Indoeuropeística

(Redirección desde «Estudos indoeuropeos»)

A indoeuropeística (ou lingüística indoeuropea) é a rama da lingüística histórica e da lingüística comparada que se ocupa da reconstrución da lingua indoeuropea e das evolucións históricas das linguas indoeuropeas. Xurdida con base científica no segundo decenio do século XIX, ten elaborado e válese principalmente do método comparativo que permite, a través da comparación entre as linguas coñecidas, a identificación de correspondencias estruturais sistemáticas, a través das cales é posíbel elaborar un cadro de conxunto da lingua indoeuropea que non nos é coñecida per se, xa que é unha lingua prehistórica que non deixou testemuños directos. Xunto coa arqueoloxía e a historia, a indoeuropeística tenta tamén reconstruír, sempre por vía indutiva, as características do pobo indoeuropeo que falou tal lingua, e o seu posterior espallamento que deu orixe aos pobos indoeuropeos historicamente coñecidos.

Historia editar

A fase pioneira (séculos XVII-XVIII) editar

A finais da Idade Media viaxeiros e mercadores notaron, casualmente e esporadicamente, algunhas semellanzas entre as linguas europeas e as da India, sen estar porén en condicións de fornecer explicacións para tal afinidade. En particular, foi o florentino Filippo Sassetti quen notou no 1585 singulares semellanzas entre o sistema dos numerais latinos e os do lingua sánscrita. Nesa época non foi posíbel captar a importancia da observación, que non atinxía a coincidencias casuais senón sistemáticas; analogamente, permaneceron no nivel de mera curiosidade as observacións doutras tantas correlacións no campo do sistema da terminoloxía de parentesco. A primeira formulación da existencia dun devanceiro común de gran parte das linguas históricas de Europa e da Asia centro-occidental aparece en 1686, cando Andreas Jäger presentou, no seu De lingua vetustissima Europae, a hipótese de que o grego, o latín, as linguas xermánicas, as linguas célticas,o eslavo e o persa fosen o resultado da evolución dunha lingua extinta, parlada antigamente nas proximidades do Cáucaso e á que deu o nome de "escitocéltico"[1].

 
William Jones

No curso do século XVIII os progresos no campo foron limitados, se ben paralelamente se foi asentando entre os europeos o coñecemento, ata agora bastante superficial, da lingua sánscrita. Decisiva, neste senso, foi a dominación británica da India. O 2 de febreiro de 1786 William Jones, orientalista británico que na India traballaba como xuíz no Tribunal Supremo de Calcuta, pronunciou, ante a Asiatic Society de Bengala que el mesmo fundara e da que era presidente, o discurso que se considera o punto de inflexión no camiño do nacemento da indoeuropeística. [2]:

A lingua sánscrita, calquera que sexa a súa antigüidade, é unha lingua de estrutura marabillosa, máis perfecta có grego, máis copiosa có latín, e máis exquisitamente refinada que ámbalas dúas,ser ben ten con elas unha afinidade máis forte, quer nas raíces dos verbos quer nas formas da gramática, do que probabelmente non sería posíbel que acaecese por casualidade; tan forte, de feito, que ningún filólogo podería estudar as tres sen crer que teñan saído dalgunha fonte común, a cal, acaso xa non exista. Hai razóns similares, se ben non tan necesaria, para supoñer que tanto o gótico como o céltico, se ben mesturados cun idioma moi diferente, tivesen a mesma orixe do sánscrito, e o antigo persa podería engadirse á mesma familia.
William Jones, Discurso presidencial na Royal Asiatic Society de Bengala, 2 de febreiro de 1786

Limitándose a establecer a existencia desta familia lingüística, Jones abriu o camiño para que outros indagasen sistematicamente tales relacións lingüísticas[2]. Independente e contemporaneamente, en Europa viñeron importantes contribucións por parte dos irmáns Schlegel: August Wilhelm editou o Bhagavad Gita e o Ramayana; Friedrich no 1808 publicou Über die Sprache und Weisheit der Indier, considerado un dos textos fundacionais da tipoloxía lingüística. No seu ensaio, Schlegel apuntou unha clasificación morfolóxica (linguas flexivas, linguas aglutinantes etc.) e, no campo específico da protoindoeuropeística, reafirmou a existencia dun parentesco xenético entre sánscrito, persa, grego, latino etc. A profunda influencia de Schlegel sobre cultura europea contemporánea foi decisiva para dirixir a atención da comunidade científica cara á elaboración das primeiras bases da indoeuropeística. Tras a primeira e mediocre gramática de Paulino de San Bartolomeu (Sidharubam seu Gramática Samscrdamica, publicada en Roma no 1790), no 1805 Henry Thomas Colebrooke deu ao prelo A Grammar of the Sanscrit Language, que se converteu no punto de referencia de toda a lingüística europea e que fixo posíbel a fundación mesma da indoeuropeística[1].

Nacemento e desenvolvemento da indoeuropeística como ciencia (século XIX) editar

 
Franz Bopp
 
Rasmus Christian Rask

O nacemento da indoeuropeística como ciencia, e máis en xeral da lingüística comparada, dátase en 1816, ano no que o alemán Franz Bopp publicou Über das Conjugationssystem der Sanskritsprache en Vergleichung mit jenem der griechischen, lateinischen, persischen und germanischen Sprache, no que por primeira vez se estudaban sistematicamente as relacións entre as linguas indoeuropeas alén das simples analoxías léxicas, que poderías ser froito de coincidencias ou de préstamo[2]. Bopp, polo contrario, demostrou como os nexos entre as linguas da familia implicaban tamén os sistemas gramaticais e os sistemas morfolóxicos, que non poden ser obxecto de intercambio entre as linguas, senón que só poden derivar dun devanceiro común[1].

Cronoloxicamente anterior, pero non difundido ata o traballo de Bopp foi o do danés Rasmus Christian Rask, Undersøgelse om det gamle Nordiske eller Islandske Sprogs Oprindelse (redactado no 1814, publicado en 1818). Os resultados de Rask son en gran parte semellantes aos de Bopp; porén, o diverso camiño seguido polos dous estudosos (Bopp era orientalista, Rask xermanista) levou aos dous traballos a solucións complementarias: se a Bopp lle debemos a identificación das correspondencias sistemáticas dos sistemas morfolóxicos, a Rask vai o mérito de ter identificado análogas correspondencias no campo da fonética[1].

Con Bopp e Rask establecéronse os fundamentos da indoeuropeística. Grazas ao método comparativo, situado entre os instrumentos máis rigorosos e dignos de confianza ao dispor das ciencias humanas, foi inmediatamente posíbel identificar como membros da familia lingüística indoeuropea o grego, o latín, as linguas xermánicas e as linguas indoiranias; a pertenza ao grupo das linguas célticas, sostida por Rask e posta como hipótese desde os momentos pioneiros da indoeuropeística, foi demostrada definitivamente por Bopp no 1838, cando o lingüista alemán puidera xa, grazas ao desenvolvemento contemporáneo das respectivas filoloxías, incluír no elenco sen dúbida tamén as linguas bálticas e as linguas eslavas. Tamén foi Bopp que recoñeceu a indoeuropeidade da lingua albanesa, mentres a da lingua armenia como rama propia, particularmente problemática a causa da extrema evolución do material lingüístico indoeuropeo orixinario, non chegou ata o 1875 grazas a Heinrich Hübschmann[2].

Reconstrución editar

Unha vez establecida a existencia mesma da familia lingüística indoeuropea, a neonata disciplina dedicouse ao intento de reconstruír a protolingua común - o indoeuropeo, - a través da rigorosa aplicación do método comparativo[2]. Os primeiros indoeuropeístas como Bopp non pensaron tampouco na posibilidade de tal reconstrución, pero a xeración seguinte de lingüistas foi bastante máis optimista: August Schleicher mesmo chegou a compoñer en “indoeuropeo” unha fábula, A ovella e os cabalos[3]. Alén dos excesos de optimismo, a obra de reconstrución levouna adiante principalmente a Escola neogramática alemá (os Junggrammatiker: Hermann Osthoff, Karl Brugmann, August Leskien, Berthold Delbrück, Hermann Paul), que chegou a definir unha primeira, "clásica" reconstrución do indoeuropeo. Os neogramáticos, inspirados polas investigacións contemporáneas no campo da filoloxía xermánica que arribaron á definición da Lei de Grimm e da Lei de Verner, identificaron unha serie de leis que regulaban as relacións fonéticas no paso do indoeuropeo reconstruído ás linguas indoeuropeas históricas; particular relevo ten a Lei de Leskien, segundo a cal o cambio fonético, en igualdade de condicións, ten sempre o mesmo resultado, sen excepcións. Ademais, os neogramáticos introduciron tamén os principios, complementarios á Lei de Leskien, da analoxía e do préstamo. A reconstrución neogramática atopou a súa síntese definitiva na monumental Grundriß der vergleichenden Grammatik der indogermanischen Sprachen (1897-1916) de Brugmann, que representou por decenios o punto de referencia da indoeuropeística[4].

Os debates da indoeuropeística contemporánea (século XX) editar

Reducionismo editar

Nos primeiros decenios do século XX a síntese neogramática foi obxecto de repetidos intentos de reducionismo: o complexo fonolóxico e morfosintáctico do indoeuropeo reconstruído polos neogramáticos resultaba cada vez máis insatisfactorio, quer pola súa excesiva rixidez, quer pola súa excesiva riqueza de estruturas. Tal tendencia reducionista recibiu un decisivo impulso tras o desciframento da lingua hitita, levada a cabo polo checo Bedřich Hrozný no 1917: o hitita resultou ser non só a lingua indoeuropea de testemuño máis antigo, senón que ademais se separaba significativamente do paradigma neogramático, fundado sobre o axioma dun maior arcaísmo - e polo tanto dunha maior relevancia para definir a lingua común - do grego e do sánscrito. O descubrimento do hitita puxo en crise o "paradigma grego-sanscritista" dos neogramáticos, impoñendo a busca dunha nova reconstrución do indoeuropeo común[5].

 
Versión en hitita do Tratado de Qadeš ("Kinza" en hitita) entre o rei dos hititas Muwatallis II e o faraón exipcio Ramsés II, selado en -1274 e atopado nos arquivos reais de Ḫattuša. É o tratado de paz máis antigo que existe e consérvase no Museo arqueolóxico de Istanbul.
 
Ferdinand de Saussure.

O reducionismo operou en todos os ámbitos da lingua reconstruída. No campo fonético, interesou quer o vocalismo quer o consonantismo. O sistema vocálico reconstruído polos neogramáticos prevía dez vogais (a/e/i/o/u, cada unha nas dúas variedades longa e breve), pero xa o suízo Ferdinand de Saussure na Mémoire sur le système primitif des voyelles dans les langues indoeuropéennes (1878) criticou a pobre base comparativa de /a/; a eliminación de /a/ tería xerado, porén, un sistema e/i/o/u tipoloxicamente inaceptábel, polo que se propuxo unha diferente reconstrución do vocalismo na serie a/e/i/u, tipoloxicamente válida e rica en implicacións dialectolóxicas. Actualmente as dúas hipóteses - con cinco ou catro vogais - son as que obteñen maior consenso entre os indoeuropeístas; pouco seguimento tiveron as propostas de reducir as vogais a dúas (e/o, para o polaco Jerzy Kuryłowicz ou o español Francisco Rodríguez Adrados) ou mesmo a unha (para o francés André Martinet)[6].

A atención da indoeuropeística estivo catalizada polo debate sobre a Teoría das laringais, postulada xa por De Saussure no Mémoire e retomada polo danés Hermann Möller, polo francés Albert Cuny e por Jerzy Kuryłowicz. Xa antes do descubrimento do hitita postulárase a presenza de tres fonemas laringais (/h1/, /h2/, /h3/) responsábeis dalgunhas anomalías no vocalismo indoeuropeo, pero tal hipótese, fundada sobre a reconstrución interna e non sobre o método comparativo posto que non había testemuño de tales fonemas, encontrou ao principio amplas resistencias. Foi o testemuño do hitita, que efectivamente presenta este tipo de sons, o que despexou a estrada á afirmación da teoría, na formulación xeralmente compartida do francés Émile Benveniste (Le vocabulaire des institutions indo-européennes, 1969). Un éxito menor tiveron as propostas dun número distinto de laringais, dunha a dez; restan porén neste ámbito algúns puntos sen resolver, quer sobre o número de sons, quer sobre a súa realización fonética efectiva[7].

O paradigma neogramático prevía para as oclusivas cinco ordes (labial, dental, velar, palatal e labiovelar) e catro series (sonora, xorda, sonora aspirada, xorda aspirada), cun total de vinte fonemas. Tamén neste caso o afán reducionista vén de De Saussure, e levou a Kuryłowicz a excluír do inventario as xordas aspiradas; tamén as ordes foron obxecto de reducionismo, coa boa acollida da exclusión das palatais proposta polo francés Antoine Meillet. O sistema que resulta (sonora/xorda/sonora aspirada) presenta con todo graves inconvenientes tipolóxicos, aos cales a indoeuropeística buscou unha solución postulando a Teoría das glotais. Elaborada en modo independente polo francés André-Georges Haudricourt, polos soviéticos Vjačeslav Vsevolodovič Ivanov e Tamaz V. Gamkrelidze e polo estadounidense Paul J. Hopper, tal hipótese fornécelle ao indoeuropeo un sistema de oclusivas sonora/xorda/xorda glotalizada tipoloxicamente aceptábel, introducindo porén novas dificultades aínda obxecto de elaboración por parte da disciplina[8].

Canto á morfoloxía, a indoeuropeística ten afinado progresivamente a reconstrución das raíces e das estruturas morfosintácticas do indoeuropeo reconstruído. Na flexión nominal, obxecto dos traballos e do debate da indoeuropeística teñen estado o xénero (identificación dos dous sufixos do feminino; natureza da oposición orixinaria -se foi masculino/feminino ou animado/inanimado), o número (existencia e grao de desenvolvemento do dual); o caso (desenvolvemento dos sufixos de nominativo, acusativo, vocativo, xenitivo, dativo; existencia e grao de desenvolvemento de instrumental, locativo, ablativo e directivo) e as formas e o desenvolvemento dos pronomes e dos adxectivos[9]. Tamén no campo da flexión verbal a indoeuropeística novecentista someteu a revisión a reconstrución neogramática, xeralmente valorada como demasiado inclinada a acoller os elementos peculiares do sánscrito e, sobre todo, do grego. Así téñense revisado os elencos das desinencias de persoa, tempo, número e diátese e afondada a reconstrución e a evolución dos morfemas característicos, así como dos de aspecto e de modo; tamén neste campo operou unha tendencia reducionista, dirixida sobre todo a adelgazar a listaxe de tempos, das diáteses e dos modos asignábeis ao indoeuropeo común[10].

Actualmente, a indoeuropeística non ofrece un corpus completo e concluso como o que fornecían os neogramáticos. As varias teorías, en liña xeral, parecen compatíbeis entre elas, con todo téndese a renunciar á formulación dunha "gramática" fechada, para privilexiar máis ben a análise dos ámbitos particulares. Tal tendencia vese tamén reforzada pola toma de conciencia de que a escala temporal durante a cal o indoeuropeo foi lingua viva foi moi ampla, da orde de milenios, e que polo tanto o que definimos como "indoeuropeo" foi en realidade un corpo en constante evolución interna, do cal as linguas históricas se separaron en diferentes momentos: isto é, existiron diversos "stadios" de indoeuropeo, a cada un dos cales lle correspondería unha reconstrución diferente. Ademais, o método comparativo, sostido pola reconstrución interna e pola tipoloxía, é quen pola súa natureza de afondar a evolución diacrónica dos fenómenos fonéticos ou morfosintácticos particulares, non de xerar unha estrutura sincrónica estábel[4].

Dialectoloxía editar

Desde os inicios da lingüística indoeuropea, desenvolveuse unha dialectoloxía indoeuropea que tenta, por unha banda, describir as relacións dialectais entre as varias familias lingüísticas indoeuropeas e, por outra, a identificar os eventuais parentescos xenéticos entre o indoeuropeo propiamente dito e outras protolinguas prehistóricas.

 
August Schleicher

Xa durante a fase pioneira da disciplina (XVII século), os lingüistas indicaron as relacións dialectais entre as varias linguas indoeuropeas a través de metáforas de parentesco, isto é falando de linguas "nais", "fillas", "irmáns" e así. Desde a fundación da indoeuropeística como tal tales metáforas conformáronse en modelos tipo árbore xenealóxica, idénticos aos empregados para as relacións de parentesco humanas; o primeiro, en 1853, trazouno August Schleicher. O esquema de Schleicher postulaba algúns dialectos intermedios entre o indoeuropeo reconstruído e as linguas históricas, que deberían ter dado conta dos maiores vínculos que tales linguas parecían ter; en particular, o indoeuropeísta alemán postulou un "eslavo-xermánico", do cal tería derivado ademais do xermánico outro dialecto intermedio, o "baltoeslavo", e un "ario-pelásxico", onde "pelásxico" tería sido unha etapa dialectal posterior común a grego e latín. Xa no 1858, porén, Carl Lottner presentou unha árbore completamente diferente, que como dialectos intermedios postulaba un "indopersa" e un "europeo"; o mesmo Schleicher, no 1861, reformulou a súa propia árbore propoñendo desta volta un "ario-grego-italo-céltico" e un "eslavo-xermánico", mentres outros estudosos propoñen outras tantas variacións. A inestabilidade das representacións, que levou ao definitivo abandono do modelo, debeuse a dous factores principais: por unha banda, o afondamento dos coñecementos sobre as distintas linguas pareceu presentar novos elementos de afinidade dialectal; por outra, a diferente valoración dos mesmos elementos coñecidos (segundo se considerasen arcaísmos ou innovacións) levaba a conclusións diametralmente opostas. Criticaron o modelo da árbore posto que prevía implicitamente unha fragmentación instantánea da unidade indoeuropea, mentres entre os indoeuropeístas se impuxo progresivamente a idea, historicamente máis verosímil, dunha fragmentación gradual, con grupos que se afastaban aos poucos dun tronco común, para despois se cadra reencontrárense - e logo reintroducírense nun continuum lingüístico - en sedes distintas das orixinais; todo nun proceso que podía durar varios milenios[11].

 
Esquema sumario do proceso de indoeuropeización de Eurasia entre V e I milenio a.C., segundo a Teoría kurgánica

Un intento alternativo de explicar a complexidade dos nexos dialectais entre as linguas indoeuropeas foi proposto, no 1872, por Johannes Schmidt: o modelo das ondas. Tal esquema prevía un continuum dialectal entre todas as linguas indoeuropeas, con algunhas máis próximas a outras, pero no cal unha innovación particular podía "propagarse", como os círculos das ondas, non só aos dialectos contiguos, senón tamén - se ben en número menor - tamén aos máis remotos. Como o da árbore, tamén o modelo das ondas é teoricamente posíbel; porén, o seu emprego para a descrición dos nexos dialectais indoeuropeos se revelou pouco produtivo. Ámbolos dous, en particular, tiñan o defecto de seren sistemas pechados: o descubrimento dunha nova lingua inevitabelmente os tornaría totalmente errados - cousa que sucedeu en efecto co desciframento do hitita, no 1917. O conxunto dos problemas a resolver - dialectalización gradual, contactos secundarios entre as linguas, etapas intermedias comúns, valoración de arcaísmos e innovacións etc. - levou aos indoeuropeístas no século XX a operar con modelos radicalmente diferentes: os da escisión gradual. Tales esquemas, ademais, permiten encadrar tamén cronoloxicamente, e non só lingüisticamente, a sucesión do fraccionamento do conxunto indoeuropeo nas varias ramas da familia lingüística indoeuropea, sen por isto poñer obstáculos a eventuais contactos secundarios acontecidos en momentos históricos sucesivos. Entre os primeiros esquemas deste tipo, o proposto por George L. Trager e Henry L. Smith no 1951: unha proposta pronto rexeitada na súa formulación específica, pero amplamente aceptada desde o punto de vista do esquema, hoxe de uso común na indoeuropeística tamén por ser perfectamente compatíbel coa Teoría dos kurgans de indoeuropeización da Eurasia[11]. A amplitude e caracteres dos nexos dialectais entre as linguas indoeuropeas son actualmente un dos temas máis debatidos da indoeuropeística, con pouco acordo no seo da comunidade científica sobre os detalles do complicado e plurimilenario proceso de separación e continuo reagrupamento entre as linguas. Existen, con todo, algúns puntos,amplamente se non unanimemente aceptados. Un é a certeza de que o grupo anatólico foi a primeira rama en separarse do tronco común, probabelmente no IV milenio a. C.; Do mesmo modo, hai acordo en considerar o grupo indoiranico herdeiro do indoeuropeo máis recente. Téñense mesmo identificados trazos dialectais específicos compartidos polas linguas indoiranias co armenio, o frixio e o grego, o que leva a moitos indoeuropeístas a concluír que tamén estas tres linguas derivan dunha variedade tardía do indoeuropeo, falada a finais do III milenio a. C.. Para as outras familias lingüísticas indoeuropeas o cadro aparece máis confuso; a súa orixe sitúase xeralmente a principios do III milenio a. C., pero con etapas de desenvolvemento secundarias en parte comúns e en parte orixinais, aínda obxecto de estudo. Aínda está en estadio de hipótese a proposta de identificar un estrato aínda máis antigo de linguas indoeuropeas, xerado no V milenio a. C. e polo tanto mesmo anterior ás linguas anatólicas, que terían deixado algúns testemuños na hidronimia de Europa, pero nas herdeiras históricas coñecidas: é o que se coñece como antigo europeo.[12].

Nostratística editar

Véxase tamén: Linguas nostráticas.

Unha rama particular da indoeuropeística encargouse de indagar as posíbeis ligazóns do indoeuropeo con outras protolinguas prehistóricas, e pretende inserir o mesmo indoeuropeo no seo dunha familia lingüística máis ampla. Xa o mesmo Bopp lanzou a hipótese, nas súas primeiras obras, de posíbeis relacións entre a familia indoeuropea e a malaio-polinesia ou a caucásica, pero despois abandonou el mesmo tales ideas, falto dun adecuado soporte metodolóxico. No curso do século XIX e dos primeiros decenios do XX propuxéronse outros posíbeis parentescos para o indoeuropeo (o coreano por Hermann Güntert e Heinrich Koppelmann, o sumerio por Charles Autran, o chinés por Hans Jensen, o ainu por Pierre Naert etc.), sen que ningunha superase o estadio de hipótese abstracta, se non da mera elucubración[13]. De Nicolai Anderson a Holger Pedersen, foi particularmente activa a busca de posíbeis ligazóns coas linguas finougrias, que chegou a ir máis aló das coincidencias léxicas illadas e empezou esculcar algunhas correspondencias sistemáticas. A partir destas, a indoeuropeística foi pouco e pouco afinando a comparación non entre a familia indoeuropea e outra familia lingüística particular, senón entre un conxunto de familias lingüísticas eurasiáticas, que poderías xurdir dun mesmo devanceiro: a "lingua nostra" ou "nostrático", segundo a definición creada polo mesmo Pedersen en analoxía co "Mare nostrum". A partir da metade do século XX, a nostratística esforzouse así por identificar correspondencias sistemáticas, debendo con todo operar con instrumentos en parte diferentes dos que fundaron a indoeuropeística, sobre todo o método comparativo entre sistemas gramaticais. A investigación nostratística debe volver a estadios das protolinguas tan antigos que preceden a formación mesma dos sistemas gramaticais que as caracterizan e por isto foi vista con escepticismo por moitos lingüistas; porén, ten sido posíbel illar algunhas constantes fonolóxicas, léxicas e morfolóxicas que sentaron as bases da nostrática. Segundo estudos levados a cabo por Vladislav Markovič Illič-Svityč e Aron Borisovič Dolgopol'skij e continuados entre outros por Vittore Pisani e Raimo Anttila, recoñécense como membros da familia nostrática, ademais das indoeuropeas, as linguas finougrias, as linguas afroasiáticas, as linguas altaicas, as linguas kartvelianas e as linguas dravídicas[13][14].

Antigüidades indoeuropeas editar

Véxase tamén: Indoeuropeos.

Desde as orixes da ciencia, unha especialidade da indoeuropeística tentou, de acordo coa historia e a arqueoloxía, identificar as características concretas dos falantes do indoeuropeo reconstruído - os "Indoeuropeos", en suma. Tal campo de busca definiuse como "antigüidades indoeuropeas" e ten características metodolóxicas peculiares, tratándose dun pobo prehistórico cuxa situación no se coñece con certeza. A busca avanzou seguindo dúas correntes. Por unha banda tentou, apoiándose na dialectoloxía, remontarse á "patria orixinaria" dos Indoeuropeos (Urheimat), o lugar onde viviron como pobo unitario, e fornecer en consecuencia indicacións útiles á arqueoloxía; por outra, fíxose o intento de remontarse a certas características do pobo indoeuropeo, polo menos a algúns aspectos a partir do estudo mesmo da súa lingua. As dúas correntes, complementarias, teñen sufrido fortes oscilacións no curso dos dous séculos de historia da indoeuropeística, para chegar actualmente a estaren afirmados en torno a un núcleo de coñecementos compartidos e un máis amplo conxunto de teorías aínda en estadio hipotético[15]. A reconstrución das antigüidades indoeuropeas establecida sobre o método léxico leva ao desenvolvemento dunha arqueoloxía lingüística (a "paleontoloxía lingüística") e remóntase á metade do século XIX, cos traballos do alemán Adalbert Kuhn e sobre todo polos moi sistemáticos do suízo Adolphe Pictet. Como no reconstrucionismo da lingua común, tamén no dos usos e costumes do pobo coñecía un máximo florecemento e un impulso de optimismo no século XIX, para despois ser suxeito de revisión crítica no século seguinte. Ao método léxico imputóuselle en particular a excesiva vaguidade dos conceptos reconstruídos: por exemplo, é indubidábel que os indoeuropeos coñeceron a figura do "rei" (sánscrito rāṭ, galo rix, latín rex < indoeuropeo *rēks), pero non é posíbel comprender que era concretamente este "rei" na sociedade indoeuropea. Ademais, da mesma raíz poden derivarse palabras con significados parecidos, pero non perfectamente coincidentes; a arqueoloxía lingüística non ten, en liña xeral, instrumentos para identificar cal era exactamente: por exemplo, do indoeuropeo *bhāgos veñen o latín fāgus e o alto alemán antigo buohha ("faia"), pero tamén o grego phāgós ("carballo") e o ruso buz ("salgueiro")[15]. Na segunda metade do século XX o método léxico vese axudado polo método textual, posto a identificar que de orixinariamente indoeuropeo se transmitiu nas palabras particulares, e que nos testemuños poéticos, mitolóxicos, relixiosos e literarios historicamente testemuñados. Este método rexistrou desenvolvementos particulares na busca dunha poética indoeuropea cos italianos Marcello Durante e Enrico Campanile e co estadounidense Calvert Watkins, mentres no ámbito da relixión e da "ideoloxía" dos indoeuropeos as principais contribucións viñeron do francés Georges Dumézil (quen postulou unha ideoloxía tripartita a través da cal se interpretaría cada ámbito do real) e do italiano Giacomo Devoto (que pensaba nunha sucesión de dúas fases - unha "teocrática" e unha "democrática", e que o paso da unha á outra viñera por medio dunha verdadeira revolución). Porén, os dous foron obxecto de numerosas críticas polos moitos trazos que se xulgaron excesivamente especulativos[15].

A busca da patria ancestral editar
 
Algunhas hipóteses de colocación da patria ancestral dos indoeuropeos, identificados a través dos nomes dos estudosos que as propuxeron

Outra corrente amplamente percorrida pola indoeuropeística desde as súas orixes foi a da identificación da patria orixinaria dos indoeuropeos (Urheimat, como se denomina, recorrendo á expresión alemá), ou sexa, cal foi o lugar no que se falou o indoeuropeo reconstruído. O problema está en conexión co da cronoloxía (absoluta e relativa) da fragmentación da familia lingüística indoeuropea, e está por tanto estreitamente entrelazado cos desenvolvementos da dialectoloxía. Inicialmente, e estando o nacemento mesmo da indoeuropeística en gran parte conectada co "descubrimento" do sánscrito por parte dos europeos, os primeiros estudosos inclinábanse a unha colocación asiática da patria ancestral, en particular na India (o noroeste segundo Friedrich von Schlegel, Caxemira segundo Thomas Young). No curso do XIX propuxéronse logo numerosas outras sedes, en xeral froito de especulacións gratuítas (desde Babilonia ao Polo Norte), ata restrinxir o campo a poucas e máis solidamente argumentadas opcións. Dous son, en particular, os escenarios tomados en consideración por esta disciplina: a Europa centro-setentrional e as estepas da Rusia meridional; pouco crédito recibiu entre os indoeuropeístas (e entre os lingüistas en xeral) a teoría dunha Urheimat anatólica proposta polo arqueólogo Colin Renfrew[16], así como a de considerar o indoeuropeo como un pidgin[17]. No 1851 Robert Latham propuxo por vez primeira unha situación europea da patria ancestral: Lituania. Inicialmente pouco considerada, tal hipótese foi despois retomada por Theodor Poesche en 1878, que a acompañou con consideracións dialectolóxicas: pensaba, de feito, que o lituano era a lingua indoeuropea máis arcaica e postulou que iso era debido a que os lituanos eran os indoeuropeos que non se moveran da Urheimat. Pouco máis tarde, no 1883, Karl Penka relanzou a tese dunha procedencia orixinaria europea, pero desta vez colocándoo na Escandinavia meridional. En 1902 a hipótese foi retomada polo acreditado xermanista Gustaf Kossinna, que lle proporcionou un prolongado éxito. Só no 1922 Peter Giles puxo de novo en discusión a hipótese nórdica e pronunciouse, sempre segundo razoamentos de arqueoloxía lingüística, pola área danubiana como fogar indoeuropeo. Tras a segunda Guerra Mundial, con todo, a maior parte dos indoeuropeístas acolleu ben a proposta de identificar a Urheimat coas estepas do sur de Rusia e fixo caer as hipóteses dunha colocación europea; entre os últimos en soster localizacións centroeuropeas están, Pere Bosch i Gimpera e Giacomo Devoto[16].

O debate sobre os "arios" editar
Véxase tamén: Raza aria.
 
A área ocupada polos xermanos durante a Idade de ferro (circa -500--60). En vermello, a súa patria orixinaria, onde cristalizaron como pobo (Escandinavia meridional Xutlandia), correspondente á da Idade de bronce nórdica; en maxenta, as rexións precozmente acadadas pola súa expansión e onde se desenvolveu a Cultura de Jastorf

Na súa busca da patria ancestral dos indoeuropeos, a indoeuropeística formulou, no curso do tempo, numerosas hipóteses máis ou menos fundadas. Todas as teorías foron obxecto de debate, mesmo encendido, dentro da comunidade científica, pero nunca traspasaron os límites do enfrontamento académico; unha soa, porén, pasou do ámbito científico ao político, onde contribuíu a xerar efectos tamén graves. Tratouse da proposta de identificar a patria ancestral dos indoeuropeos - ou, como se adoitaba dicir na época, dos "arios" – coa dos xermanos, identificada en 1902 por Kossinna na rexión comprendida entre Escandinavia meridional, Xutlandia e actual Alemaña setentrional[18]. A identidade, establecida por Kossinna, entre indoeuropeos e xermanos baseouse nunha reedición dalgunhas argumentacións sdesenvolvidas por Penka que despois, aínda sendo falaces sobre todo desde o punto de vista lingüístico (era un arqueólogo), exerceron unha profunda influencia sobre a indoeuropeística da primeira metade do século XX: que os Indoeuropeos eran sedentarios e agricultores; que eran "racialmente" loiros, dolicocéfalos e cos ollos azuis; que na súa patria orixinaria estaban en contacto co mar e medraba a faia ("argumento da faia", inferido segundo o método léxico da existencia da palabra "faia" en indoeuropeo, pero que máis tarde se demostrou falaz). Penka e Kossinna crían que só os xermanos conservaran intactas as características - físicas e morais - dos Indoeuropeos orixinarios, e que polo tanto permaneceran de "pura raza aria"; todos os demais pobos indoeuropeos, migrando a outros lugares, terían "corrompido" a pureza orixinaria. Tales teorías, xa daquela totalmente relegadas do debate científico interno da indoeuropeística, coñeceron gran fortuna sobre todo en Alemaña nos primeiros decenios do século XX e entraron a constituír unha parte relevante da cultura que orixinaría a ideoloxía nazi. No mesmo Mein Kampf de Adolf Hitler estas teses retomáronse amplamente, constituíndo un dos presupostos teóricos da política racial na Alemaña nazi[18].

A segunda guerra mundial, coa catástrofe da Shoah, levou ao rexeitamento, mesmo nos ambientes indoeuropeístico máis conservadores, da teoría da "orixinariedade" xermánica á parte , obviamente, das implicacións políticas que o nazismo fixera que derivasen dela; xa nos anos 20 o debate interno da indoeuropeística, fóra da área xermánica, recomezara a debater o problema da Urheimat indoeuropea, chegando a hipóteses totalmente diferentes da de Kossinna. Porén, a memoria da ideoloxización nazi proxectou aínda por moito tempo unha sombra de descrédito non só sobre a localización nordeuropea da patria ancestral, senón tamén sobre a indoeuropeística completa como disciplina. O mesmo termo de "ario" abandonouse como sinónimo de "indoeuropeo" e emprégase só, sobre todo en compostos, para definir todos ou algúns pobos indoiranios[18].

Metodoloxía editar

A indoeuropeística válese de diversas metodoloxías operativas; algunhas desenvolvidas autonomamente, outras compartidas por diversas disciplinas lingüísticas. Polo que atinxe a reconstrución da lingua común prehistórica, confíase en[2][19]:

  • Método comparativo: principal elaboración metodolóxica da indoeuropeística, tal método consiste en confrontar palabras, raíces ou estruturas morfosintácticas de linguas diversas para chegar a unha reconstrución do devanceiro común indoeuropeo. A validez da reconstrución apóiase sobre o presuposto da regularidade do cambio fonético enunciada pola lei de Leskien. A aplicación concreta do método comparativo apóiase sobre diversos criterios útiles para identificar o trazo que debe ser considerado máis arcaico - e polo tanto máis próximo ao indoeuropeo común. Entre os fundamentais cóntanse:
    • o criterio da "área maior": considérase máis arcaico o trazo presente no maior número de linguas derivadas.
    • o criterio das "áreas laterais": considérase máis arcaico o trazo presente en linguas xeograficamente e/ou dialectalmente máis distantes entre si, como por exemplo latín e sánscrito.
    • o criterio da "antigüidade dos textos": considérase máis arcaico o trazo de atestación cronoloxicamente máis antiga.
    • o criterio do '"arcaísmo da lingua": considérase máis arcaico o trazo presente en linguas consideradas máis arcaicas, ou sexa menos innovadoras respecto ao indoeuropeo común (por exemplo, o lituano) ou á protolingua dunha familia lingüística particular (por exemplo, o irlandés respecto á lingua protocelta). Tal criterio isente porén das diferentes impostacións dialectolóxicas, que asignan maior arcaísmo a unha lingua máis que a outra.
  • Reconstrución interna: a diferenza da reconstrución comparativa, a interna non se basea na comparación de trazos testemuñados en diversas linguas, senón na análise de variacións internas nunha mesma lingua, á procura de formas anómalas. Tales anomalías, ou irregularidades, considéranse restos dunha situación lingüística antecedente e historicamente perdida a través do mecanismo da regularización por medio da analoxía. Xeralmente, nas formas anómalas fican retidos arcaísmos, e polo tanto elementos útiles para reconstruír a prehistoria da lingua, e xa que logo o indoeuropeo común. A reconstrución interna non ofrece, porén, o mesmo grao de fiabilidade da reconstrución comparativa: algúns indoeuropeístas rexeitana completamente, mentres que os que recorren a ela fano de todos modos con prudencia e apoiándose na tipoloxía.
  • Tipoloxía lingüística: aplicada á indoeuropeística, a tipoloxía consiste na valoración da maior o menor probabilidade de que un fenómeno dado apareza nas linguas reais, e polo tanto a súa plausibilide se se aplica ao indoeuropeo reconstruído. O obxectivo da aplicación da tipoloxía á indoeuropeística é polo tanto a exclusión de reconstrucións (sexa comparativas sexa, sobre todo, internas) soamente especulativas de fenómenos fonéticos ou morfolóxicos, que raramente ou nunca aparecen nas linguas concretamente testemuñadas (non necesariamente só as indoeuropeas).

No intento de desenvolver unha arqueoloxía lingüística (a "paleontoloxía lingüística") que reconstrúa os caracteres concretos do pobo indoeuropeo prehistórico ("Antigüidades indoeuropeas"), os método desenvolvidos son[19][20]:

  • Método léxico: tenta reconstruír os caracteres culturais, materiais e inmateriais, do pobo indoeuropeo a través da análise do léxico reconstruído para o indoeuropeo común. Tal método ten suscitado o máximo interese a finais do século XIX, para ser a continuación fortemente redimensionado.
  • Método textual: tamén dedicado a identificar canto de orixinariamente indoeuropeo se ten transmitido, non o fai analizando palabras illadas (como o método léxico), senón máis ben nos testemuños poéticos, mitolóxicos, relixiosos e literarios historicamente atestados.

Investigación editar

Órganos académicos editar

Departamentos, institutos e centros de estudos universitarios dedicados á indoeuropeística:

PAÍS UNIVERSIDADE INSTITUCIÓN IDIOMA
Austria Universidade de Innsbruck "Sprachwissenschaft - Institut für Sprachen und Literaturen". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en alemán)
Austria Universidade de Viena "Indogermanistik - Institut für Sprachwissenschaft". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en alemán)
Dinamarca Universidade de Copenhaguen "Indoeuropæisk - Institut for Nordiske Studier og Sprogvidenskab". Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2017. Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en dinamarqués)
Dinamarca Universidade de Copenhaguen "Roots of Europe - Language, Culture, and Migrations". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en inglés)
Alemaña Universidade Humboldt de Berlín "Historisch-vergleichende Sprachwissenschaft". Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2010. Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en alemán)
Alemaña Universidade Libre de Berlín "Vergleichende und Indogermanische Sprachwissenschaft - Institut für Griechische und Lateinische Philologie". Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2009. Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en alemán) (en inglés)
Alemaña Universidade de Bonn "Vergleichende Indogermanische Sprachwissenschaft - Institut für Anglistik, Amerikanistik und Keltologie". Arquivado dende o orixinal o 30 de agosto de 2005. Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en alemán)
Alemaña Universidade de Colonia "Institut für Linguistik - Philosophischen Fakultät". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en alemán) (en inglés)
Alemaña Universidade Técnica de Dresde "Lehrstuhls für Allgemeine und Vergleichende Sprachwissenschaft - Institut für Germanistik". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en alemán) (en inglés)
Alemaña Universidade Friedrich-Alexander de Erlangen-Nuremberg "Institut für Vergleichende Indogermanische Sprachwissenschaft". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en alemán)
Alemaña Universidade de Frankfurt "Titus - Thesaurus Indogermanischer Text- und Sprachmaterialien". Consultado o 29 de setembro de 2009.  (en alemán) (en inglés) (en castelán) (en francés)
Alemaña Universidade de Friburgo "Indogermanistik - Sprachwissenschaftliches Seminar". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en alemán) (en inglés)
Alemaña Universidade Georg-August de Gottinga "Sprachwissenschaftlichen Seminar - Zentrum für Interdisziplinäre Sprachforschung". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en alemán)
Alemaña Universidade Martín Lutero de Halle-Wittenberg "Seminar für Indogermanistik und Allgemeine Sprachwissenschaft". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en alemán)
Alemaña Universidade de Jena "Lehrstuhl für Indogermanistik". Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2010. Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en alemán)
Alemaña Universidade Luís e Maximiliano de Múnic "Lehrstuhl für Historische und Indogermanische Sprachwissenschaft - Fakultät für Sprach- und Literaturwissenschaften". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en alemán)
Alemaña Universidade de Münster "Institut für Indogermanische Sprachwissenschaft". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en alemán)
Italia Universidade de Florencia "Dipartimento de Lingüística". Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2009. Consultado o 2 de outubro de 2009.  (en italiano)
Italia Universidade de Macerata "Dipartimento de Ricerca linguistica, letteraria e filologica". Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2009. Consultado o 2 de outubro de 2009.  (en italiano)
Italia Universidade de Padua "Sezione di Linguistica - Dipartimento de Discipline linguistiche, comunicative e dello spettacolo". Consultado o 2 de outubro de 2009.  (en italiano)
Italia Universidade de Palermo "Dipartimento di Scienze Filologiche e Linguistiche". Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2008. Consultado o 2 de outubro de 2009.  (en italiano)
Italia Universidade de Pavía "Dippartamento di Linguistica Teorica ed Applicata". Arquivado dende o orixinal o 08 de novembro de 2009. Consultado o 2 de outubro de 2009.  (en italiano) (en inglés)
Italia Universidade de Pisa "Dipartimento de Linguistica". Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2008. Consultado o 2 de outubro de 2009.  (en italiano)
Países Baixos Universidade de Leiden "Vergelijkende Indo-Europese taalwetenschap - Faculteit der Geesteswetenschappen". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en neerlandés)
Polonia Universidade Jagellonica "Katedra Językoznawstwa Ogólnego i Indoeuropejskiego". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en polaco)
Reino Unido Universidade de Oxford "Comparative and Classical Philology, and Historical Linguistics - Faculty of Linguistics, Philology & Phonetics". Arquivado dende o orixinal o 05 de abril de 2010. Consultado o 29 de setembro de 2009.  (en inglés)
República Checa Universidade Carolina de Praga "Ústav Srovnávací Jazykovědy - Filozofické Fakulty". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en checo) (en inglés)
Eslovenia Universidade de Liubliana "Oddelek za primerjalno in splošno jezikoslovje - Filozofska fakulteta". Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2009. Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en esloveno) (en inglés)
España Universidade Complutense de Madrid "Departamento de Filología Griega y Lingüística Indoeuropea - Facultad de Filología". Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2006. Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en castelán) (en inglés)
España Universidade de Salamanca "Departamento de Filología Clásica e Indoeuropeo". Consultado o 28 de setembro de 2009.  (en castelán)
Estados Unidos Universidade Cornell de Ithaca "Indo-European Linguistics - Department of Linguistics". Consultado o 29 de setembro de 2009.  (en inglés)
Estados Unidos Universidade Harvard "Department of Linguistics". Arquivado dende o orixinal o 01 de outubro de 2009. Consultado o 29 de setembro de 2009.  (en inglés)
Estados Unidos Universidade de California, Os Ánxeles, "Interdepartmental graduate program en Indo-European Studies". Consultado o 29 de setembro de 2009.  (en inglés)
Estados Unidos Universidade de Texas de Austin "Indo-European Documentation Center - Linguistics Research Center". Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2009. Consultado o 29 de setembro de 2009.  (en inglés)
Suíza Universidade de Berna "Historisch-vergleichende Linguistik - Institut für Sprachwissenschaft". Arquivado dende o orixinal o 26 de febreiro de 2009. Consultado o 29 de setembro de 2009.  (en alemán)
Suíza Universidade de Neuchâtel "Linguistique comparative - Institut de linguistique". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 29 de setembro de 2009.  (en francés)
Suíza Universidade de Zürich "Indogermanisches Seminar". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2009. Consultado o 29 de setembro de 2009.  (en alemán)

Revistas editar

Principais revistas de indoeuropeística e lingüística histórico-comparada:

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Francisco Villar, Los indoeuropeos y los orígenes de Europa, pp. 19-33.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Calvert Watkins, El proto-indoeuropeo, pp. 45-47.
  3. Villar, pp. 200-201.
  4. 4,0 4,1 Villar, pp. 213-221, 340.
  5. Villar, pp. 343-361.
  6. Villar, pp. 223-236.
  7. Villar, pp. 241-248; Watkins, pp. 57-60.
  8. Villar, pp. 248-262; Watkins, pp. 52-55.
  9. Villar, pp. 271-322; Watkins, pp. 68-72, 77-89.
  10. Villar, pp. 323-340; Watkins, pp. 72-77.
  11. 11,0 11,1 Villar, pp. 597-616.
  12. Villar, pp. 617-639; Watkins, pp. 47-51.
  13. 13,0 13,1 Villar, pp. 643-655.
  14. Bernard Comrie, A familia lingüística indoeuropea: prospectivas xenéticas e tipolóxicas, pp. 95-119.
  15. 15,0 15,1 15,2 Enrico Campanile, Antichità indoeuropee, pp. 19-41; Villar, pp. 35-195 passim.
  16. 16,0 16,1 Villar, pp. 39-92.
  17. Como pidgin, o indoeuropeo teríase difundido porque se usaría como lingua franca polo comercio e o intercambio. Esta teoría, avanzada por arqueólogos e historiadores que seguen a teoría difusionista, é insustentábel desde o punto de vista lingüístico, xa que os pidgin se caracterizan por estruturas extremadamente simplificadas, ben distintas das do indoeuropeo. Cfr. Villar, pp. 85-86.
  18. 18,0 18,1 18,2 Villar, pp. 42-47.
  19. 19,0 19,1 Villar, pp. 201-221.
  20. Campanile, pp. 19-23.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar