Fran Vázquez
Francisco Vázquez González, coñecido habitualmente como Fran Vázquez, nado en Saramagal (Veascós, Carballedo, Lugo) o 1 de maio de 1983, é un ex xogador profesional de baloncesto galego.
![]() | |
Información persoal | |
---|---|
Nacemento | 1 de maio de 1983 (40 anos)![]() |
Altura | 2,11 m (6 ft 11 in) |
Peso oficial | 109 kg (240 lb) |
Posición | Pivote |
Información da carreira | |
Canteira | Chantada (Breogán) |
NBA Draft | 2005 / Rolda: 1 / Elección: 11 Por Orlando Magic |
Carreira | 2001−2020 |
Historial de equipos | |
Unicaja Málaga (2001−2005) →Bilbao Basket (2002−2003) →Auna Gran Canaria (2003−2004) Akasvayu Girona (2005−2006) FC Barcelona (2006−2012) Unicaja Málaga (2012−2016) Iberostar Tenerife (2016−2018) Tecnyconta Zaragoza (2018−2020) | |
Premios e galardóns | |
1× Euroliga (2010) 1× Liga ACB (2009) 3× Copa do Rei (2005, 2007, 2010) 1× MVP Copa do Rei (2010) 1× Supercopa ACB (2010) |
Xogou en sete equipos da Liga ACB, competición que gañou en tres ocasións co FC Barcelona, co que conquistou ademais tres Copas do Rei, tres Supercopas de España e unha Euroliga. Foi un pivote ou ala-pivote con grande mobilidade, a pesar de medir 2,09 metros. Entre as súas principais virtudes estaban a potencia de salto, o acerto nos lanzamentos desde fóra da zona, os mates e, sobre todo os tapóns. Neste último aspecto posúe varios récords: máximo número de tapóns na historia da Liga ACB, nos playoffs da ACB e na Euroliga, ademais de máximo número de tapóns nun partido da ACB, con 12.
TraxectoriaEditar
Estudou no Grupo Escolar da Barrela e aos 13 anos foi para Chantada, onde comezou a súa vida deportiva como porteiro do equipo de fútbol das categorías inferiores do Chantada. Ao cabo dun tempo, deixou a práctica do fútbol e decantouse polo baloncesto, dado o seu impoñente físico. Logo de comezar no deporte da canastra nas escolas deportivas do seu concello, no 1999 foi vivir e instruírse á desaparecida residencia de rendemento deportivo Siglo XXI, en Lugo.
Alí foi visto polos observadores do Unicaja, os que tempo despois o levarían para Málaga. Dende equipos filiais do Unicaja, foi cedido durante un ano (temporada 2003-2004) ao Auna Gran Canaria. Neste equipo comezou a despuntar como xogador profesional, o cal propiciou que o seu equipo de orixe o chamase de volta. De novo na escuadra malagueña, conquistou con Unicaja a Copa do Rei de Baloncesto 2005 ante o Joventut de Badalona.
No verán do 2005 acudiu ao Draft da NBA, sendo seleccionado por Orlando Magic na primeira rolda no posto número 11. Esta era, pois, a segunda mellor posición que lograba un xogador peninsular neste evento, superado soamente polo catalán Pau Gasol, elixido no posto número 3 no ano 2002. Mais Vázquez renunciou á liga estadounidense para fichar polo club catalán Akasvayu Girona, sendo, xunto con Raúl López, a incorporación estrela para o curso baloncestístico 2005-2006. Tras unha temporada pouco gloriosa neste equipo, o chantadino pasou a formar parte do cadro de xogadores do Fútbol Club Barcelona, onde conseguiu gañar a Copa do Rei en febreiro de 2007 ante o Real Madrid.
O 7 de xaneiro do 2007 pasou a formar parte da historia da ACB, ao conseguir o récord de tapóns nun mesmo partido, nada menos que 12, ademais de conseguir un triplo-dobre nese mesmo partido, é dicir, tivo máis de 10 en tres apartados diferentes: puntos, rexeitamentos e tapóns. Foi internacional coa selección de baloncesto de España, quedando fóra do cadro campión do mundo por mor dunha lesión pouco antes da disputa do campionato, como xa lle sucedera a Jose Calderón, cando non puidera xogar cos "Júniors de Ouro" o europeo de Lisboa'99, cando España quedara campioa.
Foi requirido polos Orlando Magic para xogar con eles na tempada 2008-2009, catro anos máis tarde de ser elixido no Draft da NBA, para formar parella de xogo interior co pivote americano Dwight Howard, o último campión do concurso de mates da NBA, logo de que xa se dera por perdida a súa oportunidade de atravesar o charco para iniciar o soño americano. Con todo decidiu ficar no Barça, conseguindo no 2010 a Euroliga.
En maio de 2020, durante a crise do coronaviurus, anunciou a súa retirada.
Con cerca dos 5000 puntos, 3000 rebotes e 738 tapóns na súa conta, deixou as competicións tras 19 tempadas disputadas en Málaga, Bilbao, Gran Canaria, Girona, Barcelona, Tenerife e finalmente Zaragoza; e tendo o honor de ter sido o máximo taponador tanto da ACB como da Euroliga.[1]
NotasEditar
- ↑ "Un titán que acaba su guardia: Fran Vázquez se retira". Solobasket (en castelán). Consultado o 2020-05-05.