Black Francis
Black Francis, nado o 6 de abril de 1965 como Charles Michael Kittridge Thompson IV, é un cantante, guitarrista e compositor estadounidense. Activo dende 1985, Black é coñecido por ser o líder da influente banda de rock alternativo Pixies, coa cal adoptou o nome de Black Francis. Despois da separación da banda en 1993 comezou unha carreira en solitario co nome Frank Black.[1] Despois de editar dous álbums con 4AD, deixou o selo e formou a banda Frank Black and the Catholics. Reformou Pixies no ano 2004 e continua editando álbums e xirando en solitario, tendo recuperado o seu antigo nome artístico no ano 2007.
(2010) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Charles Michael Kittridge Thompson IV 6 de abril de 1965 (59 anos) Boston, Estados Unidos de América |
Datos persoais | |
Outros nomes | Frank Black Black Francis |
País de nacionalidade | Estados Unidos de América |
Educación | Universidade de Massachusetts Amherst (pt) Westport High School (en) Narbonne High School (en) |
Actividade | |
Ocupación | músico , cantante , produtor musical , cantautor , guitarrista |
Período de actividade | 1986 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Rock alternativo, indie rock e country alternativo (pt) |
Lingua | Lingua inglesa |
Tesitura | Lyric tenor (en) |
Instrumento | Guitarra e voz |
Selo discográfico | 4AD Sonic Unyon (en) Cooking Vinyl (mul) American Recordings SpinART Records (en) |
Páxina web | frankblack.net |
Biografía
editarMocidade e universidade
editarCharles Thompson naceu en Boston, Massachusetts.[2] O seu pai era propietario dun bar e Thompson viviu nos Ánxeles de bebé porque o seu pai quería "aprender máis sobre o negocio dos restaurantes e bares".[3] Thompson iniciouse na música a unha idade temperá, xa que os seus pais escoitaban folk rock dos 60. A súa primeira guitarra foi a da súa nai, unha guitarra clásica Yamaha mercada coas adeallas do bar do pai, que comezou a tocar aos "11 ou 12" anos.[2]
A familia de Thompson mudouse, primeiro co seu pais, e despois co seu padrasto, un home relixioso que "buscaba inmobles en ambalasdúas costas"; os seus pais separáronse dúas veces cando estaba no primeiro grao.[4] Cando Thompson tiña 12 anos a súa nai e padrasto uníronse a unha igrexa evanxélica ligada á denominación pentecostal Assemblies of God,[4] un movemento que influenciou moitas das súas cancións escritas cos Pixies, que acotío se refiren á Biblia.[5]
Descobreu a música do cantautor de rock cristián Larry Norman aos 13 anos cando Norman tocou nun campamento relixioso de verán ao que Thompson asistiu. A música de Norman influenciou a Thompson ata o extremo de que titulou o primeiro EP de Pixies e unha letra do tema "Levitate Me" por un eslogan de Norman, "Come on, pilgrim!" Thompson despois describiu a música que escoitaba durante a súa mocidade:[3]
Adoitaba saír con algúns inadaptados. [...] Eramos os rapaces 'que escoitamos música estraña'. Non pasaba o rato en concertos para todas as idades ou intentaba entrar en clubs para ver bandas, e mercaba discos en tendas de discos de segunda man e pedíaos prestados na biblioteca. Ti só vías discos de Emerson, Lake & Palmer. Polo que non coñecía a música [punk] pero comecei a escoitar sobre ela no instituto. Pero probablemente foi algo bo que non a coñecese, que no seu lugar escoitase moitos discos dos 60 e esa música relixiosa.
Thompson viviu nun apartamento en Marblehead, Massachusetts. Xusto antes do seu derradeiro ano de instituto a súa familia mudouse a Westport, Massachusetts, onde recibiu o premio Teenager of the Year (adolescente do ano en galego, título que recibiría posteriormente un dos seus álbums).[6] Durante ese tempo Thompson compuxo varias cancións que apareceron posteriormente durante a súa carreira, incluídas "Here Comes Your Man" de Doolittle, e "Velvety Instrumental Version".[7]
Tras graduarse do instituto en 1983, Thompson estudou na Universidade de Massachusetts Amherst, especializándose en antropoloxía.[8] Thompson compartiu habitación cun compañeiro durante un semestre antes de mudarse co futuro guitarrista de Pixies Joey Santiago.[9] Os dous compartían interese pola música rock e Santiago ensinoulle a Thompson o punk dos 70 e a música de David Bowie, comezando a improvisar xuntos.[10] Nesa época Thompson descobreu a The Cars, unha banda que describiu como "moi influínte para min e para os Pixies".[11]
No seu segundo ano de universidade Thompson realizou unha viaxe a San Xoán, Porto Rico, como parte dun programa de intercambio. Pasou seis meses nun apartamento cun "compañeiro de piso estraño e psicópata", que posteriormente inspirou a canción dos Pixies "Crackity Jones";[12] moitas das primeiras cancións da banda falan das experiencias de Thompson en Porto Rico. Thompson non conseguiu aprender a falar español formalmente e deixou os seus estudos despois de debatirse entre ir a Nova Zelandia a ver o cometa Halley (despois diría que "parecía o máis romántico que podía facerse nese momento"), ou comezar unha banda de rock.[10] Escribiu unha carta urxindo a Santiago, coas palabra "temos que facelo, agora é o momento, Joe",[13] para unirse a el nun grupo cando regresase a Boston.[14]
Pixies
editar- Artigo principal: Pixies.
Pouco despois de regresar a Massachusetts, Thompson deixou a universidade e mudouse a Boston con Santiago.[1] O ano 1985 pasouno traballando nun almacén, "engargándose de botóns de osiños de peluche", compoñendo cancións coa súa guitarra acústica e escribindo letras no metro.[14] En xaneiro de 1986 Thompson formou Pixies con Santiago. A baixista Kim Deal foi recrutada unha semana despois a través dun anuncio clasificado nun xornal de Boston que solicitaba un baixista "cara Hüsker Dü e Peter, Paul and Mary". O batería David Lovering foi contratado posteriormente pola recomendación do marido de Deal.[8][15]
En 1987 Pixies publicou unha cinta demo de 18 temas, comunmente referida como The Purple Tape. O pai de Thompson financiou á banda, prestándolles 1 000 dólares para gravar a cinta; Thompson dixo despois que o seu pai "non estivo presente durante moitos dos meus anos mozos, así que creo que estaba facendo o mellor posible para recuperar o tempo perdido".[16] The Purple Tape levou a un contrato discográfico co selo independente inglés 4AD.[10] Para o lanzamento do mini álbum Come On Pilgrim, Thompson adoptou o alias "Black Francis", un nome inspirado polo seu pai: "gardara ese nome no caso de que tivese outro fillo".[17]
En 1988 Pixies gravou o seu álbum de estrea Surfer Rosa. Thompson compuxo e cantou todos os temas coa excepción do sinxelo "Gigantic", coescrito e cantado por Deal. Para promocionar o disco a banda realizou unha xira europea durante a cal Thompson coñeceu a Eric Drew Feldman, que posteriormente colaboraría cos Pixies e nalgúns dos seus álbums en solitario. Doolittle, con cancións de Thompson como "Debaser" e "Monkey Gone To Heaven", publicouse o ano seguinte coa aclamación xeneralizada da crítica.[18] Porén, nesa época, as tensións existentes entre Thompson e Deal, combinadas co cansazo, fixeron que o grupo anunciase un hiato.[19] Thompson ten med a voar e pasou esa época conducindo a través dos Estados Unidos coa súa moza, Jean Walsh (que coñecera nos primeiros tempos da banda),[20] realizando concertos en solitario co obxectivo de conseguir cartos para mercar mobles para o seu novo apartamento nos Ánxeles.[21]
A banda volveu á actividade en 1990 e gravou dous álbums máis: Bossanova ese mesmo ano e Trompe le Monde en 1991, sendo este último a primeira colaboración de Thompson con Feldman. Os últimos discos de Pixies caracterizáronse por unha maior influencia de Thompson na obra da banda, ademais de centrarse en temas de ciencia ficción, como aliens e OVNIs. Thompson continuaría explorando esa temática nos seus primeiros traballos en solitario. Trompe le Monde inclúe a canción "U-Mass", sobre a universidade á que asistíu, e a parte de teclados tocada por Feldman significou un afastamento do rock alternativo do grupo. Aínda que Deal aportara as cancións "Gigantic" (de Surfer Rosa) e "Silver" (de Doolittle), a partir de Bossanova Thompson compuxo todo o material orixinal de Pixies. Este feito aumentou a tensión que xa había entre os dous[21] e o grupo separouse en 1992, aínda que non se anunciou ata principios de 1993.[22]
Primeira etapa en solitario
editarMentres Trompe le Monde estaba sendo gravado Thompson tivo conversas co produtor do disco, Gil Norton, sobre un posible álbum en solitario. Díxolle a Norton que estaba ansioso por gravar novamente, incluso a pesar de que non tiña material novo; como resultado decidíronse por un álbum de versións. Porén, cando Thompson visitou outra vez un estudio en 1992 tiña "moitas cancións e fragmentos musicais".[23]
Colaborou con Feldman para gravar material novo, comezando con baixando o número de versións a só unha, "Hang On to Your Ego" de The Beach Boys.[24] Feldman converteuse no produtor do álbum e tocou os teclados e o baixo en varios temas,[25] con Santiago tocando a guitarra solista[26] e Nick Vincent a batería. Francis gravou o disco durante os histos e a separación de Pixies a finais de 1992 e principios de 1993. Despois adoptou o nome artístico "Frank Black" e publicou o resultado como Frank Black en marzo de 1993.[27] Frank Black caracterizábase por centrarse en OVNIs e ciencia ficción, aínda que tamén exploraba outros temas, como no tema "I Heard Ramona Sing", aque falaba sobre os Ramones.[28] O álbum tiña un estilo semellante, tanto musical como liricamente, a Bossanova e Trompe le Monde dos Pixies. Feldman posteriormente dixo que ese primeiro disco conectou a súa carreira en solitario con Trompe le Monde, "pero ao mesmo tempo é unha illa, como nada que [Black] fixera".[29]
O ano seguinte Black publicou seu segundo álbum en solitario, un disco dobre de 22 cancións titulado Teenager of the Year.[30] Teenager incluía o tema "Headache" que tivo un éxito moderado nas listas alternativas; os críticos describiron a canción como "pop irresistible".[31] A produción de Teenager of the Year foi bastante distinta á de Frank Black; no anterior álbum usáronse modelos MIDI para compoñer as cancións, pero en Teenager Black mostrou as partes individuais aos membros da banda, formada por Vincent na batería e Lyle Workman na guitarra solista. Feldman destacou que a forma de compoñer de Thompson volvérase "moito máis espontánea" durante a gravación do traballo.[29] Thompson comezara a desviarse do seu estilo cos Pixies, escribindo cancións que abarcaban distintos xéneros e temas.
Tanto Frank Black como Teenager of the Year foron moi ben recibidos pola crítica, aínda que só gozaron dun éxito comercial limitado. En 1995 Thompson desixou os selos 4AD e Elektra.[32] En 1996 lanzou The Cult of Ray a través da discográfica de Rick Rubin American Recordings; o álbum afastouse da elaborada produción dos seus primeiros traballos e gravouse principalmente ao vivo, con só uns poucos engadidos a maiores. A banda para este disco aparecía novamente Lyle Workman na guitarra solista, xunto co baixista David McCaffrey e o batería Scott Boutier.[33] Aínda que o disco non tivo éxito comercial e da crítica, o seu enfoque simplista definiría cada vez máis os métodos de traballo de Thompson dos seus seguintes anos.
Frank Black and the Catholics
editarThompson bautizou á súa nova banda "Frank Black and the Catholics" e gravou o seu primeiro álbum epónimo en 1997. Gravado ao vivo en dúas pistas inicialmente só como unha simple demo, quedou tan satisfeito co resultado que decidiu publicar as sesións sen engadirlle máis produción.[34] O álbum atrasouse durante un ano por conflitos con American, tanto internos como con respecto á produción,[35] e finalmente apareceu a finais de 1998 a través de SpinArt Records nos Estados Unidos. Dende que deixou American, Black evitou contratos longos con discográficas e mantivo a propiedade dos másters dos seus traballos, licenzando individualmente cada álbum para o seu lanzamento.[36]
Frank Black and the Catholics converteuse no primeiro álbum publicado polo servizo eMusic; a compañía afirma que é "o primeiro álbum dispoñible legalmente para descarga comercial".[37] A recepción da crítica foi variada, destacando algúns escritores o aparente afastamento deliberado de Thompson da "rareza" dos Pixies e dos seus primeiros traballos en solitario cara a un enfoque consciente e directo,[34][38] e destacando tamén "o decepcionante punk-pop sinxelo" presente no disco.[39]
Thompson continuou evitando a gravación multipista en favor da técnica da gravación en vivo en dúas pistas nos seguintes traballos de Frank Black and the Catholics. En álbums posteriores incorporou máis músicos ás sesións para poder ter texturas instrumentais máis variadas. Explicando a súa razón fundamental detrás deste método comentou:[40]
Ben, é real. É a gravación dunha actuación, dunha actuación real entre un grupo de xente, unha comitiva, unha banda, ao contrario que un facsímile disto, que é o que a xente foi normalmente coa gravación multipista... Eu prefíroo. É un pouco máis real. Ten un pouco máis de corazón.
Workman deixou The Catholics en 1998 para seguir traballando como músico de sesións e auxilar, e Rich Gilbert foi o seu substituto.[41] Frank Black and the Catholics editaron Pistolero en 1999[39] e Dog in the Sand en 2001.[42][43] Dog in the Sand engadiu a Dave Philips na pedal steel guitar e na guitarra solista, e Santiago e Feldman comezaron a facer aparicións ocasionais co grupo tanto ao vivo como nas gravacións.[44]
Nesa época, mentres descartaba a posibilidade dunha reunión dos Pixies, Thompson comezara a incorporar cade vez máis temas da banda nos concertos de The Catholics, ademais de incluír a Santiago novamente no seu traballo en solitario. Black e The Catholics continuaron publicando discos; dous álbums distintos, Black Letter Days e Devil's Workshop, lanzáronse simultaneamente en 2002.[45] Devil's Workshop incluía a canción "Velvety", unha versión de "Velvety Instrumental Version" dos Pixies (composta por Black cando era adolescente) con letra. Un sexto álbum con The Catholics, Show Me Your Tears, publicouse en 2003. O título de Show Me Your Tears e moitas das súas cancións inspiráronse no divorcio recente de Thompson.[32]
Reunión dos Pixies
editarA finais de 2003, tras moito tempo de rumores, fíxose o anuncio oficial de que Pixies estaba ensaiando para unha xira de reunión. A banda tocou en público por vez primeira tras 12 anos en abril de 2004, e iniciou unha longa xira polos Estados Unidos, Canadá e Europa ese mesmo ano. O grupo tamén gravou unha das composicións de Deal, "Bam Thwok", que foi editada a través de iTunes Music Store. Frank Black Francis, un álbum dobre que cobre o oco entre as súas dúas personaxes, publicouse para coincidir coa xira de reunión de Pixies. O primeiro disco está formado por demos en solitario de cancións dos Pixies gravadas o día antes da gravación de The Purple Tape, e o segundo ten colaboracións de estudio, tamén de cancións de Pixies, con Two Pale Boys.
Tamén en 2004 Thompson comezou a colaborar cun grupo de músicos de sesión de Nashville, incluídos Steve Cropper, Spooner Oldham, Reggie Young, e Anton Fig, ademais do produtor Jon Tiven. En xullo de 2005 o colectivo publicou Honeycomb baixo o nome de Frank Black, con recensións xeralmente favorables. Entertainment Weekly describiu o álbum como "sobrio, elegante, [e] no peto", mentres que Billboard destacouno como "Unha das mellores horas [de Thompson]".[46] Un segundo volume das sesións de Nashville, un álbum dobre titulado Fast Man Raider Man, foi editado en xuño de 2006.[47] Thompson apareceu nun concerto do pioneiro do rock cristián Larry Norman en xuño de 2005 en Salem, Oregón. Norman e Thompson interpretaron xuntos o tema "Watch What You're Doing", que posteriormente apareceu no álbum de Norman, Live at The Elsinore.[48]
Thompson continuou xirando cos Pixies en 2005 e 2006. Aínda que The Catholics estaban definitivamente mortos, publicaron dous álbums distintos de rarezas e caras b, Snake Oil e One More Road for the Hit, a través de iTunes, con vistas para un futuro lanzamento en CD. Thompson tamén estivo traballando en máis material en solitario con Feldman na primeira parte de 2006, algún do cal interpretaron ao vivo. No outono dese ano Thompson iniciou a súa primeira xira só dende 2003, con Feldman, Billy Block e Duane Jarvis xunto coa súa banda de apoio.[49] No mes de outubro Thompson anunciou plans para comezar a ensaiar e gravar un novo álbum cos Pixies en xaneiro de 2007.[50] En decembro de 2006 publicou o recompilatorio Christmass; unha colección de novos temas de estudio, sesións en habitacións de hotel, e gravacións ao vivo en acústico da súa xira en solitario do anterior verán.[51]
Un recompilatorio de grandes éxitos de Frank Black, Frank Black 93-03, apareceu en xuño de 2007. Coindicindo con ese lanzamento, Thompson realizou unha xira europea cunha nova banda que contaba cos membros de Guards of Metropolis Jason Carter e Charles Normal,[52] ademais do baixista Ding Archer. Para esta xira Thompson evitou o seu rol de guitarrista rítmico e actuou só como líder e vocalista. No mes de setembro publicouse un novo álbum baixo o nome de Black Francis titulado Bluefinger. Neste traballo inspirouse na vida e obra de Herman Brood, un músico e artista neerlandés. Tamén publicou o mini álbum Svn Fngrs como Black Francis en marzo de 2008.
En febreiro de 2008 Thompson foi detido pola policía irlandesa en Dublín despois de realizar un concerto en solitario improvisado en St. Stephen's Green. Despois foi liberado e actuou esa noite en Vicar Street como estaba planeado.[53] Porén, un evento semellante planeado para Londres foi evitado pola policía e tivo que reorganizarse nun lugar pechado máis pequeno.
Tamén en 2008 Black produciu o terceiro álbum de Art Brut, Art Brut vs. Satan, publicado no ano seguinte. Black concedeu varias entrevistas xunto co líder Eddie Argos sobre o traballo, e Art Brut foi abreconcertos dos Pixies no seu concerto en 2009 no Brixton Academy.[54] En 2010 Black traballou co grupo por segunda vez no seu disco Brilliant! Tragic!.[55]
Black Francis publicou NonStopErotik en marzo de 2010 e achegou a canción "I Heard Ramona Sing" á banda sonora da película Scott Pilgrim vs. the World estreada en agosto dese mesmo ano..
No outono de 2010 Thompson gravou en Nashville un álbum de cancións novas compostas e interpretadas co seu colaborador Reid Paley, co nome de Paley & Francis. O álbum de estrea de Paley & Francis, tamén titulado Paley & Francis, foi producido por Jon Tiven, e conta con Reid Paley e Black Francis na guitarra e na voz, acompañados pola lenda de Muscle Shoals Spooner Oldham no piano e David Hood no baixo. O álbum publicouse en outubro de 2011 a través de Sonic Unyon en Norteamérica e de Cooking Vinyl en Europa.[56][57]
Paley & Francis estreáronse en directo a comezos de setembro de 2011 con actuacións en clubs de Albany, Buffalo, e Hamilton, e como un dos cabezas de cartel do Supercrawl Festival. A banda para eses concertos estaba formada por Reid Paley e Black Francis nas guitarras e voces, Eric Eble no baixo, e Dave Varriale na batería. A parella xirou novamente en febreiro de 2013.[58]
Discografía
editarÁlbums de estudio
editarÁlbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Frank Black | 1993 | 4AD/Elektra Records |
Teenager of the Year | 1994 | 4AD/Elektra Records |
The Cult of Ray | 1996 | American Recordings |
Frank Black and the Catholics | 1998 | SpinART |
Pistolero | 1999 | SpinART |
Sunday Sunny Mill Valley Groove Day | 2000 | no editado |
Dog in the Sand | 2001 | SpinART |
Black Letter Days | 2002 | SpinART, Cooking Vinyl |
Devil's Workshop | 2002 | SpinART, Cooking Vinyl |
Show Me Your Tears | 2003 | SpinART, Cooking Vinyl |
Frank Black Francis | 2004 | SpinART, Cooking Vinyl |
Honeycomb | 2005 | Back Porch, Cooking Vinyl |
Fast Man Raider Man | 2006 | Back Porch, Cooking Vinyl |
Bluefinger | 2007 | Cooking Vinyl |
The Golem | 2010 | Cooking Vinyl |
NonStopErotik | 2010 | Cooking Vinyl |
Paley & Francis | 2011 | Cooking Vinyl |
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Frank Black: A Tale of Two Coasts". Frank Black. Consultado o 17 de setembro de 2018.
- ↑ 2,0 2,1 Frank, Ganz, 2005. p. 3
- ↑ 3,0 3,1 Frank, Ganz, 2005. p. 4
- ↑ 4,0 4,1 Sisario, 2006. p. 10
- ↑ Sisario, 2006. p. 11
- ↑ Frank, Ganz, 2005. p. 5
- ↑ Sisario, 2006. p. 88
- ↑ 8,0 8,1 "Pixies | Biography, Albums, Streaming Links". AllMusic (en inglés). Consultado o 2020-08-17.
- ↑ Frank, Ganz, 2005. p. 9
- ↑ 10,0 10,1 10,2 "4AD - Pixies". web.archive.org. 2006-06-18. Archived from the original on 18 de xuño de 2006. Consultado o 2020-08-17.
- ↑ Frank, Ganz, 2005. p. 10
- ↑ Sisario, 2006. p. 12
- ↑ Frank, Ganz, 2005. p. 12
- ↑ 14,0 14,1 Frank, Ganz, 2005. p. 11
- ↑ Frank, Ganz, 2005. p. 18
- ↑ Sisario 2006. p. 16
- ↑ Sisario 2006. p. 18
- ↑ "Rocklist.net...NME Writers Lists...". www.rocklistmusic.co.uk. Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2015. Consultado o 2020-08-18.
- ↑ Frank, Ganz, 2005. p. 132
- ↑ Frank, Ganz, 2005. p. 25
- ↑ 21,0 21,1 "4AD - Pixies". web.archive.org. 2007-09-27. Archived from the original on 27 de setembro de 2007. Consultado o 2020-08-18.
- ↑ Frank, Ganz, 2005. p. 173
- ↑ "4AD - Frank Black". web.archive.org. 2006-11-23. Archived from the original on 23 de novembro de 2006. Consultado o 2020-08-18.
- ↑ "Rolling Stone : Frank Black: Frank Black : Music Reviews". web.archive.org. 2007-02-13. Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2007. Consultado o 2020-08-18.
- ↑ "The Captain Beefheart Radar Station - Eric Drew Feldman Discography". web.archive.org. 2006-10-28. Archived from the original on 28 de outubro de 2006. Consultado o 2020-08-18.
- ↑ Frank, Ganz, 2005. p. 187-8
- ↑ "4AD - 1993 Releases - Frank Black". web.archive.org. 2006-07-06. Archived from the original on 06 de xullo de 2006. Consultado o 2020-08-18.
- ↑ "4AD - Frank Black". web.archive.org. 2006-05-12. Archived from the original on 12 de maio de 2006. Consultado o 2020-08-19.
- ↑ 29,0 29,1 Frank, Ganz, 2005. p. 188
- ↑ "Teenager of the Year - Frank Black | Songs, Reviews, Credits | AllMusic" (en inglés). Consultado o 2020-08-19.
- ↑ "Frank Black Album Reviews". web.archive.org. 2006-12-09. Archived from the original on 09 de decembro de 2006. Consultado o 2020-08-19.
- ↑ 32,0 32,1 "Frank Black | Biography & History". AllMusic (en inglés). Consultado o 2020-08-19.
- ↑ "Frank Black : The Cult of Ray - Listen, Review and Buy at ARTISTdirect". web.archive.org. 2008-12-08. Archived from the original on 08 de decembro de 2008. Consultado o 2020-08-19.
- ↑ 34,0 34,1 "Black's first holy communion for post-Pixies fans | Oct 23, 1998". web.archive.org. 2006-09-17. Archived from the original on 17 de setembro de 2006. Consultado o 2020-08-19.
- ↑ "A Frank Black internet radio show!?!?". quimby.gnus.org. Consultado o 2020-08-19.
- ↑ "Splendid: Features: Frank Black". web.archive.org. 2006-12-15. Archived from the original on 15 de decembro de 2006. Consultado o 2020-08-19.
- ↑ "Hey - Live Pixies, MP3 Album Music Download at eMusic". web.archive.org. 2006-02-07. Archived from the original on 07 de febreiro de 2006. Consultado o 2020-08-19.
- ↑ "Frank Black and the Catholics - Frank Black and the Catholics | Songs, Reviews, Credits | AllMusic" (en inglés). Consultado o 2020-08-19.
- ↑ 39,0 39,1 "Pistolero - Frank Black and the Catholics | Songs, Reviews, Credits | AllMusic" (en inglés). Consultado o 2020-08-19.
- ↑ "Frank Black". web.archive.org. 2006-12-08. Archived from the original on 08 de decembro de 2006. Consultado o 2020-08-19.
- ↑ "FrankBlack.net - Bio section, find out more about Frank the the Catholics". web.archive.org. 2006-10-12. Archived from the original on 12 de outubro de 2006. Consultado o 2020-08-19.
- ↑ "Media Nugget : Dog in the Sand : Frank Black and the Catholics". web.archive.org. 2006-10-21. Archived from the original on 21 de outubro de 2006. Consultado o 2020-08-19.
- ↑ "Dog In The Sand by Frank Black & The Catholics" (en inglés). Consultado o 2020-08-19.
- ↑ "Frank Black and the Catholics: Dog in the Sand". PopMatters (en inglés). 2001-01-29. Consultado o 2020-08-19.
- ↑ "Black Letter Days by Frank Black & The Catholics" (en inglés). Consultado o 2020-08-19.
- ↑ "Honeycomb by Frank Black" (en inglés). Consultado o 2020-08-20.
- ↑ "Frank Black Fashions Double Album". Billboard. 2006-03-08. Consultado o 2020-08-20.
- ↑ "Live At The Elsinore". web.archive.org. 2007-09-28. Archived from the original on 28 de setembro de 2007. Consultado o 2020-08-20.
- ↑ "Frank Black to launch fall tour with new band >> Tour dates and concert ticket info >> LiveDaily". web.archive.org. 2007-07-18. Archived from the original on 18 de xullo de 2007. Consultado o 2020-08-21.
- ↑ "Pixies to begin work on new album | NME". NME Music News, Reviews, Videos, Galleries, Tickets and Blogs | NME.COM (en inglés). 2006-10-24. Consultado o 2020-08-21.
- ↑ "Frank Black Wishes You A Merry Christmass | CHARTattack". web.archive.org. 2011-06-07. Archived from the original on 07 de xuño de 2011. Consultado o 2020-08-21.
- ↑ "Guards of Metropolis Website". web.archive.org. 2010-08-11. Archived from the original on 11 de agosto de 2010. Consultado o 2020-08-21.
- ↑ "Gardaí halt free Dublin gig by Pixies frontman" (en inglés). 2008-02-11.
- ↑ "Pixies announce support for upcoming London shows | NME". NME (en inglés). 2009-09-26. Consultado o 2020-08-21.
- ↑ "Art Brut Vs Satan". web.archive.org. 2011-03-02. Archived from the original on 02 de marzo de 2011. Consultado o 2020-08-21.
- ↑ "Reid Paley & Black Francis: Paley & Francis « American Songwriter". American Songwriter (en inglés). 2011-10-18. Consultado o 2020-08-21.
- ↑ "Album Review: Paley & Francis - Paley and Francis". Consequence of Sound (en inglés). 2011-10-18. Consultado o 2020-08-21.
- ↑ January 28, BrooklynVegan StaffPublished:; 2013. "Black Francis touring with Reid Paley in February (dates)". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2020-08-21.
Bibliografía
editar- Frank, Josh; Ganz, Caryn. (2005). Fool the World: The Oral History of a Band Called Pixies. Virgin Books. ISBN 0-312-34007-9.
- Sisario, Ben. (2006). Doolittle. Continuum, 33⅓ series. ISBN 0-8264-1774-4.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Black Francis |