Xara

especie de planta

A xara, estepa[1] ou carpaza do ládano (Cistus ladanifer ou ladaniferus) é unha especie de planta con flor da familia das Cistaceae. É nativa do Occidente da Rexión Mediterránea, onde crece brava desde o sur de Francia a Portugal e no noroeste de África.

Cistus ladanifer

En Galiza é unha planta que cobre amplas áreas nas zonas de influencia climática mediterránea, como o val de Quiroga, a comarca de Valdeorras ou Viana do Bolo.

É unha mata que medra de 1 a 2,5 m de alto e ancho. As follas son perennes, lanceoladas, de 3 a 10 cm de longo e 1 a 2 cm de largo, de cor verde escura no envés e verde pálida no revés. As flores acadan entre 5 e 8 cm de diámetro, con 5 pétalas brancas con aspecto de papel, correntemente teñen unha mancha, entre vermella e castaña, na base, arrodeando o estame amarelo e os pistilos. Toda a planta está cuberta dunha exsudación pegañenta e aromática resina.

O froito é tipo cápsula, con moitas sementes, sendo estas con endosperma fariñoso ou semicartilaginoso.

Usos editar

É unha popular planta ornamental en Gran Bretaña e os Estados Unidos de América, cultivada pola súa recendente resina e follaxe e fermosas flores. As follas producen unha fragrante oleoresina coñecida como ládano, usada en perfumes, especialmente como fixante.

Especies relacionadas editar

Outras especies próximas de cistáceas, son tamén xaras, como o portugués esteva que engloba o Cistus ladaniferus, o Cistus hirsutus e o Cistus psilosepalus.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para estepa.