Festas de Redondela

No concello de Redondela teñen lugar numerosas festas e celebracións, de carácter gastronómico, relixioso ou cultural.

A Coca polas rúas de Redondela na Festa da coca.

Festa da coca editar

Artigo principal: Festa da coca de Redondela.
 
Baile das Penlas, unha parte da celebración da Festa da coca de Redondela.

A festa da Coca é unha celebración de orixe pagá que ten lugar que ten lugar o día do Corpus Christi. A orixe desta celebración radica na lenda mitolóxica da coca, un ser da mitoloxía galega que vive nas augas do mar ou dos ríos. Foi declarada Festa de Interese Turístico Galego en 2001.

A razón da celebración é a derrota deste animal mitolóxico a mans dos mozos de Redondela. Para lembrar este fito histórico, todos os anos sácase á rúa unha representación da figura da Coca, o dragón mitolóxico. Posteriormente, realízase unha representación da Danza das Espadas e o Baile das Penlas, na que se representa a derrota do monstro a mans dos mozos redondeláns.

Ademais destas celebracións, engádese as celebracións relixiosas do Corpus Christi con procesións pola vila. Tamén dende 1950 o centro da vila engalánase coas tradicionais alfombras de flores e area sobre as principais rúas do centro urbano.[1]

Festa dos maios editar

Véxase tamén: Festa dos maios.

Os maios, termo que provén do mes maio, é unha festa popular galega que forma parte do chamado Ciclo do Maio, época de exaltación da natureza co gallo do comezo da primavera, a chegada do bo tempo e o florecer da vexetación caduca típica do clima galego. Todos os anos en Redondela celébrase dita festividade, coa construción dos chamados maios, estruturas florais compostas por fiuncho, flores, cascas de ovo e outros elementos naturais. Celébrase tamén un concurso de coplas, composicións satíricas que critican os feitos máis relevantes do ano tanto a nivel local coma internacional.

Esta festividade non só se celebra en Redondela, senón que tamén son célebres as festas dos maios de Ourense, Pontevedra, Allariz, Pontedeume ou O Grove.

Festas gastronómicas editar

Redondela conta con catro principais festas gastronómicas, nas que ademais de degustar o produto protagonista da festa, celébranse concursos gastronómicos. A máis coñecida é a Festa do choco, que adoita celebrar na primeira semana de maio, e que é dende o ano 2001 Festa de interese turístico de Galicia. Outras festas de interese son Festa do mexillón, celebrada en Chapela durante a primeira semana do mes de setembro; a Festa da mazá, celebrada en Negros a primeira quincena de outubro; e a Festa da orella de Cedeira, celebrada na primeira semana de xaneiro.

Festivais editar

Sinsal Audio editar

Artigo principal: Sinsal Audio.

O Festival Sinsal é un festival de música alternativa, experimental, e minimalista, entre outros estilos, que se celebra en diversos lugares da xeografía galega, entre eles a San Simón, na parroquia de Cesantes. A súa característica máis peculiar é que non ten cartel, isto é, que as bandas que actúan no festival non se coñecen por adiantado senón unha vez os asistentes estean no lugar.

Dende a súa primeira edición reuniu a bandas da talle de Alt-J, Triángulo de Amor Bizarro, Unicornibot, Maïa Vidal, Jane Joyd, Alela Diane, Christian Kjellvander, Nite Jewel ou Das Kapital, entre outros.

 
Compañía Jatoba (Brasil).

Festival Internacional de Títeres editar

 
Monicreques.

O Festival Internacional de Títeres de Redondela é un festival cultural de arte, música e titiriteiros que se celebra dende o ano 2000. O evento, organizado pola Concellaría de Cultura do concello e pola Asociación Xente Titiriteira, vénse celebrando a finais do mes de maio nas prazas e parques do centro da vila. Dende a súa primeira edición, tiveron actuado compañías de diferentes países arredor do mundo, como Reino Unido, Bulgaria, Arxentina, Portugal ou Rusia, entre outros[2]. Na edición do 2012 superáronse os 30.000 asistentes[3].

 
Escultura na rúa, en Arte lixo.

Outros festivais editar

Notas editar

  1. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31 de marzo de 2019. Consultado o 24 de maio de 2016. 
  2. http://www.farodevigo.es/comarcas/2012/04/08/festival-titeres-lleva-redondela-espectaculos-quince-companias/638723.html
  3. "Festival de Títeres de Redondela, páxina oficial.". Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2016. Consultado o 24 de maio de 2016. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar