Abrir o menú principal

Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con

Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con.

A Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con" (EHEC) é un centro de investigación científica pertencente á Universidade de Santiago de Compostela. Foi inaugurada no ano 2004 Está situada á beira do encoro do Con, no lugar de Castro de Agudín, na parroquia de Cea (Vilagarcía de Arousa).

A EHEC persegue desde a súa orixe un triplo obxectivo: a investigación en materia de hidrobioloxía, a formación superior científico-técnica e a divulgación do avance científico como vía para solicitar dos cidadáns a súa cooperación na conservación do medio natural.

Índice

ObxectivosEditar

Os principais obxectivos da EHEC son a investigación, a docencia e a divulgación, e apoiándose nestes foi creada co fin de propiciar, fomentar e desenvolver a investigación en Bioloxía das Augas Continentais, facilitando ós investigadores as súas instalacións e medios dispoñibles para o desenvolvemento dos traballos científicos, proxectos de investigación, teses doutorais, reunións científicas. Encárgase así mesmo do asesoramento e colaboración en materia de investigación con entidades públicas e privadas, o establecemento e coordinación de relacións de intercambio científico con outras Universidades e institucións científicas de España e doutros países.

Así, a EHEC pretende ser unha ponte na cooperación entre os organismos xestores e os organismos de investigación, onde se acheguen opinións baseadas no axeitado coñecemento dos ecosistemas acuáticos naturais.

InstalaciónsEditar

 
Aula de microscopía da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con.

A EHEC está distribuída en catro áreas correspondentes cada unha a unha planta. A primeira, corresponde á planta baixa e nela sitúanse os laboratorios (laboratorio de análises e laboratorio húmido) e os almacéns nos que se gardan os equipamentos necesarios para as mostraxes. A área de administración (despachos) e de docencia e investigación (aula, aula de informática, laboratorio de microscopía) localízase na primeira planta. A segunda planta, destínase a aloxamento para investigadores visitantes (habitacións, salón-comedor). Por último, na planta baixo cuberta atópase a biblioteca e a sala de xuntas.

InvestigaciónsEditar

 
Visita dunha delegación do Proxecto TWINNING á Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con.
 
Conferencia "Dez mil ríos, dez mil problemas" no Instituto de Educación Secundaria de Brión.

As liñas temáticas que poden desenvolverse neste centro son as relacionadas coa investigación hidrobiolóxica básica e aplicada que se levan a cabo na actualidade na comunidade científica internacional, desde investigacións sobre biodiversidade, ecotoxicoloxía, contaminación e calidade das augas, ata a xestión de poboacións, acuicultura, xenética, modelización limnolóxica etc.

Certificados de excelencia e premiosEditar

A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con obtivo no ano 2009 o "Selo de Compromiso cara á Excelencia Europea 200+" polo seu sistema de xestión. Este Selo renovouse nos anos 2011 e 2013.

No referente a premios, a EHEC foi galardoada co Primeiro Premio do I Concurso de Accións Sostibles de Emprendemento Social (ASES) da Cátedra Dr. Jaime Vera de Emprendemento Social da USC pola acción titulada: "A piscicultura como terapia ocupacional e medio de fornecemento da responsabilidade medioambiental individual na comunidade terapéutica do Proxecto Home de Cernadas-Portomouro (Val do Dubra)".

En 2013 o Diario de Arousa outorgoulle o Premio Arousán do Ano, ademais de polo triplo obxectivo perseguido, polo seguimento exhaustivo dos ríos do entorno, especialmente ó Umia, no que a EHEC estivo activamente implicada no estudo do bloom toxixénico de Cianobacterias, e pola súa contribución ó estudo da biodiversidade fluvial e pola promoción de cursos de verán para analizar as cuestións máis relevantes da auga.

Produción científicaEditar

Nos últimos anos o equipo pertencente á EHEC publicou máis de 40 artigos científicos, publicou seis libros e abundante material de divulgación; ademais participou activamente con comunicacións nunha vintena de congresos internacionais.

ActividadesEditar

A EHEC organiza periodicamente xornadas de portas abertas, exposicións, conferencias, cursos de formación etc. Tamén colabora como asesora científica de medios de comunicación e organizacións como conservacionistas.

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar