Flossie Donnelly, nada en 2007, é unha rapaza ambientalista irlandesa especializada no medio mariño. Estudante de secundaria, foi a primeira en levar colectores de lixo flotantes a Irlanda, conseguindo fondos para dous destes dispositivos que eliminan lixo de plástico das masas de auga.

Flossie Donnelly
Nacemento2007
NacionalidadeIrlanda
Ocupaciónecoloxista
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Donnelly creceu en Sandycove, na área de Dublín. O seu activismo comezou nunha viaxe familiar a Tailandia cando tiña oito anos. Naquela viaxe sorprendeulle a cantidade de contaminación por plástico que observou nas praias que visitou, o que a animou a dedicar a maior parte do seu tempo de vacacións a recoller lixo do mar e levalo ao hotel no que se aloxaba coa súa familia. Ao seu regreso a Irlanda, observou que cada vez máis lixo acumulábase nas praias locais, e sentiu a necesidade de compartir a súa paixón por protexer a vida mariña e concienciar a outros sobre a contaminación plástica. Desde entón recibiu varias mencións na prensa polo seu traballo de conservación do medio ambiente e foi alcumada "a Greta Thunberg de Irlanda".[1][2][3][4]

Educación editar

Donnelly é estudante de secundaria en Booterstown, Dublín. Anteriormente estudou en dúas escolas primarias en Bruxelas e unha escola francesa en Dublín. Os seus plans para o futuro eran estudar bioloxía mariña en Sydney. A súa nai, Harriet Donnelly, foi a súa maior e máis temperá mentora e educadora.

Activismo editar

Donnelly participa regularmente en folgas climáticas, xa sexa fóra da súa escola ou do Dáil Éireann (cámara baixa do Parlamento de Irlanda), e organiza limpezas de praias en Dún Laoghaire e Sandycove, ao longo da súa costa local ao sur de Dublín co obxectivo de protexer as costas de Dublín da contaminación plástica. Creou un grupo de acción e caridade ambiental chamado Flossie & the Beach Cleaners cando tiña once anos para crear conciencia sobre a contaminación plástica e as súas consecuencias para os océanos e a vida mariña.[5]

É a primeira persoa que levou os dous primeiros colectores de lixo flotantes a Irlanda despois de recadar 4.000 euros. Estes dispositivos poden sacar até 83.000 bolsas de plástico ou 20.000 botellas de plástico do mar nun ano.[6] No Día Mundial dos Océanos en xuño de 2018, encabezou a única Marcha polo Océano de Irlanda en Dún Laoghaire.[7] Falou nun evento de TEDx Dún Laoghaire en outubro de 2018.[8]

En outubro de 2019, a canle de televisión irlandesa RTÉjr anunciou que a acompañarían durante a viaxe de Donnelly ao río Citarum en Indonesia, un dos ríos 'plásticos' máis sucios do mundo, nunha serie documental de dúas partes titulada My Story: The Beach Cleaner.[9] Este foi un dos seus moitos compromisos públicos coas escolas e os mozos en Irlanda sobre as solucións á contaminación plástica.[10] Tamén ten un blog popular para nenos no sitio web da súa organización.

Nunha entrevista cos medios irlandeses en 2019, dixo:

O que me inspirou para converterme en activista foi darme conta de que a miña xeración podería non ter un planeta futuro no que vivir.[3]

Noutra entrevista ese ano, dixo:

Non quero que a miña xeración sufra polo que causou a xeración dos meus pais.[10]

O activismo de Donnelly é parte dun crecente movemento xuvenil mundial que cre na equidade interxeracional ao redor de cuestións climáticas e ambientais. Aínda que recoñece que a situación é grave, tamén mencionou repetidamente que prefire seguir sendo optimista sobre o futuro. Nunha entrevista pública en 2019, dixo:

Gústame saber que estou a loitar polo meu futuro e o futuro dos meus curmáns pequenos. Creo firmemente que ser positivo e feliz axudaranos a salvar o noso planeta.[3]

Donnelly e a súa nai traballan a miúdo xuntas como un equipo. Ademais de na súa nai, o seu traballo inspirouse en Greta Thunberg, Cara Augustenberg e Irma Hutabarat. A reacción do público ao seu traballo foi maioritariamente positiva.

Notas editar

  1. Neill, Bronwyn O. (2019-11-11). "Meet the Irish girl saving the world, one beach at a time" (en inglés). Consultado o 2020-11-14. 
  2. admin-wie (2019-11-03). "Flossie Donnelly to feature in new RTE documentary" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de novembro de 2020. Consultado o 2020-11-14. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Flossie Donnelly: The Irish 12-Year-Old Is Doing More For The Planet Than You". Arquivado dende o orixinal o 04 de decembro de 2021. Consultado o 2020-11-14. 
  4. O’Doherty, Cara. "Meet Flossie, the Gaelic Greta Thunberg" (en inglés). ISSN 0140-0460. Consultado o 2020-11-14. 
  5. "FLOSSIE & THE BEACH CLEANERS | Home" (en inglés). Consultado o 2020-11-14. 
  6. O'Callaghan, Gavin (2018-05-24). "Ireland gets its first sea bins after sea-loving 11-year-old raises thousands" (en inglés). Consultado o 2020-11-14. 
  7. Ryan, Rebecca. "Young environmental activist Flossie Donnelly Plastic Free Irish Sea March for the Ocean in Dun Laoghaire, Ireland" (en inglés). Consultado o 2020-11-14. 
  8. "TEDx Program" (en inglés). Consultado o 2020-11-14. 
  9. "RTÉ increases focus on the climate crisis with dedicated RTÉ On Climate content – About RTÉ". Consultado o 2020-11-14. 
  10. 10,0 10,1 Thompson, Sylvia. "Irish grassroots activists leading the climate change uprising". Consultado o 2020-11-14.