Xerión

Ser mitolóxico

Xerión (ou Xeriones) (do grego antigo Γηρυών), na mitoloxía greco-romana, é o nome dun dos xigantes, fillo de Crisaor e de Calírroe, dotado de tres cabezas; era irmán de Equidna, monstro metade muller metade serpe, que xerou o can Ortro, que velaba polo gando de Xerión.[1] O seu mito está ligado ao de Hércules, a quen coube, nun dos seus traballos, roubarlle os bois.[2]

Hércules loitando con Xerión, ánfora c. 540 a. C., museo do Louvre.

Xerión moraba en Eritía (a "vermella"), unha das míticas illas das Hespérides, situada no extremo occidental do mar Mediterráneo. Trátase probabelmente da Península Ibérica, próximo a Cádiz[3].

Orixe do nome editar

O nome Xerión deriva do verbo grego γηρύειν (guerýein), que significa gritar, facer resoar, posibelmente porque era un pastor ou porque talvez fose orixinalmente o nome do can que coidaba do rabaño.[2]

Características editar

Xerión tiña tres cabezas e tres torsos.[2] Era un ser cruel[4] cuxa deformidade ía até os cadrís.[5] Segundo Xoán R. Cuba, Xerión era o gardián das portas do inferno, nunha cidade que posuía no mar Ártabro, onde estaba a entrada ó outro mundo. Tiña un can, Ortro, de sete cabezas, que vixiaba a entrada.

Hércules e os bois de Xerión editar

O seu cobizado rabaño de bovinos vermellos era gardado polo pastor Euritión e polo can Ortro, preto do lugar no que pacía tamén o rabaño de Hades (Plutón), coidado por Menetes.[5] Logo de que Euristeo mandase a Heracles roubar o rabaño de Xerión, este chega a Eritía após varias aventuras (entre as cales salienta a abertura do estreito de Xibraltar), mata a Ortro coa súa clava e despois derrota a Euritión. Avisado por Menetes, Xerión traba co heroe un combate ás marxes do río Ántemo, onde finalmente tamén morre. Heracles entón segue a súa xornada de volta a Grecia, enfrontando varios desafíos.[5]

Xerioneida, a morte de Xerión editar

Dedicou a Xerión o poeta Estesícoro (nacido na Magna Grecia) os versos da súa obra Xerioneida, da cal restaron innumerábeis fragmentos, alén dun resumo na obra Biblioteca, de Pseudo-Apolodoro.[6] Neste poema Estesícoro de certa forma procede a unha humanización do monstro Xerión, tomando de Homero a imaxe da morte dunha das súas cabezas co caer dun pétalo, quedando entre tanto as demais; tamén recorre á imaxe da súa nai Calírroe a lamentar a súa morte, tal como Hécuba fixera na Ilíada.[6]

Revisión do mito por Diodoro Sículo editar

Diodoro Sículo racionalizou o mito de Xerión; non sería un fillo de Crisaor, senón tres fillos, irmáns, que loitaban lado a lado, e tiñan, cada un, un grande exército. A construción do xigante con tres corpos polos escritores dos mitos foi semellante á invención dos centauros, que eran, en realidade, cabaleiros.

Revisión do mito na cultura ibérica medieval editar

 
Escudo da Coruña, coa caveira de Xerión ó pé da Torre

O mito de Xerión garda fortes raíces coa formación nacional de España e Portugal, xa que era un habitante daquelas terras, polo que foi protagonista dalgunhas obras revisionistas ao longo do tempo.[7] Produciron obras neste sentido autores medievais, coma o Bispo de Xirona e Joan Margarit (1422-1484), en cuxa obra se procura lexitimar a resistencia de Xerión ao invasor grego, e incluso Rodrigo Ximénez de Rada, arcebispo de Toledo, entre outros.[7]

Unha lenda galega conta que Hércules chegou en barco ás costas de Brigantium, onde actualmente se sitúa A Coruña, para combater co rei Xerión, un tirano que obrigaba os seus súbditos a entregaren a metade dos seus bens, incluíndo os fillos. Hércules derrotou o rei, enterrouno, e levantou, á guisa de túmulo, a Torre de Hércules, que existe aínda hoxe. Esta lenda está representada no escudo da Coruña.

En Portugal, o freire Bernardo de Brito trata o monstro coma un invasor, que procurou establecer na Lusitania unha colonia hispánica. Sería, así, unha figura real, histórica: "Reynou Gerião em Espanha, depois da morte de Beto vltimo Rey dos naturaes, & descendẽtes de Tubal, trinta & quatro annos, & sua morte succedeo, aos quinhentos & quarenta & cinco do dilluio, no qual tempo se acabou a idade dourada nestas partes, & começarão os homens a cometter insultos, & latrocinios, seguindo o exemplo do Rey que os gouernara: que hum Senhor desalmado basta pera contaminar hum Reyno todo.".[7]

Cultura moderna editar

A colonia británica de Xibraltar lanzou unha moeda de 2 Libras de Xibraltar coa efixie da raíña Isabel II nunha face, e na outra unha imaxe de Hércules ao derrotar a Xerión.[8]

Notas editar

  1. Brandão, Junito de Souza (1986). Mitologia Grega I. Vozes. p. 155. 
  2. 2,0 2,1 2,2 BRANDÃO, op. cit., páxs. 241-242.
  3. Grimal, Pierre, Dicionário da Mitologia Grega e Romana, Rio de Janeiro: Ed. Bertrand Brasil, p.183-184.
  4. BRANDÃO, op. cit., páx. 159.
  5. 5,0 5,1 5,2 Brandão, Junito de Souza (1986). Mitologia Grega III. Vozes. pp. 108–112. 
  6. 6,0 6,1 Roosevelt Rocha. "Estesícoro entre Épica e Drama". PhaoS - 2009 (9) - pp. 65-79. Consultado o setembro de 2011. 
  7. 7,0 7,1 7,2 José Sílvio Moreira Fernandes. "Estrutura e função do mito de Hércules na Monarquia Lusitana de Bernardo de Brito". Ágora. Estudos Clássicos em Debate 9 (2007) 119-150 — ISSN: 0874-5498. Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2014. Consultado o setembro de 2011. 
  8. Numista. "Imagem da peça". Arquivado dende o orixinal o 04 de setembro de 2014. Consultado o setembro de 2011. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar