West Side Story (musical)

West Side Story é un musical norteamericano escrito por Arthur Laurents, con música de Leonard Bernstein, letras de Stephen Sondheim e coreografías de Jerome Robbins,[1] inspirado na obra Romeo e Xulieta de William Shakespeare.

A historia sitúase nun barrio obreiro do Oeste de Nova York a mediados da década dos cincuenta, caracterizado pola diversidade de etnias que o conforman. No inicio da década de 1960 esa área sería totalmente renovada urbanisticamente para a construción do Lincoln Center, cambiando o carácter do barrio.[2][3] O tema central da película xira arredor da rivalidade entre os “Sharks”, de Porto Rico, e os “Jets”, de raza branca, dúas bandas de adolescentes de distintas culturas que se desprezan entre elas. O principal protagonista é Tony, amigo dos Jets, quen namora de María, irmá do líder dos Sharks.

A atmosfera sombría, a música sofisticada, as escenas de baile e a temática social sobre a migración na época conforman un musical de gran repercusión no panorama teatral de Broadway. Algúns dos temas compostos por Bernstein foron un auténtico éxito. Entre eles destacan "Something's Coming", "Maria", "America", "Somewhere", "Tonight", "Jet Song", "I Feel Pretty", "A Boy Like That", "One Hand, One Heart", "Gee, Officer Krupke" e "Cool".

A produción orixinal de 1957 con dirección e coreografía de Jerome Robbins foi o debut de Sondheim en Broadway e representouse 732 veces. A obra recibiu seis candidaturas aos premios Tony[4] e resultou vencedora nas categorías de coreografía e deseño de decorados. A obra tivo moita repercusión e contou con representacións en Londres e producións internacionais posteriores.

En 1961 produciuse un filme homónimo dirixido por Robert Wise e Robbins e protagonizado por Natalie Wood, Richard Beymer, Rita Moreno, George Chakiris e Russ Tamblyn. O filme recibiu once candidaturas aos Óscar e gañou dez delas, incluíndo as categorías de mellor filme, dirección e actores secundarios.

Notas editar

  1. "West Side Story". Stephen Sondheim Reference Guide (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2013. Consultado o 16 de novembro de 2018. 
  2. Sarah Waxman, "The History of the Upper West Side" ny.com
  3. "About Lincoln Center", City Realty
  4. "West Side Story". IBDB (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2013. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar