Evanxeo de Mateo

(Redirixido desde «Evanxeo de San Mateo»)

O Evanxeo de Mateo, encadrado dentro dos sinópticos, é o primeiro dos evanxeos sobre Xesucristo, tal como aparece nas biblias cristiás.Ten unha grande influencia na relixiosidade popular e na arte relixiosa, por episodios como a Adoración dos Magos ou a matanza dos inocentes. Tamén, os capítulos 5 a 7 deste libro, o chamado "Sermón do Monte", son claves para entender a formación da moral cristiá.

As benaventuranzas, icona rusa, autor anónimo, século XVII.

Data de composición e destinatariosEditar

 
Páxina do Evanxeo de Mateo en sueco nunha edición comentada por Peter Fjellstedt (1890).

Algúns autores antigos, como Agostiño de Hipona aseguraban que existía un evanxeo de Mateo anterior ao texto que temos hoxe, escrito en lingua aramea. Iso situaría a Mateo como o Evanxeo máis antigo, anterior incluso a Marcos.

A esa concepción tradicional contrapóñense unha serie de feitos:

  • Non se atopou ata o de agora ningún manuscrito do chamado "Mateo aramaico", tódolos materiais coñecidos, tanto completos como fragmentarios son do Mateo en grego.
  • A referencia a feitos históricos, que se produciron despois do suposto Mateo aramaico, sinaladamente a destrución do Templo, da que fala Mateo e que se produciu no ano 70.

Polo tanto, os estudosos inclínanse pola existencia dun único texto, escrito en grego, escrito entre os anos 80 e 90. Semella que os destinarios eran unha comunidade cristiá en contacto cos xudeus pero que vivían nun ambiente hostil. Tendo en conta que no Evanxeo, ao contrario do que sucede en Marcos ou Lucas, non hai ningunha explicación sobre os costumes e leis xudeus pero, secasí, son moi abondosas as referencias críticas en contra dos fariseos, considérase que buscaba darlles argumentos fronte os xudeus. Deste xeito, moitos estudosos sitúan na comunidade de cristiáns de orixe xudía de Antioquía aos destinatarios deste Evanxeo: alí autoridade de Pedro, que transloce neste libro, era grande e, tamén alí, había unha sinagoga da ben organizada colectividade xudía.[1]

Autor e estiloEditar

Atribuído tradicionalmente ao apóstolo Mateo. Sobre o autor adóitase indicar que era de orixe xudía, posto que manexa con soltura conceptos do Antigo Testamento e da tradición xudía como demostra ao reiterado uso da expresión "Reino dos Ceos" que se encadra dentro da resistencia xudía de evitar a pronuncia do nome de Deus. Ademais, o grego que usa o autor está cheo de xiros e expresións hebreas. Considérase que o autor debeu facer uso da pseudoepigrafía, común naqueles tempos.[1] O estilo é claro, solenme e hiératico. Recolle moitos ditos de Xesús e presenta cinco grandes sermóns del.

EstruturaEditar

O evanxeo estrutúrase en seccións narrativas e discursivas que se van alternando.

Capítulos Denominación Contido
1-4 Evanxeo da infancia Xenealoxía de Xesús
Concepción e nacemento de Xesús
Adoración dos Magos, matanza dos inocentes e fuxida a Exipto
Volta e asentamento en Nazaret
Bautismo de Xesús, tentacións e primeiros seguidores
5-7 Sermón do Monte Benaventuranzas
A nova Lei
8-9 Sección narrativa: milagres Curacións
10 Seción discursiva: Misión dos Doce Instrucións aos discípulos que envía a predicar
11-12 Sección narrativa Viaxes, milagres e controversias
Sentido da misión de Xesús
13 Seción discursiva central: O Reino de Deus Parábolas do sementador, do gran de mostaza etc.
14-17 Sección narrativa Morte do Bautista
Curacións
Multiplicacións dos pans
Transfiguración
18-20 Discurso sobre o perdón e as riquezas Parábola da ovella perdida
Parábola do servo
Controversias
O perigo das riquezas
21 En Xerusalén Entrada en Xerusalén
Purificación do Templo
22-25 Predicación en Xerusalén Parábolas
O principal mandamento
Denuncia dos fariseos
Discurso apocalíptico
Parábolas da fin: as dez mociñas, os talentos, o Xuízo Final
26-28 Paixón, morte e resurrección Última Cea
Paixón e morte
Resurección e aparicións

Teoloxía de MateoEditar

 
Papiro cun fragmento do Sermón do Monte

Neste libro preséntase a Xesús buscando facer ligazóns con importantes persoeiros do Antigo Testamento empregando expresións como "fillo de David", "fillo de Abraham" e "Novo Moisés". Ao longo do texto preséntao como "fillo de Deus", identifícao como un Mesías sufrinte mais tamén como o "Salvador" anunciando que ha de ser o xuíz que xulgará o mundo.

Segundo Mateo, Xesús anuncia o reino de Deus insistindo que está xa presente facendo símiles con que o Reino de Deus é unha pequena semente da que agroma unha árbore vizosa[2] ou como un eido no que medran xuntos trigo e xoio.[3] O Reino de Deus debe ser anunciado a toda a humanidade e cómpre ser como nenos para acadalo ou, como anuncia Xesús no Sermón do Monte, vivir na pobreza e na non violencia.[4][5]

Diferéncianse dúas etapas na historia da salvación: unha, primeira, que se concreta no tempo de Israel (que remata con Xoán Bautista) e o da Igrexa, que arrinca con Xesús e os seus discípulos.

Edicións en galegoEditar

A súa tradución foi encargada por Louis Lucien Bonaparte a Vicente Turnes, mais considerou a tradución moi castelanizada e encargoulle unha segunda versión a José Sánchez de Santa María, que saíu publicada en Londres en 1861 co título de Observaciones comparativas sobre la pronunciación gallega, asturiana, castellana y portuguesa.

Ao abeiro do Concilio Vaticano II a Igrexa Católica autorizou o emprego de linguas vernáculas na liturxia, facendo necesaria a tradución da Biblia á lingua galega.[6] Deste xeito, a editorial SEPT editou en 1965 a primeira edición dos Evanxeos baixo o título A Palabra de Deus: Os Evanxeos sendo Manuel Espiña Gamallo e Xosé Morente os seus traductores.[7] En 1980, dentro do proxecto de tradución por enteiro da Biblia, de novo a editorial SEPT, publicou o Novo Testamento en galego, sendo Xosé Manuel Rodríguez Pampín e Andrés Torres Queiruga os responsables da tradución do Evanxeo de Mateo dende o orixinal grego.[8]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 O Novo Testamento. SEPT. 1998. p. 31. ISBN 84-7337-048-1. 
  2. "Mateo: capítulo 13, versículo 31 - A Biblia en liña - A Biblia (SEPT)". JW.ORG. Consultado o 2022-10-02. 
  3. "Mateo: capítulo 13, versículo 26 - A Biblia en liña - A Biblia (SEPT)". jw.org. 
  4. "Mateo: capítulo 18, versículo 3 - A Biblia en liña - A Biblia (SEPT)". jw.org. 
  5. "Mateo: capítulo 5, versículos do 3 a 11 - A Biblia en liña - A Biblia (SEPT)". JW.ORG. Consultado o 2022-10-02. 
  6. "El uso de las lenguas vernáculas en la edición de los libros de la liturgia romana. Instrucción quinta "para aplicar debidamente la constitución del Concilio Vaticano II sobre la sagrada liturgia" (ad Const. art. 36)". www.vatican.va. Consultado o 2022-10-02. 
  7. "SEPT: 50 ANOS – Editorial SEPT". Consultado o 2022-10-02. 
  8. O Novo Testamento. SEPT. 1998. p. 11. ISBN 84-7337-048-1. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar