Vortigern (pronunciado en inglés ˈvɔrtɨɡɝːn; tamén escrito Vortiger e Vortigen, e en galés Gwrtheyrn) foi un caudillo do século V na Britania posromana, un gobernante entre os britanos. A súa existencia é considerada probábel, aínda que a información sobre el está cuberta pola lenda. Dise que convidou os anglosaxóns a se instalaren en Gran Bretaña como mercenarios, só para velos sublevarse e establecer os seus propios reinos. Isto gañoulle unha mala reputación; co tempo, foi lembrado como un dos peores reis dos britanos en posteriores lendas.

Vortigern presenciando a loita de dous dragóns:Iluminación do manuscrito Historia Regnum Britanniae.

Traxectoria editar

Segundo Godofredo de Monmouth na súa Historia Regum Britanniae, converteuse en rei despois de asasinar ao fillo do rei Constantino (III, en realidade coemperador) e aliouse cos saxóns, xutos e anglos dos caudillos Hengest e Horsa para combater aos pictos provenientes do norte. Esta alianza cos xermanos conferiulle unha reputación de traidor no mundo celta. Posibelmente foi destituído polo seu pobo en beneficio do seu fillo Vortimer (en galés Gwerthefyr) e refuxiouse en Gales ou, segundo a lenda, atopouse con Merlín. Logo, asasinaría ao seu fillo para recuperar o trono.

Etimoloxía editar

O seu nome é indiscutibelmente britónico: composto de Uor-, gwr-, grande, superior e tigern, traducido como príncipe; por tanto, o seu nome significa «Gran Soberano»[1]. A palabra tigern non implica necesariamente unha orixe real, nin sequera aristocrática, dado que o elemento -tigern foi tamén empregado en Irlanda nos nomes do común; con todo, atópase nos nomes de dous reis Tigernach Tetbannach Mac Luchta e Tigernmas.

A orixe presuntamente romana non ten fundamento. No século VIII, Beda menciónao baixo o nome de «Vurtigirnus». A latinización do seu nome catro séculos máis tarde non é suficiente para lle conceder unha orixe romana, como podía selo en Ambrosio Aureliano.

Vortigern na literatura editar

William Henry Ireland, un falsificador coñecido de manuscritos shakespeareanos, dixo que atopara unha obra de teatro perdida de Shakespeare titulada Vortigern and Rowena, a cal foi presentada en Drury Lane o 2 de abril de 1796. Pronto quedou claro pola súa escritura basta que non era unha obra do famoso dramaturgo e provocou risa tanto da repartición como da audiencia na súa primeira presentación[2]. Este incidente aparece reflectido no ano 2004 en The Lambs of London, unha novela de Peter Ackroyd.

Notas editar

  1. Christian-J. Guyonvarc'h, Les Druides, p. 424.
  2. William Henry Ireland's Shakespeare Forgeries

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Myles Dillon, Nora Kershaw Chadwick, Christian-Joseph Guyonvarc'h e Françoise Le Roux, Les Royaumes celtiques, Éditions Armeline, Crozon, 2001, ISBN 2-910878-13-9
  • Christian E. M. Kerboul, Les Royaumes brittoniques au Très Haut Moyen Âge, Éditions du Pontig / Coop Breizh, Spézet, 1997, ISBN 2-84346-030-1

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar