Forte de San Damián

castelo en Ribadeo, Galicia

O Castelo de San Damián, tamén coñecido como Forte de San Damián, é unha fortaleza situada en Ribadeo, a carón da ría de Ribadeo.

Castelo de San Damián
ben de interese cultural
ConcelloRibadeo
ProvinciaLugo
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas43°32′41″N 7°02′15″O / 43.544722222222, -7.0375Coordenadas: 43°32′41″N 7°02′15″O / 43.544722222222, -7.0375
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal? (século XVIII)
Estilo actual?
Estado actualRestaurado como sala de exposicións
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]
O Forte de San Damián, sobre a ria de Ribadeo. A foto está tomada dende a beira galega, enfocando a zona interna da ría. Na foto vese asemade a Ponte dos Santos e baixo ela, Castropol, na orela asturiana.

Historia editar

O primeiro deseño do forte foi realizado no 1605 para defender os galeóns da Armada da Garda da Carreira de Indias que se construían no estaleiro de Porcillán, Ribadeo, diante da ameaza que supuña un ataque da Armada holandesa, no transcorrer da Guerra dos Oitenta Anos. Foi construído baixo o mando do capitán xeneral do Reino de Galicia don Juan Alonso Idiáquez de Butrón y Múgica, marqués de San Damián, rematando en decembro de 1624, desta volta para protexer os galeóns da Escuadra de Galicia que tamén se construían en Porcillán, fronte a unha nova ameaza holandesa.[1] É posible que o terreo sexa o mesmo que ocupaba a chamada Torre Nova, edificio do século XVI.

Máis tarde, ante o temor dun ataque (no ano 1638, pola alerta causada polo ataque franco-holandés ao porto de Pasaia), os canóns foron trasladados á Atalaia e o forte quedou abandonado, sendo reducido a ruínas no 1719 polos ingleses no marco da Guerra da Cuádrupla Alianza entre o Sacro Imperio Romano Xermánico, as Provincias Unidas dos Países Baixos, o Reino de Francia e o Reino de Gran Bretaña. Sobre os seus entullos levantouse a mediados do século XVIII (concretamente iniciáronse as construcións no verán do ano 1743) un novo castelo deseñado polo enxeñeiro militar Juan Vergel, sendo a dirección de obra do seu subordinado, tamén enxeñeiro militar Arnaldo Hontabat. Dispuxeron para esta construción dos fondos proporcionados pola Real Facenda e tamén polas parroquias de Arante, Covelas, Vilaselán e Ove, así como dos cedidos polas vilas de Ribadeo e Mondoñedo, esta derradeira, capital da provincia correspondente por aqueles intres.

Nos anos 1762-1763[2] foi construído o edificio que presenta na actualidade, segundo documentación no Arquivo Xeral de Simancas (GM 3382 MPD 27,83 e MPD 27,85).

Para aquel momento, os canóns eran de gran calibre, chegando a ser doce.[3] O seu coidado corría a cargo dos soldados e dos veciños, que tiñan que se tornaren para facer as gardas. No ano 1774 tivo outras reformas, que non serviron de moito xa que no 1809 foi desmantelado, descoñecendo o destino dos canóns, tirados ó mar ou inutilizados. Despois da retirada dos franceses estableceuse no Forte un hospital militar asturiano ata 1810, e cando foi retirado o hospital, o Forte quedou abandonado e saqueado polos veciños, ata que foi tapiada a porta no 1813. Posteriormente foi entregado ó Concello, encargándose este da súa restauración.

No 1969 foi cedido ó concello de Ribadeo por parte do estado (dependía do Ministerio do Exército), e entre 1989 e 1992 foi reconstruído.[1]

Na actualidade no interior non se conserva máis que a citada edificación de planta rectangular cun pequeno saínte realizado no seu momento para dispoñer de cociña. Está realizada en cachotería rebocada cun gran patio amurallado, conformando todo o conxunto unha planta poligonal. O muro que rodea o recinto contén numerosas seteiras defensivas orixinais (que non os cuarteis, reconstruídos con posterioridade), baluarte, foso e contrafortes.

A súa función foi sempre a defensa da entrada da ría de Ribadeo ante posibles ataques polo mar.

Foi declarado baixo a protección da Declaración Xenérica do Decreto do 22 de abril de 1949, e a Lei 16/1985 sobre o Patrimonio Histórico Español,[4] e máis recentemente foi declarado Ben de Interese Cultural.[Cómpre referencia]

Hoxe é Sala Municipal de Exposicións. Constitúe o único exemplo de arquitectura militar en Ribadeo. Dispón dun moi bo miradoiro sobre a ría de Ribadeo; no seu contorno inmediato recuperouse o cargadoiro de mineral, integrado nun parque.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Sign the Petition". Change.org (en inglés). Consultado o 2022-11-24. 
  2. Así figura nos planos feitos polo enxeñeiro militar Francisco Llovet conservados no Arquivo de Simancas. Posteriormente hai outros proxectos doutros enxeñeiros, con diversas reformas, das que non todas chegaron a facerse. (De conversa epistolar con Alberto Paraje).
  3. Segundo algunhas fontes non confirmadas, algúns eran de bronce, traídos de Sevilla. (De conversa epistolar con Alberto Paraje).
  4. Decreto de 22 de abril de 1949 sobre protección dos castelos españois Arquivado 13 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (en castelán).

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar