Decreto da Alhambra

decreto dos Reis Católicos de expulsión ou conversión dos xudeos de Castela e Aragón
(Redirección desde «Expulsión dos xudeus de España»)

O Decreto da Alhambra ou edicto de Granada foi un decreto rexio promulgado polos Reis Católicos (Isabel I de Castela e o rei Fernando II de Aragón), ordenando a expulsión ou conversión forzada da poboación xudía dos reinos de Castela e Aragón. Este decreto deixaba marchar dos seus reinos quen non quixese converterse ao catolicismo, polo que realmente non foi unha expulsión senón unha prohibición do xudaísmo.[1] Foi a causa da dispersión dos sefardís (xudeus españois) polo Magreb, Medio Oriente e sueste de Europa. Escrito por Juan de Coloma, o secretario real, e asinado na Alhambra, Granada, o 31 de marzo de 1492.[1]

Decreto da Alhambra

Aceptado con resignación por gran parte da comunidade xudaica, unha notábel excepción foi o rabino Isaac Abravanel. Un documento ficticio, atribuído a Isaac Abravanel, que sería unha resposta escrita a ese decreto, foi na verdade forxado por David Rafael en 1988. No seguimento do seu intento en convencer os reis católicos a cancelar o decreto, tería escrito unha resposta punxente e profética ao decreto, nas vésperas da súa partida. A orixe real do documento encóntrase nunha obra de ficción publicada en 1988, intitulada Alhambra Decree do autor David Raphael.[2]

Condicións da expulsión editar

Na segunda parte do decreto detallábanse as condicións da expulsión:[3]

  1. A expulsión dos xudeus era definitiva: «acordamos de mandar saír todos os xudeus e xudías dos nosos reinos e que xamais tornen nin volvan a eles nin algún de eles».
  2. Non había ningunha excepción, nin por razón de idade, residencia ou lugar de nacemento inclúense tanto os nados en Castela e Aragón como os vindos de fóra?.
  3. Dábase un prazo de catro meses –que despois se ampliará dez días máis, ata o 10 de agosto– para que saísen dos dominios dos reis. Os que non o fixesen dentro dese prazo ou volvesen despois serían castigados coa pena de morte e a confiscación dos seus bens. Así mesmo os que auxiliasen aos xudeus ou os ocultasen expoñíanse a perder «todos os seus bens, vasalos e fortalezas e outras herdanzas».
  4. No prazo fixado de catro meses os xudeus poderían vender os seus bens inmobles e levarse o produto da venda en forma de letras de cambio –non en moeda acuñada ou en ouro e prata porque a súa saída estaba prohibida pola lei– ou de mercadorías –sempre que non fosen armas ou cabalos, cuxa exportación tamén estaba prohibida–.

Aínda que no edicto non se facía referencia a unha posible conversión, esta alternativa estaba implícita. Como destacou o historiador Luís Suárez os xudeus dispoñían de "catro meses para tomar a máis terrible decisión da súa vida: abandonar a súa fe para integrarse nel [no reino, na comunidade política e civil], ou saír do territorio a fin de conservala".[4]

Derrogación editar

Aínda que xa había tempo que existía unha comunidade xudía en España, posto que a Constitución española de 1869 proclamara a liberdade de culto, que non se revogou ata o franquismo (pola Lei de 2 de febreiro de 1939[5]); o 16 de decembro de 1968 o goberno do xeneral Francisco Franco declarou o Edicto abolido[6] e foi derogado formalmente o 21 de decembro de 1969.[7]

En 1992, con motivo do Quinto Centenario do Descubrimento de América por parte do mundo occidental e da expulsión dos xudeus, organízase Sefarad 92 para selar definitivamente a reconciliación e o reencontro cos xudeus en España. O acto principal foi a cerimonia que se celebrou o 31 de marzo de 1992, cincocentos anos despois do edicto de expulsión, na sinagoga de Madrid presidido polo rei Juan Carlos I e a súa esposa, no que estiveron presentes o presidente de Israel, Haim Herzog, o presidente da comisión Sefarad 92, o israelí sefardí Isaac Navon, e representantes das organizacións sefardíes internacionais e das comunidades xudías españolas. Dous anos antes concedeuse o premio Príncipe de Asturias da Concordia ás comunidades sefardíes do mundo.[8]

En marzo de 2014 o goberno español anunciou a súa intención de modificar o Código Civil para conceder oficialmente a nacionalidade española aos descendentes dos xudeus expulsados da Península Ibérica.[9]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Suárez Fernández, Luis (2014). Marcial Pons, ed. La Iglesia en la Historia de España (en castelán). ISBN 978-84-15948-88-9. 
  2. A Resposta de Don Isaac Abravanel ao Edicto de Expulsión
  3. Pérez, Joseph (2009). Los judíos en España. Marcial Pons. p. 189. 
  4. Suárez Fernández, Luis (2012). La expulsión de los judíos. Un problema europeo. Ariel. p. 415. 
  5. Esta lei derrogaba a de 1933 de Confesións e Congregaciones Relixiosas, e na súa preámbulo establecía que "Ante todo partía aquela Lei -a derrogada- dunha base absolutamente falsa: a coexistencia en España de pluralidade de confesións relixiosas, cando é notorio que na nosa Patria non hai máis que unha, que os séculos remarcaron con singular relevo, que é a Relixión Católica, inspiradora do seu xenio e tradición". B.O.E., 4 febreiro 1939, p. 670.
  6. 1492 Ban on Jews Is Voided by SpainThe New York Times, 17 de decembro de 1968
  7. Suárez Fernández, Luis (2012). La expulsión de los judíos. Un problema europeo. Ariel. p. 442. 
  8. Álvarez Chillida, Gonzalo (2002). El Antisemitismo en España. La imagen del judío (1812-2002). Marcial Pons. pp. 462–464. 
  9. El País, ed. (10 de febreiro de 2014). "La oferta de nacionalidad a sefardíes satura los consulados españoles en Israel". 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar