Vila-mausoleo de Centcelles

A Vila-mausoleo de Centcelles, está situada no actual termo municipal de Constantí, a 7 quilómetros da cidade de Tarragona, moi preto do río Francolí. É un dos monumentos romanos, conservados, máis importantes de España, cunha cúpula recuberta de mosaicos de excepcional valor. É unha das localizacións do sitio Patrimonio da Humanidade denominado Conxunto arqueolóxico de Tarraco, en concreto identificado co código 875-012.

Conxunto arqueolóxico de Tarraco
Vila-mausoleo de Centcelles
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísEspaña España
Localización41°09′07.6″N 1°13′49.7″L / 41.152111, -1.230472
TipoCultural
CriteriosII, III
Inscrición2000
Rexión da UNESCOEuropa e
América do Norte
Identificador875rev
Escenas de caza na cúpula.
Restos das termas romanas.
Restos arqueolóxicos da vila de Centcelles.

Historiografía editar

As primeiras noticias sobre o sitio de Centcelles son de época medieval. A fonte máis antiga é un documento do mosteiro de Ripoll do ano 888, de tempos do conde Vifredo o Velloso, no que se fai referencia a un lugar chamado Centumcellae aínda que a súa datación dá lugar a múltiples debates.

Nun documento de 1151, aparece a mención a unha ecclesia de Sent Seles e nun de 1554 unha bula do Papa Anastasio dirixida ao arcebispo Bernardo de Tarragona cita unha ecclesia de cemtumcellis. Suponse que a igrexa que se menciona nos documentos medievais estaba instalada na sala da cúpula, pero non existen restos dun edicto independente de ser interpretado como igrexa. Ademais a planta centrada non se corresponde coa planimetría habitual das igrexas da época. O nome de Centcelles seguirá mencionándose durante a Idade Media, pero xa como unha pequena aldea.

No ano 1700 menciónanse uns pagos que parecen coincidir coa ampliación dun friso de xeso ao pé da cúpula e unha grosa capa deste material sobre o mosaico coa intención de protexelo. No ano 1877 algúns fragmentos de xeso comezaron a desprenderse, descubrindo algunhas das figuras que formaban a decoración do mosaico.

No século XIX foi o momento en que se produciu o definitivo abandono dos usos relixiosos en Centcelles, moi probablemente relacionado coa desamortización de Mendizábal, comportando unha adaptación na vivenda do dono dos terreos en que se atopa a construción. Ademais disto se compartimentou a sala central en tres andares: o andar baixo destinado a vestíbulo e adega, a vivenda propiamente dita coas súas diferentes dependencias e o andar superior foi destinado como almacén e celeiro. As estruturas da subcripta foron utilizadas como lagar para a fermentación do viño.

Contexto histórico e xeográfico editar

Durante a Antigüidade tardía, trala reforma administrativa e territorial de Diocleciano, Tarraco entrou no século IV perdendo máis da metade da extensión do seu antigo territorio provincial quedando integrada na diocese de Hispaniarum, con capital en Emerita Augusta. Isto supuxo un claro retroceso para unha cidade que con anterioridade gozara de ser o centro administrativo e punto de conexión co mar Mediterráneo. Ademais de todo isto, as incursións bárbaras do ano circa 260 non a favoreceron, aínda que é difícil coñecer o verdadeiro grado de afectación destas incursións a través das fontes escritas.

En época tardía Tarraco terá problemas para xestionar e manter en uso os espazos e equipamentos públicos creados a partir de finais do século III inicios do IV. O sistema de saneamento público sufriu alteracións que non chegaron a corrixirse, o que supuxo unha colmatación monumental e inutilización do sistema de cloacas. Tamén sufriu a caída do teito da piscina limaria que almacenaba a auga captada do subsolo; o cal non foi retirado nin substituído, malia que a fonte seguiría utilizándose. Esta tendencia regresiva esténdese ata finais do século IV, inicios do V, momento en que empezan a detectarse importantes transformacións urbanísticas

Nos últimos anos do século IV, debido ao Codex Theodosianus, ordenarase a destrución dos templos pagáns e a súa purificación mediante o signo da cruz. Na parte alta da cidade de Tarraco integraranse unha serie de edificios civís na transformación urbanística, tales como, eclessia, monasterium, praetorium, entre outros.

A partir de finais do século III, inicios do IV, as villae sufrirán unha transformación nalgún caso asociada á referencia do Codex Theodosianus e do proceso de destrución. Só unha das villae da zona recuperou un elevado nivel de suntuosidade a mediados do século IV , construíndo o edificio sobre as ruínas dunha vila anterior.

Este panorama cambiou a partir do século V, cando Tarraco volveu reivindicar un espazo no mapa político contemporáneo por ser elixida sede elixida por Geroncio para a entronización de usurpador Máximo como emperador e converterse así en base das operacións militares do Imperio en Hispania. Poida que isto traducísese na monumentalización do edificio central de Centcelles.

O conxunto arquitectónico editar

O sitio foi ocupado por unha gran vila do alto imperio, aínda que o primeiro asentamento romano data do século I aC Entre os séculos I e II construíuse unha gran vila romana da cal só conservase unha parte reducida da súa planta, consistente nun grande espazo onde se atoparon dolias romanas utilizadas para almacenar produtos agrícolas.

No século III reformouse e ampliáronse as estruturas anteriores. As edificacións que son visibles na actualidade foron completamente reconstruídas durante o século IV. A esta segunda fase pertencen unhas termas romanas. A vila inacabada cunha fachada duns 90 metros tiña un sector destinado a vivenda, baños e unha sala absidal. É moi posible que durante a execución do proxecto realizásense modificacións engadíndose outras termas.

As escavacións arqueolóxicas permitiron descubrir a planta e a extensión do sitio. Destaca no centro do mesmo o núcleo principal formado por dúas salas, unidas entre se mediante unha porta. A sala de planta circular con cúpula e con forma exterior cadrada mide 10,60 metros de diámetro e na parte baixa, correspondente aos ángulos do cadrado exterior, ábrense catro nichos semicirculares, de 2,70 metros de diámetro na base a medida que vai collendo altura. O lugar estaba iluminado por dúas fiestras opostas de norte a sur na parte superior, de 1,50 metros de diámetro. Un arco de medio punto de 3 metros daba acceso ao exterior pola parte sur do recinto. Os muros miden 14 metros de altura. A cuberta é en cúpula cunha construción de forma octogonal sobre ela, a modo protector. A distancia desde a cúpula ao pavimento actual é de 13,50 metros. Esta sala é a que contén na súa cúpula os mosaicos.

Xunto á cripta atopáronse estratos de residuos de argamasa correspondentes ao horizonte de construción que se superpón directamente sobre o correspondente estrato de realización do ambiente da cúpula, o cal indica que a cripta construíuse cando a sala non tiña nin pavimento nin decoración.

Sobre o estrato de residuos botouse unha capa de grava e area que usouse como base e recheo para o pavimento. Encima desta, unha fina capa de barro compactado que quizais foi o chan da igrexa durante o seu uso na época medieval. Dita afirmación está construída sobre a base da cerámica medieval que se atopou no estrato estratigráfico. Non hai restos do estrato que cubriu o pavimento, Hauschild dedúceo en base ao recheo preparatorio e pola existencia de opus signinum na zona de acceso da cripta. A entrada á cripta mide 1,06 metros de anchura e 1,45 metros de altura. As dimensións globais da cavidade son 3,03 metros de ancho, 3,90 metros de longo e 2,27 metros de profundidade. Este dispositivo, interpretado especialmente como cripta por Schlunk, Hauschild, Arbeiter e Korol, e por outros autores como 'cisterna', suscita numerosas incógnitas. H. Schlunk, propuxo que o alveus, bañeira, na que está enterrado Pere o Gran de Santes Creus, procede desta estrutura subterránea. X. Dupré Raventós dedicoulle un estudo moi detallado en 2002 a esta cuestión, pero sen dúbida a proposta de Schlunk, seguida por Arbeiter e Korol, suscita de forma aínda máis complexa a interpretación deste espazo subterráneo. Por outra banda, unha cavidade moderna dá acceso á subcripta, unha cámara de 3,60 metros x 2,70 metros, cunha altura de 1,43 metros. Ademais, ao parecer a cámara foi cuberta por unha capa de barro, o que se interpretou como un lugar non accesible, é dicir que a súa función limitábase a manter seca a cripta principal.

A sala de planta centrada cuadrilobulada sen cúpula, anexa á estrutura conservada con mosaico na cúpula, ten unhas exedras que miden 6,20 metros de altura e 4,80 metros de diámetro. O cadrado inscrito no centro mide 7 metros de longo e posiblemente estaría cuberto por unha bóveda de aresta a menos que fose unha cúpula como na outra sala. Ademais da intercomunicación coa sala do Leste, houbo unha abertura exterior, que tamén foi pechada e transformada.

Ao norte hai outras dependencias, as cales teñen un hipocaustum, é dicir un recinto de pequenas termas semiacabadas que nunca foron utilizadas. Hai numerosas salas con evidencias de praefurnium, pero non son termas senón que se utilizaron para quentar o pavimento. En Centcelles faltan as instalacións de servizo, e do mesmo xeito que outras construcións do ámbito rural do século IV, non chegaron a concluírse as obras.

Ao noroeste e ao nordeste atópase o poboado primitivo e a vila rústica. Realizouse unha escavación en extensión con cortes de 80 metros. Nestes cortes atopáronse as construcións da época republicana, de aproximadamente século II- I a.C cerca do edificio central. Como añadidura existen extensas construcións destinadas a dependencias agrícolas que pertencen á antiga vila rústica. Un exemplo diso é o grande almacén de doliae, recipientes utilizados para o almacenaxe de aceite e viño.

En canto á gran vila do século IV, esta foi creada de xeito diferencial ás anteriores. A planta é rectangular de enormes dimensións, cun amplo sector para vivenda. A vila estaba formada ao redor dun gran perístilo con diferentes dependencias. A vila estaba ademais provista de baños (latrinas) e unha sala absidal abovedada. Todo iso ocupando 90 metros de lonxitude. No momento de construción Hauschild cre que se erixiu a cripta e a decoración musiva da sala da cúpula á vez. Algunhas das salas contan cun revestimento da Idade Media, o que significa que non quedaron terminadas en época romana. Ademais pódense diferenciar o tipo de canalización das termas, restos de mármore de varias cores, restos de opus signinum, e a abundancia de tesserae nesta zona falan dun taller de mosaico.

O sistema de construción da estrutura de Centcelles está marcado polas características romanas. A construción dos muros é maciza, de 1,50-3 metros. Este grosor fai que se neutralice a forza lateral que crea a cúpula, e así se poida soportar o peso sen necesidade de contrafortes exteriores.

Na estrutura dos muros, a caixa exterior está formada por materiais de cachotaría sen labrar e de diferentes tamaños. Para nivelar a construción e dar solidez ao complexo, entre cada dous ou tres filas de pedras irregulares aséntase unha fila formada por grandes lousas, do espesor dun ladrillo.

A constitución da cúpula segue o mesmo sistema que os muros, pero os materiais están dispostos con maior regularidade, ordenados en fileiras horizontais que seguen a forma esférica da cúpula. O material utilizado é a pedra sen labrar (cascallo, fragmentos de pedra), un sistema moi frecuente en bóvedas romanas. As interseccións das pedras reenchíanse a base de morteiro, material moi adaptable pola súa plasticidade para este tipo de superficies.

Esta diversidade nos métodos de construción poden suxerir unha cuestión de non contemporaneidade, pero esa suposición descartouse pois ambos muros dos edificios están intimamente ligados e os estratos de cachotaría como as filas que as nivelan seguen o mesmo sistema sen interrupción. Os arcos que perforan os muros son do tipo romano. Así pois, en xeral o sistema construtivo preséntase como firme e macizo, ao estilo romano: de concepción grandiosa pero pobre nos seus materiais quedando ben reflectida a praxe romana.

É, en conxunto, un monumento clave da arte paleocristiá.

Funcionalidade do edificio editar

As primeiras teorías respecto da funcionalidade do edificio foron achegadas por Helmut Schlunk (1988), ano no cal afirmou que a sala con cúpula tratábase dun cenotáfio ou un mausoleo dalgún personaxe importante posiblemente do emperador Constante, asasinado no ano 350, dominus da vila e personaxe que aparece representado nos mosaicos. No momento que sae á luz a cripta, A. Hauschild, colaborador de [Schlunk, afirmou que se trataba dunha cripta funeraria; hipótese que apoiou a teoría do mausoleo de Schlunk. Ademais, baixo a cripta había unha cámara en bóveda de canón con cimbra colocada sobre un muro lonxitudinal no centro da cámara e cunha capa de arxila. Hauschild interprétaa como unha cámara para illar a humidade e filtracións. Parece ser que a teoría do mausoleo imperial fíxose coñecida debido á hipótese do mausoleo de Diocleciano.

Warland publicou un traballo no cal suxeriu, sobre a base da iconografía do mosaico e sobre todo do rexistro superior (figuras entronizadas), que o uso do edificio foi o dunha sala de recepción do propietario da vila, coa representación do dominus e a domina.

En cambio, J. Arce, tras estudar a iconografía, considera que as representacións do rexistro superior corresponden a unha investidura de tipo litúrxico.

Finalmente, no ano 2013 viu a luz unha nova hipótese sobre a funcionalidade do edificio da man de Josep Antón Remolá e Meritxell Pérez, aportando unha nova interpretación ao edificio baseada nas fontes documentais, nas transformacións de Tarraco durante a antigüidade tardía e apoiándose nas escenas da cacería propuxeron entendela como unha campaña militar. Esta nova teoría transformou os edificios principais de Centcelles en praetorium de Asterio, comes hispaniarum, nun campamento militar no cal viviron os altos mandos e converteu a sala con cúpula, o sacellum, en santuario cristianizado, que custodiaba as insignias e outros elementos simbólicos das tropas e albergaba a cámara forte (cripta). O sacellum estivo conectada coa sala de reunións.

En definitiva, a interpretación sobre a funcionalidade de Centcelles entra de cheo no problema da evolución e terminoloxía do significado de vila, debido ás transformacións ocorridas durante a antigüidade tardía. A arquitectura residencial evoluciona cara a unha reestruturación dos espazos, modificando a súa función orixinal, por esta razón interpretar a funcionalidade do edificio de Centcelles é unha tarefa complexa.

Os mosaicos editar

 
A cúpula cos mosaicos

O programa iconográfico da cúpula componse de 3 rexistros. No rexistro inferior podemos distinguir unha escena de cacería , unha venatio (escena profana) na cal pódese ver un grupo de cazadores, cans, sirvientes e xinetes cazando cervos. No rexistro intermedio atópanse as escenas cristiás do Antigo Testamento e do Novo Testamento, deste friso bíblico 12 dos 16 compartimentos son restos musivos recoñecibles, 9 dos cales permiten unha interpretación clara. ste rexistro é de gran valor xa que contén teselas douradas que constrúen o fondo nalgunhas das escenas, o que se traduce nun valor simbólico importante. As escenas recoñecibles son: o Bo Pastor, o Arca de Noé, a Resurrección de Lázaro, os tres mozos no forno, o ciclo de Xonás, a petición de man de Rebeca, Abraham sacrificando ao seu fillo, Daniel na fosa dos leóns e Adán e Eva. Finalmente, no rexistro superior atópanse as escenas das catro estacións e os personaxes en "tronos", estas últimas escenas teñen un fondo verde e dourado e os campos que ocupan os entronizados son máis altos que o das catro estacións.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar