Zungaria

Rexión xeográfic a do noroeste da China

Coordenadas: 45°N 85°L / 45, 85

A Zungaria (tamén transcrito como Dzungaria e Junggar) é unha árida rexión histórica e xeográfica da Asia Central situada no noroeste da China, na metade norte de Xinjiang, tamén coñecido como Beijiang (en chinés 北疆; en pinyin Běijiān; literalmente, 'Xinjiang do Norte'),[1] entre as montañas Altai e as do Tian Shan.

Localización da Zungaria (en verde, á dereita), e da coñecida como porta de Zungaria, na Asia Central.

Etimoloxía editar

 
Mapa físico ue mostra a separación de Zungaria ("Dsungarei" no mapa) e a conca de Tarim (Taklamakan) polas montañas Tian Shan.

O nome Zungaria é unha corrupción da expresión mongol Zuun Gar ou Juun Gar, dependendo do dialecto mongol usado. Zuun/Juun significa 'esquerda' e Gar significa 'man'. O nome orixinouse da noción de que os mongois occidentais estaban no lado esquerdo cando o imperio Mongol comezou a súa división en mongois do Leste e do Oeste. Despois desta fragmentación, a nación de Mongolia occidental chamouse Zuun Gar. Hoxe, o berce desta antiga nación conserva o seu nome: Zungaria.[2]

Localización editar

Situada entre as actuais República Popular Chinesa e Casaquistán, e case contigua ás fronteiras da Federación Rusa e Mongolia, a maior parte do territorio está baixo soberanía chinesa, formando a parte setentrional da rexión autónoma de Xinjiang.

Limitada ao sur pola cordilleira de Tian Shan e ao norte polas montañas de Altai, cobre uns 777 000 km², e se estende polo oeste por Mongolia e polo leste por Casaquistán.

Xeografía editar

Dúas rexións editar

 
Zungaria (vemello). Conca do Tarim (azul).
 
Norte de Xinjiang-conca de Zungaria (amarelo). Sinkiang Oriental-depresión de Turfán (vermello). Xinjiang do Sur-conca de Tarim (azul).

Xinjiang comprende dúas rexións principais, que son xeográfica, histórica e etnicamente distintas: Zungaria, ao norte das montañas Tian San, e a conca do Tarim, ao sur destas montañas. Antes da dinastía Qing, a China unificounas nunha soa entidade política chamada provincia de Xinjiang. No momento da conquista Qing en 1759, Zungaria estaba habitada por pobos zúngaros, nómades budistas tibetanos da estepa, mentres que a conca do Tarim estaba poboada por agricultores sedentarios musulmáns de fala túrquica, asentados nos oasis, e coñecidos hoxe como uigures.

Relevo e hidrografía editar

Zungaria encóntrase delimitada naturalmente ao norte pola cordillera de Altai mongol, e ao sur por outra importante cordilleira, Tian Shan (ou "montes Celestiais"). Adoita considerarse que polo leste alcanza até o gran lago salado, en proceso de colmatación e desecamento, o lago Balkhash, aínda que as montañas de Zungaria separan a Zungaria propiamente dita do lago.

A Zungaria propiamente dita correspóndese coa rexión chamada en chinés Junggar Pendi (conca [deprimida] de Zungaria), aínda que a conca do río Ili, por razóns históricas, considérase como a zona meridional de Zungaria.

Clima editar

O territorio caracterízase polo seu clima continental e moi seco, razón pola cal se producen grandes amplitudes térmicas, tanto estacionais como durante os ciclos diúrnos e nocturnos. O seu relevo é o dunha gran conca endorreica rodeada por altas e esgrevias montañas con cumios nevados e abas cubertas por abetos (predomina a especie Picea sriemkiana), mentres que a maior parte do territorio é unha depresión que historicamente formou parte dun mar interior. Como restos de tal mar queda un extenso deserto de sal e lagos pouco profundos e moi salinos, como o Ulungur Hu, o Manas Hu e o Ebinur Hu. Deste modo, a parte baixa de Zungaria é case na súa totalidade un deserto frío coa presenza de zonas esteparias.

O grao de amplitude térmica é tal que, durante o inverno boreal, en xaneiro, as temperaturas adoitan descender a -40 °C nas zonas máis baixas e durante o verán –especialmente en xullo– as temperaturas poden alcanzar facilmente os 45 °C. Excepto nas montañas, as precipitacións son escasas, no rango dos 400 mm/ano.

Historia editar

A pesar do seu relevo e ao clima, a Zungaria desempeñou un papel dalgunha significación histórica. Os primeiros habitantes da rexión foron pobos de lingua indoeuropea, como os tocarios na prehistoria e os jushi (ou gushi) no primeiro milenio antes de Cristo.[3] Antes da era actual foi un dos principais asentamentos do pobo wusun (así chamado polos chineses), e tamén a sede dunha especie de reino escita. Os escitas (en grego antigo Σκύθης, Scýthēs, ou Σκύθοι, Scýthoi) era como se denomoniaban na Antigüidade aos membros dun grupo de pobos de orixe iranio caracterizados por unha cultura baseada no pastoreo nómade e a cría de cabalos de monta. Durante a Antigüidade clásica, os escitas dominaron a estepa póntica, a cal recibiu o nome de Escitia.[4] O seu idioma sería o antecesor do moderno oseto.

Durante o período que corresponde á Idade Media europea, a rexión foi ocupada consecutiva –e, moitas veces solapadamente– por diversos pobos nómades das estepas: os xiongnu, os hunos, os xianbei, os uigures, os tiele e göktürk, os heftalitas e os mongois de Xenxis Kan. Despoiso pasou a ser o centro dos mongois eleutas ou zúngaros, até que este pobo foi practicamente exterminado en 1757 polas tropas da dinastía manchú dos Qing. Tras esta época, a Zungaria foi zona de conflitos fronteirizos entre Rusia e a China.

Sendo xeográfica, histórica e etnicamente distinta a Zungaria propiamente dita da zona de fala túrquica da conca do Tarim, a dinastía Qing era ben consciente destas diferenzas entre a antiga zona mongol budista ao norte dos Tian Shan e os musulmáns de fala turca ao sur destes montes, e gobernounos en unidades administrativas separadas nun principio.[5] Con todo, os Qing e os gobernos chineses posteriores comezaron a pensar en ambas as áreas como parte dunha rexión distinta, e integráronas nunha soa provincia, Xinjiang.[6]

Na actualidada, como centro da industria pesada de Xinjiang —xerador da maior parte do PIB de Xiniiang e coa súa capital política Urumchi ("pasteiro fermoso", en mongol)— o norte de Xinjiang segue atraendo migración intraprovincial e interpCrovincial ás súas cidades. En comparación co sur de Xinjiang (Nanjiang, ou a conca do Tarim), Zungaria está relativamente ben integrada co resto da China por ferrocarril e mantén vínculos comerciais co resto do país.[7]

Gran parte da poboación contemporánea pertence á nacionalidade casaca, que habita as zonas rurais das estepas que rodean as zonas máis áridas do Junggar Pendi. A densidade de poboación é baixísima, vivindo nesta zona os sobreviventes dos mongois eleutas. Nas cidades predomina a poboación chinesa (da etnia han) –en gran parte recentemente inmigrada– e hui, seguida numericamente pola poboación uigur.

Cidades editar

As cidades principais de Zungaria son Ürümqi e Yining, encontrándose Turfán, na conca do Tarim, case inmediata a Zungaria.

Notas editar

  1. S. Frederick Starr (15 de marzo de 2004). Xinjiang: China's Muslim Borderland. M. E. Sharpe. pp. 30–. ISBN 978-0-7656-3192-3. 
  2. Marco Polo & Rustichello de Pisa (2014): The Travels of Marco Polo, Volume 1. New York: CreateSpace Independent Publishing. ISBN 978-1-4974-4142-2.
  3. Jan Romgard (novembro de 2008): "Ancient Human Settlements in Xinjiang and the Early Silk Road Trade". Sino-Platonic Papers, 185. Arquivado 06 de febreiro de 2012 en Wayback Machine.
  4. Scythian, member of a nomadic people originally of Iranian people who migrated from Central Asia to southern Russia in the 8th and 7th centuries BC The New Encyclopedia Britannica, 15ª ed.
  5. Liu & Faure 1996, p. 69.
  6. Liu & Faure 1996, p. 70.
  7. Stahle, Laura N. (agosto de 2009). "Ethnic Resistance and State Environmental Policy: Uyghurs and Mongols". University of southern California. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar