Fragata Santa María Magdalena

A Santa María Magdalena foi unha fragata de guerra da Armada Española naufragada xunto co bergantín Palomo en 1810 na ría de Viveiro. A Santa María Magdalena, baixo o mando do capitán Blas de Salcedo, fora construída en 1773 no Arsenal de Ferrol e montaba 38 canóns. O bergantín Palomo, mandado polo tenente de fragata Diego de Quevedo fora construído en 1793 no mesmo arsenal e montaba 18 canóns. Os dous buques formaban parte da frota hispano-inglesa que, baixo o mando do capitán Joaquín Zarauz, tiña como misión defender a costa cantábrica fronte aos franceses.

Maqueta da fragata Santa María Magdalena en escala 1/14.
Monumento a Antonio López Polo en Covas
Monumento a Antonio López Polo, descubridor da fragata, en Covas

Completaban a frota o corsario Insurgente Roncalesa, unha balandra inglesa e 20 buques de transporte.

Os días previos

editar

Levanta áncora da Coruña o 14 de outubro de 1810. Ao pasar por Ribadeo únenselle a goleta Liniers e os canoneiros Corzo, Estrago, Gorrión e Sorpresa e quince transportes. Na tarde do 18 fondea na cuncha de Xixón para desembarcar ao día seguinte as forzas do exército que atacaría a cidade asturiana, conseguindo así que as forzas francesas se repregasen. Rematada a acción, diríxense a Santoña o día 23, xusto cando se declara un noroeste moi forte. Isto provoca que os buques máis grandes piquen cabos, mentres que os catro canoneiros se afunden, aínda que as súas respectivas tripulacións son salvadas.

A traxedia

editar

Coa mellora do tempo e dispersada a frota, diríxense o día 29 ao porto de Viveiro a fragata Magdalena, o Palomo, dous transportes e a fragata inglesa Narcisus. O 2 de novembro declárase un temporal de vento norte e esa noite piden auxilio con bengalas e canonazos. As dificultades eran especiais para o Magdalena e o Palomo que só contaban con dúas áncoras, xa que as outras quedaran en Santoña. O temporal desfixo o casco do Magdalena e non tardou en irse a pique. O Palomo foi levado á praia de Sacido polas ondas.

Do total da tripulación da fragata, só conseguiron chegar á costa oito homes, dos que sobrevivirían tres e a cifra de mortos elévase á 480. A case totalidade dos mortos foron arrebolados polo mar ao longo desa noite á praia de Covas. Morreron 70 homes do Palomo, polo que a cifra total de mortos (550) convérteo nunha das maiores traxedias marítimas coñecida nestas costas.

A maioría dos mortos foron soterrados nun cemiterio improvisado ao longo da praia de Covas e a principios do século XX aínda se conservaban as cruces.

Esta traxedia tivo unha enorme repercusión en todo o estado. O feito de que aparecese o corpo do capitán Blas Salcedo abrazado ao do seu fillo fixo que a Armada prohibise o embarque de pais con fillos ou de irmáns no mesmo barco.

editar
 
Peza de artillaría recuperada da Santa María Magdalena exposta en Viveiro.

O naufraxio fixo que corresen lendas sobre o feito e que aparecesen coplas e romances:

Dime, bergantín Palomo,
¿dónde fue tu perdición?
En la ría de Vivero
al toque de la oración.

Di fragata Magdalena,
¿qué mal viento te dió el mar?
Todos los vientos son buenos
si Dios no da tempestad.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar