Francisco Sánchez

filósofo portugués

Francisco Sánchez, alcumado o escéptico, nado en Tui en 1551 e finado en Tolosa en 16 de novembro 1623, foi un filósofo e médico galego (aínda que sobre o lugar de nacemento existen discrepancias), clasificábel na corrente denominada escepticismo.

Infotaula de personaFrancisco Sánchez

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(pt) Francisco Sanches
(es) Francisco Sánchez Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1550 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata
Tui Editar o valor em Wikidata
Morte16 de novembro de 1623 Editar o valor em Wikidata (72/73 anos)
Tolosa, Francia Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
Outros nomesEl Escéptico Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEspaña
Reino de Portugal Editar o valor em Wikidata
EducaciónColégio de Guiana (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmédico , filósofo , matemático Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade de Montpellier Editar o valor em Wikidata
ProfesoresÉlie Vinet (pt) Traducir e António de Gouveia (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá, lingua latina e lingua portuguesa Editar o valor em Wikidata
A súa casa en Tolosa.

Traxectoria editar

Aínda que naceu en Tui, Sánchez foi bautizado en Braga o 25 de xullo de 1551 e pasou a súa crianza alí.[1] Seu pai foi Antonio Sánchez, médico español; e a súa nai, Filipa de Sousa, de orixe portuguesa.[2][3] De orixe xudía, aínda que convertido, foi considerado legalmente un cristián novo.

Seu pai trasladouse a Francia e estabeleceuse en Bordeos. Alí comezou o fillo os seus estudos de medicina e continuounos en Italia, residindo un longo tempo en Roma. Graduouse como doutor na escola médica de Montpellier en 1573, tras ser axudante do famoso médico Jean Hucher, Chancelier de l'Université de Montpellier, sorprendeu nunhas brillantes oposicións e aos vinte e catro anos obtivo unha das principais cátedras desa universidade, que desempeñou once anos ata que as guerras civís de relixión e as loitas do tempo da Liga o fixeron abandonar e refuxiarse en Tolosa, onde viviu o resto dos seus días ocupado en practicar a medicina. Foi profesor da Facultade de Medicina de Tolosa, onde estudara dereito e medicina Miguel Servet de 1528 a 1530 e sentara cátedra Giordano Bruno entre 1579 e 1581.

Declara no prólogo á súa obra filosófica máis ambiciosa, De multum nobili et prima universali scientia. Quod nihil scitur (Do máis nobre e universal primeiro saber. Que nada se sabe), ser un adversario do aristotelismo e do argumento da autoridade. Defendeu o exame directo de calquera realidade antes de tela como tal, sometendo os datos da experiencia á análise e crítica do xuízo, se ben o coñecemento, para el, só pode alcanzar os accidentes, non as pretendidas esencias das cousas. A única realidade cognoscible é o mundo externo. A filosofía de Sánchez, anticipando a crítica de David Hume, detense nunha fenomenoloxía da probabilidade, xa que o noso coñecemento, soamente probábel, só o é de aparencias, de fenómenos. Nisto, como na súa esixencia de método, móstrase como un claro precursor de René Descartes.

Sánchez escribiu o prólogo do seu Quod nihil scitur en 1576 e a obra cartesiana seméllase tanto no inicial á súa que o francés Pierre Daniel Huet mesmo acusou ao famoso filósofo de plaxialo no que atinxe á "dúbida metódica", e é verdade que as primeiras páxinas do Discurso do método recordan bastante ó prólogo de Sánchez[Cómpre referencia]. Conta logo Sánchez como a súa curiosidade se lle indixestou non achando nada que colmase o seu desexo de coñecer e como nos antigos non atopou máis que "sombras de verdade", de forma que tivo que volver a si mesmo, coma se nada lle dixesen xamais, comezando a examinar as cousas mesmas, xa que así é a verdadeira forma de saber. Como Descartes, Francisco Sánchez diríxese a quen non está obrigado a admitir argumentos de autoridade e examina as cousas co seu propio criterio, "guiado polos sentidos e a razón". Non promete a Verdade, pois ignóraa. Anima ao lector: "Ti mesmo perseguirala, unha vez que sexa dalgún xeito descuberta e sacada do seu esconderixo, mais non esperes atrapala nunca nin posuíla a propósito; básteche o mesmo que a min: acósaa".

