Xoán Primicerius

emperador romano entre 423 e 425

Xoán ou Ioannes Primicerius, finado en Aquilea no 425, foi un emperador romano usurpador. Ocupou o trono do Imperio Romano de Occidente entre o 423 e o 425, recoñecido polo senado de Roma, pero non polo Imperio Romano de Oriente.

Infotaula de personaXoán Primicerius

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementoséculo IV Editar o valor em Wikidata
Aquileia (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Mortemaio de 425 Editar o valor em Wikidata
Aquileia (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Causa da morteDecapitación Editar o valor em Wikidata
Senador romano
Cónsul romano
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeRoma Antiga Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata
Período de tempoLow Roman Empire (en) Traducir e Antigüidade tardía Editar o valor em Wikidata
Período de actividade(Con vida en: 409 Editar o valor em Wikidata)

Traxectoria editar

Morte de Honorio e ascenso de Xoán editar

Cando Honorio morre en Rávena de hidropisía o 15 de agosto de 423 as relacións entre as dúas partes do imperio atópanse nun momento delicado. Tan pronto como a corte oriental se decata da morte de Honorio, forzas orientais ocupan Salona, na Dalmatia, prefectura de Italia. Este feito, unido á anterior negativa oriental a recoñer ao falecido Constancio III oficialmente coma augustus, reforzaría as sospeitas occidentais de que a corte oriental pretendía dende tempo atrás que Teodosio II sexa o único soberano para todo o orbe romano.

Unha sucesión continuadora dentro da Casa de Teodosio tería sido o fillo de Constancio e Gala Placidia, irmá de Honorio, Flavio Plácido Valentiniano (Valentiniano III), que só tiña seis anos de idade. Non obstante, as relacións entre os irmáns non foran doadas logo da morte de Constancio e chegaran a un punto en que tiveran que fuxir en 422 e refuxiarse en Constantinopla, sendo desterrados.

Polo tanto, os oficiais occidentais, co magister militum Castino á cabeza e a figura de Aecio, que comezaba a despuntar, propoñen ao primicerius notariorum (o funcionario civil de máis alto rango) Xoán para ostentar a púrpura, pretendendo adiantarse ás intencións orientais.

De Xoán existen poucos datos previos, salvo catro moi importantes: era pagán, quizais fora a mesma persoa que en 408 recibira o encargo de negociar con Alarico para tentar evitar o saqueo de Roma, foi magister officiorum baixo o usurpador Prisco Atalo en 409; en 412-413 foi prefecto do pretorio de Italia.

Nesta elección seguramente tería grande influencia o coñecemento persoal que por razón do seu cargo Xoán debía ter do aparato administrativo estatal; seguramente tiña participado activamente na última revisión da Notitia Dignitatum para a pars occidentis que se sitúa en torno a esta data.

A burocracia civil, aínda que é dubidoso que contara con influencia abondo para impor un candidato propio, ve recoñecida a súa importancia e intereses, máis inda tendo en conta que deixar baleiro o trono occidental deixaría sen sentido a súa existencia coma ente autónomo xa que as decisións e burocracia correrían a cargo unicamente das autoridades civís e militares de oriente.

A Chronica de Próspero de Tiro explica así a situación: “Honorius moritur et imperium eius Iohannes occupat conivente, ut putabatur, Castino, qui exercitui magister militum praeerat.” É dicir, Castino non aparece como a forza decisoria, senón que simplemente deixaría facer e aceptaría feitos consumados.

O 23 de novembro de 423 o senado de Roma declara a Xoán oficialmente augustus da pars occidentis tomando coma escusa a necesidade de que un novo emperador determinase medidas efectivas contra o bloqueo ao abastecemento de trigo africano e outros bens necesarios para a cidade e Italia por parte de Bonifacio, que así pretendía debilitar a influencia de Castino, sucesor de Constancio á fronte dos exércitos occidentais. En decembro, Xoán asume a púrpura e trasládase a Rávena.

As dificultades de goberno editar

Procopio [1] loa a súa humildade, intelixencia e capacidades persoais. Ao contrario dos membros da Casa de Teodosio pretendía promover unha política de tolerancia relixiosa. Pero a situación que herdaba era moi conflitiva e, malia contar co apoio de Castino, nomeado cónsul para ese ano, outras zonas en occidente rexeitan a súa autoridade, nun proceso de secesión e disgregación que xa tivera momento álxidos durante o goberno de Honorio. En Arelate (Arlés) Exuperantius, o prefecto do pretorio da Gallia, resulta linchado polas súas tropas, en desacordo coas lealdades do seu comandante. En Cartago, Bonifacio mantén a súa rebeldía ante as decisións de Rávena, feito que obriga a enviar tropas contra el.

En 424 Xoán envía embaixadores a Constantinopla para oficializar a posición occidental pero son mal recibidos, sendo encarcerados algúns e outros desterrados a diversas zonas da Propontis.

Ao mesmo tempo envía a Aecio, figura ascendente, en calidade de cura palatii a negociar cos hunos axuda como auxiliares militares, entre os que vivira coma refén e cos que mantiña contactos, un eventual apoio para Xoán.

Caída e morte editar

Mentres tanto, Teodosio II, e Pulqueria, semellan abandonar os seus presumibles desexos de ser o único augustus e é agora cando recoñece tal título postumamente a Constancio III e tamén a Gala Placidia; concede o título de César ao fillo de ambos, Valentiniano III, aínda un neno e envíaos de Tesalónica cara Salona cun forte continxente militar ao mando de Ardaburio e o seu fillo Flavio Ardabur Aspar. Na comitiva tamén estaba Candidiano, que presumiblemente acompañara a Gala Placidia e Valentiniano na súa fuxida previa cara Constantinopla.

Dende Salona as forzas imperiais divídense: un continxente embarca a infantaría nunha frota con Ardaburio á cabeza e Aspar manda a cabalaría por terra percorrendo a ruta de Sirmium e atravesando os Alpes Xulianos chegan ao Adriático, onde se fan coa importante cidade de Aquileia e esperan acontecementos.

Mentres tanto, a frota de Ardabur é presa das tormentas e desmembrada. Este, contando con só dúas trirremes, é capturado e conducido a Rávena. Con isto a posición de Xoán, aínda sen ter chegado os reforzos hunos, parece en vías de consolidarse, pero non se decide a asestar o golpe definitivo ás forzas orientais en Aquileia e decide esperar a chegada de Aecio. Mentres tanto, Ardabur consegue dende a prisión adhesións dalgúns elementos militares occidentais, que xunto coa presión combinada dende o exterior de Aspar, conseguen derrotar a Xoán e capturar Rávena.

Ao parecer un pastor orientara a Aspar a través do labirinto de marismas que protexía Rávena. Algúns parece que interpretaron que o pastor era realmente un anxo enviado por Deus.

Xoán, derrotado, é conducido a Aquileia, onde no verán de 425 (xuño ou xullo) Gala Placidia ordena a súa execución, chea de simbolismos. Ao parecer foi conducido ao hipódromo da cidade, repleto de xente, logo de amputarlle a man dereita, e a cabalo dun burro, con vestimentas femininas, foi exposto aos insultos e aldraxes da multitude para ser finalmente decapitado.

Tres días máis tarde chegaría ás inmediacións de Aquileia, Aecio á fronte do continxente huno de 6.000 (ou 60.000 segundo outros) que debía reforzar a situación de Xoán. Probablemente se produciron choques entre os dous continxentes que non inclinaron a balanza cara ningunha das dúas partes, co cal Galla Placidia optou por pactar a reconciliación con Aecio e pagou para que o continxente huno se retirara aos seus asentamentos sen producir máis derramamento de sangue e mingua nas forzas militares oficiais. Castino, debido ao seu apoio a Xoán, foi defenestrado e exiliado, pero curiosamente non foi axustizado, síntoma da fortaleza dos seus apoios e do precario xogo de equilibrios políticos.

Valoración histórica e consecuencias do período editar

As fontes clásicas que sobreviven sobre o período, maioritariamente oficialistas, e por tanto partidarias da Casa de Teodosio, verten sobre Xoán todo tipo de xuízos negativos, pero seguramente foi un intento máis de deter e reverter a dinámica negativa na que se atopaba a pars occidentis, e que desembocaría na súa disolución a finais do século V e principios do VI.

O reinado de Xoán, coma antes os de Euxenio e Prisco Atalo representarían os primeiros casos dunha longa nómina de emperadores marionetas que caracterizaron o final do Imperio de Occidente.

Este período tamén anticipa a loita polo poder que sosterán durante longo tempo Aecio e Bonifacio, e que implicará a todas as dioceses da pars occidentis, debilitando os seus recursos inda máis.

Dificulta bastante o coñecemento máis detallado deste período que tanto o reinado, ou usurpación, segundo cal sexa a fonte, coma os seus protagonistas principais, Castino e Xoán, teñen pouco reflexo nas fontes escritas.

Notas editar

  1. Bellum Vandalicum, I 3, 6–7

Véxase tamén editar

Bibliografía. editar

  • Bury, JB. History of the Later Roman Empire from Arcadius to Irene (vol. 1); pp. 156–9.
  • Halsall, Guy. Barbarian Migrations and the Roman West: 375-568 Cambridge University Press, 2007; pp. 236–237.
  • Philostorgius, Philip R. Amidon (tradutor e editor). Church History Atlanta: Society of Biblical Literature, 2007; p. 162.
  • Seibel, Sandra. Typologische Untersuchungen zu den Usurpationen der Spätantike, Essen: Universität Duisburg-Essen, 2004; pp. 112–116.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

Imperio Romano

Segue a:
Flavio Honorio
Xoán Primicerius
Precede a:
Valentiniano III
Imperio Romano de Occidente