Abrir o menú principal

Franziska Elßler, nada en Viena o 23 de xuño de 1810 e finada na mesma cidade o 27 de novembro de 1884, foi unha bailarina austríaca do periódo romántico, coñecida como Fanny Elssler.

Fanny Elssler
Fanny Elssler.jpg
Nacemento23 de xuño de 1810
 Gumpendorf
Falecemento27 de novembro de 1884
 Viena
SoterradaHietzing Cemetery
NacionalidadeAustria
Ocupaciónbailarina, coreógrafa e bailarina de ballet
editar datos en Wikidata ]
Fanny Elssler como Sarah Campbell no ballet 'La Gypsy', en Her Majesty's Theatre en Londres, 1839

TraxectoriaEditar

 
Fanny Elssler como Florinda en La Cachucha do ballet de Coralli/Gide de 1836 Le Diable boiteux. París, 1836

Elssler naceu en Gumpendorf, barrio de Viena. O seu pai Johann Florian Elssler era un empregado de segunda xeración de Nicolao I, príncipe Esterházy. Tanto Johann como o seu irmán Josef foron empregados como copistas para o Kapellmeister do príncipe, Joseph Haydn. Johann chegou a ser valet de Haydn, serviuno de axudante e estivo presente na morte de Haydn.

Dende moi nova foi adestrada para o ballet, e fixo as súas primeiras aparicións no Kärntnertortheater de Viena antes de cumprir sete anos. Case sempre bailaba coa súa irmá Therese, dous anos máis vella; as irmás estudaron danza con Jean-Pierre Aumer e Friedrich Horschelt, comezando cando Fanny tiña nove anos e tamén viaxaron a Nápoles para estudar con Gaetano Gioja. Tras unha experiencia de varios anos xuntas en Viena, as irmás foron a Nápoles en 1827. Estando aló, viviu un romance con Leopoldo, príncipe de Salerno, fillo do rei Fernando I das Dúas Sicilias, co que tivo un fillo, Franz.

O seu éxito en Nápoles, no que Fanny contribuíu máis que a súa irmá, levounas a un contrato en Berlín en 1830. Foi o inicio dunha serie de triunfos para a beleza e talento para a danza de Fanny. Tras cativar os corazóns en Berlín e Viena, e inspirar o ancián estadista Friedrich von Gentz cunha paixón remarcable, viaxou a Londres, onde recibiu unha grande amabilidade de Mr. e Mrs. Grote, que practicamente adoptaron á rapaza que naceu tres meses despois da chegada a Inglaterra.

En setembro de 1834, Elssler apareceu co Ballet du Théâtre da Académie Royale de Musique (na actualidade, ballet da Ópera de París), un paso que agardaba con certas dúbidas debido á supremacía de Marie Taglioni nese escenario. Con todo, Elssler e Taglioni eran bailarinas excepcionalmente diferentes, e a dirección da Ópera viu unha oportunidade de provocar controversia contratando a Elssler. Taglioni era coñecida como ballonné, representada pola lixeireza dos seus saltos. Elssler, pola contra, distinguíase pola súa precisión no baile, interpretando saltos pequenos e rápidos. O tipo de baile de Elssler era coñecido como danse tacquetée. Os resultados das súas interpretacións, non obstante, foron outro triunfo para Elssler, e eclipsaron temporalmente a Taglioni. Taglioni, aínda que mellor artista, non podía competir polo momento coa fascinación da acabada de chegar. Foi notoria a súa interpretación da española Cachucha, do ballet de Coralli e Gide Le Diable boiteux (1836), na que Elssler superou todas as súas rivais. As súas interpretacións de Cachucha estaban cheas de lume e sensualidade. O poeta Théophile Gautier chamouna a bailarina "pagá" polas súas actuacións en Cachucha, en contraposición con Taglioni, a bailarina "cristiá". O éxito de Elssler e de Cachucha levou a demanda de máis coreografías de sabor nacional específico. Estas danzas fixéronse moi populares, e Elssler engadiu unha cracovienne polaca e unha tarantella italiana ao seu repertorio. A súa imaxe adoitaba identificarse co satén rosa e o encaixe negro da carnosa e sensual bailarina española, en contraste coas representacións de Taglioni como a recatada sílfide de branco. Elssler non só posuía técnica, senón que a súa interpretación dramática era excepcional. As súas actuacións nos grandes ballets románticos como La Sylphide, Giselle e La Esmeralda, retrataban aspectos máis intensos que nas súas personaxes anteriores. Isto valeulle a Elssler un lugar entre as bailarinas de máis talento do período.

En 1840 viaxou xunto coa súa irmá a Nova York para unha xira preparada por Henry Wikoff, e tras dous anos de éxitos volveron a Europa.[1] Durante a súa estadía en Nova York, foi acompañada por John Van Buren, fillo do presidente dos Estados Unidos, Martin Van Buren. Durante os seguintes cinco anos, Elssler actuou en Alemaña, Austria, Francia, Inglaterra e Rusia. En 1845, foi invitada a actuar xunto coas súas rivais Marie Taglioni, Carlotta Grisi e Fanny Cerrito en Londres en Pas de Quatre, de Jules Perrot, pero declinou a invitación. Ese mesmo ano, tras amasar unha fortuna, retirouse do escenario e estableceuse preto de Hamburgo. Uns anos máis tarde a súa irmá Theresa contraeu matrimonio morganático co príncipe Adalbert de Prusia, e recibiu o título de baronesa von Barnim. Theresa quedou viúva en 1873 e faleceu o 19 de novembro de 1878. Fanny Elssler finou en Viena o 27 de novembro de 1884.

LegadoEditar

Elssler foi interpretada por Lilian Harvey no filme alemán Fanny Elssler, de 1937.

NotasEditar

  1. Princeton University Henry Wikoff Collection 1836–1884

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Ann Hutchinson, Fanny Elssler's Cachucha, Dance Books (2008) ISBN: 0-903102-59-5
  • Au, Susan, Ballet and Modern Dance, Third Edition, Thames and Hudson Ltd, Londres (2012)
  • Ivor Forbes Guest, Fanny Elssler (Wesleyan University Press, Middletown, Connecticut, (1970)
  • Ivor Guest, Fanny Elssler – the Pagan Ballerina, A & C Black, Londres (1970) ISBN: 0-7136-1061-1

Ligazóns externasEditar