 
Sinatura no Diploma da Universidade de Mompilher.

Sánchez depende moi directamente da tradición escéptica de Pirrón, que aparece tamén nos Ensaios de Michel de Montaigne. En efecto, en 1562 aparecían en latín os esbozos pirrónicos de Sexto Empírico traducidos do grego polo francés Henri Estienne e, en 1569, a tradución ao latín do Adversus Mathematicos ("Contra profesores dogmáticos") do mesmo autor.

A conclusión da filosofía de Francisco Sánchez é que só é posíbel un coñecemento imperfecto das cousas, xa que os sentidos non captan a verdadeira natureza das cousas, e que nada se sabe con seguridade.

 
Estatua de Francisco Sánchez en Braga.

Leibniz, Ludwig Gerkrath ou W. Wildeband (que o pon ao mesmo nivel que a Kant) tiveron en grande estima a filosofía de Sánchez.

Pensamento filosófico editar

Refutación das teorías da ciencia aristotélica, platónica e escolástica editar

Francisco Sánchez inicia o Quod nihil scitur coa afirmación:

"Nin tan sequera sei que non sei nada" — (Sanches: 1955, p.15).

adiantando que esta afirmación lle serve de lábaro para dela inferir que

"nada se sabe" — (Sanches: 1955, p.15).

Antes mesmo de se interrogar sobre a natureza da ciencia, Francisco Sánchez ve nas definicións escolásticas nada máis que palabras (flatus voces):

"[...] todas as definicións son verbais, ben como case todas as cuestións. Explícome. A eséncia das cousas non a podemos coñecer — polo menos eu " — (Ibid., p.15).

O filósofo conclúe que é un erro chamarlle hábito á ciencia, pois a ciencia non é unha cualidade,

"antes un acto mental simple" — (Ibid., p.15).

O enfoque da crítica sanchesiana á epistemoloxía aristotélica ten dous albos: por un lado, o aparello categorial e, por outro, a xénese e natureza da propia produción científica.

A ciencia como lembranza, defendida por Platón, é, do mesmo modo, refutada. O coñecemento, como recordo, non é aceptado por Sánchez, considerando a teoría da reminiscencia como unha teoría absurda:

"Se a alma sabía antes de unirse ao corpo, tamén despois é ela a que sabe, non o home. Polo tanto, é ou non inepto dicir que a alma sabe?" — (Sanches: 1955, p.41).

Na dedución siloxística, Sánchez contrapón a relación entre a análise e a síntese, coa primacía para a primeira, sendo estas os dous modos de construír a ciencia. A unidade entre a análise e a síntese reflecte, de certo modo, a unidade entre o simple e o complexo, da propia natureza das cousas, residindo aquí a razón pola cal a ciencia é unha e non dupla.[4]

"Non é verdade que a ciencia sexa dupla : se algunha houbese, sería unha e simple, como a visión: hai, porén, dúas maneiras de obtela: unha simple como a materia, a forma e o espírito, se queres: outra, por así dicir, composta, que conviña analizar previamente, coñecendo primeiro cada unha das partes, e só despois o todo. No entanto, o primeiro modo precede sempre ao segundo, mais non sempre segue a aquel" — (Sanches: 1955, p.41).

O escepticismo editar

Antecedentes e influencias escépticas editar

Por unha parte, a influencia do escepticismo antigo chega a Francisco Sánchez da man de Cicerón, autor que podemos encontrar en varias ocasións citado na súa obra. Da influencia de Cicerón na época de Sánchez destaca a difusión que tivo a partir de 1535 coa obra Académica, que se converteu nunha obra fundamental para o estudo do escepticismo[5]. Da influencia desa certa visión romana do escepticismo destacan tamén a popular obra de Lucrecio De rerum natura.

Non obstante, é moi posible que Francisco Sánchez lese as Hipotiposis pirrónicas de Sexto Empírico antes de escribir a súa obra Quod Nihil Scitur, o que o faría entrar en contacto mais estreito co escepticismo antigo. De feito, Raimond Delasse, un discípulo seu, menciona o pirronismo como característica máis relevante do seu mestre. Pero hai notables diferenzas co escepticismo de Sánchez, polo que o seu discípulo se refire máis ben a características como o uso da "epoché" (suspensión do xuízo), característica do pirronismo. O aprezo pola obra de Sexto Empírico e os pirrónicos tamén o atopamos en Montaigne, a outra gran figura do escepticismo humanista[5].

Grazas á súa actividade docente en Francia e aos seus estudos en Roma, Sánchez entrou en contacto coas lecturas e influencias intelectuais da época. O escepticismo non gozou de gran número de defensores na época en que viviu Francisco Sánchez, pero hai varias figuras cuxa actividade, moi en concordancia co espírito do renacemento, deron pé á recuperación de teses do escepticismo. Así, a obra de Sébastien Châteillon (1515-1563) De arte dubitandi reflectía a situación en que os humanistas críticos aplicaban as súas propias lecturas dos clásicos e da Biblia sobre o que debían de facer e de crer[5].

Destacan tamén figuras como a de Pico della Mirandola, que puxera en dúbida a ciencia pagá contrastándoa coa verdade cristiá en Examen vanitatis doctrinae Gentium (Exame da vaidade da sabedoría pagá), debilitando o ámbito de coñecemento que se adquiría nas universidades. Tambén, achamos a actitude ante o coñecemento de Heinrich Cornelius Agrippa de Nettesheim no discurso De incertitude et vanitate scientiarum (Sobre a incerteza e vaidade das ciencias), que, igual que Pico della Mirandola (dúas perspectivas diferentes), resulta unha crítica á fidelidade que se lles inculca aos estudantes nas materias tratadas por Aristóteles, Boecio, Tomás de Aquino e Alberto Magno, crítica que retoma con dureza Francisco Sánchez en Quod nihil Scitur. Tamén salienta unha figura próxima ao autor, Juan Luis Vives e a súa obra pedagóxica, así como a súa teoría do saber na obra De anima[5].

Escepticismo empírico editar

O empeño principal da filosofía de Sánchez foi o de renovar a idea de ciencia, isto é, romper cos moldes da epistemoloxía tradicional para iniciar novos caminos na historia do pensamento e da investigación científica. Isto fai da súa figura un dos primeiros homes do Renacemento que foi quen de ver a ciencia nun sentido moderno.

Nesta nova proposta xoga un papel crucial o escepticismo como ferramenta crítica coa tradición. Por isto, o escepticismo que se mostra en Quod nihil scitur ten unhas características propias que o diferencian do escepticismo pirrónico clásico, xa que se usa como un instrumento de avaliación. En moitos sentidos, este valerse do cuestionamento da tradición é un adianto do que será a dúbida metódica cartesiana[6].

Así, a actitude escéptica de Sánchez consiste en só aceptar como verdadeiro, total e absoluto coñecemento o que proveña dunha visión directa e última das cousas: este é o coñecemento perfecto da realidade que constitúe a verdadeira ciencia. Esta visión da ciencia oponse radicalmente ao saber mediato, é dicir, o coñecemento adquirido por intermediarios. Esta actitude leva como consecuencia o evitamento do uso de argumentos de autoridade, a revisión crítica e o coidado do uso da linguaxe, e, en xeral, a renuncia á autoridade da tradición filosófica en que se educou, buscando unha actitude de independencia[6].

Por isto, ao longo de Quod nihil scitur, pretende refutar gran parte das posturas aristotélicas e platónicas, adoptando un nominalismo de clara influencia okhamista. Así, a pesar da proclama central da obra de que nada se sabe, Sánchez non renuncia á posibilidade do coñecemento e parte do nominalismo, someténdoo á revisión crítica escéptica, precisamente para evitar a tendencia deste á metafísica (elemento que critica das concepcións platónica e aristotélica) e para eliminar os supostos teolóxicos (voluntarismo). Por isto, o escepticismo que se mostra en Quod nihil scitur ten un obxectivo claro: demostrar a necesidade dun método fiable para coñecer o real na súa diversidade: isto fai que se diferencie do escepticismo pirrónico e tome a forma do escepticismo empírico, que servirá de inspiración ás correntes empíricas posteriores do pensamento moderno[5][6].

Epistemoloxía editar

Para Francisco Sánchez, a aprehensión íntima da cousa é a meta final que constitúe o coñemento verdadeiro ou perfecto, isto é, a verdadeira ciencia. Este coñecemento perfecto refire ao coñecemento metafísico pretendido pola escolástica e o neoplatonismo, e é un coñecemento que xamais lle é dado ao ser humano por completo. Nesta tese baséase a insistencia no sinalamento da ignorancia humana na súa obra filosófica. Para analizar correctamente as causas desta incapacidade do ser humano para alcanzar a verdadeira ciencia na súa plenitude, o autor establece dous significados de coñecemento[6]:

1) Coñecemento perfecto, polo cal se contempla e entende a cousa completamente e é o único que chega a acceder ás formas. Este tipo de coñecemento non é posible nos humanos, en calquera caso é cousa de Deus.

2) Coñecemento imperfecto, mediante o cal se aprehende a cousa de calquera meneira, de feito que pode ser máis ou menos claro ou máis ou menos confuso. Os nosos medios son fráxiles e imprecisos, así como nos medios naturais hai confusión e dificultade; isto fai que as nosas investigación non consigan alcanzar o grao de absoluta certeza.

Este último é posible clasificalo xerarquicamente segundo os seus obxectos:

1) Cousas completamente externas e libres de toda a acción da mente, é dicir, o coñecemento empírico da cousa ou coñecemento sensorial.

2) Cosas totalmente internas de la mente, como as paixóns e os apetitos, de que o suxeito ten conciencia directa.

3) Coñecemento abstractivo, en que o suxeito opera sobre a realidade sensible co obxectivo de transcender a individualidade presente, a fin de construír partindo dela certa natureza común.

Influencia posterior editar

A importancia da figura de Sánchez deriva de inspirar unha corrente crítica que culminará co kantismo e correntes posteriores como o positivismo, e que foi denominado como “empirismo moderno”. Estas correntes adoptarán o mesmo espírito que o pensador tudense, sobre todo canto á prudencia fronte á metafísica e no ánimo de redución e revisión do saber. Nesta tarefa redutiva parece residir o acordo común dos que se encargaron de dar comezo e consolidar o estilo filosófico do noso tiempo[6].

Notas editar

  1. Elaine Limbrick e Douglas Thomson (ed), Quod nihil scitur, Cambridge University Press, 1988, pp. 4-5
  2. Orden Jiménez, Rafael V. (2012). Francisco Sánchez, el Escéptico. Breve historia de un filósofo desenfocado (PDF) (en Castelán). 
  3. Francisco Sanchez (ca 1551-1623) Filósofo, matemático e médico - Biblioteca Nacional de Portugal (en portugués)
  4. Azevedo, António (2006). Da epistemologia e metodologia de Francisco Sanches. Instituto Piaget. p. 22. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Sánchez, Francisco; Sánchez Manzano, Mª Asunción (2020). "Presentación". Que nada se sabe. Tecnos. ISBN 978-84-309-7894-6. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 González Fernández, Martín (1991). O labirinto de Minos: Francisco Sánchez, o "Escéptico", un galego no Renacimiento. Do Castro. ISBN 84-7492-514-2. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar