Fernando Navarrete Monteserín

barítono, director de coros e catedrático de canto galego

Fernando Navarrete Monteserín, nado na Coruña en 1903 e finado en Madrid o 18 de abril de 1999,[1] foi un barítono, director de coros e catedrático de canto galego.

Fernando Navarrete Monteserín
Nacemento1903
Lugar de nacementoA Coruña
Falecemento18 de abril de 1999
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspaña
Alma máterIES Eusebio da Guarda
Ocupacióncantante, vocal coach e director teatral
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Comezou aos 8 anos como solista infantil na Capela Parroquial da Igrexa de Santa Lucía da Coruña. Estudou Música e Declamación na Escola de Arte do Instituto Eusebio da Guarda da cidade, cos mestres Xosé Baldomir, Saborit e Brañas e posteriormente Canto coa mestra Bibiana De Varela. En 1920 incorporouse ao Orfeón El Eco da Coruña e obtivo unha bolsa da Deputación da Coruña para realizar estudos superiores de canto en Madrid co mestre Ignacio Tabuyo, e traballou como barítono solista do Teatro Calderón da capital. En 1929 participou na estrea mundial na Coruña e Vigo da opera galega O Mariscal do compositor Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón e con texto de Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas.

Foi fundador con Castelo, De Santiago "Nito" e outros artistas e escritores coruñeses da Sociedad Lírica "Ofelia Nieto" coa que representou como barítono as zarzuelas Luisa Fernanda, La Calesera, La Fama del Tartanero e La del Manojo de Rosas no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e nas principais cidades galegas. Participou nos recitais de Unión Radio de Madrid, levando ás ondas un extenso repertorio lírico. Fundou a agrupación ARTE (Unión de Artistas Líricos) coa que recorreu novamente Galicia representando El Huésped del Sevillano, La Dolorosa, Los Claveles, etc. En 1939 estreou no Principal de Santiago e un ano despois no Teatro Español de Madrid, a opereta Malibú con letra de Damarta e el mesmo e música da ilustre compositora galega Mili Porta.

Vocal do Centro Galego de Madrid e da asociación Miguel Fleta, accedeu por oposición ás prazas de Catedrático de Canto do Conservatorio Profesional de Música de Valencia e despois á de Catedrático de Canto Lírico e Dramático do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Impartiu cursos de Técnica Vocal Superior cunha bolsa da Fundación Santiago Lope en Valencia, compaxinando a súa tarefa docente co desenvolvemento da súa carreira musical, con múltiples actuacións por España como barítono ou como director da coral Anaquiños da Terra do Centro Galego de Madrid, da coral Alalá de Veiga, do Grupo de Opera de Madrid e do coro de voces brancas Iria Flavia e a gravación de varios discos como "Airiños. Viejos Cantares de Galicia" (ORPHEO) ou "Aires Gallegos" (MONTILLA-ZAFIRO).

Participou nas emisións para América de Radio Nacional de España con música galega, de zarzuela e clásica e foi nomeado director da Coral Universitaria Santo Tomás de Aquino de Madrid, profesor vocal dos Padres Oblatos de Pozuelo de Alarcón, director da Compañía Joven de Zarzuela y Opera Marcos Redondo. Fundou en Madrid o centro Diagnosis vocal para a rehabilitación de voces.

Traduciu ao galego e puxo en escena obras como Bastián e Bastiana de Verdi e Serva Padrona de Pergolesi.

Recoñecementos editar

En 1987 recibiu a homenaxe da Deputación da Coruña e da Polifónica El Eco pola súa carreira artística e docente.

Notas editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar