Estandarte do corvo
O estandarte do corvo (en nórdico antigo, hrafnsmerki; en anglosaxón, hravenlandeye) foi unha bandeira posibelmente de natureza totémica empregada por varios xefes tribais viquingos e outros rexentes escandinavos entre os séculos IX e XI. A bandeira é descrita na arte nórdica de forma aproximadamente triangular, co bordo externo redondeado, de onde colgan unha serie de lingüetas e borlas. Posúe certa similitude cos cataventos finamente tallados empregados nas proas dos drakkar.[1]
Conxectúrase que o estandarte do corvo era un símbolo do deus da guerra Odín, quen ás veces era descrito en compaña de dous corvos chamados Hugin e Munin, e a súa intención ao portala en batalla puido ser provocar o temor dos inimigos invocando o poder do deus. Como sinala Hrafnhildur Bodvarsdottir con respecto aos encontros entre os anglosaxóns cristiáns e os pagáns invasores escandinavos:[2]
“ | Os anglosaxóns probabelmente pensaban que os estandartes estaban imbuídos con poderes malignos dos ídolos pagáns, xa que os anglosaxóns eran conscientes do significado de Óðinn e os seus corvos na mitoloxía nórdica. | ” |
— Hrafnhildur Bodvarsdottir |
O simbolismo do corvo na cultura escandinava
editarO corvo é unha figura icónica común na mitoloxía nórdica. O deus maior Odín, tiña dous corvos chamados Hugin e Munin («Pensamento» e «Memoria» respectivamente) que voaban arredor do mundo traéndolle novas de todo o que acontecía. Por iso, un dos moitos nomes de Odín era «deus corvo» (Hrafnaguð). En Gylfaginning, relátase o seguinte:
|
|
Edda poética - Grímnismál, estrofas 19 e 20.[3][4] |
Odín estaba tamén estreitamente relacionado cos corvos porque nos mitos nórdicos recibía os guerreiros caídos no Valhalla, e, ao mesmo tempo, os corvos estaban relacionados coa morte e a guerra debido á súa predilección pola prea. Por conseguinte, é probábel que fosen considerados como manifestacións das valquirias, quen escollían os guerreiros mortos en batalla para os levaren xunto a Odín.[5] A relación entre os corvos e as valquirias debíase ao feito de que tanto as deusas como as valquirias adoitaban mudar a súa forma e tomar a aparencia de paxaros. Exemplos diso son Þrymskviða, en que Freyja presta a Loki o seu traxe de paxaro,[6] e o relato da valquiria Kára en Hrómundar saga Gripssonar.[7]
A figura do corvo aparece na maioría dos poemas escáldicos describindo a guerra. Facer a guerra era «alimentar e satisfacer» os corvos (hrafna seðja, hrafna gleðja).[8] Un exemplo disto encóntrase en Norna-Gests þáttr, onde Regin recita o seguinte poema logo de que Sigurd matase os fillos de Hunding:
|
|
Norna-Gests þáttr, capítulo 6.[9][10] |
Nos kenningar empregados na poesía nórdica, descríbese o corvo como un paxaro de sangue, cadáveres e batallas; é a gaivota da onda na pía de cadáveres, cuxos chíos se estrelan como sarabia e ansía a carne na mañá cando chega ao mar de corpos (Hlakkar hagli stokkin már valkastar báru, krefr morginbráðar er kemr at hræs sævi).[11]
En negras bandadas, os corvos planean sobre os cadáveres e o escaldo pregunta a onde se dirixen (Hvert stefni þér, hrafnar, hart með flokk hinn svarta?).[12] O corvo vai na procura do sangue dos caídos en batalla (Ód hrafn í valblóði).[13] Voa dende o campo de batalla con sangue no seu peteiro, carne humana nas súas gadoupas e o cheiro dos cadáveres na súa boca (Með dreyrgu nefi, hold loðir í klóum en hræs þefr ór munni).[14] Os corvos tiveron cada vez máis connotacións infernais e, nunha obra cristiá tan temperá como Sólarljóð, menciónase que os corvos de Hel (heljar hrafnar) arrincan os ollos dos insolentes.[15] Dúas maldicións na Edda poética din «que os corvos arrinquen o teu corazón partido en dous» (Þit skyli hjarta rafnar slíta).[16] e «os corvos arrínquenche os ollos na alta forca» (Hrafnar skulu þér á hám galga slíta sjónir ór).[17] Son entón vistos como instrumentos de xustiza divina cando esta era severa e desagradábel.
Malia as violentas e infernais imaxes coas que eran asociados, os primeiros escandinavos vían os corvos como figuras positivas; a batalla e a xustiza severa non eran vistas de forma desfavorábel na cultura nórdica.[18][19] Moitos nomes en nórdico antigo fan referencia ao corvo, tales como Hrafn,[20] Hrafnkel[21] e Hrafnhild.[22]
Usos
editarFinais do século IX
editarO estandarte do corvo foi usado por varios señores da guerra viquingos segundo a tradición nórdica, como os fillos de Ragnar Lodbrok. A primeira mención dunha forza viquinga levando un estandarte do corvo é na Crónica anglosaxoa. Por volta do ano 878, a Crónica relata:
E no inverno deste mesmo ano, o irmán de Ivar e Halfdan arribou a Wessex, en Devonshire, con 23 naves, e alí foi asasinado, e 800 homes xunto a el, e 40 do seu exército. Alí tamén foi tomada a bandeira de guerra (guðfani), que eles chamaban "Corvo".
Os Anais de Saint Neots do século XII afirman a presenza dun estandarte de corvo no Grande exército pagán e dá a entender as influencias do seiðr (bruxería) na súa creación, así como a súa natureza totémica e oracular:
Dicunt enim quod tres sorores Hynguari et Hubbe, filie uidelicet Lodebrochi, illud uexillum tex'u'erunt et totum parauerunt illud uno meridiano tempore. Dicunt etiam quod, in omni bello ubi praecederet idem signum, si uictoriam adepturi essent, appareret in medio signi quasi coruus uiuus uolitans; si uero uincendi in futuro fuissent, penderet directe nichil mouens — et hoc sepe probatum est[23] |
Dise que as tres fillas de Hingwar e Habba [Ivar e Ubbe], i.e., as fillas de Ragnar Loðbrok, teceron este estandarte e rematárono durante un só mediodía. Tamén se di que se ían obter a vitoria nunha batalla seguindo ese símbolo, un vería no centro do símbolo un corvo batendo suavemente as ás. Pero se ían ser derrotados, o corvo caía inmóbil. E isto sempre se demostrou certo.[24][25] |
Estorie des Engles de Geoffrey Gaimar (escrita arredor do ano 1140) menciona unha bandeira hrafnsmerki sendo levada polo exército de Ubbe na batalla de Cynwit (878): "o corvo era o estandarte de Ubbe (gumfanun). El era o irmán de Iware; foi enterrado polos viquingos nun montículo moi grande en Devonshire, chamado Ubbelawe."[26]
Século X
editarNo século X, semella que o estandarte do corvo foi adoptado polos reis hiberno-nórdicos de Dublín e Northumbria. Moitas das dinastías hiberno-nórdicas de Gran Bretaña e Irlanda foron do clan Uí Ímair, que dicía descender de Ragnar Lodbrok a través do seu fillo Ivar.
Unha bandeira triangular que representa unha ave (posiblemente un corvo) aparece nun penique acuñado por Olaf Cuaran arredor do ano 940. A moeda ten un estandarte aproximadamente triangular isóscele situado á dereita, cos dous lados equiláteros situados na parte superior e na do mastro. No longo da hipotenusa hai unha serie de cinco pestanas ou borlas. O mastro está coroado polo que semella ser unha cruz; isto podería indicar unha fusión do paganismo e do simbolismo cristián.
O estandarte do corvo tamén foi usado como bandeira de guerra polos Jarls das Orcadas nórdicos. Segundo a Saga Orkneyinga, foi creado por Sigurd o Forte para a súa nai, unha völva ou vidente xamánica. Ela díxolle que o estandarte "lle daría a vitoria ao home que o levase por diante, pero morte ao seu portador". A saga describe a bandeira como "un estandarte finamente elaborado, moi habilmente tecido coa figura dun corvo, e cando o estandarte era abaneado pola airexa, semellaba que o corvo estivese a voar por diante". A predición da nai de Sigurd fíxose realidade cando, de acordo coas sagas, todos os portadores do estandarte tiveron mortes prematuras.[28] A "maldición" do estandarte finalmente recaeu sobre o propio Jarl Sigurd na batalla de Clontarf:
O jarl Sigurd tivo unha dura batalla contra Kerthialfad, e Kerthialfad avanzou tan axiña que derrubou a todos os que estaban na liña da fronte, rompeu a formación do jarl Sigurd até que alcanzou o estandarte e matou ao seu protador. Sigurd fixo que outro home portase o estandarte, e de novo houbo unha dura loita. De inmediato, Kerthialfad feriu a este hombre cun golpe mortal, e así un tras outro os que estaban preto del. Logo o jarl Sigurd chamou a Thorstein, o fillo de Síðu-Hallur, para que levase o estandarte, e Thorstein estaba a piques de erguelo cando Asmund o Branco dixo, "Non leven o estandarte! Porque todos os que o levan conseguen a súa morte". "Hrafn o Vermello" chamou polo jarl Sigurd e díxolle "leva ti o estandarte". "Leva ti o teu propio demo". Logo o jarl respondeu, "É o axeitado que o mendigo leve a bolsa;'" e despois tomou o estandarte do seu mastro e púxoo debaixo da súa capa. Pouco despois de que Asmund o Branco acabase morto, o jarl foi atravesado cunha lanza.[29]
Comezos do século XI
editarO exército do rei Canuto o Grande de Inglaterra, Noruega e Dinamarca levaba un estandarte do corvo feito con seda branca na batalla de Assandun no ano 1016. O Encomium Emmae informa que Canuto tiña
[...] unha bandeira que lle deu un presaxio marabilloso. Son moi consciente de que isto pode parecer incrible para o lector, mais insértoo no meu traballo veraz porque é certo: este estandarte estaba tecido coa seda máis limpa e branca e non había ningunha imaxe nel. Porén, en caso de guerra sempre se vía un corvo, como se estivese entretecido. Se os dinamarqueses ían gañar a batalla, o corvo aparecía co peteiro completamente aberto, batendo as súas ás e inquedo sobre os seus pés. Se ían ser derrotados, o corvo non se movía en absoluto, e as súas extremidades penduraban inmóbiles.[30]
En Vidas de Waltheof e do seu pai Sivard Digri (o Forte), o conde Northumberland, obra escrita por un monxe da abadía de Crowland (posiblemente o historiador inglés William de Ramsey), cóntase que ao jarl dinamarqués de Northumbria, Sigurd, foille entregado un estandarte por un vello sabio non identificado. O estandarte era chamado Ravenlandeye.[31]
Segundo o Heimskringla, Harald Hardrada ondeou un estandarte de corvo chamado Landøyðan; no entanto, non está claro se este foi o mesmo estandarte que ondeou Sigurd de Northumbria. Nunha conversa entre Harald e o rei Svend II de Dinamarca,
Sveinn preguntoulle a Haraldr cal das súas posesións valoraba máis. El respondeu que era o seu estandarte (merki), Landøyðan. Acto seguido, Sveinn preguntou que virtude tiña para ser considerado tan valioso. Haraldr respondeu que se profetizou que a vitoria sería para quen levase diante ese estandarte; e engadiu que ese fora o caso dende que o obtivera. Entón Sveinn dixo: "Crerei que a túa bandeira ten esta virtude se loitas tres batallas co rei Magnús, o teu parente, e saes vitorioso en todas".[32]
Anos despois, durante a invasión de Harald en Inglaterra, Harald librou unha batalla campal contra dous condes fóra de York. A saga de Harald contou que
Cando o rei Haraldr viu que o grupo de batalla dos ingleses descendera ao longo da gabia xusto en fronte deles, fixo soar as trompetas e instou bruscamente aos seus homes ao ataque, erguendo o seu estandarte chamado Landøyðan. E alí fixo un ataque tan forte que nada se sostivo contra el.[33]
O exército de Harald ondeou a bandeira na batalla de Stamford Bridge, onde foi levada por un guerreiro chamado Frírek. Despois de que Harald fose atinxido por unha frecha e morrese, o seu exército loitou ferozmente pola posesión do estandarte, e algúns deles entraron en estado berserker no seu frenesí por conseguir a bandeira. Ao final, a "maxia" da bandeira fallou, e o groso do exército noruegués foi eliminado, sendo só uns poucos os que puideron escapar nos seus barcos.[34]
Ademais da bandeira do dragón de Olaf II de Noruega, a Landøyðan de Harald Hardrada é o único estandarte real noruegués descrito por Snorri Sturluson en Heimskringla.[35]
En dous paneis do famoso Tapiz de Bayeux, amósanse estandartes que semellan bandeiras con corvos. O tapiz de Bayeux foi un encargo do bispo Odón de Bayeux, o medio irmán de Guillerme o Conquistador. Como un dos combatentes na batalla de Hastings, Odón podería estar familiarizado cos estandartes que ondeaban durante a loita. Nun dos paneis, que representa unha carga de cabalaría contra un muro de escudos inglés, un cabaleiro normando é amosado cun estandarte semicircular bordado e cun paxaro negro de pé. No segundo panel, amósase a morte dos irmáns de Harold Godwinson, cun estandarte triangular tirado no chan moi semellante ao da moeda acuñada por Olaf Cuaran. Os eruditos están divididos en se se tratan de reliquias do patrimonio escandinavo dos normandos (ou da influencia escandinava na Inglaterra anglosaxoa) ou se pola contra reflicten unha presenza nórdica non documentada no exército inglés ou normado.[36]
Emprego moderno
editarMalia que a Hrafnsmerki foi considerada como "a primeira bandeira europea no Novo Mundo", non hai probas de que algunha vez se considerase como bandeira universal dos escandinavos, e non hai ningunha fonte que a relacione cos colonos de Vinland (ou calquera grupo en Islandia ou Groenlandia).[37]
No presente, aínda é empregado por algúns rexementos do exército dinamarqués, como a insignia da manga no ombreiro do primeiro escuadrón de tanques do primeiro batallón do primeiro rexemento dos Gardehusarregimentet.[38][39]
O escudo de armas do Servizo de Intelixencia Noruegués amosa dous corvos que representan a Hugin e Munin, os corvos que recollían a información de todo o mundo para o deus Odín.[40][41]
Nas Illas Shetland existe un deseño alternativo da bandeira (un corvo voando sobre un fondo vermello) que é usado como símbolo do Up Helly Aa, un festival que celebra a herdanza nórdica das illas.
O equipo de rugby Eastern Counties RFU, adoptou o corvo como o seu emblema en 1926. Foi elixido como representante dos condados constituíntes de "Danelaw", os actuais Norfolk, Suffolk e Cambridgeshire.[42]
Notas
editar- ↑ Priest-Dorman, Carolyn (setembro de 2000). "Personal Display for Viking Age Personae: A Primer for Use in the SCA" (en inglés). Society for Creative Anachronism. Consultado o 1 de agosto de 2019.
- ↑ * Hrafnhildur Bodvarsdottir. The Function of the Beasts of Battle in Old English Poetry. PhD Dissertation, 1976, State University of New York at Stony Brook. Ann Arbor: University Microfilms International. 1989.
- ↑ Sturluson, Snorri. "Grímnismál". Edda poética (en inglés). trad. H. A. Bellows (1936). Consultado o 7 de agosto de 2019.
- ↑ Jónsson, Guđni. "Grímnismál". Edda poética (en inglés). Versión en nórdico antigo. Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2007. Consultado o 7 de agosto de 2019.
- ↑ "Valkyries, Wish-Maidens, and Swan-Maids" (en inglés). The Viking Answer Lady. Consultado o 7 de agosto de 2019.
- ↑ Sturluson, Snorri. "Þrymskviða". Edda poética (en inglés). trad. H. A. Bellows (1936). Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2008. Consultado o 7 de agosto de 2019.
- ↑ Skálmarnes, Rolf. "Hrómundar saga Gripssonar, capítulo 7". trad. Gavin Chappell. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2008. Consultado o 7 de agosto de 2019.
- ↑ Hjelmquist, Theodor (1891). "Naturskildringarna i den norröna diktningen, p. 142" (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2019.
- ↑ "Norna-Gests þáttr, capítulo 6". Versión en nórdico antigo (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2019.
- ↑ "Norna-Gests þáttr, capítulo 6". trad. George L. Hardman. Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2006. Consultado o 7 de agosto de 2019.
- ↑ Hjelmquist, Theodor (1891). "Naturskildringarna i den norröna diktningen p. 143" (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2019.
- ↑ Anónimo. "Bjarnar Saga Hitdælakappa". Consultado o 12 de agosto de 2019.
- ↑ Stanza 2, en Krákumál, citado en Hjelmquist 143.
- ↑ Hornklofi, Þorbjörn. trad. Lee M. Hollander, ed. "Haraldskvæði, estrofas 2 e 3".
- ↑ Sturluson, Snorri. trad. Benjamin Thorpe (1866), ed. "Sólarljóð, estrofa 67". Edda poética. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2008. Consultado o 31 de xullo de 2019.
- ↑ Sturluson, Snorri. trad. Benjamin Thorpe, ed. "Guðrúnarkviða II, estrofa 9". Edda poética. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2008. Consultado o 31 de xullo de 2019.
- ↑ Sturluson, Snorri. trad. Eysteinn Björnsson, ed. "Fjölsvinnsmál, estrofa 45". Edda poética. Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2001. Consultado o 24 de febreiro de 2008.
- ↑ Poole, R. G. (1991). University of Toronto Press, ed. Viking Poems on War and Peace: A Study in Skaldic Narrative. ISBN 0802058671.
- ↑ Woolf, Rosemary (1976). "The Ideal of Men Dying with their Lord in the Germania and in The Battle of Maldon". Anglo-Saxon England 5: 63–81.
- ↑ Anónimo. "Gunnlaugs saga".
- ↑ Anónimo. "Hrafnkels saga". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 02 de novembro de 2019.
- ↑ Anónimo. trad. Gavin Chappel, ed. "Ketils saga hœngs, capítulo 3". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2008. Consultado o 31 de xullo de 2019.
- ↑ Annals of St Neots (878), ed. Dumville and Lapidge, p. 78.
- ↑ Lukman 141
- ↑ Cf. primeira edición e tradución de Grimm en inglés: [V]exillum quod reafan vocant. Dicunt enim quod tres sorores Hungari et Habbae, filiae videlicet Lodebrochi illud vexillum texuerunt, et totum paraverunt illud uno meridiano tempore. Dicunt etiam quod in omni bello, ubi praecederet idem signum, si victoriam adepturi essent, appareret in medio signi quasi corvus vivus volitans; sin vero vincendi in futuro fuissent, penderet directe nihil movens: et hoc saepe probatum est. "The daughters of Loðbrók had woven that banner and finished it during one single midday's time. It also is said that in any battle where the signum was borne before them, if they were to win victory one would see in the middle of the signum a living raven flying; but if they were about to be defeated, it hung straight and still." Grimm ch. 35
- ↑ Lukman, 141–42.
- ↑ Herbert Appold Grueber, Handbook of the coins of Great Britain and Ireland in the British Museum. Londres/Oxford: British Museum. Dept. of Coins and Medals & the Clarendon Press, 1899, p. 20 (no. 117).
- ↑ Orkneyinga Saga § 11.
- ↑ Njal's Saga §156.
- ↑ Trætteberg 549–55.
- ↑ Lukman 148. The Crowland author comments on the name of the banner, "quod interpretatur corvus terrae terror," "which means Raven, terror of the land."
- ↑ Haralds saga Sigurðarsonar § 22.
- ↑ Haralds saga Sigurðarsonar § 85.
- ↑ Haralds saga Sigurðarsonar § 88.
- ↑ Cappelen 34–37.
- ↑ Barraclough passim. Debería salientarse que no ano 1066, tódolos exércitos que mantiñan hostilidades nas illas Británicas, incluíndo noruegueses, ingleses e normados, eran cando menos nominalmente cristiáns. Os normandos estaban en moitos sentidos, incluíndo lingüisticamente, bastante afastados das súas orixes nórdicas.
- ↑ Engene 1–2; véxase tamén Barraclough passim.
- ↑ "Sleeve Insignia GHR". arma-dania.dk (en dinamarqués). Arquivado dende o orixinal o 02 de marzo de 2016. Consultado o 19 de febreiro de 2016.
- ↑ "1st Panzerbataljon". bojac.dk/ (en dinamarqués). Arquivado dende o orixinal o 01 de marzo de 2016. Consultado o 19 de febreiro de 2016.
- ↑ "Norwegian Intelligence Service website, in Norwegian". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 01 de outubro de 2019.
- ↑ "Article in Dagbladet, Norwegian newspaper". Arquivado dende o orixinal o 03/04/2017. Consultado o 01/10/2019.
- ↑ "About Us - History - The ECRU Raven". www.ecrurugby.com.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estandarte do corvo |
A Galipedia ten un portal sobre: Era viquinga |
Bibliografía
editar- The Anglo-Saxon Chronicle. (tradución inglesa). Everymans Library, 1991.
- Barraclough, Captain E.M.C. "The Raven Flag". Flag Bulletin. Vol. X, No. 2–3. Winchester, MA: The Flag Research Center (FRC), 1969.
- Cappelen, Hans. "Litt heraldikk hos Snorre." Heraldisk tidsskrift No. 51, 1985 p. 34-37. Tamén publicado en islandés como "Heimskringla og skjaldarmerkin", Morgunbladir, Reykjavik 3.11.1985
- Dumville, David e Michael Lapidge, eds. The Anglo-Saxon Chronicle, Vol 17: The Annals of St. Neots with Vita Prima Sancti Neoti. Woodbridge: D.S. Brewer. 1985.
- Engene, Jan Oskar. "The Raven Banner and America." NAVA News, Vol. XXIX, No. 5, 1996, pp. 1–2.
- Forte, Angelo, Richard Oram e Frederik Pedersen. Viking Empires. Cambridge: Cambridge University Press, 2005 ISBN 0-521-82992-5.
- Grimm, Jakob. Teutonic Mythology. 4 vols. Trans. James Steven Stallybras. Nova York: Dover, 2004.
- Hjelmquist, Theodor. "Naturskildringarna i den norröna diktningen". En Hildebrand, Hans (ed). Antikvarisk tidskrift för Sverige, Vol 12. Ivar Hæggströms boktryckeri, Stockholm. 1891.
- Hrafnhildur Bodvarsdottir. The Function of the Beasts of Battle in Old English Poetry. PhD Dissertation, 1976, State University of New York at Stony Brook. Ann Arbor: University Microfilms International. 1989.
- Lukman, N. "The Raven Banner and the Changing Ravens: A Viking Miracle from Carolingian Court Poetry to Saga and Arthurian Romance." Classica et Medievalia 19 (1958): pp. 133–51.
- Njal's Saga. Trans. George DaSent. Londres, 1861.
- Orkneyinga Saga: The History of the Earls of Orkney. Trans. Pálsson, Hermann e Edwards, Paul (1978). Londres: Hogarth Press. ISBN 0-7012-0431-1. Publicado de novo en 1981, Harmondsworth: Penguin. ISBN 0-14-044383-5.
- Poole, R. G. Viking Poems on War and Peace: A Study in Skaldic Narrative. Toronto: University of Toronto Press. 1991.
- Sturluson, Snorri. "King Harald's Saga." Heimskringla. Penguin Classics, 2005.
- Trætteberg, Hallvard. "Merke og Fløy." Kulturhistorisk leksikon for nordisk middelalder, Vol. XI, Oslo, 1966, columns 549–555.
- Woolf, Rosemary. "The Ideal of Men Dying with their Lord in the Germania and in The Battle of Maldon." Anglo-Saxon England Vol. 5, 1976.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- O estandarte do corvo en "Flags Of The World", (en inglés).