Ablación (medicina)

(Redirección desde «Extirpación»)

En medicina e cirurxía, denomínase ablación ou extirpación[1] a quitar calquera órgano, tumor ou parte do corpo mediante unha operación cirúrxica,[2]​ ou pola aplicación de medios físicos (radiación, frío, calor) ou compostos químicos (medicamentos).[3]

Tomografía computadorizada que mostra a ablación por radiofrecuencia dunha lesión hepática

Etimoloxía editar

O termo deriva do latín tardío ablātiōn(em), de ab "separación" + lā- "levar" + -tiōnem "supresión". En cirurxía, cun valor semellante ao actual apareceu no latín medieval.[3]

Outros usos editar

O termo emprégase tamén para designar a destrución controlada dunha parte dun tecido mediante a aplicación de enerxía (radiofrecuencia, microondas, láser, ultrasóns).

En medicina legal pode ser obxecto de informe pericial de sospeitarse que se realizou contraviñendo as leis e se ordena a realización desta proba pola autoridade xudicial, e, coloquialmente, para referirse á ablación xenital femenina, ou ablación do clítoris.[3]

Tipos de ablación en medicina editar

Ablación baseada en enerxía editar

A ablación baseada en enerxía busca a destrución dunha pequena parte dun tecido mediante a aplicación controlada de enerxía, tal como correntes de radiofrecuencia (RF), microondas, láser, ultrasóns, aplicación de descargas de alto voltaxe (electroporación) etc. Existen moitos obxectivos clínicos para esta destrución de tecidos. Por exemplo, na ablación cardíaca deséxase a destrución das células cardíacas causantes dunha arritmia, mentres que na ablación de tumores, a destrución debe lograr alcanzar a todo o volume do tumor máis unha zona periférica segura.

Na ablación por radiofrecuencia a destrución lógrase por aumento da temperatura debido ao paso dunha corrente de alta frecuencia (de 100 kHz a 1 MHz). Esta corrente non produce estimulación nerviosa nin muscular, senón só quentamento. Os procedementos de ablación por radiofrecuencia realízanse baixo a guía de imaxes (por exemplo, de raios X, tomografía computadorizada ou ecografía) por un anestesiólogo, ou un radiólogo intervencionista, o un endoscopista gastrointestinal, ou un electrofisiólogo cardíaco.

En cardioloxía a ablación por radiofrecuencia é o procedemento que mediante un cateterismo cardíaco permite a curación de taquicardias paroxísticas e outros tipos de arritmias.[4]

No tratamento dos tumores incrementouse o uso da ablación por radiofrecuencia nos últimos 20 anos, con resultados prometedores.[5]

Amputación editar

A amputación é o corte e separación dunha extremidade do corpo mediante arrancamento (un tipo de traumatismo) ou cirurxía. Como unha medida cirúrxica, utilízase para controlar a dor ou un proceso causado por unha enfermidade na extremidade afectada, por exemplo un tumor maligno ou unha gangrena.

Circuncisión editar

A circuncisión consiste en cortar a porción do prepucio do pene que cobre o glande, deixándoo permanentemente ao descuberto.[6][7][8]

Histerectomía editar

Unha histerectomía é a extracción cirúrxica do útero.[9][10] A perda de útero provoca a imposibilidade absoluta de aniñar o ovocito ou ovo fecundado, o que impide o desenvolvemento do embrión e, posteriormente, do feto, orixinando esterilidade.[11][12][13]

Lobectomía editar

A lobectomía é a extirpación cirúrxica do lóbulo dun órgano ou dunha glándula. Hai lobectomías pulmonares, hepáticas ou cerebrais.

Mastectomía editar

A mastectomía é a extirpación dunha ou ambas as mamas de maneira parcial ou completa. Practícase principalmente para tratar cirurxicamente os cancros de mama.

Tumorectomía editar

A tumorectomía é a extirpación cirúrxica dunha masa tumoral, benigna ou maligna, ou dunha tumoración localizada.

Notas editar

  1. ablación, 1ª acep. no Dicionario da RAG.
  2. VV. AA. (2002): Diccionario galego de termos médicos. Santiago de Compostela: Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia / Xunta de Galicia. ISBN 84-453-3371-2.
  3. 3,0 3,1 3,2 ablación en Real Academia de Medicina de España.
  4. Ablation for Arrhythmias. American Heart Association. Consultado o 19 de novembro de 2021.
  5. Radiofrequency ablation for cancer. Mayo Clinic. Consultado o 19 de novembro de 2021.
  6. circunsición no Dicionmario da RAG.
  7. Circuncisión no DRAE
  8. Information Package on male circumcision and HIV prevention. WHO.
  9. histerectomía no Dicionario da RAG.
  10. Histerectomía en MedlinePuls.
  11. "Facts about hysterectomy". Hysterectomy Alternatives and Aftereffects. Consultado o 19 de novembro de 2021. 
  12. "Female Anatomy: the Functions of Female Organs". Hysterectomy Alternatives and Aftereffects. Consultado o 19 de novembro de 2021. 
  13. "Hysterectomy Educational Resources & Services". Hysterectomy Alternatives and Consequences. Consultado o 19 de novembro de 2021. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar