Luis de León

poeta español
(Redirección desde «Frei Luis de León»)


Luis de León, chamado frei Luis de León, nado en Belmonte (Cuenca) en 1527 ou 1528 e finado en Madrigal de las Altas Torres (Ávila) o 23 de agosto de 1591, foi un poeta, humanista e relixioso agostiño español.

Infotaula de personaLuis de León

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(es) Fray Luis de León Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1527 Editar o valor em Wikidata
Belmonte (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte23 de agosto de 1591 Editar o valor em Wikidata (63/64 anos)
Madrigal de las Altas Torres Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
RelixiónCristianismo Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Salamanca
Universidade de Alcalá Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Salamanca Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónlingüista , tradutor , escritor , poeta , profesor universitario Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade de Salamanca Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoPoesía Editar o valor em Wikidata
ProfesoresBartolomé de Carranza e Juan de Guevara (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
AlumnosPedro Malón de Chaide Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá e lingua latina Editar o valor em Wikidata
Orde relixiosaOrdem de Santo Agostinho (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

Find a Grave: 7536805 Editar o valor em Wikidata

Foi un dos escritores máis destacados da segunda metade do Renacemento español, xunto a Fernando de Herrera, Juan de la Cruz, Tareixa de Xesús, Francisco de Aldana ou Alonso de Ercilla. A súa poesía orixinal trata fundamentalmente de moral cotiá, excepto un número pequeno de odas de temática estritamente relixiosa. Todas elas tratan sobre o que debe facer o home para acadar a harmonía e o xusto medio como fin do individuo, algo que se poderá conseguir coa busca de Deus.

Traxectoria editar

Frei Luis de León naceu en Belmonte, Cuenca. Tiña ascendentes xudeu-conversos tanto por parte de nai como por parte de pai, unha circunstancia que serviu para atribuírlle certos trazos característicos da cultura hispano-semita: amor polo detalle, capacidade de abstracción, tendencias esexetas, a predilección pola música etc. Frei Luis realizou os seus primeiros estudos en Madrid e Valladolid, xa que seu pai era avogado na Corte, e debía desprazarse de lugar de residencia cada vez que a Corte o facía. En 1542 chegou a Salamanca, e un ano despois ingresou no convento agostiño salmantino. En 1558 conseguiu o título de bacharel en Teoloxía pola Universidade de Salamanca, e dous anos despois xa era licenciado e mestre en Artes e Filosofía. Tamén asistira á Universidade de Alcalá de Henares, onde estudou hebreo na escola de Cipriano de Huerga. A formación de frei Luis, polo tanto, correspondíase coa dun humanista: aprendeu idiomas antigos, coma o hebreo, grego ou latín, e modernos, coma o italiano, así coma os distintos graos da traductio: traslatio, paráfrase, imitatio, allusio, que despois puido manifestar na súa obra non orixinal. O mesmo podería dicirse do Humanismo e dos exercicios de tradución que tivo que aprender na universidade, e que máis tarde plasmaría nas súas traducións do grego ao latín, do romance ao latín, e do latín ao romance. A poesía para el era un suplemento do comentario e da interpretación de auctores, por iso entendeu a súa obra poética orixinal como unha actividade secundaria e privada.

Desta maneira, cara ao 1558 frei Luis de León posuía unha sólida formación intelectual, propia dun humanista: dominio de linguas antigas e modernas, retórica e poética antiga e moderna, crítica textual (a actual ecdótica e exercicios variados en práctica de imitatio dos clásicos. Todo isto unido a un currículo académico propio dun freire agostiño que, tendo cursado as cinco materias dos Studia Humanitatis (Gramática, Retórica, Poética, Filosofía moral e Historia), os estudos da súa orde obrigáronlle, ademais, a abarcar as profundidades da Teoloxía e o coñecemento das Sagradas Escrituras. Todo isto pasado pola peneira do cristianismo máis xenuíno, próximo ao predicado por Erasmo de Rotterdam, que permite caracterizar a frei Luis como un humanista cristián, o que implica darlle preferencia ao crecemento da propia vida espiritual a través da lectura e da escritura, xa que eran un medio de ascese e de ascenso de cara a Deus. É dicir, o amor ás letras profanas e sagradas e o amor a Deus veñen a confluír no mesmo: o desprezo das vaidades deste mundo para centrarse naquelas actividades humanas que elevan o individuo a un mundo de perfección interior que o salva das imperfeccións do mundo. Ambos, estudo e vida relixiosa, estimulan a alma e o espírito, e son camiños de perfección que, no caso da escritura, poden comunicarse aos lectores.

En 1560 preparou a tradución en verso ao castelán e o comentario en prosa do Cantar de los Cantares, un dos libros da Biblia e do Tanakh, cuxo manuscrito tivo unha gran difusión e consecuencias non todas agradables para el. Un ano despois tomou posesión da cátedra de Santo Tomás, e posteriormente gañaría outras cátedras. Nas súas clases defendeu o concepto de "veradde hebrea", isto é, o sentido literal antiescolástico fronte a Vulgata de San Xerome. En 1562 redactou a Exposición del libro de Job, que deixou incompleto.

De 1572 a 1576 permaneceu encarcerado xunto a outros hebraístas, tras ser arrestado pola Inquisición. A acusación partiu dos dominicos e dos xerónimos, e estaba baseada nos seguintes argumentos:

  • Explicar o Cantar de los Cantares en lingua romance.
  • Supoñer a primacía do texto hebreo sobre o latino da Biblia, o cal invalidaba a Vulgata.
  • Aterse ao sentido literal da Biblia e non aos sentidos alegóricos.

Tras permanecer no cárcere, regresou á súa carreira universitaria. En 1578, conseguiu a cátedra de Filosofía moral, e tres anos despois a cátedra da Biblia. En torno a 1580, debeu comezar a preparar o manuscrito completo e orixinal das súas obras en verso en lingua castelá para a imprenta, que incluían os seus propios textos e as traducións, versións etc. En 1582 interveu nunha disputa sobre a liberdade de acción de Cristo, enfrontándose aos dominicos. Un ano máis tarde publicou De los nombres de Cristo e La perfecta casada, dúas obras en prosa. En 1588, publícase a súa edición das obras de Tareixa de Ávila, a quen coñeceu. En 1585 trasladouse a París e, un ano despois, regresou a Salamanca e procedeu a preparar a reforma da súa orde e da súa universidade. É por estas datas cando consegue os máis altos cargos da súa orde: vicario xeral e provincial.

Morreu o 23 de agosto de 1591 en Madrigal de las Altas Torres, Ávila, cando preparaba unha biografía de Tareixa de Ávila. Os seus restos foron levados a Salamanca, en cuxa universidade descansan.

Obra editar

Frei Luis de León cultivou tanto a prosa coma o verso. Dentro da súa obra en prosa podemos atopar traducións de textos sagrados e profanos, ao igual que na súa obra en verso, na cal empregou tanto o latín coma o castelán. Realizou obras esexetas, tratados morais e teoría bíblica. Na súa lírica máis persoal é horacián, pitagórico, cristián, neoestoico e platónico, fundamentalmente. A súa vocación lírica provén non só do seu estro natural, senón tamén de lecturas propias, do afán de exercitarse como humanista, da incitación de amigos e discípulos ou do trato con outros poetas. Os seus versos difundíronse en vida sempre en manuscritos, e polo gran número de copias soltas conservadas, polo menos en círculos intelectuais, frei Luis foi un poeta que gozou dunha grande acollida.

Obra en prosa editar

En prosa, frei Luis elaborou sobre todo tratados e esexeses en lingua romance. Dentro da súa obra en prosa atopamos:

  • Declaración ou comentario á tradución en oitavas reais do Cantar de los Cantares, seguida da In Cantica Canticorum Explanatio (1560), que ao principio e ao final leva os dous poemas en latín. Para a realización desta obra seguiu o texto hebreo, marxina a tradución alegórica, e engade ás veces glosas de tipo filolóxico. Esta obra foi un dos motivos do seu proceso inquisitorial. Ao saír do cárcere, traduciu ao latín dende o castelán.
  • La perfecta casada, do xénero do epitalamio cristián. Apareceu en Salamanca en 1583, o mesmo ano que De los nombres de Cristo, e dedicoulla a unha sobriña del que ía contraer matrimonio. É un tratado sobre os deberes da muller casada e das virtudes que deben adornala, e no que se supera a misoxinia do século XV ao considerar a muller como individuo.
  • La exposición del Libro de Job. Obra que ocupou gran parte da vida do escritor, e que non foi editada ata 1779. Xa falaba dela pouco antes de entrar no cárcere, en 1572, e non a concluíu ata 1591. Esta obra representa o gusto pola esexese en prosa como comentario á tradución, e reflicte os cambios de pensamento e estilo de frei Luis ao prolongarse ao longo dos anos. Cada capítulo breve en prosa está pechado por unha versión longa en tercetos.
  • De los nombres de Cristo. Miscelánea bíblico-patrística con fins de divulgación bíblica. Apareceu en Salamanca en 1583 e pode que fose escriba cara a ese mesmo ano. A obra adopta a forma de diálogo renacentista-didáctico, e nela cóntase a historia de tres freires agostiños: Marcelo, Sabino e Juliano, quen, retirados nunha leira da orde, conversan sobre os distintos nomes que recibe Cristo na Biblia. A obra está construída en torno a núcleos que, co pretexto dos distintos nomes, fala das perfeccións de Cristo.

Obra en verso editar

Segundo a edición princeps de 1631 da obra en verso de frei Luis de León preparada por Quevedo, a disposición que parece que deixou das súa obra poética foi a dun libro tripartito: no Libro primeiro estarían as obras propias ou orixinais en lingua castelá; no Libro segundo atopariamos as traducións, versións, paráfrases, recreacións ou imitacións de textos de autores profanos grecolatinos e italianos; e no Libro terceiro agruparíanse as traducións, versións etc. de autores sagrados e sapienciais.

Poesía orixinal editar

O corpus non é moi abundante: 5 sonetos, 4 cancións petrarquistas, un epitafio fúnebre, e 23 odas, case todas en liras ou estrofas aliradas de 4, 6, e 7 versos hendecasílabos e heptasílabos combinados dunha forma similar a unha lira canónica. As excepcións son a oda XVII, escrita en tercetos, a XXI, en estancias petrarquistas, e a XXIII, en dobre quintilla en octosílabos.

Esta poesía orixinal en lingua castelá tiña un carácter secundario e pertencía á súa esfera máis persoal. En canto á súa concepción da poesía, en De los nombres de Cristo fala dela como comunicación do alento celestial e divino, e da poesía e da linguaxe como formas de harmonía que reproducen o divino e o cósmico. Para el a verdadeira poesía é a que se move entre a moral estoica cristianizada e a relixión, e é a que harmoniza as palabras a través do numerus (a métrica, o verso, son expresións da harmonía do universo, da alma, e da linguaxe). Por iso, poetizar o retiro do sabio dedicado ao estudo, a amizade e a contemplación da beleza natural, rexeitando os afáns materiais e o máis monstruoso do mundo e aspirando á ascese e ao ascenso da alma a rexións superiores da conciencia é o lóxico nun escritor coma frei Luis de León.

Traducións editar

En xeral as súas traducións en verso son difíciles de distinguir das paráfrases ou das obras nas que imita a algún outro escritor, debido aos modos variados humanísticos que existían para a traductio. Tanto frei Luis coma Erasmo de Rotterdam e moitos outros humanistas dos séculos XV e XVI defenderon a tradución literal dos textos. O proceso era arduo: partíase de textos gregos e traducíaos primeiro ao latín, despois do latín ao castelán, e para saber se a tradución era correcta, volvía pasar esa mesma tradución ao castelán ao latín. Dentro das súas traducións en verso temos:

Estilo editar

O estilo de frei Luis de León vese plasmado fundamentalmente na súa obra poética orixinal, na cal amosa un estilo máis persoal. Coma Horacio, mestura o llano con solemne, empregando unha linguaxe artificiosa, cultismos léxicos e semánticos, e numerosas hipérbatos sintácticas. Frei Luis de León é o poeta renacentista que primeiro realizou de forma constante transposicións deliberadas dos elementos da oración co intento de imitar a sintaxe latina. Desta forma, enaltece a lingua castelá asimilándoa a dos autores clásicos. Algúns dos trazos sintácticos que caracterizan a súa poesía son:

  • Colocación do complemento introducido por "de" antes da palabra pola que é rexido.
  • Separación do artigo e do substantivo.
  • Separación do substantivo e do adxectivo pola interposición de voces.
  • Intercalación dun verbo ou un participio entre os dous substantivos coordinados, facendo que a conxunción quede anteposta ao segundo substantivo.
  • Interposición dunha palabra entre a conxunción coordinativa e o último termo dunha serie enumerativa.
  • Intercalación dun substantivo entre dous adxectivos.

Por outro lado, o esquema retórico e rítmico que frei Luis empregaba nas súas composicións foi herdado de Horacio e da poesía humanística neolatina, algo que se pode apreciar no emprego de figuras retóricas de repetición (paralelismos, anáforas) e de interrogacións retóricas ao comezo, no equilibrio de estrofas, no corte brusco ao final do poema, na simboloxía da natureza, na alternancia de descrición-narración, e no pouco metaforismo das súas composicións, xa que o mérito residía na estrutura.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Edicións da poesía orixinal editar

Estudos editar

  • Academia Literaria Renacentista. I: Fray Luis de León, Salamanca, 10-12 de decembro de 1979, ed. V. García de la Concha, Salamanca, Universidad de Salamanca, 1981. (en castelán)
  • Álvarez Tunienzo, S., ed., Escritos sobre fray Luis de León: el teólogo y maestro de espiritualidad, Deputación de Salamanca, 1993. (en castelán)
  • Semabre, R., Estudios sobre fray Luis de León, Salamanca, Universidad de Salamanca, 1978. (en castelán)

Ligazóns externas editar