Abrir o menú principal

Ciencia ficción

Xénero literario ou cinematográfico que presenta un mundo, uns feitos ou formas de vida imaxinarios pero cientificamente posibles.
(Redirixido desde "Ficción científica")
Ficción científica
Artigos
Categorías
Selo soviético.

A ciencia ficción[1] (do inglés science fiction) é un xénero literario e cinematográfico baseado nos efectos de hipotéticos avances científicos e tecnolóxicos, presentes ou futuros, sobre a sociedade ou os individuos. Algúns autores consideran preferible a expresión ficción científica por consideraren que, como norma xeral, se debe buscar a adaptación das denominacións importadas ás pautas ortográficas, ortofónicas e morfosintácticas do galego[2].

A expresión science fiction utilizouna por primeira vez en 1851 un escritor inglés chamado William Wilson no seu libro A Little Earnest Book upon a Great Old Subject, pero o termo non se xeneralizou coa súa acepción actual ata que Hugo Gernsback o incorporou en 1926 á portada da revista estadounidense de narrativa especulativa Amazing Stories (logo de facer un intento previo co termo scientifiction, que non chegou a callar). Ata esa data as narracións que hoxe día non dubidamos en cualificar de ficción científica recibían diversos nomes: viaxes fantásticas, relatos de mundos perdidos, utopías, novelas científicas.

As fronteiras do xénero son difíciles de definir, e as liñas que delimitan os subxéneros son a miúdo fluídas. (en Strong Opinions, Vladimir Nabokov argüiu medio en broma que se fósemos rigorosos coas nosas definicións, A tempestade de Shakespeare debería considerarse ficción científica.)

Índice

Distinción entre ficción científica e fantasíaEditar

Seguindo a Isaac Asimov, podemos clasificar do seguinte xeito as obras de ficción:

  • Ficción realista. É aquela cuxos feitos e personaxes, ficticios, desenvólvense nun contexto que existe ou existiu realmente, aínda que pode ser presentado de xeito artificioso.
  • Ficción imaxinativa. Prodúcese cando o contexto non describe ningún ambiente que exista ou existira algunha vez. A ficción científica e a fantasía son exemplos de ficción imaxinativa.
    • Se ese contexto que non existe puidese existir posiblemente algún día, cando se dean os cambios oportunos nos niveis de ciencia e tecnoloxía ou certos supostos que non sexan incompatibles coa ciencia e a tecnoloxía tal e como a coñecemos hoxe, entón temos ficción científica. Ex.: As series da Fundación.
    • Se ese contexto non pode existir xamais, por moitos cambios razoables que se dean ou por moitos supostos que aceptemos, entón é fantasía. Ex.: O Señor dos Aneis.

Con todo, os diversos lectores teñen diferentes opinións sobre o que consideran posible; unha persoa sen educación terá expectativas distintas ás dun físico profesional sobre o que pode facer a ciencia. Así, ata obras que utilicen innovacións rexeitadas pola teoría científica actual, como as viaxes máis rápidas que a luz, poderían aínda clasificarse como ficción científica.

Doutra banda, como indica a famosa terceira lei de Clarke, "calquera tecnoloxía avanzada dabondo é indistinguible da maxia." Por esta razón a raia entre fantasía e ficción científica vese difuminada; e ambos xéneros comparten autores, lectores, galardóns e andeis nas librarías.

NotasEditar

  1. Definicións no ficción Dicionario da Real Academia Galega e no ficción Portal das Palabras para Ciencia ficción.
  2. Metodoloxía do traballo terminográfico puntual en lingua galega (pdf), páx. 57 / Xusto Rodríguez Río - Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Sección de Lingua, 2003. ISBN 84-95415-73-9

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar

  • AGASF Web da Asociación Galega de Ciencia Ficción.
  • Amanuensis pequena colección de libros de ficción científica e fantasía.
  • NOVA fantasía revista electrónica dedicada a difundir o xénero fantástico e a ficción científica.