O Val de Fornela (ou de Furniella[1] na súa forma autóctona en leonés e como consta no arquivo municipal de Peranzais) é de orixe glaciar e está situado na bisbarra do Bierzo, provincia de León, comunidade autónoma de Castela e León (España). Encóntrase dentro da reserva da biosfera dos Ancares Leoneses[2] e linda polo norte cos concellos asturianos de Ibias e Degaña. O eixe principal do val é o río Cúa que decorre de noroeste a sueste, encaixado entre altas montañas que superan os 1500 m.

Vista do val preto de Chano.

O acceso ao val pódese realizar dende Fabeiro seguindo a estrada que vai por Bárcena de la Abadía e San Pedro de Paradela.

Localidades editar

No val están cinco dos sete núcleos de poboación que conforman o concello de Peranzais. Os seus nomes na fala fornela (dialecto do asturleonés) son:

  • Careiseda (oficialmente Cariseda)
  • Chan (oficialmente Chano)
  • Guímara
  • Peranzais ou Pranzais (oficialmente Peranzanes)
  • Trescastru (oficialmente Trascastro)

Recursos naturais e turísticos editar

 
Oso pardo.

O Val de Fornela é unha bisbarra tradicional cunha forte personalidade. Encóntrase englobada no espazo natural da Serra de Ancares que polas súas características biolóxicas e paisaxísticas especiais o fan gozar de especial protección, cun especial coidado na conservación e mantemento das súas calidades.

Predominan lousas, calcarias, filitas, pedras de gra e cuarcitas. O clima que presenta é o oceánico de montaña.

A abundancia de auga fai que existan moitos regatos que van parar ao río Cúa, de augas cristalinas, que é un dos poucos hábitats practicamente inalterados da troita común común autóctona.

En Guímara remata a estrada que percorre o val en sentido ascendente, pero para visitar o Cuadro, zona de nacemento do río Cúa, pódese continuar por unha pista en bo estado ao sopé do monte Rogueira. Na revolta do río Cúa, que vai paralelo á pista, esta xira con el en dirección suroeste e segue subindo encaixada entre o monte de Peña Dueña, que queda á esquerda, e o teso de Cienfuegos, á dereita. Este pódese atravesar seguindo a ramificación dereita da pista, para despois baixar pola bacía do río Luíña, subafluente do Navia. Manténdose á esquerda, chégase ao manancial do Cúa, no fondo do val. Cruzando o colado entre o Alto Boquín e a lomba de Peña Dueña, a senda conduce á vertente do río Ancares.

Nos montes crecen carballos, castiñeiros, acivros, abeleiras, arandeiras, faias, toxos e bidueiros. Ademais, moi preto do Cuadro, lindando con Veiga Formosa, hai unha campa lamacenta onde crece o algodón de pantano, Eriophorum latifolium, un delicado xunco en perigo de extinción.

A fauna é abundante e as principais especies autóctonas son: xabaril, perdiz, corzo, lobo, aguia real, azor, xeneta, lebre, coello, londra, rebezo, pita do monte e, recentemente volveuse ver algún exemplar de oso pardo que se extinguira por estas terras.

Recentemente toda a Serra dos Ancares foi declarada Reserva da Biosfera pola Unesco.

Economía editar

 
Vista do val dende Chano.

As súas xentes sempre se dedicaron ao comercio ambulante e a arriaría.

Como aconteceu con moitas outras aldeas de vales próximos, as aldeas deste val fóronse despoboando agás nos meses de verán que volven encherse da xente que nalgún momento emigrou. É importante salientar o apego desta xente á súa terra e ás súas tradicións, moitas conservadas e outras recuperadas e revitalizadas ano tras ano. Esta situación é crítica para a economía local, aínda que grazas ao agroturismo e ás axudas dos organismos públicos a zona estase a empezar a recuperar após moitos anos de abandono. As estradas, o teléfono, a luz son bens de recente aparición.

Lingua editar

O relativo illamento propiciou a existencia dunha cultura distintiva e típica fornela. Reflíctese na arquitectura popular representada polas pallozas, o folclore, as crenzas, costumes, mesmo na lingua tradicional, unha mestura dos idiomas galego e leonés, cada vez máis castelanizada. O lingüista e poeta Dámaso Alonso estivo a mediados do século XX a investigar por estas terras a linguaxe destas xentes, entre as que aínda se conserva unha xerga chamada burón, recentemente recompilada nun libro para evitar a súa perda, e que se encontra moi relacionada co comercio que desenvolvían os naturais deste val.[3]

Varios filólogos consideran que a fala de Fornela é unha variante da lingua leonesa[4][5][6], agás a fala de Guímara, sobre a que non hai acordo para encadrala no galego ou no leonés, xa que presenta trazos de ambas as dúas linguas[7]. Hai especialistas que consideran esta fala de Guímara como unha microlingua mentres que outros, como a filóloga Carme Hermida, a encadran no galego.[7][8]

Características[9][10]:

- Diptongación da tónica latina ë > ie: diente, siempre, tiempu, bien, tamién, stiella, gaviella, salvo na primeira persoa do singular do verbo ser: ía y na conxunción copulativa yá.

- Diptongación da tónica latina ö > uo: puörta, ruöca, muölas, nuösa, fuölle, fuöra, cuörvos, uöllu, nuöite, fuölla, guöi 'hoxe', fuönte, puönte.

- palatalización l-: llama, lluönga, llobu, llume, llingua.

- Conservación da -ll- latina: martiellu, butiellu, dubiellu, costiellas.

- Conservaciónda -l- latina: caliente.

- Sufixo -inu: molín, camín, foucín, toucín, sobrín, xatín. Na terminación de plural -inos perda da consoante nasal e nasalización da vogal tónica precedente; sobri~os, cami~os, moli~os, touci~os.

- Sufixo plural -ones mostra sistematicamente a desaparición de -n- e a nasalización da vogal tónica precedente: riñõis, timõis, razõis, pantalõis, camiõis, montõis, ratõis, pontõis, rapazõis, paredõis, penõis, pradõis, homecõis, tragõis, zampõis.

- -lj-, -c’l-, -t’l-, -g’l > -ll-: fuölla, palla, fillu, muller, androllas, mallar, calellu, panolla, abellas, ouvella, ourella.

- Pl-, Cl-, Fl- > Ch-: chorar, chegar, chover, chenu, chenar, chanu; chave, chamar.

Historia e arquitectura editar

 
Detalle das edificacións do sitio arqueolóxico de Castro Chano.

O val estivo habitado dende a prehistoria, como o demostran os restos de castros prerromanos presentes en Trascastro e Chano.

O Castro de Chano, situado ao noroeste da aldea, seguindo a estrada en dirección a Guímara, é un poboado que estivo habitado durante o século I a.d. C. e a primeira metade do século I d.C., mais descoñécese a razón pola que foi abandonado.

Está formado por varias edificacións, situadas nunha aba que estrañamente se encontra aveseda. Estas edificacións teñen forma circular similares ás pallozas (ao principio do camiño que leva ao castro realizouse unha reconstrución imaxinada de tres desas edificacións), parecidas ás encontradas no castro de Santa Trega na Guarda, polo que este castro encádrase na cultura castrexa propia no noroeste da Península Ibérica. Os indicios fan crer que aínda quedan máis edificacións por escavar, e que a parte descuberta ata agora é só un barrio do castro. Unha muralla construída coa mesma pedra utilizada no resto das edificacións percorre o perímetro castrexo.

Na súa primeira escavación, realizada a principios da década dos 90 do século XX, encontrouse o "Tesouriño de Chano", o cal aumentou as dúbidas sobre a causa do precipitado abandono do castro.

Festas populares editar

O 15 de agosto ten lugar a Romaxe de Trascastro, día da Virxe de Trascastro (a santiña ou xantina), patroa de Fornela, xunto ao Santuario da Nosa Señora, onde no seu interior destaca un retablo barroco. As xentes do val e aldeas lindeiras reúnense para danzar en honor á Virxe, patroa do Val de Fornela. Xentes de moitas partes de España, pero sobre todo da bisbarra berciana, achéganse a ver os Danzantes de tódalas aldeas da rodeada (tradición que data de hai máis de 500 anos).

En tódalas vilas do Val danzouse durante as festas patronais; a tradición perdeuse cos anos e volveuse recuperar con forza en catro deles; Peranzais, Trascastro, Chano e en Guímara[11] (única aldea onde se permite danzar ás mulleres).

Gastronomía editar

Xunto á paz destas montañas e vales, o viaxeiro pode gozar unha gastronomía baseada na caza, na pesca fluvial, na gandaría e na cría do porco. O caldo galego, troita, perdiz, coello de monte, xabaril, os diferentes embutidos, cabrito, carnes vermellas, leite frito, requeixo, mel, castaña asadas, chacina, patacas con bacallau ou o típico botelo, é o que o forasteiro encontrará por estas terras. Calquera feira, festa ou celebración é motivo abondo para poder gozar dun bo prato de polbo con cachelos.

Notas editar

  1. García Gil, Hector (2010). "El asturiano-leonés: aspectos lingüísticos, sociolingüísticos e legislación". Working Papers Collection. Mercator Legislation, Dret i legislació lingüístics. (25): 49. ISSN 2013-102X. 
  2. "Red Española de Reservas de la Biosfera - Ficha de la Reserva". rerb.oapn.es. Consultado o 2021-01-13. 
  3. Fala de Forniella
  4. Blog
  5. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de marzo de 2022. Consultado o 29 de xuño de 2014. 
  6. http://faceira.org/2011/07/dominio-linguistico-astur-una-historia-de-grandeza-pero-un-habla-que-encoge/
  7. 7,0 7,1 Nos lindeiros da galeguidade: Estudio antropolóxico do val de Fornela
  8. "Peranzanes". lugaresquever.com (en castelán). Consultado o 2019-11-17. 
  9. Fernando Álvarez-Balbuena García "Na frontera del asturllionés y el gallegoportugués: descripción y exame horiométricu de la fala de Fernidiellu (Forniella, Llión), I Fonética". En Varia asturlleonesa n’homenaxe a José A. Martínez, pxs. 199-245. 2015. Uviéu. Ed. Trabe.
  10. Héctor García Gil "Aspeutos fónicos de la fala de Forniella. Estructura fonolóxica y caracterización". En Lletres asturianes nº. 79, pxs. 25-42. Ed. ALLA. Uviéu 2002.
  11. "Peranzanes". lugaresquever.com (en castelán). Consultado o 2019-11-17.