Vendima

recolida da uva para alimento ou materia prima para o viño

A vendima é a acción de recoller a uva coma alimento ou materia prima para o viño, así coma a época do ano na que se realiza. A época da vendima coincide co final do verán, en Galicia habitualmente a fins do mes de setembro e primeiros de outubro[1], pero non é igual en tódalas rexións, así nos vales interiores de Galicia (Ribeira Sacra, Valdeorras) a colleita faise máis cedo (finais de agosto) debido a que a maior calor estival do interior continental lles permite ás uvas madurecer antes. A época xeral tamén depende do clima dese ano, pois un verán de calor pode adiantar a vendima mentres que un verán chuvioso ou frío pode estragar a colleita. Certas tradicións tamén teñen en conta o cuarto da lúa para decidir a data da vendima. Fóra de Galicia existe unha variedade de viño chamada viño de xeo que se recolle de noite, cando as uvas aínda están conxeladas ou moi frías do orballo, o cal modifica a súa maduración e gradación alcólica.

Vendima en Borgoña, Francia
Vendima en Borgoña, Francia

Variantes editar

A vendima máis habitual é para o viño e é unha actividade eminentemente social, pois normalmente realízase en grupos. Ás veces son as amizades do dono e ás veces os veciños ós que axudan, tanto na decota dos acios como no transporte ou presada no lagar, que tradicionalmente se fai pisando cos pés descalzos.

Existen variacións verbo dos métodos de transporte ou actuación na vendima, pero cómpre destacar pola súa singularidade o da Ribeira Sacra: as súas fortes pendentes no canón do Sil, o método de cultivo da vide en bancais (socalcos) e a dificultade de acceso fan desta vendima singular entre tódalas galegas. O sistema de cultivo da uva ten unha forte influencia na recolla: non é o mesmo unhas vides emoarradas ca en tocóns. Outras vendimas colectivas foron institucionalizadas nunha festa gastronómica en exaltación do viño correspondente.

Fila de tractores cargados de uva agardando para entrar en Martín Códax.

Actividade produtiva editar

O custo económico do viño producido coa vendima procede fundamentalmente de:

  1. custo de materia prima: cádavos de vide;
  2. custo de mantemento da materia prima: fitosanitarios, herbicidas, decota;
  3. custo de produción, transporte e preparación: recolla e transporte da uva ó lagar, formación do mosto, almacenaxe e creación do viño;
  4. custo de distribución: transporte do viño feito ó consumidor;

O valor económico da vendima estaría incluído no terceiro punto desta lista e a súa actividade abranguería tamén ás súas cinco actividades, inda que a acepción máis habitual se reduciría ás dúas primeiras.

Actividade social editar

O duro e o longo do traballo (tanto de recolla baixo o sol ou chuvia coma de transporte) provocan un forte contacto grupal e desenvolven unha concienciación de grupo como pode xurdir noutras actividades do mundo tradicional (fía ou fiadeiro, espadela, malla, pesca, sementeira, sega etc.). A actividade da vendima marca os ciclos do agro na época estival e mesmo se lle chega a chamar sega ó mes de agosto cando se seitura e se realiza a vendima.

A vendima na cultura popular editar

 
A vendima simbolizando o mes de setembro.
 
Escultura a home vendimando en Pedrosa de Duero.
 
Mural sobre a vendima en Vilamartín de Valdeorras.

Refraneiro editar

  • A viña de Guimeráns, trabállana cen homes e vindímana dous cans.
  • Agosto a madura e setembro vendima a uva.
  • Agosto e vendima non son cada día.
  • Agosto e vendima non son cada día, e si cada ano, uns con proveito e outros con dano.
  • Agosto madura e setembre vindima as uvas.
  • Coida a viña e terás vendima.
  • Collerás viño e mosto se vendimas enxoito.
  • Collerás viño mosto se vendimas enxoito.
  • En setembro vendima correndo.
  • En tempo de vindima, auga do ceo mala, pero da fonte boa é.
  • Mandar rapaces á vendima é cousa perdida.
  • Na viña vendimada calquera pode ir vendimar.
  • Non por moito vendimar se enche o lagar.
  • Non por moito vendimar vai enche-lo lagar.
  • O medo garda a viña, e non quen a vendima.
  • O meu veciño ten unha viña, el a cava, el a bima, el a vendima.
  • O que en marzo non poda a viña perde a vendima.
  • O que en marzo non poda perde a vendima toda.
  • O que en ruín lugar pon a viña, ó lombo saca a vendima.
  • O que non bima, non vindima.
  • Poda en marzo, vendima no regazo.
  • Poda en xaneiro, vendima no sombreiro.
  • Pola Virxe do Portal pon a xente a vendimar.
  • Polas vendimas vende as túas galiñas, pola Navidade vólveas a mercar.
  • Polo San Mateu cada un vendima o seu.
  • Polo San Mateu, vendima ti, vendimo eu.
  • Polo San Miguel mete as uvas no tonel.
  • Polo San Nicolás, as uvas vendimarás.
  • Polo San Xenaro, vendimas pró carro.
  • Polo San Xoán á sardiña, e en setembro á vendima.
  • Polo tempo da vendima moito canta a rapaciña.
  • Por San Mateu vindima ti, vindimo eu.
  • Por San Simón e San Xudas, mata o teu porco e atesta as túas cubas.
  • Por Santa Mariña mira a túa viña, así como a verás, así vendimarás.
  • Quen co demo cava a viña, co demo a vendima.
  • Quen en marzo non poda a súa viña perde a vendima.
  • Vendima enxoito se queres coller bo mosto.
  • Vendima no regazo aquel que poda no marzo.

Cantigueiro editar

  • Acabáronse as vendimas, / aí veñen as esfolladas/ para comer coas nenas/ catro castañas asadas.
  • Acabáronse as vendimas / e veñen as esfolladas / para comer coas mociñas / catro castañas asadas.
  • Os amores que ti tes / sonche os que eu olvidei: / ¡andas apañando os bagos / da viña que eu vendimei!

Notas editar

  1. Xosé Posada. Os viños de Galicia. Editorial Galaxia, 1979, páxina 149

Véxase tamén editar

Outros artigos editar