Ximnasia estética

A ximnasia estética de grupo é un tipo de ximnasia que se deu a coñecer no século XX. É unha disciplina apoiada en movementos estilizados e naturais de todo o corpo, ao ritmo dunha música.

Práctica de ximnasia estética en Ourense.

No ano 1996 a ximnasia estética foi recoñecida internacionalmente como un deporte de competición de maneira oficial. En 2003 creouse en Helsinqui (Finlandia), a Federación Internacional de Ximnasia Estética de Grupo, que se encarga de aprobar e autorizar os cambios necesarios das normas e código deste deporte.

Historia editar

Dentro dos comezos desta ximnasia atopamos países europeos como Finlandia e Estonia, os cales levan participando en competicións desde a década dos 50.

Pódese datar con 100 anos de antigüidade, ao comezo chamábase “Women’s Group Gymnastics”, o que quere dicir Ximnasia para Grupos de Mulleres, pero en 1996, despois de ser recoñecido como deporte de competición a nivel internacional pasou a acadar o nome de “Aesthetic Group Gymnastics”, que significa, Ximnasia Estética de Grupo. Nese ano realizouse tamén a primeira competición oficial en Helsinqui (Finlandia) e en xuño do 2000 tivo lugar o primeiro campionato do mundo da modalidade, na mesma cidade.

A participación nos mundiais comezou con 10 equipos, pero este número foi aumentando co paso do tempo, e moitos países europeos uníronse a el.[1]

Normativa editar

Categorías editar

  • Categoría benxamín: 8,9 e 10 anos.
  • Categoría alevín: 10, 11 e 12 anos.
  • Categoría infantil: 12, 13 e 14 anos.
  • Categoría xúnior: 14, 15 e 16 anos.
  • Categoría sénior:de 16 anos en adiante.

Duración editar

O tempo que pode durar estará entre 2 minutos e 2 minutos e 45 segundos, dependendo da idade dos e das ximnastas.

Número de ximnastas por equipo editar

Os equipos máis pequenos terán de 6 a 14 ximnastas, mentres que os maiores de 6 a 12, inscritas, por outra banda, unicamente poderán mostrar o exercicio de competición un máximo de 10 ximnastas nas categorías de maior idade.

Elementos característicos editar

Os exercicios de competición deberán ir acorde coa música e tratar de narrar unha historia co propio corpo das e dos ximnastas. Compóñense de elementos corporais que se deben incluír: equilibrios, saltos, xiros, e pasos rítmicos. Todos estes elementos deben estar ligados de forma fluída e unidos a outro tipo de movementos máis ondulantes que son: ondas, swings, aliñacións e torsións.

Hai que ter en conta que todos os elementos que se realicen deberán ser, a metade coa perna ou brazo esquerdos e a outra metade co dereito, para evitar así grandes descompensacións.[2]

Notas editar

  1. Conesa, E.; Martínez Gallego, F. Mª. (2015-11-16). "La gimnasia estética de grupo, un nuevo modelo de competición". SPORT TK-Revista EuroAmericana de Ciencias del Deporte 4 (2): 41. ISSN 2340-8812. doi:10.6018/242931. 
  2. "AEGEG". www.aegeg.com. Consultado o 2019-05-14.