As vértebras son cada un dos ósos que conforman a columna vertebral. Nos mamíferos hai 33 vértebras, que se agrupan de acordo coas rexións que ocupan en cervicais (7 vértebras), torácicas (12 vértebras) e lumbares (5 vértebras), ás que seguen as cinco que están fusionadas para conformar o sacro e as catro vértebras coccíxeas que conforman o cóccix.

Vértebra torácica
As curvaturas da columna vertebral

As vértebras únense entre si polos seus corpos e polas súas apófises articulares. Entre unha vértebra e outra existen uns ligamentos interóseos que se denominan discos intervertebrais.

Con excepción das primeira e segunda vértebras cervicais, as chamadas vértebras verdadeiras ou movibles (pertencentes ás citadas tres rexións superiores) presentan certos trazos comúns que son mellor recoñecidos examinando unha vértebra do medio da rexión torácica.

Estrutura xeral editar

 
Vista oblicua das vértebras cervicais

Agás a primeira e a segunda vértebras cervicais, que teñen unha configuración algo especial, o resto das vértebras mostran unha estrutura similar: o corpo, o arco vertebral, a apófise espiñenta onde se inseren os músculos, dous pedículos, dúas apófises transversas e dúas apófises articulares.

Vértebras cervicais editar

Son xeralmente pequenas e delicadas. As súas apófises espiñentas son pequenas (coa excepción da C7 que é a primeira vértebra cuxa apófise espiñenta pode ser palpada). Podémolas diferenciar por ter un buraco na base das apófises transversas. Numeradas de arriba a abaixo como C1 ata C7, son as vértebras que permiten a rotación do pescozo. Especificamente o Atlas (C1) permite ó cranio subir e baixar, e o axe (C2) é o responsable de que a parte superior do pescozo vire de esquerda a dereita.

Vértebras torácicas editar

As súas apófises espiñentas apuntan cara a abaixo e son máis grandes en relación ás das outras rexións. Posúen nas súas caras laterais unhas caras articulares que conectan coa cabeza das costelas. Teñen un pequeno grao de rotación entre elas pero ó estar articuladas coa caixa torácica non existe un gran grao de mobilidade.

Vértebras lumbares editar

 
Columna vertebral. A T3 está no nivel da parte media da espiña da escápula. A T7 está no ángulo inferior da escápula. A L4 está no punto máis alto da crista ilíaca. A S2 está no nivel de espiña ilíaca superior posterior. Ademais, a C7 localízase facilmente como un saínte na parte inferior do pescozo.[1]

Son vértebras moito máis robustas que as anteriores xa que han de soportar pesos maiores. Permiten unha considerable flexión e extensión, unha moderada flexión lateral e un pequeno grao de rotación. Os discos intervertebrais da rexión lumbar crean o que se chama a lordose lumbar (curvatura cóncava) da columna.

Articulacións das vértebras comúns editar

  • Articulacións intersomáticas: entre os corpos vertebrais de dúas vértebras consecutivas interponse un tecido fibrocartilaxinoso. É unha anfiartrose, é dicir, permite pequenos movementos de deslizamento. En conxunto, permiten a rotación da columna.
  • Articulacións interarticulares: entre as apófises articulares de dúas vértebras consecutivas. Son artrodiais e constan dunha cápsula articular bastante feble.

Articulacións particulares editar

  • Articulación atloidoaxoide: é unha pequena artrodia entre o atlas e o axe.
  • Articulación atloidoodontoide: é unha trocoide entre atlas e odontoide.
  • Articulación lumbosacra: entre a última vértebra lumbar e o sacro.

Articulacións costovertebrais editar

Só as hai nas vértebras dorsais.

  • Articulacións tuberosotransversas: entre a tuberosidade da costela e a apófise transversa da vértebra. É unha trocoide, con movementos de rotación. Non existe nas vértebras dorsais 11 e 12.
  • Articulacións cefalosomáticas: establécense entre dúas vértebras e unha costela, agás nas dorsais 11 e 12, onde a costela se une a unha soa vértebra, en vez de entre dúas vértebras como acontece nas outras. Son biartrodiais con pequenos deslizamentos.

Embrioxénese editar

Durante os catro primeiros meses de desenvolvemento embrionario o esclerotomo cambia a súa posición para rodear a medula espiñal e o notocordio. O esclerotomo é formado a partir do mesoderma e orixínase na parte ventromedial dos somitas. Esta columna de tecido ten unha aparencia segmentada, con partes alternadas de áreas densas e menos densas.

A medida que o esclerotomo se desenvolve, condénsase máis e empézase a conformar o que se chama o corpo vertebral. O desenvolvemento das formas adecuadas dos corpos vertebrais está regulado polos xenes de tipo HOX. A parte menos densa que se separa do esclerotomo durante o desenvolvemento acaba converténdose nos discos intervertebrais.

O notocordio desaparece nos segmentos do esclorotomo (corpo vertebral), pero persistirá na rexión dos discos intervertebrais como o núcleo pulposo. O núcleo pulposo e as fibras do chamado annulus fibrosus conforman o disco intervertebral.

As curvas primarias da columnas (torácica e sacra) confórmanse durante o desenvolvemento fetal. As curvas secundarias fórmanse despois do parto. A curvatura cervical fórmase como resultado da elevación da cabeza e a curvatura lumbar como resultado do proceso natural de camiñar.

Patoloxía editar

Existen varias patoloxías asociadas ó desenvolvemento vertebral. A escoliose pode ser o resultado dunha fusión anómala das vértebras. Na síndrome de Kippel-Felter, os pacientes teñen menos vértebras das normais xunto con outros defectos de nacemento. Un defecto serio durante a xestación pode ser o peche incompleto do arco vertebral que dá lugar á chamada espiña bífida. Hai diferentes tipos de espiña bífida que son un reflexo da maior ou menor gravidade do problema.

Notas editar

  1. Anatomy Compendium (Godfried Roomans and Anca Dragomir)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar