Os xeotéxtiles son unhas teas empregadas en obras de enxeñaría, especialmente cando se trata de construcións onde interveñen diferentes tipos de solos, cumprindo diversas funcións.

Xeotéxtil baixo un enrochado.

Funcións editar

  • Separar estratos diferentes, evitando a mestura indesexada dos materiais, por exemplo delimitando unha capa de drenaxe de area grosa do resto dun terraplén construído en arxila, evitando así que os fluxos internos de auga arrastren o material fino e chegue a colmatarse a capa drenante.
  • Evitar a mestura indesexada de solos con características diversas, por exemplo evitando a mestura do material dun terraplén ou dique co material orixinal que se encontra debaixo.

Fabrícanse gran cantidade de xeotéxtiles con moi variadas características:

  • Algúns xeotéxtiles teñen un espesor dalgúns cm, e unha estrutura permeable. Estes empréganse en drenes.
  • Outros xeotéxtiles son impermeables, estes poden ser utilizados para impermeabilizar canles ou presas, xa sexa recubríndoos cunha capa de terra ou utilizándoos para aumentar a impermeabilidade de revestimentos de cemento.
  • Algúns xeotéxtiles son resistentes á tracción, estes poden ser utilizados para aumentar a resistencia do solo fronte a deslizamentos, puidéndose formar taludes estruturados con xeotéxtiles.

Conceptos editar

  • Tecidos: As fibras oriéntanse en dúas direccións (trama e urda).
  • Non tecidos: As fibras que conforman o xeotéxtil están dispostas ó chou.
  • Filamentos continuos: Os filamentos do xeotéxtil non tecido que conforman o produto final son infinitos.
  • Fibras cortadas: Os filamentos do xeotéxtil que compoñen o produto final posúen lonxitudes determinadas.
  • Agullados, punzonados ou aburatados: Os filamentos do xeotéxtil non tecido únense mediante unión mecánica a través de agullas dispostas na parte inferior e superior da napa de filamentos e que entran e saen a gran velocidade da napa cohesionando e entrelazando os filamentos.
  • Termosoldados: Os filamentos están unidos mediante calor a través dun proceso de termofusión.

Xeotéxtiles segundo a súa forma de fabricación editar

Tecidos: A malla está tecida con fibras en dúas direccións.

  • Tecidos planos.
  • Tricotados.

Non Tecidos: Fibras entrelazadas en forma aleatoria ligadas mediante procesos mecánicos, térmicos ou químicos con filamento continuo.

  • Agullados.
  • Termosoldados.

Mixtos: A malla componse de fibras cortadas.

  • Agullados.
  • Agullados e termoselados.

Tipos editar

Os xeotéxtiles agullados de fibra cortada non sometidos ao proceso de termofusión son materiais cunha mínima resistencia mecánica, xa que ao non haber unión entre os seus elementos e non estar ligados entre si, poden ser perforados con facilidade ante a aplicación dunha forza perpendicular porque ábrense as súas fibras sen ofreceren resistencia, ao mesmo tempo os esforzos de tracción sepáraas desenlazándoas.

Os xeotéxtiles só termosoldados non teñen espesor, a súa elongación é menor que os agullados.

Os xeotéxtiles agullados de filamento continuo, ou agullados e termosoldados, posúen alta resistencia mecánica para evitar a rotura, tamén posúen espesores adecuados para cumpriren coa súa función de drenaxe e función de protección das xeomembranas e funciona con efecto colchón.

Propiedades editar

O xeotéxtil é unha malla composta por fibras sintéticas cuxas funcións principais baséanse na súa resistencia mecánica á perforación e tracción, e á súa capacidade drenante.

Serven na construción de sub-bases de estradas e ferrocarrís, en presas, evitan posibles erosións, realizan funcións de drenaxe en canles, muros de contención etc.

Os xeotéxtiles serven para separar terras de diferente granulometría estabilizando o terreo, para protección de láminas impermeabilizantes.

Separación editar

A separación impide o contacto entre dúas superficies de distintas propiedades físicas, o cal evita a súa mestura e contaminación, aínda que permite o fluxo libre de líquidos filtrándoos a través do xeotéxtil, pode ser entre dúas capas diferentes: p. ex. de solo achegado ou entre solo natural e de achega. Para evitar a mestura de materiais debe soportar as cargas estáticas e dinámicas do material de achega e do tráfico durante a súa colocación, así como tamén a retención de finos.

O polipropileno mantén ao téxtil estable ante a alcalinidade do cemento e inerte fronte aos diversos elementos químicos presentes no terreo.

Nos xeotéxtiles para separación deben terse en conta os seguintes aspectos:

  • Resistencia á tracción.
  • Resistencia ao punzonamento.
  • Elongación á rotura.
  • Perforación dinámica por caída libre de cono.
  • Abertura de poros eficaz.
  • Espesor do xeotéxtil.

Filtración editar

A filtración é a propiedade de retención dun material de certas partículas sometidas a forzas hidrodinámicas, á vez que permite o traspaso de fluídos. A función de filtro debe garantir a súa estabilidade hidráulica.

Nesta función de filtración deben terse en conta os seguintes parámetros:

  • Permeabilidade.
  • Abertura eficaz dos poros.
  • Espesura do xeotéxtil.

Drenaxe editar

A drenaxe é o proceso mediante o cal se realiza a pasaxe dun lugar a outro dun fluído evacuándoo. Desta xeito efectúase a eliminación por evacuación polo xeotéxtil sen producir o lavado de finos.

Nesta función de drenaxe deben terse en conta os seguintes parámetros:

  • Permeabilidade no plano do xeotéxtil.
  • Espesura do xeotéxtil.

Reforzo editar

Certos xeotéxtiles posúen propiedades mecánicas que permite a súa utilización como reforzos, diminuíndo o nivel de cargas sobre o terreo porque realiza un traballo homoxeneizando as cargas sobre unha superficie extensa, mellorando tamén a calidade de soporto do solo.

Consideramos dous tipos de reforzos:

  1. Reforzo na tracción, eliminando as forzas de envorcadura. Por ex.: en muros de contención, por intercalación do xeotéxtil cara ao interior do muro.
  2. Estabilización do solo mediante confinamento de partículas evacuando por supresión a auga contida.

Nesta función de reforzo deben terse en conta os seguintes parámetros:

  • Curva de deformación.
  • Resistencia mecánica á tracción, punzonamento e desgarro.
  • Fluencia, fatiga e fricción contra o terreo.

Protección editar

A función de protección permite que o sistema xeotécnico non se deteriore. O xeotéxtil actúa protexendo xeomembranas impermeables; de modo que impide que se produzan danos mecánicos de abrasión ou punzonamento.

Nesta función de protección deben terse en conta os seguintes parámetros:

  • Resistencia ao punzonamento.
  • Perforación dinámica por caída libre de cono.
  • Espesura (efecto colchón para protección da xeomembrana).

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar