Ex cathedra é unha locución latina que significa literalmente "desde a cadeira". Está composta por ex (preposición de ablativo "dende") e cathedra (ablativo de "cadeira"), e refírese ao acto de expresar algo coa autoridade que corresponde a un cargo (ben sexa un xuíz, un profesor etc.) sendo así a cadeira ou cátedra unha metonimia da función. Polo tanto, adoita empregarse para expresarse de xeito maxistral e moi solemne.

Cathedra Petri "a cadeira de Pedro", que se atopa na Basílica de San Pedro en Roma

O uso principal desta expresión é o levado a cabo polas institucións papais. Cando o Papa fala dende a súa cadeira ou cathedra de autoridade, como cabeza visible da Igrexa Católica, as súas ensinanzas non dependen do consentimento da Igrexa e son irreformables. O Concilio Vaticano I expresou en 1879 así o dogma da Infalibilidade Papal: «O Romano Pontífice cando fala ex cathedra, isto é, cando o exercicio do seu oficio de pastor e mestre de todos os cristiáns, en virtude da súa suprema autoridade apostólica, define unha doutrina de fe ou costumes como que deben ser sostidas por toda a Igrexa, posúe, pola asistencia divina que lle foi prometida no benaventurado Pedro, aquela infalibilidade da que o divino Redentor quixo que gozara a súa Igrexa na definición da doutrina de fe e costumes. Por isto, ditas definicións do Romano Pontífice son en si mesmas, e non polo consentimento da Igrexa, irreformables» (Constitución dogmática Pastor Aeternus, Cap 4)

Tres condicións deben reunirse para que unha definición pontificia sexa ex cathedra (segundo o Catecismo):

  1. O Papa debe falar "como Pastor e Mestre supremo de todos os fieis que confirma na fe aos seus irmáns" (se fala en calidade de persoa privada, ou se se dirixe só a un grupo e non á Igrexa universal, non goza de infalibilidade.)
  2. O Papa "proclama por un acto definitivo a doutrina" (cando o Papa claramente expresa que a doutrina é definitiva, non pode cambiar.)
  3. O Papa fala "en cuestións de fe e moral".

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar