Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete

obra literaria de Castelao

Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete é un texto en prosa escrito por Castelao e publicado en 1922 pola Editorial Céltiga, de Ferrol. Consta dunha serie de secuencias narrativas que acadan unidade estrutural grazas a seren produto dunha conversa entre un narrador, o esqueleto, que lembra secuencias da súa vida pasada, e dous paranarradores, colegas de cemiterio.

Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete
Anuncio publicitario da época
Autor/aAlfonso Daniel Rodríguez Castelao
OrixeEspaña
Lingualingua galega
Xénero(s)novela
Data de pub.1922
editar datos en Wikidata ]
Narracións e outras prosas na Biblioteca Básica da Cultura Galega. Inclúe: Un ollo de vidro, Retrincos, Os dous de sempre, Alba de gloria e outras prosas.

Características editar

O xénero memorialístico asociado á temática do alén constitúe un punto de partida paradoxal pois normalmente as memorias son crónicas dun periplo vital, mentres que aquí, ao ser un esqueleto o protagonista, as memorias recollen as peripecias dunha existencia máis alo da morte. Castelao, no prólogo, diríxese ó lector e indica como atopou as memorias do esqueleto: o sepultureiro facilítalle as "memorias", escritas cun garabullo en anacos de periódico e papeis de fumar. O achado do relato manuscrito é resultado da óptica dun ollo de vidro dunha caveira, pois o narrador, o esqueleto, transcribe o que pode contemplar co ollo de vidro que lle foi posto en vida:

...aquel ollo de vidro que de nada me servira na vida sírveme agora pra mirar.

O humorismo é un recurso esencial do tratamento do tema. Mediante o humor, Castelao revela a cerna dos asuntos tratados, sen concesións ó simplemente anecdótico. Deste xeito descobre os aspectos máis inesperados pero ó mesmo tempo os máis auténticos, que agachan o comportamento dos seus personaxes. Para acadar o humor, sérvese da técnica do contraste entre o riso e a dor e achega un mundo escuro e ruín de xeito que provoca hilaridade sen ser alleo a temas habituais en Castelao como a defensa da lingua, a emigración ou a crítica social, de carácter anticaciquil:

Quixen saber quen fora o vampiro no mundo dos homes e fun le-lo seu nome no rico mármore da campa. O seu nome só abondoume: Fora un canalla que roubara para dar regalía ó seu bandullo de porco; dono da xustiza, roubaba desde a súa confortable casa. ¿Para que dicir máis? Era..., ¡era un cacique!

Nesta obra obsérvase xa unha estrutura narrativa semellante á da novela Os dous de sempre:

  • O sintetismo na narración ("nacín, medrei... e un bo día enfermoume un ollo"), provocado pola expresión coidada e traballada que busca a sinxeleza e claridade. Parece unha prosa que xorde sen esforzo, pero que resulta altamente expresiva.
  • Preséntansenos pequenas historias que se van sumando unhas a outras e que teñen como fío condutor ós personaxes. Estes aparecen caricaturizados mediante a seren caracterizados esquematicamente con pinceladas impresionistas que contrastan co realismo expresionista dalgúns momentos da narración.

Edicións editar

Castelao refixo nesta narración un texto co que comezaba a súa conferencia "Humorismo. Dibuxo humorístico. Caricatura", ditada en marzo de 1920 na Coruña (e xa publicada n'A Nosa Terra o 31 de marzo de 1920, con motivo da exposición do álbum Nós), polo que se pode considerar que recolle en prosa literaria o que el entendía por humorismo.

Un ollo de vidro foi o número 7 da colección Céltiga de novelas breves, e foi impreso cunha portada deseñada polo propio Castelao e seis litografías. Tamén debuxou o cartel publicitario.

En 1961 a Real Academia Galega publicou o orixinal que se conserva nesa institución[1].

Dende 1994, Galaxia edita o texto conxuntamente co doutra obra do mesmo autor, Retrincos, baixo o título Retrincos. Un ollo de vidro.[2]

Traducións editar

  • Ao éuscaro por Koldo Izaguirre Urreaga co título de Kristalezco begia publicado en 1976 por Luis Aramburu, Col. Kriselu[3].
  • Ao castelán por Miguel Hernández Sola[4] co título de Un ojo de vidrio publicado en 2001 por Trama Editorial, Col. Largo Recorrido.[5]

Notas editar

  1. Rodríguez Castelao, A. D. (1961). Humorismo, debuxo humorístico, caricatura: conferencia. Real Academia Galega. 
  2. Editorial Galaxia
  3. "Kristalezco begia". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-07. 
  4. "Un ojo de vidrio". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-07. 
  5. Trama Editorial
  6. "Sae a edición en francés de Un ollo de vidro", artigo en Cultura galega, 30 de novembro de 2011
  7. "Un oeil de verre; Mémoires d'un squelette". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-07. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar