Fabiola Gianotti

física italiana

Fabiola Gianotti, nada en Roma o 29 de outubro de 1960,[1] é unha física de partículas italiana e a primeira muller en ser a directora xeral do CERN de Xenebra.[2][3] O seu mandato comezou o 1 de xaneiro de 2016 e ten unha duración de cinco anos. Na 195ª sesión, o Consello do CERN escolleu a Fabiola Gianotti como a próxima Directora Xeral da Organización para unha segunda sesión de mandato. O nomeamento formalizarase na sesión do Consello en decembro, e o novo mandato de cinco anos de Gianotti comezará o 1 de xaneiro de 2021 e continuará até o 2025. Esta é a primeira vez na historia do CERN que un Director Xeral é escollido para un segundo mandato.[4]

Fabiola Gianotti
Nome completoFabiola Gianotti
Nacemento29 de outubro de 1960
Lugar de nacementoRoma
NacionalidadeItalia
Alma máterUniversidade de Milán
Ocupaciónfísica
Coñecida porATLAS (experiência)
PremiosFundamental Physics Prize, Cabaleiro da Gran Cruz da Orde ao Mérito da República Italiana, Prêmio Enrico Fermi, Doutor Honoris Causa da Universidade de Uppsala, 100 Mulleres da BBC, honorary doctorate from the McGill University, honorary doctor of the École polytechnique fédérale de Lausanne, Foreign Member of the Royal Society, Member of the National Academy of Sciences of the United States, Medalha Wilhelm Exner e Ambrogino d'oro
Na rede
http://press.cern/fr/biographies/fabiola-gianotti-nee-en-1960-italienne
IMDB: nm4535452 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Filla dun xeólogo natural de Asti e dunha experta en literatura siciliana, aos sete anos trasladouse coa súa familia de Roma a Milán, onde estudou na escola secundaria Tommaseo e na escola secundaria das Ursulinas.[5] A lectura da biografía de Marie Curie e a explicación de Albert Einstein sobre o efecto fotoeléctrico achegárona aos temas científicos e, en particular, á física,[6] na que se licenciou cunha especialidade en física subnuclear en 1984 na Universidade Estatal de Milán. No mesmo ano, comezou a realizar estudos de doutoramento en investigación sobre partículas elementais trala atribución do Premio Nobel a Carlo Rubbia.[5] O devandito traballo tratou a análise dos datos do experimento UA2.[7]

Comezou a formar parte do CERN en 1987 traballando en varios experimentos, incluíndo UA2 no Super Proton Synchrotron (SPS) e ALEPH en LEP, precursor do Gran colisor de hadróns. En 1990, comezou a estudar o argon líquido. En febreiro de 1992, participou no experimento ATLAS, que contou coa colaboración de máis de 3000 expertos, na súa maioría físicos de 38 países de todo o mundo, e é considerado o maior experimento científico realizado nunca.[8] Despois de ser coordinadora de 1999 a 2003, elixida polos seus compañeiros e compañeiras, retomou este posto dende 2009 ata 2013.[9] Como voceira de ATLAS, o 4 de xullo de 2012 anunciou no auditorio do CERN, xunto con Joseph Incandela, voceiro do experimento CMS, a primeira observación dunha partícula compatible co bosón de Higgs.[10]

Forma parte do comité asesor de física en Fermilab nos Estados Unidos[11] e da Accademia dei Lincei para a clase de ciencias físicas.[1] Dende 2013, é profesora honorífica na Universidade de Edimburgo.[12]

No 2013 participou na película documental Particle Fever.

O 4 de novembro de 2014 foi seleccionada polo consello do CERN, na súa 173ª sesión, para o cargo de directora xeral, converténdose na primeira muller en recibir esta designación.[13] Dende o 1 de xaneiro de 2016 é oficialmente a nova directora xeral do CERN.[14]

No 2017 foi invitada a unirse formar parte do Grupo Bidelberg.[15] O 6 de novembro de 2019 foi seleccionada polo consello do CERN, na súa 195ª sesión, para un segundo mandato como directora xeral. Foi a primeira vez na historia do CERN na que se volve elixir a mesma persoa para un segundo mandato. Gianotti liderará o centro de investigación ata 2025.

Vida privada editar

Fixo a carreira de piano no Conservatorio de Milán,[16] e ademais practicou ballet.

Declarouse crente. Tamén afirmou que o estudo da natureza leva ao ser humano a pensar nun intelecto ordenador: "O que vexo na natureza, a súa sinxeleza, a súa elegancia, achéganme á idea dunha mente intelixente que ordena".[17] Noutra entrevista respondeu: "Si, creo. A ciencia é compatible coa fe e non hai contradicións. O importante é separar os dous ámbitos: ser crentes ou non crentes, a física non nos dará unha resposta".[18]

Recoñecementos profesionais editar

O 7 de decembro de 2012, o Concello de Milán outorgoulle o premio Ambrogino d'oro.[19]

O 11 de decembro de 2012 compartiu o Premio de Física Fundamental con outros galardoados.[20][21]

A revista Time clasificouna no quinto lugar na clasificación de Persoas do ano 2012. O primeiro posto foi concedido ao presidente Obama.[22][23]

En 2013 fóronlle asignados:

  • o Premio Nonino, coa seguinte motivación: "O Premio Nonino premia nela a excelencia dunha investigación que ten un potencial inmenso, pero que por desgraza a miúdo é humillada no noso país".[24]
  • o premio Enrico Fermi da Sociedade Italiana de Física.

No mesmo ano situárona no septuaxésimo oitavo lugar da lista das 100 mulleres máis poderosas do mundo segundo a revista Forbes.[25][26] Dedicáronlle un asteroide, 214819 Gianotti.[27]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Accademia Nazionale dei Lincei (ed.). "Scheda del socio - Fabiola Gianotti". Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2014. Consultado o 26 de xaneiro de 2013. 
  2. "Fabiola Gianotti signs her contract as CERN's new Director-General". CERN Bulletin. Consultado o 28 de agosto de 2015. 
  3. Castelvecchi, Davide (2014). "Higgs hunter will be CERN's first female director: Italian physicist Fabiola Gianotti will take the reins at the European physics powerhouse in 2016.". Nature. doi:10.1038/nature.2014.16287. 
  4. home.cern/news, ed. (6 de novembro de 2019). "CERN Council appoints Fabiola Gianotti for second term of office as CERN Director General". Consultado o 12 de marzo de 2020. 
  5. 5,0 5,1 Maria Accettura (4 de novembro de 2014). "Fabiola Gianotti è la prima donna a dirigere il Cern". D - la Repubblica delle donne. Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2017. Consultado o 13 de novembro de 2014. 
  6. Luca Fraioli (22 de decembro de 2012). la Repubblica, ed. "La signora delle Scienze. Fabiola Gianotti si racconta". Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2012. Consultado o 7 de novembro de 2019. 
  7. CERN (ed.). "Dr Fabiola Gianotti: Brief Curriculum Vitae" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2012. Consultado o 26 de xaneiro de 2013. 
  8. Anil Ananthaswamy (25 de febreiro de 2009). New Scientist, ed. "The woman in charge of the world's biggest experiment" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2016. Consultado o 7 de novembro de 2019. 
  9. Elena Dusi; Viola Rita (8 de outubro de 2013). la Repubblica, ed. "Nobel al Bosone, applausi e champagne. Tonelli: "Che gioia". Gianotti: "Pelle d'oca"". Arquivado dende o orixinal o 27 de outubro de 2019. Consultado o 7 de novembro de 2019. 
  10. Ian Sample (4 de xullo de 2012). "Higgs boson: it's unofficial! Cern scientists discover missing particle". The Guardian (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2013. Consultado o 7 de novembro de 2019. 
  11. GMC Giuseppe Marra Communications (ed.). "L'Italiana Fabiola Gianotti Spokesperson di Atlas al Cern". Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2012. Consultado o 26 de xaneiro de 2013. 
  12. School of Physics and Astronomy - The University of Edinburgh, ed. (15 de agosto de 2013). "Fabiola Gianotti appointed Honorary Professor" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2013. Consultado o 7 de novembro de 2019. 
  13. CERN, ed. (4 de novembro de 2014). "CERN Council selects next Director-General" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2019. Consultado o 7 de novembro de 2019. 
  14. Gianfranco Goria (2 de xaneiro de 2016). afNews, ed. "Complimenti e buon lavoro a Fabiola Gianotti!". Arquivado dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2016. Consultado o 7 de novembro de 2019. 
  15. Grupo Bilderberg, ed. (1-4 de xuño de 2017). "Participants 2017" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2019. Consultado o 7 de novembro de 2019. 
  16. CERN, ed. (16 de abril de 2008). "The Large Hadron Collider runs on woman power" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2012. Consultado o 26 de xaneiro de 2013. 
  17. Gli Scritti, ed. (21 de decembro de 2014). "Fabiola Gianotti, l’italiana nominata direttore generale del Cern di Ginevra sull’eleganza della natura e l’esistenza di Dio, in un’intervista di Giovanni Minoli". Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2017. Consultado o 8 de novembro de 2019. 
  18. Unione Cristiani Cattolici Razionali, ed. (17 de xaneiro de 2015). "Fabiola Gianotti: «Io credo in Dio, scienza e fede sono compatibili»". Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2017. Consultado o 8 de novembro de 2019. 
  19. Comune di Milano, ed. (13 de novembro de 2012). "Ecco i 63 nomi dei premiati". Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2014. Consultado o 8 de novembro de 2019. 
  20. Fundamental Physics Prize, ed. (11 de decembro de 2012). "Fundamental Physics Prize - News" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2013. Consultado o 26 de xaneiro de 2013. 
  21. Nicola Nosengo (14 de decembro de 2012). "Fundamental Physics Prize, ecco i vincitori". Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2017. Consultado o 16 de decembro de 2012. 
  22. la Repubblica.it (ed.). "Time, Barack Obama persona dell'anno 2012". Arquivado dende o orixinal o 01 de xaneiro de 2013. Consultado o 26 de xaneiro de 2013. 
  23. Time, ed. (19 de decembro de 2012). "Runner-Up: Fabiola Gianotti, the Discoverer" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2015. Consultado o 26 de xaneiro de 2013. 
  24. Nonino Distillatori S.p.A (ed.). "1975-2013 Premio Nonino – trentottesimo anno". Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2013. Consultado o 26 de xaneiro de 2013. 
  25. ANSA (ed.). "La fisica Fabiola Gianotti tra le 100 donne più potenti del 2013". Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2017. Consultado o 24 de maio de 2013. 
  26. Il Tempo, ed. (23 de maio de 2013). "Miuccia Prada e Fabiola Gianotti tra le donne più potenti del mondo". Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2017. Consultado o 8 de novembro de 2019. 
  27. Minor Planet Center, ed. (22 de xullo de 2013). "MINOR PLANET CIRCULARS/MINOR PLANETS AND COMETS" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (pdf) o 04 de novembro de 2013. Consultado o 8 de novembro de 2019. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar