Lagarteiro patirrubio

(Redirección desde «Falco vespertinus»)
Lagarteiro patirrubio

Macho

Femia
Femia

Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Falconiformes
Familia: Falconidae
Xénero: Falco
Especie: F. vespertinus
Nome binomial
'Falco vespertinus'
Linnaeus, 1766
Sinonimia

Falco vespertinus vespertinus Linnaeus, 1766

O lagarteiro patirrubio (Falco vespertinus) é un falcón (Falconidae) de pequeno tamaño, que recibe o seu nome das patas vermellas características do macho adulto .

Descrición editar

Miden entre 29 e 31 cm de lonxitude cunha envergadura de ás de entre 60 e 75 cm. O peso dos machos está entre 115 e 190 gramos, o das femias entre 130 e 197. Aínda que a súa figura recorda a do falcón pequeno (Falco subbuteo) é máis pequeno e ten a cola máis longa.

A parte superior do corpo dos machos adultos é de cor gris azulada escura, ton que predomina tamén na área da cabeza, máis escuro ó redor dos ollos. As plumas rémixes son gris prata pola parte superior, o que contrasta coas plumas supracobertoiras escuras. A parte inferior do corpo é gris lousa, agás na parte inferior da barriga, as plumas da parte subcaudal e os "calzóns" (plumas das patas) que son avermellados. O anel ocular e da cor do minio, coma tamén a cera do bico, que é gris azulado, e vai facéndose máis escuro canto máis contra a punta. Teñen as unllas moi claras, agás na punta, que é gris escura. As patas e os pés son vermellas salmón.

As femias adultas son claramente diferentes dos machos. Teñen a plumaxe da parte superior do corpo máis clara, ás veces mesmo algo acastañada con listas gris escuras. A cola é algo máis clara aínda, con bandas escuras, entre elas unha banda subterminal máis ancha cás outras e case negra. A caluga, a parte superior da cabeza e a parte inferior do corpo teñen unha cor laranxa acastañada. O peito ten liñas negras, e as meixelas e a gorxa son brancas. Destaca unha máscara ocular negra, que se prolonga nunha faixa estreita polas meixelas. A cera do bico e o anel ocular son laranxas, as patas alaranxadas e as unllas amarelas coas puntas negras.

Os exemplares novos non son doados de identificar. Teñen a partes superior do corpo castaña escura mate. A parte inferior é clara, con coloracións que varían entre o laranxa e o castaño. As rémixes son castañas agrisadas, con faixas claras. A cola ten bandas ben visibles. A cabeza e castaña clara ou castaña alaranxada, cun listado fino. A máscara ocular e a barba son castañas, a cera e o anel ocular laranxas amarelados. Patas e unllas son amarelas.

Os lagarteiros patirrubios novos, son doados de confundir co falcón pequeno, que ten a cabeza e a máscara ocular máis escura, case negra, e a cera do bico e o anel ocular gris azulados. Tamén as femias de esmerillóns son semellantes os lagarteiros patirrubios xoves, pero teñen as ás máis curtas, e de silueta máis triangular

Os inmaturos teñen, con diferenzas individuais, o deseño dos adultos. Vistos por baixo poden ter un aspecto axadrezado, pouco uniforme, causado porque mentres o peito, a barriga e as partes inferiores das ás teñen xa a plumaxe adulta, máis das rémixes manteñen a coloración castaña agrisada manchada dos exemplares máis novos. A final do segundo ano de vida os inmaturos adoptan definitivamente a plumaxe adulta.

O voo rápido, flexible e hábil do lagarteiro patirrubio e interrompido regularmente por fases de planeo, nas que mantén as ás dirixidas cara a atrás debuxan unha fouce. Aínda que practican frecuentemente o voo pairado, en xeral preto do chan, fano en períodos maias curtos có lagarteiro común e mantendo o corpo máis horizontal cá este.

Voz editar

Son aves ruidosas, particularmente antes da incubación e cando se xuntan nos grupos de descanso. As parellas que crían fora das colonias son menos audibles. Os chíos son semellantes os do falcón pequeno (Falco subbuteo), pero máis altos. Cando a excitación aumenta os berros son máis agudos e repetidos máis rapidamente..

Sistemática editar

F. vespertinus é unha especie moi próxima ó falcón do Amur (Falco amurensis), que vive ó leste da súa área de distribución, ata o Amur e Corea do Norte. Esta especie é algo máis pequena, e as femias teñen a cabeza gris escura. Teñen o anel ocular e a cera da cor do ladrillo. A parte inferior do corpo das femias ten manchas negras sobre un fondo laranxa acastañado. Comparten algúns territorios de inverno co lagarteiro patirrubio, do que ata hai poucos anos foi considerado unha subespecie (Falco vespertinus amuriensis).

Distribución editar

 
laranxa: área de cría
azul: zona de invernada

Os puntos con máis poboación reprodutora dentro de Europa están situados en Ucraína e sur de Rusia. Números importantes viven tamén en Hungría, Romanía e Serbia . En Italia, Bulgaria e Moldavia hai poboacións de cría menores, así coma en Austria, Eslovaquia e Belarús. Crían irregularmente na República Checa e os Países bálticos e ocasionalmente en Alemaña. En Asia crían nunha faixa relativamente estreita un pouco máis ó sur da taiga arborada, chegando polo leste ata ó río Lena, tocando os territorios do Falco amurensis ó leste do lago Baikal .A súa fronteira norte varía entre os 63° e os 58° de latitude, a sur pasa aproximadamente polos 45°. Comeza ó longo dos montes Altai e segue cara ó oeste nas estepas de Asia central chegando a zona do río Volga e a costa norte do mar Caspio. As poboacións máis meridionais aparecen nas estepas do norte do Cáucaso e en Xeorxia. Áreas de cría illadas atópanse tamén no norte de Turquía.

Pasan o inverno no sur e leste de África.

Hábitat editar

Os lagarteiros patirrubios habitan en paisaxes abertas con grupos de árbores ou pequenos bosques. Precisan, ademais dunha boa oferta de insectos grandes e de mamíferos pequenos, sitios axeitados para facer os niños. No centro de Asia e sueste de Europa as estepas con árbores son o seu ligar de cría principal. Viven tamén na beira sur do bosque boreal de coníferas, en especial nas zonas na que os abetos deixan o seu lugar ós pinos. A aparición de grandes claros nos bosques causados por causas naturais ou humanas favorecen o asentamento das súas poboacións. Nas partes máis setentrionais do seu territorio de cría aproveitan zonas pantanosas e páramos nos que haxa suficiente cantidade de árbores. Ocasionalmente poden cría en reas de árbores situadas en zonas agrícolas. Se son tolerados achéganse moito os asentamentos humanos. Evitan os desertos e case sempre as estepas sen árbores, agás cando dispoñen de acantilados nos que criar. Son aves de terras baixas, que en Europa non se reproducen alén dos 300 m. de altura, por ben que en Asia o poidan facer ata os 1.500 m.

Nos territorios de inverno africanos levan unha vida nómade, aparecendo en biótopos diversos, coma a sabana seca, húmida ou a sabana de plantas espiñentas e en areas herbáceas abertas

Alimentación editar

A base da dieta dos adultos son os insectos grandes e outros invertebrados. Os polos son alimentados de réptiles, anfibios e pequenos mamíferos. Non amosan particular preferencia por ningunha especie en particular, limitándose a atrapar as máis abundantes e máis doadas de obter. Insectos grandes coma saltóns, grilos, escaravellos, bolboretas, libélulas e larvas forman a parte meirande das súas presas. Abellas e avespas son tamén importantes na súa alimentación. Arañas, caracois e miñocas son capturados sobre todo cando a presenza doutras especies mingua.[2] Na época fría, cando os insectos son escasos, e cando están a criar, matan mamíferos de ata o tamaño dun hámster, paxaros pequenos e polos doutras aves, así como tamén réptiles e anfibios.

Nos territorios de inverno langostas, cicadas, térmites e formigas voadoras son a base da súa alimentación.

Cazan pousados nun punto de espreita ou buscando presas dende o aire. No primeiro caso adoitan pousarse en sitios baixos, dende os que observan os arredores, para cazar as presas no aire ou no chan cun voo curto. No aire sobrevoan de vagar pequenas áreas de terreo para descubrir posibles vítimas. Este voo, con variacións frecuentes, recorda ás veces o voo de caza do carrán negro (Chlidonias niger). As presas son atrapadas coas gadoupas e, se son pequenas, consumidas no aire despois de lles arrincar a cabeza. As presas meirandes lévanas a un pousadeiro para traga-las. Acotío cazan no chan, polo que se moven con brincos e carreiras. É común que cacen formando pequenos bandos, aínda que non se sabe de certo se actuando de xeito coordinado. En ocasións poden rouba-las capturas doutros falcóns pequenos coma o lagarteiro das torres (Falco naumanni).

 
Lagarteiro patirrubio (Falco vespertinus), Deseño de Naumann

Conduta editar

Se teñen alimento e lugares para face-los niños dabondo, son moi sociais, formando grupos de cría que poden ir dunhas poucas parellas ata varios centos delas. En Europa, porén, é hoxe excepcional atopar colonias de máis de 20 parellas. Nos límites setentrionais e occidentais da súa área de distribución o habitual é que as parellas críen illadas. Non defenden ningún territorio de caza e, mesmo dentro das colonias, son moi tolerantes cos veciños de cría. Os intrusos doutras especies, en especial os córvidos son rexeitados con enerxía pola párella que se sente máis ameazada. Fora da época reprodutora non adoitan estar SOS. Nos cuarteis de inverno xúntanse en grupos grandes e observáronse sociedades de máis de 1000 individuos que se xuntan para cazar e durmir. Coma no caso do lagarteiro das torres a súa fase de actividade diaria ten dous momentos de máxima intensidade. A caza, que comeza ben entrada a mañá aínda que en casos de grande escaseza de alimentos pode face-lo máis cedo, é seguida por un período de descanso que no verán dura ata as 16:00 horas, período que aproveitan tamén para coida-las plumas. Mesmo as presas máis xeitosas e doadas de cachar son en xeral ignoradas durante esas horas. O segundo punto culminante da súa fase activa vai dende as primeiras horas da tarde ata as últimas do crepúsculo ou, en noites de lúa clara, ata á noite. Acaba o día con voos ruidosos en grupo.

Reprodución editar

 
Falco vespertinus

Acadan a madureza sexual á fin do primeiro ano de vida, aínda que non adoitan criar ata o ano seguinte. Forman parellas monógamas estacionais, O cortexo e o emparellamento fanse no territorio de cría. O elemento principal das cerimonias de cortexo son os voos de demostración do macho, semellantes ós do lagarteiro común. Os machos botan a voar e fan xiros e fintas cada vez máis preto da femia que permanece pousada, chegando en ocasións a toca-la durante o voo. As femias ourizan un pouco as plumas do lombo e erguen a cola verticalmente. Toda a demostración é acompañada polos berros dos dous membros da parella. O macho pousa ocasionalmente cabo da femia para entregarlle unha presa. Outra fase importante das cerimonias é a de amosar a futura localización do niño, coa función de coordinar un sitio que os dous consideren axeitado. As cópulas teñen lugar no niño ou pousados nunha pola e seguen en intervalos cada vez máis curtos ata que comeza a posta.

Para face-los niños, dos que procuran o lugar en canto chegan da viaxe migratoria, que ten lugar, de finais de abril a finais de maio, consonte as rexións, aproveitan en xeral niños abandonados de corvo, de gralla ou de pega, en particular os da gralla grande (Corvus frugilegus), ave que cría en colonias. En ocasións usan niños doutras aves de rapina. Cando escollen niños da gralla grande, parecen preferir os situados a máis altura. Algunhas veces agardan a poñe-los ovos ata que os polos do antigo ocupante son capaces de voar e deixan o niño, pero observáronse tamén casos de lagarteiros que botaron dos seus niños a grallas grandes e grallas pretas (Corvus corona).[3] Os niños en penas, acantilados ou furados son raros, como tamén os casos de postas feitas no chan.

Poñen tres ou catro ovos de fondo claro con moitas manchas castaño-avermelladas, que teñen xeito de ovalo máis axiña mocho, miden uns 37 x 29 mm e pesan 21 gramos de media. Téñense localizado tanto postas de ata 6 ovos coma dun ovo só. A posta comeza dúas ou tres semanas despois de chegaren ó territorio de cría, e os ovos son chocados polos dous membros da parella. Non se coñece o tempo de duración a incubación, pero estímase entre 27 e 28 días.[4] Máis dos autores cren que os polos permanecen entre 26 e 28 días no niño. Durante as dúas primeiras semanas son embicadados pola femia cos alimentos fornecidos polo macho. Despois os dous pais colaboran na caza. En comezando a voar fanse de seguida independentes, e poden captura presas en dúas semanas, momento no que a familia se separa.

Migracións editar

Son migradores de longa distancia, que pasan o inverno paleártico en xeral no sueste e sur de África, a onde se desprazan mesmo as aves do leste de Asia, cubrindo distancias de ata 20.000 km. de ida e volta. Nalgunhas ocasións hai exemplares que pasan o inverno en Crimea, Macedonia do Norte ou Turquía. Antes de comeza-la viaxe, entre finais de agosto e mediados de setembro, os lagarteiros patirrubios xúntanse nos territorios de cría para formar bandos. Viaxan en xeral de día e a grande altura, a miúdo en compaña doutras especies de falcóns de talle pequeno. As poboacións do leste voan primeiro cara ó oeste e diríxense cara ó sur seguindo a costa leste do mar Negro ou o leste do Mediterráneo. En ocasións o voo diríxese máis o norte, e poden coincidir cos emigrantes das poboacións do sur de Suecia e norte de Alemaña.[5] As aves do leste de Europa viaxan directamente cara ó sueste. Os seus cuarteis de inverno están en Angola, Zambia, Namibia, Botswana, Cimbabue e a República Surafricana, a onde chegan a mediados de novembro, permanecendo ata finais de febreiro. O voo de volta fano por unha ruta máis ó oeste, cruzando o mar Mediterráneo polas súas partes central ou oeste.

Situación e ameazas editar

Coma no caso doutras aves que se alimentan insectos grandes, as súas poboacións evolucionaron negativamente dende os anos 1960, ou mesmo nalgunhas rexións coma Hungría moi negativamente, pasando das 2000 parellas reprodutoras do ano 1998 a un máximo de 1000 no 2002. A desaparición das grandes colonias de cría, onde as taxas de reprodución son máis elevadas que nas máis pequenas ou na cría illada, fai temer a continuación do retroceso no futuro inmediato. Ademais da destrución dos seus biótopos e a persecución directa, o uso de pesticidas inflúe moi negativamente nas poboacións da especie. A loita contra as lagostas nos territorios de inverno ten tamén unha grande incidencia na súa situación. A persecución de corvos e pegas, que fan os niños que aproveitan despois os lagarteiros, reduce tamén as posibilidades reprodutoras da especie.

Cálculos recentes[6] cifran as poboacións europeas nunhas 32.000 parellas reprodutoras. A situación mundial foi cifrada por Ferguson-Lees e Christie[7] en polo menos 100.000 parellas. De acordo coa IUCN a situación da especie e de case ameazada,. Birdlife Europe[8] clasifica a especie como vulnerable, sobre todo polo retroceso sufrido en Ucraína e a Rusia europea, aínda que esta valoración non ten en conta as estadísticas recentes sobre o conxunto de Ucraína..[6]

Na parte positiva pódese citar que volveron a criar regularmente no leste de Austria e o oeste de Eslovaquia, onde deixaran de facelo a finais da década dos 80 do século 20. En 1995 volveuse a súa presenza como reprodutor en Parma e arestora crían en Italia unhas 70 parellas.

Onomástica editar

O seu costume de cazar á noitiña valeulle o nome latino de vespertinus, situación que foi tamén orixe dos seu nomes en dinamarqués e sueco: Aftenfalk e Aftonfalk'. Noutras linguas é a cor característica das súas patas quen lles dá o nome.

Nomes vulgares noutras linguas editar

  • Alemán: Rotfußfalke.
  • Catalán: Falcó cama-roig.
  • Danés: Aftenfalk.
  • Euskara: Belatz hankagorri.
  • Español: Cernícalo patirrojo.
  • Francés: Faucon kobez.
  • Inglés: Red-footed Falcon.
  • Polaco: Kobczyk.

Notas editar

  1. BirdLife International (2012). "Falco vespertinus". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 16 de xullo 2012. 
  2. Handbuch der Vögel Mitteleuropas (HBV) Band 4, 1988, S. 787.
  3. HBV (1989) S. 786f.
  4. Ferguson-Lees und Christie (2001), S. 867; Mebs und Schmidt (2006), S. 387.
  5. Mebs und Schmidt (2006), S. 387.
  6. 6,0 6,1 Mebs und Schmidt (2006), S. 384.
  7. Ferguson-Lees und Christie (2001), S. 867.
  8. "Factsheet Birdlife Europe" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de setembro de 2007. Consultado o 11 de outubro de 2007. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Hans-Günther Bauer und Peter Berthold: Die Brutvögel Mitteleuropas. Bestand und Gefährdung. Wiesbaden 1998, S. 122-123, ISBN 3-89104-613-8
  • Mark Beaman und Steven Madge: Handbuch der Vogelbestimmung. Europa und Westpaläarktis. Stuttgart 1998, S. 207 und 246, ISBN 3-8001-3471-3
  • James Ferguson-Lees and David A. Christie: Raptors of the World. Boston/New York 2001, S. 864-867; Plate 99 (S. 276), ISBN 0-618-12762-3
  • Benny Génsbøl und Walther Thiede: Greifvögel. Alle europäischen Arten, Bestimmungsmerkmale, Flugbilder, Biologie, Verbreitung, Gefährdung, Bestandsentwicklung. München 2005, ISBN 3-405-16641-1
  • Urs N. Glutz von Blotzheim, Einhard Bezzel und Kurt M. Bauer: Handbuch der Vögel Mitteleuropas Band 4, 2. Auflage, Wiesbaden 1989, Seiten 768-788,ISBN 3-89104-460-7
  • Theodor Mebs und Daniel Schmidt: Die Greifvögel Europas, Nordafrikas und Vorderasiens. Biologie, Kennzeichen, Bestände. Stuttgart 2006, S. 382-388, ISBN 3-440-09585-1
  • Viktor Wember: Die Namen der Vögel Europas. Bedeutung der deutschen und wissenschaftlichen Namen. Wiebelsheim 2005, Seiten 66,ISBN 3-89104-678-2

Ligazóns externas editar