros.[7] Estas experiencias en tempos de guerra foron descritas nas súas Letters from Syria (1942) e East is West (1945).[18]

En 1943, Freya foi nunha viaxe oficial do Mandato Británico de Palestina. Deu discursos que chamaban a cotas para a migración xudaica a Palestina, o que irritou a comunidade xudaica global. Porén, Freya cría que non era en absoluto antixudaica, simplemente pensaba que o consentimento árabe debería ser considerado antes de que se producise a migración en masa. Crese que estes discursos son o seu traballo máis controvertido durante a segunda guerra mundial.[7]

En 1947, con 54 anos, casou con Stewart Perowne, un diplomático e historiador británico.[19] A parella non tivo fillos, e separáronse (sen se divorciar) en 1952. Durante eses anos non escribiu nada sobre viaxes ou exploracións, mais publicou un volume de varios ensaios, Perseus in the Wind (1948) e tres volumes autobiográficos, Traveller´s Prelude (1950), Beyond Euphrates. Autobiography 1928-1933 (1951) e The Coast of Incense. Autobiography 1933-1939 (1953). Stewart Perowne morreu en 1989.[20]

A primeira das grandes viaxes de Stark despois da guerra foi a Turquía, que foi a base dos seus libros Ionia a Quest (1954), The Lycian Shore (1956), Alexander's Path (1958) e Riding to the Tigris (1959). Despois continuou coas súas memorias con Dust in the Lion´s Paw. Autobiography 1939-1946 (1961) e publicou unha historia de Rome on the Euphrates: The Story of a Frontier (1966) e outra colección de ensaios, The Zodiac Arch (1968).

A última expedición foi a Afganistán en 1968, cando tiña 75 anos. Viaxou para visitar o Minarete de Djam do século XII.[7] En 1970 publicou The Minaret of Djam: An Excursion into Afghanistan. No seu retiro de Asolo, á parte dun estudo curto, Turkey: A Sketch of Turkish History (1971), ocupouse de agrupar unha nova colección de ensaios, A Peak in Darien (1976), e preparou unha selección das súas Letters (8 volumes, 1974-82, un volume, Over the rim of the world: selected letters, 1982) e dos seus escritos viaxeiros, The Journey´s Echo (1988).

Foi condecorada como Dama da Orde do Imperio Británico nas honras do ano novo de 1972.[21] Morreu en Asolo o 9 de maio de 1993, uns meses despois de facer cen anos.[22]

Obras editar

Case todos os seus libros foron primeiro publicados por John Murray en Londres.

  • Baghdad Sketches (Bagdad, The Times Press Ltd. 1932)
  • The Valleys of the Assassins and Other Persian Travels (Mazandaran, Irán)
  • The Southern Gates of Arabia a journey in the Hadhramaut (Londres,1936)
  • Seen in the Hadramaut (1938)
  • A winter in Arabia (Hadhramaut, 1940)
  • Letters from Syria (Londres, 1943)
  • East in West (1945)
  • Perseus in the wind (Londres, 1948)
  • Traveller's Prelude (Londres, 1950)
  • Beyond Euphrates. Autobiography 1928-1933 (Londres, 1951)
  • The Coast of JIncense (Londres, 1953)
  • Ionia, A Quest (Londres, 1954)
  • The Lycian Shore (Londres, 1956)
  • Alexander's Path: From Caria to Licia (Londres, 1958)
  • Riding to the Tigris (Londres, 1959)
  • Dust in the Lion's Paw. Autobiography (Londres, 1961)
  • Rome on the Euphrates: The Story of a Frontier (Londres, 1966)
  • The Zodiac Arch (Londres, 1968)
  • Space, Time and Movement in Landscape (1969)
  • The Minaret of Djam: An Excursion into Afghanistan (1979)
  • Turkey a sketch of Turkish History (1971)
  • Letters, ed. L.Moorehead (8 vols, 1974-82)
  • A Peak in Darien (Londres, 1976)
  • The Journey's Echo: Selected Travel Writings (1988)
  • Over the Rim of the World: selected letters, ed. C.Moorehead (1988)

Notas editar

  1. "SUPPLEMENT TO THE LONDON GAZETTE, IST JANUARY 1972". 
  2. Freya Stark obituary Arquivado 29 de agosto de 2020 en Wayback Machine., independent.co.uk; data de acceso 13 de abril de 2016.
  3. "Obituary: Dame Freya Stark". The Independent (en inglés). 11 de maio de 1993. Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2020. Consultado o 11 de febreiro de 2018. 
  4. Stark (1950), pp. 2–4
  5. Stark (1950), pp. 30–64
  6. Geniesse, JF. Passionate Nomad: The Life of Freya Stark. Modern Library (2001), páxs. 363-69; ISBN 0375757465
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 Pierpont, Claudia Roth (2011-04-11). "East Is West" (en inglés). ISSN 0028-792X. Consultado o 2019-05-18. 
  8. Stark (1950), p. 84
  9. Tradución ao galego do orixinal: One can only really travel if one lets oneself go and takes what every place brings without trying to turn it into a healthy private pattern of one's own and I suppose that is the difference between travel and tourism. Recollido de Molly Izzard, A Marvellous Eye, Cornucopia (magazine)|Cornucopia Issue 2
  10. Anne Powell, Women in the War Zone
  11. 11,0 11,1 Stark (1950), p. 333
  12. Salak, Kira. "National Geographic article about Iran and Freya Stark". National Geographic Adventure. 
  13. Jane Fletcher, Geniesse (2010). Passionate Nomad: The Life of Freya Stark. Random House Publishing Group. p. 152. ISBN 9780307756855. 
  14. "The Southern Gates of Arabia". www.goodreads.com. Consultado o 2019-05-18. 
  15. The Southern Gates of Arabia (Londres, 1936)
  16. "List of Past Gold Medal Winners" (PDF). Royal Geographical Society. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de setembro de 2011. Consultado o 24 de agosto 2015. 
  17. James R. Vaughan, "The failure of American and British Propaganda in the Middle East, 1945–57. Unconquerable Minds", Palgrave Macmillan, 2005, p. 27.
  18. Flint, Peter B. (1993-05-11). "Dame Freya Stark, Travel Writer, Is Dead at 100". The New York Times. ISSN 0362-4331. Consultado o 2017-05-24. 
  19. "Stewart Perowne, 87, Diplomat and author". New York Times. 16 de maio de 1989. Consultado o 27 de outubro 2012. 
  20. "Obituary: Stuart Perowne". New York Times. 16 de maio de 1989. Consultado o 31 de marzo de 2014. 
  21. Notice of Stark's damehood in London Gazette
  22. Ruthven, Malise (11 de maio de 1993). "Obituary: Dame Freya Stark". The Independent. Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2020. Consultado o 31 de marzo de 2014. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • J. F. Geniesse, Passionate Nomad: The Life of Freya Stark (2001. Random House)
  • P. H. Hansen, 'Stark, Dame Freya Madeline (1893–1993)', en Oxford Dictionary of National Biography (2004. Oxford University Press)
  • M. Izzard 'A Marvellous Bright Eye: Freya Stark', en Cornucopia Issue 2 (1992)
  • M. Izzard, Freya Stark: A Biography (1993)
  • C. Moorehead, Freya Stark (1985. Penguin) ISBN 0-14-008108-9
  • R. Knott, 'Posted in Wartime' (2017, Pen & Sword) - features inter alia the wartime correspondence of Freya Stark.

Ligazóns externas editar