Feísmo
O feísmo, tamén coñecido coma maltrato da paisaxe[1], é un termo acuñado en Galiza para referirse a unha problemática específica galega, xa que os expertos sosteñen que o fenómeno remata nas fronteiras con Portugal, Asturias e Castela e León[2][3]. O concepto serve para designar un estilo arquitectónico ou urbanístico de trazos esteticamente discutíbeis. Trátase de construcións humanas que degradan o contorno e que chocan de fronte cos canons estéticos propios do lugar, e foi definido coma "un desleixo xeneralizado que impera en boa parte das construcións do país e que se fai especialmente patente no medio rural e naquelas zonas que sofren os estragos da especulación urbanística".[4]
En 2011, o colectivo Ergosfera comeza o proxecto Eu si quero feísmo na miña paisaxe![5], unha liña de investigación sobre as calidades detectadas en moitas das arquitecturas e procesos urbanos asociados ao feísmo.
En 2015, os arquitectos Pablo Ramil Regoe e Javier Ferreiro da Costa confeccionaron unha clasificación con 34 tipos de construcións dentro do feísmo[6], após unha análise da paisaxe galega e os seus principais elementos.[7]
En 2020, Xosé Manuel Santos Solla e María de los Ángeles Piñeiro Antelo cuestionaron a súa existencia.[8]
Historia do feísmo
editarUnha das primeiras mostras da existencia da problemática do feísmo foi sinalada polos intelectuais galeguistas na Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918.[9] Non obstante, o termo feísmo é de aplicación recente no que se refire á problemática galega da paisaxe. No ano 1994 formouse unha oficina de rehabilitación na que ata 48 arquitectos tentaron explicar as bondades dos materiais tradicionais.[3] No ano 2002 publicouse un libro que contiña explicitamente a palabra feísmo no título (Territorio maltratado: mais aló do feísmo de Pedro Llano Cabado). Outro libro de sona neste ámbito foi Feísmo? Destruír un país (varios autores).[10]
No ano 2003 o feísmo xa era a maior causa de denuncias ante o Valedor do Pobo[11] e un ano máis tarde tivo lugar o primeiro Foro contra o feísmo en Ourense, que tería a súa continuación no ano 2007 na mesma cidade.[12]
Causas
editarAs causas do feísmo, e nisto consiste a súa peculiaridade, non deben buscarse na pobreza, na necesidade, ou na crise económica, senón máis ben ao contrario. Algúns exemplos do feísmo son construcións de gran custo económico. De feito, o feísmo comezou a estenderse coa engalaxe industrial galega dos anos sesenta. Na realidade obedece, segundo os expertos, a unha confluencia peculiar de factores, que se sintetizan nos seguintes elementos:
- Unha taxa de dispersión demográfica elevada, unida a un elevado número de poboacións (Galicia ten un 50 % dos entes de poboación de España, ocupando so o 5,8 % da súa superficie)[Cómpre referencia] e a un destacado peso do asentamento rural. Todo isto dificulta o control urbanístico eficaz, ao que se suma a tradición galega da autopromoción construtiva, a construción sen plano e a edificación por tempada.[Cómpre referencia]
- Unha lexislación urbanística imprecisa e errática, que ademais non se cumpre, pois, como sinala o arquitecto Carlos Quintáns Eiras “as alcaldías renuncian a impoñer unha disciplina que podería comprometer o futuro electoral”.[13]
- A longa serie de ciclos migratorios galegos, que nos últimos cincuenta anos se dirixiron a Europa e a propia Península ibérica. Calcúlase sobre unha poboación residente de 2,8 millóns de galegos, que máis de dous millóns de galegos viven fóra de Galiza.[14] O retorno dalgúns emigrantes supón a introdución de modelos arquitectónicos foráneos. Por outro lado, o asentamento definitivo doutros emigrantes no estranxeiro supón o abandono de edificacións xa existentes, e incluso de poboacións enteiras. Diversas circunstancias sociolóxicas explican a ostentosidade de certas construcións (nacidas da figura do indiano enriquecido) e o exótico das súas ornamentacións e acabados, que se sitúan xunto a edificacións antigas e abandonadas.[15]
- Unha forte especulación urbanística e do solo, propia non xa de Galicia senón de toda España. Se ben a construción en España rexistra taxas esaxeradamente altas (no ano 2006 superaron as 800.000 vivendas construídas, máis que Alemaña, Italia e Francia xuntas[16] ; véxase Burbulla inmobiliaria na crise de 2008-2013), o ritmo construtivo galego é desmesurado, tendo en conta que a súa poboación diminúe tódolos anos. Aínda así, o arquitecto Carlos Quintáns Eiras[13] estima que de 750.000 vivendas en 1970 pasouse, en Galicia, a 1 130 000 no ano 2000, unha cifra que contrasta co feito de que ese período foi de recesión demográfica.
- Unha estendida falta de interese pola arquitectura tradicional galega, percibida como anticuada por algúns sectores da poboación, o que redunda na introdución de solucións arquitectónicas foráneas ou simplemente inadaptadas ao contorno, que contrasta coa política urbanística europea, segundo a cal “constrúese case exclusivamente un único tipo de vivenda illada no medio rural con lixeiras variacións de tamaño, cor ou acabados, de tal maneira que case pode falarse dun modelo nacional ou rexional que case todos respectan”.
Clasificación
editarSegundo a clasificación de Ramil e Ferreiro en 2015, existen 34 tipos de exemplos "feístas":[6]
Tipo | Descrición | Imaxe |
---|---|---|
Adiantado | Construción en lugares inhóspitos, afastados, e xeralmente de xeito ilegal co visto e prace das autoridades locais. O termo xorde en 1522 da man de Xoán Ponce de León. | |
Vallum | Valados, cercos, muros e peches empregados para lindar as propiedades privadas. | |
Pendello | Construción, xeralmente empregada coma segunda vivenda, feita de ladrillo, formigón, ou a mestura entre varios materiais. | |
Pendello | A diferenza do pendello, esta construción emprégase coma vivenda auxiliar, almacén ou garaxe. | |
Palafita | Emprégase metaforicamente para nomear aquelas construción que no seu andar máis baixo conservan a súa estrutura de columnas e alicerces de formigón, polo xeral en vivendas familiares inconclusas. | |
Torreón | Estruturas con forma de pazo ou torre en vivendas particulares, pero con modernas estruturas de pedra, cemento ou aluminio. Estas construcións tentarían imitar ás fortalezas medievais, sendo un xeito de maltrato á paisaxe. | |
Paries nudum | Consiste en deixar as fachadas das construcións inacabadas ou "espidas". | |
Aderezos | Estatuas estrambóticas, santos, virxes, aguias, leóns e demais esculturas, sobre todo en xardíns. | |
Transgresor | Sobre todo no feísmo urbano, trátase do emprego de materiais ou estruturas que discordan co resto dos materiais da construción, desentonando coa paisaxe urbana circundante. | |
Mors subita | Edificio onde só existen os alicerces ou columnas de formigón. Trátase de construcións abortadas, onde só se conserva o esqueleto do edificio, xeralmente por falta de medios económicos, ou paralizadas por cuestións legais. | |
Reciclaxe | Reutilización de materiais na construción de estruturas. O máis coñecido, o emprego de somieres coma portais ou galiñeiros. | |
Transformer | Transformación dunha estrutura, converténdoa noutra adicada a un uso diferente do orixinal. Especialmente vese nas marquesiñas, que se reutilizan coma alpendres, garaxes, e outras estruturas. | |
Chapuza | Obras feitas sen arte nin esmero, con resultados finais pobres. | |
Camuflaxe | Construción de estruturas que agochen ou camuflen outras, tentando fallidamente mellorar a súa estética. | |
Fagocito | Dáse sobre todo en construcións rurais, cando unha construción máis antiga é absorbida e "fagocitada" na estrutura dunha nova construción, integrada nesta última, xeralmente con resultados pobres. | |
Cóctel galaico | Combinación de dous ou máis estilos de feísmo. | |
Marabunta | Aplicado sobre todo a grandes extensións de terreo construído, en especial por urbanizacións, refírese a grandes edificacións que na súa construción arrasan todo o patrimonio natural que as arrodea. | |
Blasphemia | Construción de edificios de grande altura, mesmo rañaceos, en lugares insólitos ou inadecuados, e arrodeados de edificios de baixa altitude. Trátase dun contraste de alturas entre edificios acaroados. | |
Casamata | Construción de grosas placas de formigón que esconden distintos niveis subterráneos. | |
Megalómano | Megaestruturas, coma recheos, ampliacións portuarias etc. | |
Ruína montium | "Derruba dos montes", metáfora para explicar o estado ruinoso dos edificios, os cales non se rehabilitan ao estar os seus donos agardando unha potencial compra. | |
Iconoclasta | Construción de elementos coma estradas, pontes ou outras construcións sen ter en conta o patrimonio arquitectónico ou relixoso do lugar. | |
Rubidoiro | Hiperenxebrismo empregado para referise a construcións que irrompen entre a vexetación forestal. | |
Labyrinthus | Termo referido ao conxunto de carteis sinalécticos colocados de xeito desordenado, caótico e inconexo. | |
Repellentis | Unha variante da reciclaxe empregada como espantallo, onde se empregan materias tales coma latas, espellos, CDs, botellas de plástico etc. | |
Paseo | Construción de paseos, pasarelas e plataformas, en especial en praias, ríos e paisaxes naturais. | |
Canalis | Nesta categoría agrúpanse as canles, pozas e estanques artificiais. | |
Ars topiaria | Estruturas vexetais, que en xardíns públicos ou privados se moldean e poidan para formar estruturas estrambóticas e peculiares. Do latín, a "arte das toupeiras". | |
Insitione | Do latín, enxerto. Trátase do emprego dalgunha estrutura vexetal, xeralmente árbores, coma parte dunha construción. | |
Alieníxena | Referido sobre todo a paisaxes silvestres, cando hai plantación de especies invasoras nun determinado lugar. | |
Coala | Podería considerarse unha variante do feísmo alieníxena, pero especificamente referido á repoboación dos bosques galegos con eucaliptos. | |
Cemiterio de ferralla | Este termo creouse para designar ao impacto ambiental que crean os parques eólicos nos montes galegos. | |
Dióxenes | Vertedoiros e lugares non autorizados onde se deposita lixo, sobre todo electrodomésticos, ferralla, cascallos ou residuos de tamaño considerable. | |
Incivicus | Refírese ao comportamento incívico sobre a paisaxe, sobre todo o producido por vehículos a motor ou animais domésticos. |
Galería de imaxes
editar-
Construción en Arteixo.
-
Feísmo no Souto, Ponteareas.
-
Barrio do Castrillón (A Coruña).
-
Fonte aproveitada como peixeira en Sedes, Narón.
Notas
editar- ↑ "O termo feísmo [...], con coñecemento técnico pola miña profesión e pola experiencia persoal, bauticeino con dous nomes que eu mesmo deseñei: Canibalismo urbanístico primeiro e Maltrato da Paisaxe máis tarde." Carlos Henrique Fernández Coto, arquitecto galego experto en "feísmo", definiu así este termo nunha entrevista en Praza Pública.
- ↑ Entrevista a Carlos Coto, a partir do minuto 16:00
- ↑ 3,0 3,1 "Veinte años de lucha contra el feísmo en la arquitectura". Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2014. Consultado o 19 de novembro de 2014.
- ↑ O problema do feísmo
- ↑ "Eu si quero feísmo na miña paisaxe!". Consultado o 1 de setembro de 2021.
- ↑ 6,0 6,1 Ramil Regoe, Pablo. Horreum, ed. "Guía de campo para a interpretación do feísmo na paisaxe galega.". Consultado o 3 de maio de 2016.
- ↑ Gómez Orellana et al. 2005-2006; Martínez Sánchez et al. 2010, 2011; Ramil-Rego 2007, 2009a,b; Ramil-Rego et al. 2001, 2009, 2013
- ↑ "“O feísmo galego non existe, é un debate culpabilizador e interesado que xorde dun medio de comunicación”". Galicia Confidencial. Consultado o 2020-10-21.
- ↑ Soberanía estética: O primeiro plan contra o 'feísmo' fai 96 anos
- ↑ Gaia, a Cidade da Cultura, e a deconstrución
- ↑ El feísmo urbanístico y las listas de espera coparon las denuncias al Valedor en 2003 (en castelán)
- ↑ "Ourense repite como sede para un novo foro sobre o feísmo". Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2014. Consultado o 19 de novembro de 2014.
- ↑ 13,0 13,1 "La Voz de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2006. Consultado o 20 de novembro de 2014.
- ↑ "As relacións da Comunidade Autónoma de Galicia coa Arxentina". 2002-07-09. Consultado o 2023-02-20.
- ↑ La casa indiana se desmorona (en castelán)
- ↑ http://www.abc.es/informacion/agenda2007/index/espana04.asp
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Guía de campo para a interpretación do feísmo na paisaxe galega
- Artigos de opinión no Observatorio Galego do Territorio Kardo:
- Consuelo Castro Rey Chapuzas gallegas
- Sergio Remacha Vecino El jardín de las delicias
- Matías G. Rodríguez O território para que/m?
- Gerardo Pereira-Menaut: A vueltas con el feísmo 1, 2 e 3
- Escolma de fotografías de feísmo de La Voz de Galicia
- Escolma en Galiciaé
- feismos.eu Proxecto audiovisual galego sobre o feísmo.
- Sección en La Voz de Galicia sobre chafalladas Arquivado 28 de marzo de 2020 en Wayback Machine.
- Territorios desprezados-pero-sen-prezo Artigo de Ergosfera sobre o chamado feísmo (páx.42-63).