O Zodíaco, termo procedente do grego ζῳδιακός (zōidiakos, círculo de animais), trátase dunha banda circular de ceo por onde, aparentemente, transitan o Sol e os planetas. En realidade é a proxección do noso plano orbital arredor do Sol (na astronomía xeocéntrica era visto á inversa) no fondo de estrelas "fixas"; o nome máis antigo que se coñece desa banda é o de Camiño do Sol e da Lúa. O progresivo avance da astronomía foi fixando eses camiños nunha liña dentro desa banda, que hoxe coñecemos como eclíptica, ou liña de eclipses, que é onde se "cruza" o camiño do Sol e da Lúa.

Padrón da precesión do equinoccio de primavera ao longo da eclíptica durante os últimos 6000 anos

Traxectoria editar

Os nomes máis antigos do zodíaco existían xa hai uns 4000 anos -eran 18 constelacións-, e coñecémolos pola súa representación nos Kudurrus mesopotámicos. Durante o século V a.C., esta rexión da esfera celeste (naquelas datas era considerada como unha bóveda) foi dividida en 12 partes iguais (unha constelación por cada mes do ano) en fraccións de 30 graos cada unha, as cales lles deron o nome da constelación máis próxima (grupos que existían antes da invención do Zodíaco propiamente dito). Estas constelacións tiñan un nome mesopotámico, grego, e despois latino que derivou nos momes actuais. De xeito tradicional a constelación onde comeza a lista é a de Aries, o carneiro, que comeza os seus días o 21 de marzo, o primeiro día do ano de moitos dos calendarios antigos.

O zodíaco serve para determinar os tránsitos do Sol e da Lúa ao longo do ano; era un reloxo-calendario celestial (os calendarios simulan a translación terrestre arredor do Sol; os reloxos simulan a rotación terrestre, dividen unha rotación en vinte e catro horas). Os antigos falaban de que estaba o Sol en Aries, para indicar en que mes se atopaban no calendario solar. Nos lunares indicaban a posición da Lúa, e nos lunisolares, indicábase coa situación do Sol e da Lúa en cada signo. En termos técnicos era un elaborado sistema de coordenadas celestiais, co cal se podían calcular os anos e meses lunares, solares, as eclipses e os ciclos de saros, con múltiples usos: navegación marítima (diúrna e nocturna), orientación terrestre (diúrna e nocturna), ciclos agrícolas (de sementeira e colleita), ciclos reprodutivos do gando. Os anos solares zodiacais teñen 1 día por grao celeste e, polo tanto, o ano solar tiña 360 días; para axustar isto, as relixións antigas facían uso de varias tradicións ata completar os 365 días, ou ben, axustaban o calendario cos ciclos lunares cada 18 anos e medio (existen variacións destes dous patróns básicos).

Hai que sinalar que modernamente se engadiu a esa lista de 12 constelacións unha décimo terceira:[1] Ophiuchus, o serpentario. Actualmente, e "astronomicamente" (dun xeito popular e non técnico) falando, o Sol transita polos seus límites, segundo a UAI, do 30 de novembro ao 17 de decembro. As divisións (constelacións e signos) son as seguintes:

Glifo Constelación Nome galego[2] Símbolo Comezo Final Elemento Nº mes
  Aries Aries, Ariete[3] ou Carneiro carneiro 21 de marzo 20 de abril Fogo 03
  Taurus Tauro ou Touro touro 21 de abril 20 de maio Terra 04
  Xémini Xémini ou Xemelgos xemelgos 21 de maio 21 de xuño Ar 05
  Cáncer Cáncer, Cangrexo ou Caranguexo cangrexo 22 de xuño 22 de xullo Auga 06
  Leo León león 23 de xullo 22 de agosto Fogo 07
  Virgo Virgo ou Virxe virxe 23 de agosto 22 de setembro Terra 08
  Libra Libra ou Balanza balanza 23 de setembro 22 de outubro Ar 09
  Scorpius Escorpión escorpión 23 de outubro 21 de novembro Auga 10
  Saxitario Saxitario arqueiro 22 de novembro 21 de decembro Fogo 11
  Capricornus Capricornio cabra 22 de decembro 20 de xaneiro Terra 12
  Acuario Augadeiro, ou Acuario augadeiro 21 de xaneiro 19 de febreiro Ar 01
  Pisces Pisces ou Peixes peixes 20 de febreiro 20 de marzo Auga 02

Uso astrolóxico editar

Disque unha persoa pertence a un signo do zodíaco porque o día no que nace está comprendido nun intervalo determinado polo tránsito do sol por un tramo determinado do zodíaco.

Cómpre lembrar que unha cousa son as constelacións (concepto astronómico) e outra o signo zodiacal (concepto astrolóxico).

As constelacións zodiacais son consideradas as máis antigas, tendo unha importancia evidente na astroloxía (disciplina que antigamente se confundía coa astronomía).

Notas editar

  1. "Un zodiaco al gusto de todos". Faro de Vigo (en castelán). 18 de xaneiro de 2011. Consultado o 11 de outubro de 2015. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 01 de xaneiro de 2008. Consultado o 20 de abril de 2009.  Arquivado 01 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Ariete.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar