Xurelo

Peixe mariño
Xurelo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Perciformes
Familia: Carangidae
Xénero: Trachurus
Especie: T. trachurus
Nome binomial
'Trachurus trachurus'
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia[1]
  • Scomber trachurus Linnaeus, 1758
  • Caranx trachurus (Linnaeus, 1758)
  • Trachurus vulgaris Fleming, 1828
  • Trachurus europaeus Gronow, 1854
  • Trachurus capensis (non Castelnau, 1861)
  • Trachurus trachurus capensis (non Castelnau, 1861)
  • Branchialepes tabulae (non Barnard, 1927)
  • Selar tabulae (non Barnard, 1927)

O xurelo ou chicharro (tamén xixí ou chincho cando son xuvenís) é un peixe mariño, de nome científico Trachurus trachurus (Linné, 1758), pertencente á familia dos Carangidae.

Distribución xeográfica editar

O xurelo vive no océano Atlántico, desde o mar do Norte até Suráfrica, penetrando no Índico até a altura de Maputo. Así mesmo ocupa todo o mar Mediterráneo.

Hábitat editar

 
Xurelos

Por profundidades, os individuos máis novos ocupan zonas de ata uns 20 m de fondo, mentres que os adultos de maior idade móvense entre 225 e 300 m. Excepcionalmente poden achegarse até os 1 000 m de profundidade.

Reúnese en grandes bandos nas augas costeiras superficiais durante a época estival, e nos fondos da plataforma continental en inverno. Os individuso novos agrúpanse baixo a umbrela de grandes medusas (sobre todo da especie Rhizostoma pulmo), na que achan protección e sen perigo, pois son inmunes ao veleno dos nematocistes, comportamento que se observa noutros Carangidae.

Descrición editar

É un peixe fusiforme e algo comprimido, que cando adulto adoita alcanzar un talle medio de 20 a 30 cm aproximadamente. O tamaño máximo pode chegar até 70 cm e 2 kg de peso[2]. A cor do dorso é negro azulado ou verdoso, con flancos prateados e ventre abrancazado. Ten unha mancha negra na marxe superior do opérculo. As aletas son grises e vermellizas.

Está cuberto de pequenas escamas lisas. Na liña lateral, de cor verdosa e irisacións vermellas, presenta unha serie de escudetes, nunha cantidade de entre 66 e 76. A boca é grosa e oblicua, con queixo inferior prominente, e dentes pequenos nunha soa fileira. O primeiro arco branquial posúe de 15 a 18 branquiespiñas superiores e de 41 a 48 inferiores. Ten dúas aletas dorsais, a primeira formada por espiñas, a segunda cunha espiña e de resto raios. A aleta anal é relativamente curta, con tres espiñas, dúas delas pouco visíbeis, e o resto son raios. Os pectorais son falciformes e a aleta caudal en forcada.

Reprodución e fases de vida editar

A época de reprodución pode variar segundo as zonas: é de xaneiro a febreiro nas latitudes altas e entre novembro e decembro na zona do Atlántico Centro-Leste. A femia pon até 140 000 ovos de cada[2], pero a fecundidade absoluta varía segundo temperaturas: a óptima para os xurelos é de 18 °C a 21 °C, polo que pode efectuar postas que varían entre 22 e 345 millóns de ovas. As postas son peláxicas e as ovas miden entre 0,9 e 1,1 mm.[3].

As crías ao cabo dun ano miden sobre 12 cm. O tamaño medio alcánzase con maior rapidez arredor dos trópicos, onde veñen a alcanzalo ó cabo de 2 e 3 anos, en tanto que no Grand Sol tardan entre 4 e 5 anos[4].

Alimentación editar

Aliméntase de invertebrados (crustáceos, cefalópodos), doutros peixes e de fitoplancto.

Nomes galegos editar

Xurelo e chicharro son os nomes habituais galegos desta especie. En termos de repartición xeográfica, pódese dicir que o primeiro é máis propio da costa sur, das grandes rías, entanto chicharro é usual nas Rías Altas e costa de Lugo. Pola contra a variante xurela para indicar o individuo de gran tamaño é propia da zona entre Muxía e a ría de Ortigueira; nas rías meridionais adoita denominarse moscón. A designación de chincho para o xurelo pequeno é propia das Rías Baixas, mentres na Costa da Morte o sinónimo é xixí. De resto poden usarse os diminutivos xureliño e chicharriño[5].

Étimos editar

Chicharro presenta un étimo pouco claro. É posíbel que veña do bretón chinchard e desde aí polas linguas do litoral atlántico e cantábrico (francés, gascón, vasco) pasou ao galego e outros idiomas. Chincho sería unha formación regresiva de chicharro. Xurelo é remisíbel ao latín vulgar *sorellus, diminutivo de saurus, e este do grego saûros "lagarto e xurelo". Fronte á anterior, esta variante é claramente mediterránea, como pode observarse no apartado seguinte[6].

Nomes noutras linguas editar

  • Portugués: carapau (e garapau), chicharro, sorêlo.
  • Castelán: jurel, chicharro, escribano.
  • Catalán: sorell.
  • Vasco: txitxarro.
  • Bretón: chinchard, craennik.
  • Francés: chinchard, caringue e carangue, saurel, maquerelle, maquereau bâtard.
  • Gascón: chichàrrou.
  • Italiano: lacierti, sauro, sorello, sciuro.
  • Inglés: horse mackerel, scad, pollock.
  • Holandés: horsmakreel
  • Alemán: Stöcker, Bastardmakrele.
  • Serbo-croata: sarun.

Notas editar

  1. Froese, Rainer; Pauly, Daniel, eds. (March de 2006). "Trachurus trachurus". FishBase (en inglés). 
  2. 2,0 2,1 FishBase:Trachurus trachurus
  3. Cfr. S.M. Overko e N.J. Mylnikov, Biologie e pêche du chinchard (Trachurus trachurus L.) de l'Atlentique Centre-Est. Hai discrepancia a respecto do tamaño, pois FishBase dá desde 0,5 mm.
  4. Overko e Mylnikov, ibídem.
  5. Cfr. Ríos Panisse, M.C., Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. Santiago. Universidad de Santiago de Compostela. 1977, páxs. 358-363.
  6. Cfr. as apostilas de Antón Santamarina in Ríos Panisse, M.C., ibídem.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

Outros artigos editar