Moi cedo trasladaríase a Ourense, onde descubriría por medio do seu avó materno, canteiro de profesión, a súa vocación artística.
Viaxou a Castela, onde coñeceu os traballos de xente que deixarían unha fonda pegada nel, como Alonso Berruguete e Jean de Joigny. Os seus comezos foron como aprendiz de Alonso Martínez, en Ourense. En 1598 comeza a traballar como escultor independente, realizando a escultura de San Roque da catedral de Ourense. Na súa primeira etapa destacan o retablo maior da Igrexa de Santo Estevo de Sandiás, e ó de San Pedro das Maos (Ourense). Máis adiante realizaría obras como o San Mauro da catedral de Ourense, o retablo da igrexa de Beade en Ribadavia, e cinco retablos para o convento de Samos.
Xa en Lugo, realizaría a súa obra mais importante, o Coro da Catedral de Lugo. O rematar o coro lucense, contrátano en Monforte de Lemos para a realización do retablo da capela maior da igrexa dos Xesuítas, o Colexio da Nosa Señora da Antiga, unha impresionante obra, en tamaño e calidade artística, que non sería quen de rematar, pois en Monforte de Lemos o sorprende a morte en 1636, sendo o seu fillo Francisco quen rematará a monumental obra.