Federación Galega de Municipios e Provincias

(Redirección desde «Fegamp»)

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) é un organismo de carácter municipalista e de defensa dos intereses dos concellos de Galicia. Está constituído polos 313 concellos, as catro deputacións provinciais e as nove entidades menores existentes na Comunidade Autónoma de Galicia. O seu presidente desde novembro de 2019 é o socialista Alberto Varela Paz, alcalde de Vilagarcía[1].

Federación Galega de Municipios e Provincias
Logo
Tipoorganización
SedeSantiago de Compostela
PaísGalicia
Na rede
https://www.fegamp.gal
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

O nacemento da Fegamp, con 17 membros fundadores, data do 7 de outubro de 1988, se ben a asemblea constituínte foi celebrada o 7 de abril de 1989. Nesa asemblea resultou elixido presidente por unanimidade o alcalde de Ponteareas, José Castro Álvarez, que permaneceu no cargo ata 1992, ano no que foi substituído polo alcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer, que desempeñaría as funcións de presidente ata 1995.

No seguinte cuadrienio e baixo a presidencia do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez, produciuse a fusión das tres entidades que defendían con voz propia e dende diferenciados e lexítimos puntos de vista os postulados da Administración Local galega. Despois de meses de conversas e negociacións, a antiga Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Federación de Concellos Galegos (FCG) e a Federación Galega de Concellos Rurais (FCR) asinaron o 22 de abril de 1996 o denominado Protocolo de Fusión para unificar, baixo as siglas da Fegamp, a defensa dos intereses da Administración Local galega.

Este acto de fusión, celebrado no Parlamento de Galicia coa presenza das máximas autoridades autonómicas, marcou un punto de inflexión cara ao recoñecemento institucional da Fegamp como único interlocutor válido diante doutras administracións. Este protagonismo da federación viuse reforzado co incremento dos afiliados, posto que a progresiva adhesión de tódalas Entidades Locais galegas (os 314 concellos existentes daquela, catro deputacións provinciais e nove entidades menores) converteu a Fegamp nun caso paradigmático en toda España da unidade de acción do municipalismo.

A Fegamp adquiriu no ano 1990 a súa primeira sede social en Santiago de Compostela, pero sete anos máis tarde mercou dun novo local na rúa Varsovia (Área Central), de máis de mil metros útiles.

Durante o mandato do alcalde de Ourense, Manuel Cabezas (1999-2003), a Fegamp conseguiu fixar a participación de tódolos concellos na recadación líquida dos ingresos propios da Xunta de Galicia, reforzando a autonomía das facendas locais e posibilitando a consecución de maiores cotas de eficacia na xestión municipal.

O día 4 de decembro de 2003, o alcalde de Ourense foi substituído como presidente da Fegamp polo alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias, durante a celebración da VI Asemblea Xeral, na que se definiron os obxectivos concretos para o horizonte dos vindeiros catro anos, sendo a máxima aspiración dos concellos galegos para este mandato o peche do denominado Pacto Local.

Na VII asemblea resultou elixido como novo presidente o alcalde de Ames, Carlos Fernández Castro que se caracterizou ó principio do seu mandato pola confrontación co BNG[2].

Función editar

O funcionamento da Fegamp como entidade defensora dos intereses da Administración Local galega aséntase nos seguintes principios xerais: o fomento e a defensa da autonomía das Entidades Locais; a promoción, representación e defensa dos intereses da Administración Local diante doutras administracións públicas; a promoción e o desenvolvemento da cultura e da lingua galega no ámbito municipal; a reivindicación ante os correspondentes poderes públicos -cando o estime oportuno- de novas cotas competenciais para as Entidades Locais; o fomento da participación cidadá na vida local; o desenvolvemento e a consolidación do espírito europeo no ámbito local, baseado na autonomía e a solidariedade entre os Entes Locais; a defensa xudicial dos intereses da Administración Local -se fose o caso- e as actuacións necesarias diante do Tribunal Constitucional na defensa da autonomía local; e calquera outra acción que afecte ou incida de forma directa ou indirecta nos seus asociados ou na propia federación.

Presidentes editar

Notas editar

  1. "Alberto Varela Paz, elixido novo presidente da Fegamp na X Asemblea Xeral da Federación". www.fegamp.gal. Consultado o 2021-03-10. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 13 de xullo de 2008. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar