Forame de Panizza

O forame de Panizza (nomeado así polo anatomista Bartolomeo Panizza[2]) é un burato ou estreita canle que se encontra no corazón dos crocodilianos, que conecta os arcos aórticos esquerdo e dereito pouco antes de que saian do ventrículo.[1]

Diagrama esquemático da situación do forame de Panizza e da circulación do sangue cando o animal está respirando normalmente e cando está mergullado.[1]

Os crocodilianos teñen dous ventrículos completamente separados, o ventrículo dereito énchese de sangue desoxixenado procedente da circulación sistémica, que vén do corpo, e o ventrículo esquerdo de sangue oxixenado procedente da circulación pulmonar, que vén dos pulmóns. Nesta separación dos ventrículos diferéncianse doutros réptiles e parécense máis ás aves e mamíferos. Do ventrículo dereito saen dous vasos, o arco aórtico (ou sistémico) esquerdo e a arteria pulmonar. O sangue do ventrículo dereito vai aos pulmóns pola arteria pulmonar, como en mamíferos e aves. Do ventrículo esquerdo sae o arco aórtico (sistémico) dereito.

Cando se contraen os ventrículos o sangue entra nos vasos que ofrecen menor resistencia. Na respiración normal, o sangue oxixenado entra no arco aórtico dereito, pero tamén, a través do forame de Panizza, no arco aórtico esquerdo. En consecuencia, polos dous arcos aórticos sae sangue oxixenado en dirección aos tecidos sistémicos, mentres que pola arteria pulmonar sae sangue non osixenado en dirección aos pulmóns. Cando o animal está mergullado (en apnea) a circulación cambia, xa que a maior constrición dos vasos pulmonares e o peche parcial dun esfínter situado na base da arteria pulmonar fan que o sangue do ventrículo dereito saia polo arco aórtico esquerdo sen pasar polo circuíto pulmonar. Por tanto, o sangue do ventrículo dereito pasa desta maneira á circulación sistémica. Isto mellora a eficacia do rego sanguíneo cando non hai aire para respirar.[1]

Porén, algunhas especies de crocodilianos teñen esfínteres reguladores que impiden un fluxo non desexado de sangue a través do forame de Panizza durante períodos en que o animal non está mergullado, pero nos que respira intermitentemente. Así o sangue só vai aos pulmóns cando o animal está respirando.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 K. V. Kardong. Vertebrados. Anatomía comparada, función y evolución. McGraw-Hill Interamericana (1990). Páxinas 448-449. ISBN 84-486-0253-6.
  2. Panizza, B. (1833). "Sulla struttura del cuore e sulla circolazione del sangue del Crocodilus lucius". Biblioteca italiana 70: 87–91. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Axelsson, M. (2001). "The crocodilian heart; more controlled than we thought?". Experimental Physiology 86 (6): 785—789. doi:10.1113/eph8602293. 
  • Franklin, C. E.; Axelsson, M. (2000). "Physiology: An actively controlled heart valve". Nature 406 (6798): 847–848. PMID 10972278. doi:10.1038/35022652.