Columna vertebral
A columna vertebral, raque ou espiña dorsal é unha complexa estrutura osteofibrocartilaxinosa articulada e resistente, en forma de talo lonxitudinal, que constitúe a porción posterior e inferior do esqueleto axial. A columna vertebral é un órgano[1] situado (na súa maior extensión) na parte media e posterior do tronco, e vai dende a cabeza (á cal sostén), pasando polo pescozo e as costas, até a pelve á cal lle dá soporte.
Rexións da columna
editarA columna vertebral consta de cinco rexións, contando con 33 vértebras, dividíndose en:
- Rexión cervical (7 vértebras, C1-C7)
- Rexión dorsal (12 vértebras, T1-T12)
- Rexión lumbar (5 vértebras, L1-L5)
- Rexión sacra (5 vértebras, S1-S5)
- Rexión coccíxea (4 vértebras, inconstantes)
Cada rexión ten unha serie de características propias, as cales se van superpoñendo naquelas vértebras próximas á outra zona (por exemplo C7, T12 ou L5).
Rexión cervical
editarVéxase tamén fractura de Jefferson
Existen 7 vértebras cervicais, con 8 nervios espiñais, en xeral pequenas e delicadas. Os seus procesos espiñentos son curtos (con excepción de C2 e C7, os cales teñen procesos espiñentos mesmo palpables). Nomeados de cefálica a caudal como C1 a C7, o atlas (C1) e o axe (C2), son as vértebras que lle permiten a mobilidade do pescozo. Na maioría das situacións, é a articulación atlantooccipital que lle permite á cabeza moverse de arriba a abaixo, mentres que a unión atlantoaxidoidea permite ao pescozo moverse e virar de esquerda a dereita. No axe atópase o primeiro disco intervertebral da columna espinal. Todos os mamíferos salvo os manatís e os preguiceiros teñen 7 vértebras cervicais, sen importar a lonxitude do pescozo.
A vértebras cervicais posúen o forame transverso por onde transcorren as arterias vertebrais que chegan até o foramen magnum para finalizar no polígono de Willis. Estes forámenes son os máis pequenos, mentres que o forame vertebral ten forma triangular. Os procesos espiñentos son curtos e con frecuencia están bifurcados (salvo o proceso C7, onde se ve claramente un fenómeno de transición, asemellándose máis a unha vértebra torácica que a unha vértebra cervical prototipo).
Rexión dorsal
editarVéxase Vértebra torácica
As 12 vértebras torácicas e os seus procesos transversos teñen unha superficie para articular coas costelas. Algunha rotación pode ocorrer entre as vértebras desta zona, pero en xeral, posúen unha alta rixidez que prevén a flexión ou a excursión excesiva, formando en conxunto coas costelas a caixa torácica, protexendo os órganos vitais que existen a este nivel (corazón, pulmón e grandes vasos). Os corpos vertebrais teñen forma de corazón cun amplo diámetro anteroposterior. Os forámenes vertebrais teñen forma circular.
Rexión lumbar
editarVéxase Vértebra lumbar
As 5 vértebras lumbares teñen unha estrutura moi robusta, debido ao gran peso que teñen que soportar por parte do resto de vertebras proximais. Permiten un grao significativo de flexión e extensión, ademais de flexión lateral e un pequeno rango de rotación. É o segmento de maior mobilidade a nivel da columna. Os discos entre as vértebras constrúen a lordose lumbar (terceira curva fisiolóxica da columna, con concavidade posterior).
Rexión sacra
editarVéxase Vértebra sacra
Son cinco ósos que na idade madura do ser humano atópanse fusionados, sen disco intervertebral entre cada unha delas.
Cóccix
editarVéxase Cóccix
En xeral, son 4 ósos (en casos máis raros poden haber 3 ou 5 vértebras), sen discos intervertebrais. Moitos animais mamíferos poden ter un maior número de vértebras a nivel desta rexión, denominándoselles "vértebras caudais". A dor a nivel desta rexión denomínaselle coccigodinia, a cal pode ser de diversa orixe.
Funcións
editarAs funcións da columna vertebral son varias. Principalmente intervén como elemento de sostén estático e dinámico, proporciona protección á medula espinal recubríndoa, e é un dos factores que axudan a manter o centro de gravidade dos vertebrados.[2]
A columna vertebral é a estrutura principal de soporte do esqueleto que protexe a medula espinal e permite ao ser humano desprazarse en posición erguida, sen perder o equilibrio.
A columna vertebral serve tamén de soporte para o cranio.
Constitución
editarA columna vertebral está constituída por pezas óseas superpostas e articuladas entre si, chamadas vértebras (vertebræ PNA), cuxo número considerado erroneamente case constante é de 33 pezas aproximadamente, dependendo da especie.[3][4]
As vértebras están conformadas de tal maneira que a columna goza de flexibilidade, estabilidade e amortiguación de impactos durante a locomoción normal do organismo.[5]
A columna vertebral dun humano adulto mide máis ou menos 75 cm de lonxitude.
Curvaturas da columna vertebral humana
editarAs curvaturas da columna vertebral non se producen só debido á forma das vértebras, senón tamén á forma dos discos intervertebrais.
En humanos, a columna conta con dous tipos principais de curvaturas: anteroposteriores (ventrodorsales) e laterolaterais[6]:
Curvaturas anteroposteriores
editarDescríbense dous tipos de curvaturas: cifose e lordose. A cifose é a curvatura que dispón ao segmento vertebral cunha concavidade anterior ou ventral e unha convexidade posterior ou dorsal. A lordose, ao contrario, dispón ao segmento vertebral cunha convexidade anterior ou ventral e unha concavidade posterior ou dorsal. A columna vertebral humana divídese en catro rexións, cada unha cun tipo de curvatura característica:
- Cervical: lordose.
- Torácica: cifose.
- Lumbar: lordose.
- Sacrococcíxea: cifose.
Na persoa acabada de nacer, a columna vertebral só conta cunha gran cifose. A lordose cervical e lumbar aparecen logo.
Curvaturas laterolaterais
editarEn humanos, a columna vertebral presenta unha curvatura torácica imperceptible de convexidade contralateral á beira funcional do corpo. Debido ao predominio da condición destra na poboación, a maioría presenta unha curvatura laterolateral torácica de convexidade esquerda.
Anormalidades
editarOcasionalmente a coalescencia das láminas non se logra completar e consecuentemente queda unha hendidura nos arcos vertebrais, pola cal protúe as meninxes (dura nai e aracnoide) e xeralmente a propia medula espinal, constituíndo unha malformación denominada espiña bífida. A condición é máis común a nivel lumbosacro, pero pode ocorrer noutras rexións.
As seguintes corresponden a curvaturas anormais:
- Hipercifose: é unha esaxerada cifose a nivel torácico, coloquialmente coñéceselle como chepa, común en persoas maiores e secundaria á osteoporose.
- Hiperlordose: lordose esaxerada a nivel lumbar. A hiperlordose resulta común entre as mulleres embarazadas.
- Listese: pode ser anterolistese ou retrolistese, dependendo se o desprazamento do corpo vertebral é cara a adiante ou cara a atrás con respecto á vértebra adxacente.
- Escoliose: curvatura lateral, é a máis común das curvatura anormais e ocorre nun 0,5%. É máis frecuente en mulleres e pode ser o produto dun crecemento desigual dunha ou máis vértebras. Pode provocar atelactasias pulmonares e problemas respiratorios de tipo restritivos.
Notas
editar- ↑ [1] Anatomía humana: descritiva, topográfica e funcional, Volume 2;Volume 11 Henry Rouvière, A. Delmas, Vincent Delmas. Páxina 54. ( books.google.es )
- ↑ A Fundación Kovacs: Costas.org - Como é e como funciona as costas
- ↑ Segundo Delmas & Rouvière, a cifra está suxeita a unha gran variacion poboacional, só o 65% dos individuos teñen entre 35 e 33 vértebras. A maior variación numérica dáse nas porcións máis inferiores da columna vertebral. Rouvière H & Delmas A: Anatomía humana: descritiva, topográfica e funcional, Masson, 9ª, Barcelona, 1996. T2, páx. 8. ISBN 84-458-0506-2
- ↑ Serían 29 se se considera ao cóccix como un só óso: Xeneralidades da Columna Vertebral [2] Arquivado 22 de xuño de 2016 en Wayback Machine.
- ↑ Centro de saúde de Barcelona para a prevención da dor de costas, columna e tensión. [3] Arquivado 26 de xullo de 2011 en Wayback Machine.
- ↑ Anatomía humana: Michael Latarjet e A. Ruiz Liard - 4° edición - Buenos Aires: Médica Panamericana, 2004; Tomo 1, Páxina 43.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Medina, Valentín Ramos; Rando, José Luis Palomo (2009). "Autopsia del raquis". Revista española de medicina legal: órgano de la Asociación Nacional de Médicos Forenses 35 (2): 76–82. ISSN 0377-4732. (require subscrición (?)).