Unión Aragonesista

A Unión Aragonesista foi unha organización aragonesista de Barcelona.

Unión Aragonesista
IdeoloxíaNacionalismo aragonés
Data de fundación1917
Data de disolución1937
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

Formouse o 1 de decembro de 1917 como Unión Regionalista de Barcelona por un grupo de dez persoas que pretendían organizar un grupo que estivese pola autonomía para Aragón, nun primeiro momento estaba ligada á Unión Regionalista Aragonesa pero ao pouco tempo transformouse na principal organización aragonesista. Os primeiros dirixentes foron Teodoro Barasona e José María Mur. En novembro de 1918 elíxese unha Xunta dirixida por José Alfaro Calvo e Gaspar Torrente e convocan unha Asemblea Rexionalista Aragonesa en Barcelona na cal participa a URA de Zaragoza. A fins de 1919 xa de novo dirixido por Jose María Mur a organización cambiou o nome a Unión Aragonesista. En abril de 1922 a UA lanzou unha campaña para conseguir o establecemento dunha Mancomunidade para Aragón e elabora un proxecto de Estatuto.

A UA apoiou o Directorio Militar de Primo de Rivera coa esperanza que eliminase o réxime quendista e caciquil. Aínda que durante a Ditadura de Primo de Rivera seguiu existindo apenas mantivo actividade ata que en 1929 publicou un manifesto e reactivou a militancia, aproximadamente 125 socios, que en 1929 elixiron como presidente a Julio Alfaro.

Durante os primeiros anos da II República a UA dedícase preferentemente a actividades culturais ata que en xullo de 1933 realiza un chamamento para a creación dun partido aragonesista e promove a creación dun Comité-pro Estatuto aragonés, e en maio de 1936 envía dous representante ao Congreso de Caspe.

En 1936 a Unión Aragonesista tiña arredor de 250 afiliados.

Mocidades editar

En 1918 estableceuse a Juventud Regionalista Aragonesa, que en 1919 cambia o seu nome para Juventud Aragonesista de Barcelona. En 1929 estableceuse unha sección feminina.

Voceiro editar

O 15 de decembro de 1917 saíu o primeiro número de El Ebro, o voceiro da organización de periodicidade mensual, nunha primeira etapa só se publicaron tres números. Reapareceu en xaneiro de 1919 como quincenario e seguiu saíndo ata marzo de 1932. Aínda que durante a Ditadura de Primo de Rivera cambiou a súa periodicidade a mensual e centrouse en contidos culturais. O xornal desapareceu en marzo de 1933, aínda que en 1936 apareceron dous números soltos.