Fractura da cabeza do radio

A fractura da cabeza do radio ou fractura da cúpula radial é unha fractura que afecta ao óso radio na súa rexión proximal, xusto por enriba da tuberosidade bicipital. O radio é o óso externo do antebrazo. A cabeza do radio, tamén chamada cúpula radial, intervén en todos os movementos da articulación do cóbado, tanto a flexo-extensión coma a pronosupinación. Por iso, a rotura desta estrutura limita completamente os movementos do cóbado. Este tipo de fracturas adoitan ser consecuencia dunha caída na que, ao apoiar as mans contra o chan, a enerxía transmítese ao brazo flexionado, provocando a rotura. Acontece con máis frecuencia nos adultos, sobre todo nas mulleres entre 30 e 40 anos. En case o 20% das fracturas de cóbado existe rotura da cabeza radial , e non é raro que se asocie a outras lesións coma a fractura de cúbito, a rotura do ligamento lateral interno e da apófise coronoide. É tamén habitual a asociación desta fractura coa luxación da articulación radiocubital superior[1].

Raios X dunha fractura non desprazada (grao I) da cabeza radial.

Signos e síntomas editar

Os síntomas da fractura capital radial non son diferentes ao resto de fracturas. Os síntomas principais son a dor localizada no foco da fractura e impotencia funcional para mover o cóbado, especialmente nos movementos de pronosupinación máis que nos de flexo-extensión. Pode existir sangue na articulación (hemartros) e dor preciso á palpación da cabeza do radio.

Segundo o dano óseo, a fractura de cabeza de radio clasifícase en catro tipos:

  • Grao I: A cabeza radial está fracturada, mais non existe desprazamento do segmento fracturado.
  • Grao II: A cabeza radial está fracturada marxinalmente, e o fragmento superior desprázase.
  • Grao III: A cabeza radial está fracturada en múltiples fragmentos. Conmminuta.
  • Grao IV: Ademais da fractura da cabeza radial, hai asociadas outras lesións do cóbado.

Tratamento editar

O tratamento da fractura da cabeza do radio depende do estadio no que se atope, e polo tanto depende das características da fractura. Polo feito de non estaren desprazadas, nas fracturas de grao I abonda para tratalas cunha inmobilización mediante un xeso. Se a fractura estiver desprazada (grao II), entón o tratamento de elección sería a cirurxía de osteosintese mediante cravos. Nas fracturas de grao III ou conminutas, cómpre retirar os fragmentos de óso e potenciar o tratamento de rehabilitación. A prótese artificial da cabeza do radio tamén pode ser unha opción nos casos de inestabilidade severa da articulación umerocubital e da articulación radiocubital superior[2]. Entre as posíbeis complicacións após da cirurxía ou do tratamento médico están a artrose da articulación radiocubital inferior, a paresia do cúbito e a perda de movementos do brazo.

Notas editar

  1. Silberman, Fernando S. Ortopedia e Traumatoloxía;2003, 2º Ed.
  2. Radial Head Fractures AAOS, American Academy of Orthopedic Surgeons

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar