Festa dos Alborotados

A romaría dos Alborotados celebrábase de vello no santuario dos Remedios, en Betanzos, o 27 de setembro na honra de Nosa Señora dos Remedios e mais de San Miguel.

A Festa dos Alborotados, Praza de Henrique IV

Unha novena precedía ao día da festa, no que, ao igual que no día dos Remedios, chegaban ao templo romeiros das máis variadas procedencias. O nome viría pola afluencia de endemoñados ou “alborotados” que acudían en demanda de auxilio onda Nosa Señora e San Miguel.

Co paso do tempo a celebración estritamente relixiosa foi perdendo pulo, e no xa distante 1979 os veciños da barriada da Ponte Vella decidiron dar un aire anovado á romaría dos Alborotados. Naceu así a Festa do Viño Mosto, na que as uvas acabadas de vendimar eran espremidas ante a concorrencia para catar o primeiro mosto betanceiro. Este novo pulo axudou a renovar o agarimo dos betanceiros cos Alborotados de sempre e mais coa nova festa.

A festa estivo sen celebrarse por varios anos ata que, en 2006, o colectivo veciñal e o Consello da Mocidade de Betanzos, apoiado pola Concellaría de Xuventude e a raíz dunha iniciativa conxunta dos colectivos xuvenís Lar de Unta e Galiza Nova, decidiron darlle novo impulso á celebración, retomando a Festa do Viño Mosto. Varios colectivos xuvenís betanceiros implicáronse daquela na vendima previa á celebración da festa e na organización da propia festa xunto á comisión veciñal. Un concerto para os máis novos e unha orquestra tradicional para os máis vellos compuxeron o apartado musical dunha celebración aberta cunha sesión vermú e retomada co pisado da uva na Eira Vella tras a descarga dos goxos chegados nun tractor engalanado, ao son das gaitas. A experiencia repetiuse ao ano seguinte, mais novamente en 2008 non se celebrou a festa.