Fortaleza de San Paio de Narla

pazo fortificado de orixe medieval en Xiá, Friol
(Redirección desde «Fortaleza de Xiá»)

A fortaleza de San Paio de Narla, coñecida tamén como torre de Xiá, é unha fortaleza medieval hoxe en día convertida en museo[1].

Fortaleza de San Paio de Narla
ben de interese cultural
ConcelloFriol
ProvinciaLugo
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas43°00′26″N 7°49′14″O / 43.007175, -7.820556Coordenadas: 43°00′26″N 7°49′14″O / 43.007175, -7.820556
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalrománico (século XII)
Estilo actualmestura (século XV)
Estado actualMuseo etnográfico
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Situación editar

Sitúase no lugar da Castronela, na parroquia de Xiá, no concello de Friol, na provincia de Lugo.

 

Historia editar

Construída nos séculos XII ou XIII foi soar e casa forte da familia dos Vasco de Seixas, pese a que as súas orixes son máis remotas.

Como o nome do lugar indica e se fai evidente pola disposición do terreo, existía xa no lugar un castro na Idade de Ferro.

Os primeiros documentos que fan referencia á fortaleza son do século XIV, no ano 1350 era citada como "rocha de Narrela" e un século máis tarde sufriu os ataques dos irmandiños, do que se ten constancia por documentos nos que Vasco de Seixas ordena realizar os traballos de reconstrución.

No século XVIII pasou a mans dos Campomanes, que a habitaron e reformaron nos dous séculos seguintes. A finais do século XIX, os Campomanes vendéronlla á familia Novo. Esta, pola súa volta, vendeulla por 5.000 pesetas[Cómpre referencia] a un novo propietario que pretendía derrubala para reutilizar a pedra. Por iniciativa do director do Museo Provincial de Lugo, Manuel Vázquez Seijas, a Deputación de Lugo adquiriuna en setembro de 1939 polo dobre dese prezo.

Permaneceu varias décadas sen uso ningún até que, en 1983, o arqueólogo Felipe Arias Vilas converteuna na sección de etnografía do Museo Provincial de Lugo, creando o Museo etnográfico e histórico de San Paio de Narla.

Descrición editar

O edificio está composto por tres corpos e unha capela exterior de planta cadrada e cuberta a dúas augas que garda un retablo do século XIX cunha talla popular de San Paio.

A fachada do castelo mide 37 metros e no seu corpo central une a torre da homenaxe cun torreón.

No interior destaca o patio e no exterior a torre da homenaxe, esta mide 9 por 11 metros e reforzada por pequenos contrafortes distribúese en tres plantas e un soto usado como cárcere. Na segunda planta destaca un van con parladoiro, e na terceira unha espléndida cheminea renacentista do século XVI apoiada por columnas decoradas con formas xeométricas nas bases, e no centro do entaboamento dous leóns enfrontados coas fauces abertas amosando grandes linguas e separados por unha flor de lis de catro follas. No costado unha man búrlase dun dragón que sae dunha roseta.

O corpo central do castelo consta de dúas cruxías paralelas e unha terceira perpendicular. nunha das primeiras disponse un patio interior de planta rectangular e con arcos xeminados de medio punto nos laterais. A planta superior accédese por unha escaleira de granito, ou ben atravesando unha cociña cunha boa lareira. O salón, o corredor e as habitacións tamén se atopan decoradas o estilo dos séculos XVII e XVIII.

As vellas cabalerizas conservan comedeiro e na bodega diversos apeiros de artesanía téxtil.

Os elementos construtivos pertencen a diferentes épocas, desde o século XVI até o XIX, aínda que se reaproveitaron constantemente os materiais medievais.

A lenda de Catalina de Santirso editar

 

Existe unha lenda relacionada cunha das ocupantes da fortaleza, dona Catalina de Santirso, esposa do señor da casa Vasco das Seixas (1520-1543) coñecido como o Señor das Torres, home despótico e colérico. Esta muller era tan virtuosa e honesta como fermosa e o seu marido tan namorado como celoso, sendo moi querida polos seus súbditos xa que auxiliaba os pobres e trataba de evitar que a ira do seu marido caese sobre os seus servos. Este desconfiou da súa fidelidade e bondade, tratou infrutuosamente de envelenala polo que un día de Santos matouna de nove puñadas no peito nun arrebato de loucura.

Mentres o asasino fuxía a Portugal a refuxiarse nas terras do Duque de Verganza o cadáver quedou nas silvas durante catro días, que tras ser descuberto pola servidume foi soterrado na capela do castelo, mais o seu pai, Sancho López de San Tirso reclamou ante a Real Audencia da Coruña a investigación dos feitos. O abrir a tumba aos vinte e un días, seguindo a crenza de que o corpo da muller que morre acusada inxustamente permanece incorrupto un mes. Perante o asombro e a admiración dos presentes, o cadáver apareceu incorrupto, cos brazos cruzados sobre o peito, tapando as feridas. Ao retirarllos, o sangue comezou a brotar, un forte aroma de rosas invadiu as naves da igrexa e escoitouse soar o órgano, ao que ninguén estaba sentado.

O corpo recibiu nova e definitiva sepultura no mosteiro de Sobrado dos Monxes. Uns emisarios partiron cara ás terras do Duque de Verganza e días despois o asasino amencía asasinado. A primeira capela na que foi nun inicio soterrada pode verse ao pé do torreón do castelo.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Museo Etnográfico de San Paio de Narla en Proxecto ARGA: Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar