Medicina xeriátrica ou xeriatría é o ramo da medicina que enfoca o estudo, a prevención e o tratamento de enfermidades e discapacidades en idades avanzadas. No debe confundirse coa xerontoloxia, que é o estudo do envellecemento en si.

Xeriátrico de Lalín.

Os xeriatras son médicos especializados no coidado do ancián e a súa formación varía dun país a outro. Xeralmente reciben unha formación xeral (medicina interna, medicina de familia etc.) e a continuación son formados nos aspectos específicos da saúde do ancián. En xeral os xeriatras pasan un exame de cualificación para a especialización para obter un título ou certificado de especialista.

O envellecemento editar

O envellecemento pode ser explicado por dous conceptos distintos:

  1. Concepto simplista: é o proceso polo cal o mozo se transforma en ancián.
  2. Concepto biolóxico: son fenómenos que levan á redución da capacidade de adaptación por sobrecargas funcionais.

Co envellecemento sobrevén a homeostenose -declive estimado nalgunhas funcións- e hai unha maior vulnerabilidade a enfermidades como infeccións, enfermidades cardiovasculares ou neoplasias malignas, entre outras.

Segundo a cronoloxía, en países en desenvolvemento o ancián é o individuo que ten 60 anos de idade ou máis, e en países desenvolvidos o que ten 65 anos ou máis. Os individuos considerados moi anciáns son os que teñen 80/85 anos de idade ou máis. Con todo, coa intención de permitir comparacións máis directas entre países, a Organización Mundial da Saúde ten normalizado a idade de 65 anos para persoas procedentes tanto de países desenvolvidos como de países en desenvolvemento.

A capacidade funcional permanente vai diminuíndo na terceira idade. É importante manter a independencia e previr a incapacidade, polo que cómpre rehabilitar e garantir a calidade de vida. O proceso natural de envellecemento asociado ás enfermidades crónicas é o responsable da limitación do ancián.

Nesta fase da vida é importante centrarse sempre na prevención, pois non sempre o individuo pode manifestar síntomas de enfermidade. Ata o ancián aparentemente san require coidados, pois as manifestacións de enfermidades nos anciáns son atípicas e sub-clínicas, os síntomas son inespecíficos e xeralmente non relatados, o inicio é insidioso e é moi fácil "perder" un diagnóstico. Os principais sucesos no ancián son a inmobilidade, a insuficiencia cognitiva, a iatroxenia, a inestabilidade e as caídas, incontinencia, delirio, demencia e depresión.

Obxectivos da Xeriatría editar

  • Mantemento da saúde en idades avanzadas
  • Mantemento da función
  • Prevención de enfermidades
  • Detección e tratamento precoz
  • Máximo grao de independencia
  • Coidado e apoio durante enfermidades terminais
  • Tratamentos seguros

Prevención de enfermidades nos anciáns editar

A planificación para a prevención de enfermidades nos anciáns consiste en:

  • Arranxar os hábitos que levan a unha alimentación desequilibrada, a inactividade física, o tabaquismo, a obesidade e o abuso de fármacos)
  • Diagnose e tratamento de enfermidades
  • Utilizar medicamentos racionalmente
  • Equilibrar os ambientes emocionais
  • Ampliar a rede de soporte social
  • Non deixar que o ancián cree falsas expectativas de mellora
  • Estimular a práctica de actividade física aeróbica, para o aumento de resistencia, forza e flexibilidade, así como unir os beneficios físicos aos sociais
  • Adecuar o ámbito doméstico, diminuíndo así o risco de accidentes e as súas consecuencias
  • Educar os coidadores dos enfermos dependentes
  • Estar atento aos signos de malos tratos e informar deles

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar