Exército espartano

O exército espartano era a forza militar da cidade estado de Esparta, unha das máis importantes na historia da Grecia antiga. O exército constituía o alicerce principal do estado espartano, no cal a primeira e principal obrigación dos seus cidadáns era converterse en bos soldados.[1]

A letra Lambda era o símbolo que levaban os espartanos nos seus escudos.

Sometidos ó adestramento militar dende a nenez, os soldados espartanos eran os máis disciplinados, formados e temidos da Grecia antiga. Nos intres de maior apoxeo de Esparta, entre os séculos -VI e -IV, estaba aceptado o feito de que "un soldado espartano valía o que varios homes de calquera outra polis".[1]

Organización do exército editar

 
Hoplita espartano.

Estrutura social editar

"...os aliados dos lacedemonios ofendéronse ante Axesilao, porque [...] eles [achegaban] tantos [soldados], e os lacedemonios, ós que seguían, tan poucos. [...] Axesilao, querendo refutar os seus argumentos con números [...] ordenou a todos os aliados a sentar todos xuntos separados, e os lacedemonios á parte. Entón o seu heraldo solicitou que se erguesen primeiro os oleiros, logo os ferreiros, logo os carpinteiros, e os construtores, e así con todos os artesáns. En resposta, case todos os aliados fóronse erguendo, pero non os lacedemonios; xa que tiñan prohibido aprender calquera traballo ou arte. Entón Axesilao dillo cunha gargallada: 'Vedes, homes, cantos soldados máis ca vós estamos a enviar.'"
Plutarco, Vida de Axesilao, 26

Os cidadáns de Esparta (tamén coñecidos como os «lacedemonios») estaban divididos en tres clases. A primeira delas estaba formada polos cidadáns plenos, coñecidos como espartiatas ou homoioi («iguais»), que recibían unha cantidade de terra (kleros) en troques do seu servizo militar. A segunda clase eran os periecos, non cidadáns de condición libre, xeralmente mercadores, artesáns e mariñeiros. Esta clase, dentro do exército, constituía a infantaría lixeira e levaba a cabo traballos militares auxiliares.[2] A terceira e máis numerosa clase eran os ilotas, servos propiedade do estado que eran empregados para traballar a terra dos espartiatas. No século -V, os ilotas tamén eran empregados como tropas lixeiras nas escaramuzas.[1]

Os homoioi eran o núcleo central do exército espartano: participaban na Asemblea espartana (Apella) e constituían a fonte da que se nutría o exército para formar os seus soldados hoplitas, que compoñían a base do exército. É máis, os homoioi estaban obrigados por lei a só ser soldados, tendo prohibido aprender ou exercitarse en calquera outra actividade.[1] En gran medida, a necesidade de manter un continuo despregue militar na sociedade espartana supoñía a obrigación de manter a un número cada vez máis amplo de ilotas subxugados.[3]

Un dos principais problemas da sociedade espartana co paso do tempo foi a diminución do número de cidadáns con plenos dereitos (oligantropía), o cal supuxo unha caída no número de soldados que formaban o núcleo do exército: o número de homoioi diminuíu dende os 6.000 cidadáns existentes en -640 até os 1.000 de -330.[4] Isto supuxo que os espartanos se visen obrigados a empregar hoplitas recrutados de entre os ilotas,e que en ocasións visen a necesidade de outorgar a liberdade a algúns deles, os neodamodes, e a darlles terras nas que establecerse en troques de que cumprisen un servizo militar.[5]

Por outra banda, a poboación de espartiatas dividíase entre distintos grupos tendo en conta a súa idade. Os máis novos (menores de 20 anos) considerábanse máis febles por mor da súa falta de experiencia, e ós máis maiores (máis de 60 anos ou, en épocas de crise, de 65) só eran chamados a filas en caso de emerxencia, e para defender as caravanas de subministracións.

Estrutura táctica editar

A principal fonte para o coñecemento da organización do exército espartano son os escritos de Xenofonte, que admiraba ós espartanos. A súa obra A Constitución dos lacedemonios[6] ofrece unha visión detallada do Estado e a sociedade espartana a comezos do século -IV. Outros autores, como Tucídides, tamén ofrecen información ó respecto, aínda que non tan fiable como a dos relatos de Xenofonte, cuxa información foi obtida de primeira man.[7]

Sábese pouco da organización do exército anterior a esa época, e existe unha gran marxe para a especulación. A primeira forma de organización militar e social (durante o século -VII) semella que podería ter consistido nas tres tribos (chamadas phylai e cos nomes de Pamphyloi, Hylleis e Dymanes) que aparecen na Segunda Guerra Mesenia (-685 a -668). Unha subdivisión posterior foi a «fraternidade» (phratra), e tense constancia da existencia de 27, nove por cada tribo.[8] Nalgún intre, esta división foi substituída por cinco divisións territoriais, os obai (que significa «vila») e que achegaban un lochos duns 1.000 homes cada un.[9] Semella que este sistema aínda se empregaba nas guerras contra Persia, como pode inferirse das referencias que Heródoto fai ós lochoi na súa Historia.[10] Esparta adoptou o estilo hoplita de combate entre os anos -680 e -660.[11]

Os cambios que ocorreron entre as Guerras Médicas e as Guerras do Peloponeso non se encontran documentados aínda que, segundo Tucídides, na batalla de Mantinea do ano -418 había presentes sete lochoi, cada un dos cales estaba dividido en catro pentekostyes de 128 homes cada un, e dezaseis enōmotiai de 32, dando un total de 3.584 hombres para o exército espartano principal.[12] A finais da Guerra, a estrutura evolucionara aínda máis coa finalidade de combater a escaseza de soldados e para crear un sistema máis flexible que permitise ós espartanos enviar destacamentos máis pequenos a campañas ou gornicións fóra da súa terra natal.[13] Segundo Xenofonte, a unidade básica seguía a ser a enōmotia, con 36 homes en tres filas de doce baixo o mando dun enomotarca (enōmotarches).[14] Dous enōmotiai formaban un pentēkostys de 72 homes baixo o mando dun pentēkontēr, e dous pentēkostyai agrupábanse nun lochos de 144 homes dirixidos por un lochagos. Catro lochoi compoñían unha mora de 576 homes, a meirande unidade táctica do exército espartano, a cuxo mando se encontraba un polemarca.[15] Seis morai compoñían o exército espartano en campaña, ós que se engadían os skiritai e os continxentes enviados por estados aliados.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Connolly (2006), p. 38
  2. Connolly (2006), p. 11
  3. Connolly (2006), p. 39
  4. Lane Fox, Robin (2006-10-30). The Classical World: An Epic History from Homer to Hadrian. Basic Books. ISBN 0465024963. 
  5. Sekunda (1998), pp. 16-17
  6. Esta obra pode consultarse en inglés nesta ligazón do Proxecto Gutenberg.
  7. Connolly (2006), pp. 38-39
  8. Sekunda (1998), p. 13
  9. Sekunda (1998), p. 14
  10. Connolly (2006), p. 41
  11. Lane Fox, Robin (2005): El mundo clásico. La epopeya de Grecia y Roma. – Crítica, Barcelona, 2007, p. 113. ISBN 978-84-8432-898-8
  12. Tucídides, Historia da Guerra do Peloponeso 5.68.2
  13. Sekunda (1998), p. 15
  14. Porén, até finais do século V, cada grupo parece que tiña unha profundidade de tan só 8 homes. Connolly (2006), p. 40
  15. Connolly (2006), p. 40

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Connolly, Peter (2006). Greece and Rome at War. Greenhill Books. ISBN 978-1853673030. 
  • Sekunda, Nicholas (1986). The Ancient Greeks: Armies of Classical Greece, 5th and 4th Centuries BC (Elite Series #7). Osprey Publications. ISBN 085045686X. 
  • Sekunda, Nicholas (1998). The Spartan Army (Elite Series #60). Osprey Publications. ISBN 1-85532-659-0. 
  • Warry, John (2004). Warfare in the Classical World. University of Oklahoma Press. ISBN 0-8061-2794-5. 

Outros artigos editar